
#IGUALDADE
365 DÍAS-365 MULLERES
EDICIÓN 2021-2022
A Deputación de Pontevedra quere visibilizar a pegada das mulleres ao longo da historia, o seu legado no avance da sociedade actual.
E con este obxectivo pon en marcha o proxecto "365 días-365 mulleres", unha recompilación con referentes femininos de todos os tempos e de moi diversos ámbitos para poñer en valor e visibilizar as súas achegas, determinantes para o desenvolvemento da cultura, da ciencia, da literatura, da economía ou da música.
Pioneiras do feminismo, escritoras, investigadoras, xornalistas, filósofas, cineastas, científicas, deportistas ou artistas daranse cita cada día durante o próximo ano no noso calendario.
Reivindicar a pegada das mulleres e a súa contribución real ao longo da historia é fundamental para construírmos un futuro máis xusto e igualitario.
2021 - 2022
Marzo

09 de marzo
Amelia Valcárcel

10 de marzo
Ana Belén Valiño
Día da Clase Obreira Galega

11 de marzo
Enma Lustres

12 de marzo
Eva Poveda

13 de marzo
Gloria Marie Steinem

14 de marzo
Valentina Tereshkova

15 de marzo
Brenda Chávez
Día Mundial dos Dereitos do Consumidor

16 de marzo
Mary Richmond
Día Mundial do Traballo Social

17 de marzo
Irène Joliot-Curie

18 de marzo
Tamara de Lempicka

19 de marzo
Carmen López-Cortón

20 de marzo
Sonja Lyubomirsky
Día Internacional da Felicidade

21 de marzo
Rosa Parks
Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial

22 de marzo
Autumn Peltier
Día Mundial da Auga

23 de marzo
Nawal Saadawi

24 de marzo
María Bouzas

25 de marzo
Aretha Franklin

26 de marzo
Sandra Day O'Connor

27 de marzo
Dorotea Bárcena
Día Mundial do Teatro

28 de marzo
Ángela Ruiz Robles

29 de marzo
Vandana Shiva

30 de marzo
Dolores Tasende

31 de marzo
Charlotte Brontë
Abril

01 de abril
Julia Minguillón
Día das Artes Galegas

02 de abril
Manuela Rodríguez
Día Internacional do Libro Infantil

03 de abril
Jane Goodall

04 de abril
Marguerite Durás

05 de abril
Irene Milleiro
Día Internacional da Conciencia

06 de abril
Charlotte Cooper
Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz

07 de abril
Isabel Zendal
Día Mundial da Saúde (OMS)

08 de abril
Elena Quiroga

09 de abril
Verónica Boquete

10 de abril
Hubertine Auclert

11 de abril
Helena Fernández Lago
Día Mundial do Párkinson

12 de abril
Rita Fernández Queimadelos

13 de abril
Andrea Nunes Brións

14 de abril
Simone de Beauvoir

15 de abril
Maruja Mallo
Día Mundial da Arte

16 de abril
Chelo Loureiro

17 de abril
Sirimavo Bandaranaike

18 de abril
Antía Cal

19 de abril
Yolanda Castaño

20 de abril
Pilar Miró

21 de abril
Hedy Lamarr
Día Mundial da Creatividade e a Innovación

22 de abril
Ana Freire
Día Internacional das Nenas nas TIC

23 de abril
J. K. Rowling
Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor

24 de abril
Leonor Serrano Pablo

25 de abril
Celeste Caeiro

26 de abril
Marcela Gracia e Elisa Sánchez
Día da Visibilidade Lésbica

27 de abril
Mary Wollstonecraft

28 de abril
Stephanie Kwolek
Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo

29 de abril
Tamara Rojo
Día Internacional da Danza

30 de abril
Clara Campoamor
Maio

01 de maio
Clara Lemlich
Día Internacional do Traballo

02 de maio
María Victoria Carrera Fernández
Día Internacional Contra o Acoso Escolar

