A Deputación abre este luns as inscricións para a penúltima ruta ornitolóxica “Voando nas Rías Baixas” polo esteiro do río Miño

A andaina para a observación de aves na Guarda terá lugar o 8 de outubro. A última camiñada ornitolóxica do ano desenvolverase o 26 de novembro pola Enseada de San Simón

24/09/2023

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 25 de setembro, o prazo de inscrición para a penúltima das rutas ornitolóxicas programadas dentro da sexta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, organizada pola institución provincial en colaboración con SEO Birdlife. O obxectivo é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Esta nova ruta, que se desenvolverá o 8 de outubro, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica e paisaxística do Esteiro do Río Miño no concello de A Guarda. Ofértanse 25 prazas para esta actividade guiada de carácter gratuíto e as persoas interesadas poden anotarse na páxina web da Deputación (www.depo.gal).

O Esteiro do Río Miño é un espazo situado ao sur da provincia de Pontevedra, concretamente no concello de A Guarda, lindando con Portugal e protexido pola Rede Natura 2000. A desembocadura do río Miño forma un esteiro intermareal con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves. No inverno e nos pasos migratorios pódese desfrutar de aves acuáticas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros, avefrías…), variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos e mergullóns, ademais de aves mariñas, coma carráns cristados. Tamén é posible ver aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, á que se pode observar pescando.

A  andaina estará conducida por dúas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife. Como recomendacións para os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo terreo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa propia lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo, recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

A última visita desta sexta edición de “Voando nas Rías Baixas” terá lugar pola Enseada de San Simón, (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), o 26 de novembro e as inscricións estarán abertas dende o 13 de novembro.