null Proxecto europeo -Iluminacion de Soutomaior

Proxecto de mellora patrimonial do castelo de Soutomaior a través da iluminación, a accesibilidade e as tecnoloxías de realidade virtual

  • Programa:

    Programa de mellora da competitividade e de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico.

  • Convocatoria:

    Orde ICT/1363/2022, de 22 de decembro, pola que se establecen as Bases reguladoras para o Programa de mellora da competitividade e de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico e se procede á súa convocatoria correspondente ao exercicio 2022

  • Fondos:

    Next Generation

  • Data de inicio:

    13/04/2023

  • Data de fin:

    30/06/2026

  • Subvención concedida total:

    2.005.921,47 €

A actuación de iluminación monumental e paisaxística e a mellora da instalación eléctrica da parcela intégranse no proxecto de mellora patrimonial do castelo de Soutomaior a través da iluminación, a accesibilidade e as tecnoloxías de realidade virtual, financiado no marco das axudas do Programa de mellora da competitividade e de dinamización do patrimonio histórico con uso turístico, regulado pola Orde ICT/1363/2022, de 22 de decembro, dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU.

A intervención desenvólvese nun ámbito patrimonial de especial sensibilidade, o castelo de Soutomaior, que foi declarado ben de interese cultural, na categoría de monumento, o 17 de outubro de 1995, así como a parcela histórica que o rodea. O conxunto constitúe un dos referentes patrimoniais, culturais, turísticos e botánicos da provincia de Pontevedra, tanto polo valor arquitectónico da fortaleza coma pola relevancia dos seus extensos xardíns.

A actuación tivo como obxectivo principal conservar, poñer en valor e mellorar a percepción nocturna do conxunto, actualizando unhas instalacións de iluminación e electricidade que presentaban obsolescencia, heteroxeneidade formal e funcional, falta de control luminoso, baixo rendemento enerxético e limitacións para a seguridade de uso. A intervención non se formulou unicamente como unha substitución de luminarias, senón como unha actuación integral de cualificación patrimonial, paisaxística, funcional e enerxética do conxunto.

Desde o punto de vista patrimonial, o criterio xeral seguido foi o dunha iluminación de representación, evitando reinterpretacións escenográficas alleas á lectura histórica do inmoble. A nova iluminación persegue trasladarlle á paisaxe nocturna, de forma contida e respectuosa, a imaxe diúrna do castelo, o que permite identificar a súa volumetría, as súas fábricas de pedra, as súas murallas, o patio de armas, as torres, a Galería de Damas e os percorridos de aproximación, sen alterar a percepción material do ben nin xerar impactos visuais innecesarios.

Desde o punto de vista técnico, a actuación comprendeu a renovación do sistema de iluminación monumental, ambiental, de vías e de aparcadoiros, a mellora da infraestrutura eléctrica, a reforma de cadros e canalizacións, a incorporación de sistemas de regulación e control e a substitución de equipos obsoletos por tecnoloxía led de alta eficiencia, coa finalidade de adecuar as instalacións ás necesidades actuais de uso turístico, cultural e social do conxunto.

O novo sistema de iluminación incorpora tecnoloxía led de alta eficiencia, ópticas específicas, programación horaria, regulación de intensidades e escenas de iluminación adaptadas a distintos usos. Esta configuración permite diferenciar entre iluminación ordinaria e monumental, percorridos de visita, eventos, mantemento e funcionamento de seguridade, optimizando o consumo enerxético e reducindo a contaminación luminosa.

A intervención tamén incluíu a mellora de diversos percorridos peonís e camiños interiores da parcela, con solucións adaptadas ás condicións de cada tramo. Nas zonas próximas ao castelo rehabilitáronse sendeiros mediante a regularización e compactación de saburra, mentres que nos camiños cara á capela e ao muíño substituíuse o pavimento asfáltico deteriorado por formigón coloreado, unha solución máis estable e duradeira para tramos con pendente e mellor integrada cromaticamente na contorna natural e patrimonial.

Con esta actuación, a Deputación de Pontevedra reforza a conservación e posta en valor do castelo de Soutomaior, mellora a experiencia de visita e amplía as posibilidades de uso cultural e turístico do conxunto en horario vespertino e nocturno. A intervención contribúe, ademais, a consolidar o castelo como referente patrimonial, paisaxístico e turístico da provincia, integrando criterios de sostibilidade, eficiencia enerxética, seguridade de uso e respecto ao patrimonio histórico.