03 de maio
Soledad Gallego Díaz
Día Mundial da Liberdade de Prensa

04 de maio
Nettie Maria Stevens

05 de maio
M.ª Teresa Portela

06 de maio
Marlene Dietrich

07 de maio
Olympe de Gouges

08 de maio
Safia Minney

09 de maio
Simone Veil

10 de maio
Hilda Rodríguez

11 de maio
Williamina Fleming

12 de maio
Emilia Pardo Bazán

13 de maio
Antonia Ferrín Moreiras

14 de maio
Rosa Regás

15 de maio
Emily Dickinson

16 de maio
Laura Alonso Cano
Día Internacional da Convivencia en Paz

17 de maio
Xela Arias
Día das Letras Galegas

18 de maio
Celia Amorós

19 de maio
María Mariño

20 de maio
Celia Brañas

21 de maio
Mercedes Casal Jiménez
Día Europeo da Rede Natura

22 de maio
Elena Ojea
Día Internacional da Diversidade Biolóxica

23 de maio
Margaret Fuller

24 de maio
Belinda Gallardo
Día Europeo dos Parques Naturais

25 de maio
Elena Maseras

26 de maio
Mary Montagu

27 de maio
Elisa Lamas

28 de maio
Concepción Aleixandre Ballester
Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres

29 de maio
Jody Williams
Día Internacional do Persoal de Paz das Nacións Unidas

30 de maio
Mónica Bar Cendón

31 de maio
Mercedes Brea
Xuño

01 de xuño
Lupe Gómez

02 de xuño
Lucía Sánchez Saornil

03 de xuño
Amelia Bloomer
Día Internacional da Bicicleta

04 de xuño
Mayerlín Vergara Pérez

05 de xuño
Greta Thunberg
Día do Medio Ambiente

06 de xuño
Isabel de Villena

07 de xuño
Virgina Apgar

08 de xuño
Ángeles Alvariño
Día Mundial dos Océanos

09 de xuño
Bertha von Suttner

10 de xuño
Sigrid Undset

11 de xuño
Harriet Quimby

12 de xuño
Anousheh Karvar
Día Muncial contra o Traballo Infantil

13 de xuño
Monserrat Roig

14 de xuño
Maruja Pino Piñeiro

15 de xuño
Miriam Pena

16 de xuño
Barbara McClintock

17 de xuño
Wangari Maathai
Día Mundial de Loita contra a Desertización

18 de xuño
Amaranta Rodríguez
Día da Gastronomía Sostible

19 de xuño
Nadia Mura
Día Internacional para a Eliminación da Violencia Sexual nos Conflitos

20 de xuño
Aqeela Asifi
Día Mundial das Persoas Refuxiadas

21 de xuño
Guadi Galego
Día Europeo da Música

22 de xuño
Asunción Balzola Elorza

23 de xuño
María Teresa Fernández de la Vega
Día das Nacións Unidas para a Administración Pública

24 de xuño
María Gordon

25 de xuño
Susana González
Día da Xente de Mar

26 de xuño
Lola, Amparo e Julia Touza
Día Internacional en Apoio das Vítimas da Tortura

