O Plan ReacPon da Deputación fai posible na Lama a mellora da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga

O alcalde agradeceu a aposta da Deputación “polos concellos pequenos a través de plans como ReacPon que nos permiten impulsar proxectos moi importantes e interesantes”

25/01/2022

ReacPon a Lama  

“Grazas pola concesión desta axuda, agardo que continuedes nesta liña para poder seguir impulsando proxectos de interese nos concellos”, asegurou hoxe o alcalde da Lama Jorge Canda na sinatura do convenio coa presidenta Carmela Silva para a mellora da seguridade viaria na rúa Miguel Carbajal e na estrada da Fraga. Esta actuación, que apostará pola seguridade, a accesibilidade, a habitabilidade e prioridade peonil nunha contorna repleta de equipamentos e dotacións públicas da vila, será posible a través dun investimento de 457.815,16 € dos cales a Deputación achega 412.033,64 € no marco do plan ReacPon.

“A Deputación ten a obriga de facilitar as transformacións dos concellos” destacou a presidenta Carmela Silva ao tempo que dixo sentirse “moi feliz” polo proxecto presentado ao ReacPon. “Trátase dun proxecto transformador, de mellora da seguridade viaria, propio dunha mobilidade do século XXI, centrada nas persoas, que vai ser o instrumento para conectar os equipamentos máis importantes da Lama”. Sobre a actuación subliñou que fará que “o concello, cuns valores naturais, paisaxísticos e patrimoniais moi potentes, sexa máis desexable e as persoas que o visiten se atopen cunha vila moderna e amable”.

“Sabemos –asegurou a presidenta- que co Plan Concellos as vilas poden facer fronte a gastos ordinarios pero os concellos teñen grandes ideas e precisan recursos extraordinarios como os deste Plan Reacpon”, o plan que lanzou a institución provincial para espallar “políticas expansivas de inversión pública para facer fronte ás consecuencias da crise da covid-19”. Recordou tamén as súas “esixentes bases” e amosou sentirse “moi orgullosa” dos gobernos locais da provincia, que presentaron “grandes proxectos, moi transformadores, maduros, nun prazo breve de tempo e sabendo que hai un prazo de execución tamén moi axustado”. Neste eido destacou que “o mundo local está amosando que é eficaz, eficiente e precisa que sexa tratado como merece, como as administracións que dende a proximidade son capaces de transformar e mellorar a vida da súa veciñanza”. Carmela Silva tamén puxo en valor iniciativas que A Lama impulsou a través de plans extraordinarios da Deputación como o Deporemse, que permitiu mellorar a seguridade viaria na vila, ou o PICEI, que mellorou o alumeado público en Covelo e no Pelete. Ademais proveitou a ocasión para instar a outras administracións como a Unión Europea, Goberno do Estado e Xunta de Galicia a que “entendan que se dedican recursos para que os concellos poidan desenvolver proxectos a transformación sería moito máis rápida”.

Pola súa banda o alcalde da Lama, Jorge Canda, agradeceu a aposta da Deputación de Pontevedra “polos concellos pequenos a través de plans como o ReacPon que nos permiten impulsar proxectos moi importantes e interesantes para a nosa veciñanza”. Tamén explicou que a mellora do espazo público financiada pola institución provincial “cubre unha zona na que se atopan numerosos equipamentos e dotacións” e pediu á presidenta “que continuedes nesta liña para poder seguir impulsando actuacións de interese nos concellos”.

O proxecto

O obxectivo do proxecto é a mellora integral das actuais condicións de seguridade e mobilidade peonil nesta rúa, na contorna do colexio, o parque infantil, o polideportivo municipal, a igrexa e a residencia, fogar e centro de día que se construirá na rúa Miguel Carbajal. Deste xeito conseguirase dotar á zona de maior habitabilidade, seguridade e unha correcta accesibilidade aos equipamentos, dando prioridade ás persoas.  

A actuación contempla a execución de beirarrúas cun ancho de 2,5 metros na estrada da Fraga e beirarrúas de ancho variable en plataforma única na rúa Miguel Carbajal. Tamén pasos elevados na estrada da Fraga e ao mesmo nivel na rúa Miguel Carbajal. Amais executarase un redutor de velocidade na estrada da Fraga e limitarase a velocidade máxima a 30 quilómetros por hora en todo o ámbito. O proxecto inclúe a mellora da eficiencia enerxética, coa retirada e substitución das actuais luminarias por luces LED, e contribúe á economía descarbonizada a través da redución do tránsito de vehículos.

videos