O Plan ReacPon transforma o centro urbano da Lama ao conectar os principais equipamentos públicos do concello

A actuación de mellora da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada de Fraga contou cun investimento de preto de 458.000€

10/02/2023

Plan ReacPon en A Lama

A Lama vén de transformar o seu centro urbano coas obras de mellora da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga. Esta contorna repleta de equipamentos e dotacións públicas gaña en seguridade, accesibilidade, habitabilidade e prioridade peonil grazas ás obras desenvolvidas ao abeiro do Plan ReacPon da Deputación. O deputado provincial Carlos Font e o tenente de alcalde David Carrera visitaron hoxe esta ambiciosa reforma, na que se investiron 457.815€ con fondos provinciais, 412.033€ do ReacPon e os restantes 45.781€  cunha achega do Plan Concellos 2022.

As obras transformaron a zona na que se sitúan o colexio, o parque infantil, o polideportivo municipal, a igrexa e a futura residencia, fogar e Centro de Día que se abrirá na rúa Miguel Carbajal, cunha actuación baseada nunha mobilidade do século XXI, e que mellora a conexión entre todos estes equipamentos. Da superficie total do ámbito de actuación, 5.981 metros cadrados, no 40,6% teñen prioridade as persoas.

A actuación incluíu a execución de beirarrúas cun ancho de 2,5 metros na estrada da Fraga e beirarrúas de ancho variable en plataforma única na rúa Miguel Carbajal. Tamén se habilitaron pasos elevados na estrada da Fraga e ao mesmo nivel na rúa Miguel Carbajal. Amais , colocouse un redutor de velocidade na estrada da Fraga e en todo o ámbito limitarase a velocidade máxima. Por outra banda, a as obras tamén contemplaban a mellora da eficiencia enerxética, coa retirada e substitución das actuais luminarias por luces LED, e contribúe á economía descarbonizada a través da redución do tránsito de vehículos.

Galerias de imaxes