27 de xuño
Mónica Conde
Día das Microempresas e as Pequenas e Medianas Empresas

28 de xuño
Blanca-Ana Roig

29 de xuño
Nieves de Hoyos y Sancho

30 de xuño
Pina Bausch
Xullo

01 de xullo
Alice Guy

02 de xullo
Victoria Kent

03 de xullo
Clara Rodríguez Cordeiro

04 de xullo
Henrietta Swan Leavitt

05 de xullo
María do Cebreiro Rábade Villar

06 de xullo
Frida Kahlo

07 de xullo
Menchu Lamas

08 de xullo
Alejandra Soler Gilabert

09 de xullo
Mercedes Sosa

10 de xullo
Edith Hinkley Quimby

11 de xullo
Tlaleng Mofokeng

12 de xullo
Malala Yousafzai

13 de xullo
Nadine Gordimer

14 de xullo
Christine de Pizan

15 de xullo
Anna Muzychuk
Día Mundial das Habilidades da Xuventude

16 de xullo
Ida Bell Wells Barnett

17 de xullo
Ragna Nielsen

18 de xullo
Isabel Soto

19 de xullo
María Jesús Nogueira

20 de xullo
Flora Tristán

21 de xullo
Sara Seager

22 de xullo
Luz Pozo Garza

23 de xullo
Carmen Martín Gaite

24 de xullo
Amelia Earhart

25 de xullo
Olga Gallego Domínguez

26 de xullo
Gerda Taro

27 de xullo
Concepción Méndez Cuesta

28 de xullo
Margaret Murray

29 de xullo
Cristina Narbona

30 de xullo
Mabel Lozano

31 de xullo
Suso Cecchi d'Amico
Agosto

01 de agosto
Chus Lago

02 de agosto
Isabel Allende

03 de agosto
Antonia Louisa Brico

04 de agosto
Susana Rodríguez Gacio

05 de agosto
Ana Romaní

06 de agosto
Alice Morgan Wright

07 de agosto
Mileva Maric

08 de agosto
Amparo Alvajar

09 de agosto
Luisa de Medrano

10 de agosto
Ray Strachey

11 de agosto
Fina Casalderrey Fraga

12 de agosto
Melati e Isabel Wijsen

13 de agosto
Juana Capdevielle

14 de agosto
María Vinyals

15 de agosto
Gerty Cori

16 de agosto
Herta Müller

17 de agosto
Adriana Ciocoletto

18 de agosto
Carrie Chapman Catt

19 de agosto
Phumzile Mlambo-Ngcuka

20 de agosto
Millicent Fawcett

21 de agosto
Fionnuala D. Ní Aoláin
Día Internacional de Conmemoración e Homenaxe as Víctimas do Terrorismo

22 de agosto
MiMi Aung

23 de agosto
Alice Coltrane

24 de agosto
Elvira Dávila Ortiz

25 de agosto
Katherine Johnson

26 de agosto
Cesária Évora

27 de agosto
Zenobia Camprubí

28 de agosto
María Goyri

29 de agosto
Mary Shelley

30 de agosto
María Montessori

31 de agosto
Judit Polgar
Setembro

01 de setembro
Luisa Cuesta Gutiérrez

02 de setembro
Ana Frank

03 de setembro
Amy Beach

04 de setembro
Françoise Demulderh

05 de setembro
Rigoberta Menchú

06 de setembro
Mariam Kamara

07 de setembro
Minia Manteiga

08 de setembro
María Luz Morales

09 de setembro
Esther Teijeiro

10 de setembro
Émilie du Châtelet

11 de setembro
Fanny Garrido

12 de setembro
Marina Mayoral

13 de setembro
Mª Teresa León

14 de setembro
Isadora Duncan

15 de setembro
Carmen Alborch

16 de setembro
Greta Garbo

17 de setembro
Sara Little Turnbull

18 de setembro
Cristina Antoñanzas

19 de setembro
Kate Sheppard
Día Internacional do Sufraxio

20 de setembro
Dorothy Johnson Vaughan

21 de setembro
Jane Addams
Día Internacional da Paz

22 de setembro
Yuna Kim

23 de setembro
Amelia Tiganus

24 de setembro
Isabel Barreto

25 de setembro
Bell Hooks

26 de setembro
Laura Esquivel

27 de setembro
Exeria

28 de setembro
Pepa Bueno
Día Internacional do Dereito de Acceso Universal á Información

29 de setembro
Margarita del Val

30 de setembro
María Reimóndez
Outubro

1 de outubro
Agnieszka Bozanic Leal

2 de outubro
Ángela Acuña Braun

3 de outubro
Corona González

4 de outubro
Caroline Earle White

5 de outubro
Mª Teresa Domínguez
Día Mundial das Persoas Docentes

6 de outubro
Marie de Gournay

7 de outubro
Carmen Segurana

8 de outubro
Harriet Taylor Mill

9 de outubro
Florence Augusta Merriam Bailey
Día Mundial das Aves Migratorias

10 de outubro
Ianire Estébanez
Día Mundial da Saúde Mental

11 de outubro
Jaha Dukureh
Día Internacional da Nena

12 de outubro
María del Portal Panisse

13 de outubro
Susana Martínez-Conde

14 de outubro
Marie-Noel Brune Drisse
Día Internacional dos Residuos Electrónicos

