#MOBILIDADE

Rede de Cidades pola Bicicleta

A Deputación de Pontevedra aprobou en xuño de 2020 a súa adhesión á Rede de Cidades pola Bicicleta, da que é membro da xunta directiva.


A Deputación, a través do Departamento de Mobilidade, vén traballando desde o 2015 nun cambio de modelo que lle dá prioridade á mobilidade natural das persoas e das bicis fronte aos vehículos a motor. A día de hoxe ten como reto xestionar a conectividade do territorio provincial para facela 100% ciclable tendo en conta a dificultade da grande dispersión poboacional, facendo da bicicleta unha aliada na mobilidade das cidades e as vilas.

Premio Bikefriendly

A Deputación de Pontevedra, grazas a Ágora, foi galardoada co premio Bikefriendly 2021 na categoría “Liderado e Compromiso” como a institución do Estado con mellor proxecto para impulsar e fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte urbano.

No premio valoráronse “os esforzos polo deseño e desenvolvemento de instrumentos orientados a impulsar, coordinar e avaliar accións encamiñadas a fomentar o uso da bicicleta nos seus territorios”.

Un total de dez entes públicos presentaron a súa candidatura para esta categoría, obtendo o Concello de Barcelona e a Deputación Foral de  Bizkaia as mellores valoracións por parte do xurado só despois da de Pontevedra.

 

 

 

Bicirrexistro

Un dos beneficios de que a Deputación forme parte da RCxB é o acceso gratuíto para os concellos Ágora ao BiciRexistro, un sistema estatal de control de bicicletas que conta coa participación dos concellos, as súas policías locais, a DXT e os xestores administrativos, que permite asociar un número de rexistro a unha bicicleta e un bastidor por medio duns vinilos cun código QR.

O BiciRexistro supón na práctica unha especie de matrícula que permite a identificación e recuperación máis sinxela das bicicletas rexistradas en caso de roubo, algo importante xa que, segundo os datos da RCxB,  o 20 % de persoas usuarias sofren nalgún momento o roubo da súa bicicleta.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO