null Proxecto europeo - KIWI-SENS

Sistema integral de monitorización de cultivo mediante o uso de tecnoloxías IoT de baixo custo e intelixencia artificial para a mellora da xestión e optimización do kiwi en Galicia

  • Acronimo:

    KIWI-SENS

  • Programa:

    Programas de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2021-2027

  • Convocatoria:

    Axudas para executar proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), convocatoria de 2024

  • Fondos:

    FEADER

  • Órgano responsable:

    Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL)

  • Socios:

    Kiwi Atlántico

    Colaboradores: CIAM, ENCORE LAB e CESENS

  • Data de inicio:

    01/07/2024

  • Data de fin:

    30/09/2026

  • Orzamento elixible total:

    139.870,25 €

  • Orzamento elixible Depo:

    21.000 €

  • Subvención concedida total:

    139.870,25 €

  • Subvención concedida Depo:

    21.000 €

O obxectivo xeral é dixitalizar o cultivo de kiwi en Galicia para que as e os kiwicultores conten con novas ferramentas e estratexias para optimizar a xestión agronómica das explotacións, a través do uso de tecnoloxías IoT (Internet of Things) de baixo custo e intelixencia artificial. Os obxectivos son:

  • Implementar unha nova metodoloxía de rega, baseada en información cuantitativa sobre o ambiente edafoclimático e o propio cultivo, orientada a maximizar os rendementos e a facer un uso eficiente do recurso hídrico dispoñible nas condicións locais.
    Así, búscase identificar os parámetros máis adecuados sobre os que basear as estratexias de manexo, seleccionar e configurar adecuadamente os dispositivos encargados de capturar a información e, en consecuencia, establecer unhas consignas obxectivas para xestionar o sistema de irrigación.
  • Desenvolver unha ferramenta fiable para a predición de risco da bacteria psa, de maneira que sexa posible incrementar a eficacia das medidas de control ou prevención utilizadas e diminuír a afección. Tamén se procura esclarecer o impacto dos novos sistemas de plantación sobre as condicións microclimáticas que favorecen a incidencia desta patoloxía.
  • Poñer á disposición do sector un sistema de alertas e seguimento específico para o kiwi en aspectos tan relevantes coma a polinización ou as xeadas, de maneira que se proporcione información en tempo real para maximizar o impacto das actuacións correspondentes (sistemas activos de loita contra xeadas, introdución de colmeas, polinización manual etc.).