15 de outubro
Rosa Arcos Caamaño
Día Internacional das Mulleres Rurais

16 de outubro
María Begoña Vila Costas

17 de outubro
Esther Duflo
Día Internacional para a Erradicación da Pobreza

18 de outubro
Gloria Fuertes
Día das Escritoras

19 de outubro
Catharine MacKinnon

20 de outubro
Christiane Nüsslein-Volhard

21 de outubro
Amanda Jones

22 de outubro
Doris Lessing

23 de outubro
Águeda Gómez Suárez

24 de outubro
Åsa Regnér
Día das Nacións Unidas e Día Mundial da Información sobre o Desenvolvemento

25 de outubro
Camille Claudel
Día Internacional das Persoas Artistas

26 de outubro
Lise Meitner

27 de outubro
Sylvia Plath

28 de outubro
Alice Catherine Evans

29 de outubro
Zoë Byrd Akins

30 de outubro
María Izquierdo Gutiérrez

31 de outubro
Leslie Kern
Día Internacional de las Personas Artistas
Novembro

1 de novembro
Rosario de Acuña

2 de novembro
Licia Verde

3 de novembro
Gordana Comic

4 de novembro
La Bella Otero

5 de novembro
Urania Mella

6 de novembro
Carmen Laforet

7 de novembro
Ángeles Santos Torroella

8 de novembro
Adriana Vergés

9 de novembro
Bertha Lutz

10 de novembro
María Retuerto
Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento

11 de novembro
Zarifa Ghafari

12 de novembro
Georgia O´Keeffe

13 de novembro
Cristina Ferrándiz Maestre

14 de novembro
Natalia Sergéyevna Goncharova

15 de novembro
Sara Josephine Baker

16 de novembro
Ruth Shady
Día Internacional do Patrimonio Mundial

17 de novembro
Selma Lagerlöf

18 de novembro
Ana de Miguel
Día Mundial da Filosofía

19 de novembro
Indira Gandhi

20 de novembro
Ledicia Costas
Día Universal da Infancia

21 de novembro
Sandra Amézaga
Día Mundial da Pesca

22 de novembro
Elena Jordi

23 de novembro
Elaine Fuchs

24 de novembro
Elena Arnedo

25 de novembro
Elizabeth Blackburn
Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

26 de novembro
Tina Turner

27 de novembro
Kathryn Bigelow

28 de novembro
Violeta Parra

29 de novembro
Ahed Tamimi
Día Internacional de Solidaridade co Pobo Palestino

30 de novembro
Gertrud Woker
Día de Conmemoración de Todas as Vítimas da Guerra Química
Decembro

01 de decembro
Quarraisha Abdool Karim
Día Mundial da Loita contra a Sida

02 de decembro
Ana Peleteiro

03 de decembro
Dulce Chacón

04 de decembro
Nelly Sachs

05 de decembro
Ángeles Álvarez Álvarez

06 de decembro
Carlota Bustelo
Día da Constitución Española

07 de decembro
Almudena Grandes

08 de decembro
Agatha Christie

09 de decembro
Grace Murray Hopper

10 de decembro
Anna Eleanor Roosevelt

11 de decembro
Emmanuelle Charpentier

12 de decembro
Florence Nightingale
Día Internacional da Cobertura Sanitaria Universal

13 de decembro
María Teresa León Goiry

14 de decembro
Carmen de Burgos Seguí

15 de decembro
Ada Lovelace

16 de decembro
Jane Austen

17 de decembro
Esther Vivas

18 de decembro
Chimamanda Ngozi Adichie

19 de decembro
Rebecca West

20 de decembro
Eugenia Osterberger

21 de decembro
Oprah Winfrey

22 de decembro
María José Alonso Fernández

23 de decembro
Alice Parker

24 de decembro
Adela Turin

25 de decembro
María Solar

26 de decembro
Virginia Bolten

27 de decembro
Katalin Karikó
Día Internacional de la Preparación ante las Epidemias

28 de decembro
Florence Lawrence

29 de decembro
Beatriz Gómez Cortés

30 de decembro
Patti Smith

31 de decembro
Ruth Harrison
Xaneiro

1 de xaneiro
Ruth Rogan Benerito

2 de xaneiro
Kathrine Switzer

3 de xaneiro
Sally Ride

4 de xaneiro
Purificación Mayobre

5 de xaneiro
Susan Brownell Anthony

6 de xaneiro
Maruxa e Coralia Fandiño Ricart

7 de xaneiro
María Manuela

8 de xaneiro
Charo Froján

9 de xaneiro
Josefina Molina

10 de xaneiro
Benedicta Sánchez

11 de xaneiro
Irene González Basanta

12 de xaneiro
Radia Joy Perlman

13 de xaneiro
Mary Anita Snook

14 de xaneiro
Rachel Fuller Brown

15 de xaneiro
Sofya Kovalevskaya

16 de xaneiro
Manuela Antonia Barreiro

17 de xaneiro
Emma Ríos

18 de xaneiro
Peggy Annette Whitson

19 de xaneiro
Shirley Ann Jackson

20 de xaneiro
Bertha Benz

21 de xaneiro
Lucienne Heuvelmans

22 de xaneiro
María Moliner

23 de xaneiro
Elvira Lindo

24 de xaneiro
Gertrude B. Elion

25 de xaneiro
Sofía Novoa Ortiz

26 de xaneiro
Carmen Velasco Portinho

27 de xaneiro
Lilí Álvarez

28 de xaneiro
Hipatia

29 de xaneiro
Olga Novo

30 de xaneiro
Ada Hederberg

31 de xaneiro
June Mathis
Febreiro

01 de febreiro
Lucretia Mott

02 de febreiro
Angels Barceló

03 de febreiro
Nerea Barros

04 de febreiro
Eileen Gray

05 de febreiro
Rosario Weiss Zorrilla

06 de febreiro
Mary Anning

07 de febreiro
Maria Mitchell

08 de febreiro
Susan Jocelyn Bell Burnell

09 de febreiro
Katharine Dexter McCormick

10 de febreiro
Hattie McDaniel

11 de febreiro
Marie Curie

12 de febreiro
Suzanne Ciani

13 de febreiro
Katharine Hepburn

14 de febreiro
Emma Watson

15 de febreiro
Marian Dawkins

16 de febreiro
Ana María Pérez del Campo Noriega

17 de febreiro
Jacqueline Cochran

18 de febreiro
Tarana Burke

19 de febreiro
María Zambrano

20 de febreiro
Dorothy Mary Crowfoot Hodgkin

21 de febreiro
Emmeline Pankhurst Goulden

22 de febreiro
Najla Shami

23 de febreiro
María Wonenburger

24 de febreiro
Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. Tanxugueiras

25 de febreiro
Támara Echegoyen

26 de febreiro
Alicia C. Estévez Toranzo

27 de febreiro
Betty Friedan

28 de febreiro
Carolina Marín
Marzo

01 de marzo
Winnie Byanyima
Día da Cero Discriminación (ONUSIDA)

02 de marzo
Wallace Funk

03 de marzo
Yayo Herrero López
Día Mundial da Natureza

04 de marzo
Mária Telkes
Día Mundial da Enxeñería para o Desenvolvemento Sostible

05 de marzo
Maria Goeppert-Mayer

06 de marzo
Sojourner Truth

07 de marzo
Saleta Castro

08 de marzo
Soledad Murillo
Día da Muller
Ruth Rogan Benerito

Ruth Rogan Benerito, química e inventora estadounidense, logrou importantes avances no tratamento do algodón na industria téxtil para mellorar a durabilidade das teas e evitar que se engurrasen. Na súa traxectoria realizou ata 55 patentes sobre o uso de cloruros de ácidos monobásicos.
Nacida en Nova Orleáns en 1916, Rogan Benerito estudou Ciencias na Universidade de Tulane e titulouse en 1935, a época da Gran Depresión e na que a aparición das fibras sintéticas na fabricación de roupa ameazaba a industria do algodón. Formouse como técnica de laboratorio e durante os primeiros anos da Segunda Guerra Mundial traballou como mestra. Despois doutorouse en Química pola Universidade de Chicago e foi investigadora no Southern Regional Research Center de Nova Orleáns, adscrito ao Departamento de Agricultura dos Estados Unidos, e que investigaba problemas e novos usos para os cultivos locais.
Ata a súa retirada, en 1986, dirixiu un equipo de investigación que obtería grandes progresos no tratamento do algodón. Este tecido engúrrase con facilidade debido á estrutura das súas fibras e precisa pasarlle o ferro para alisalo. O equipo de Benerito traballou na modificación das propiedades das teas para protexelas mediante reticulación, un proceso que provoca que o algodón seque mellor tras o lavado e non se engurre. O seu traballo axudou a revitalizar esta industria.
Rogan Benerito foi autora de máis de 200 publicacións científicas e conferenciante. Desde 2008 forma parte do Salón da Fama de Inventoras e Inventores Nacionais dos Estados Unidos e ao longo da súa traxectoria recibiu, entre outros galardóns, o Premio Federal de Mulleres en 1968 e a Medalla Garvan, que distingue as mulleres que realizan grandes logros científicos e demostran o seu liderado, da Sociedade Química Americana.
Kathrine Switzer

Kathrine Switzer, nacida en Alemaña en 1947 e trasladada aos Estados Unidos coa súa familia aos dous anos, é a protagonista dunha conquista histórica para acadar a igualdade entre mulleres e homes no deporte. A atleta foi a primeira muller en correr de forma oficial o Maratón de Boston, en 1967, proba que daquela estaba reservada só a homes. A súa xesta abriulle as portas á participación feminina nestas probas deportivas.
A atleta e estudante universitaria inscribiuse como Kv Switzer e recibiu o dorsal 261, que pasaría á posteridade como símbolo da igualdade e do empoderamento. Durante a carreira o codirector decatouse de que era unha muller e comezou a perseguila para detela. Unha serie de imaxes daquel feito, hoxe históricas, mostran como compañeiros da atleta evitaron que a alcanzase, de maneira que Switzer conseguiu chegar á meta arroupada por outros deportistas.
A súa iniciativa rachou un teito de cristal, acabou coa infundada opinión imperante entre os organizadores de que as mulleres non estaban preparadas para unha competición tan esixente, e provocou cambios na participación feminina nas probas deportivas. Cinco anos despois daquel fito a Maratón de Boston permitiu a inscrición feminina. Switzer gañaría a Maratón de Nova York en 1974 e quedaría segunda na de Boston en 1975. Completaría case 40 competicións na súa traxectoria, que se prolongaría durante máis de medio século. Tras a súa fazaña en Boston defendeu a inclusión da maratón feminina nos Xogos Olímpicos, feito que aconteceu en Los Ángeles 84.
Switzer é tamén escritora e comentarista de televisión e dedicou a súa vida a promover a igualdade no deporte. Organizou competicións de atletismo para mulleres en varios países do mundo e é a fundadora da organización 261 Fearless, que traballa para acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes tanto no deporte coma no ámbito educativo.
Sally Ride

Sally Ride converteuse en 1983 na primeira muller estadounidense en viaxar ao espazo exterior. A astronauta e física californiana dedicou a súa vida á ciencia. Logo de abandonar a NASA, centrouse na docencia, na divulgación científica e en promover a igualdade e a inclusión, especialmente de alumnas, nas carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).
Ride, nacida en 1951, foi tamén xogadora de tenis profesional e titulouse en Inglés e Física pola Universidade de Stanford, institución na que acadaría o mestrado e o doutoramento en Física. Tras rematar os seus estudos con 25 anos inscribiuse como voluntaria no programa espacial da NASA e foi seleccionada entre case 9.000 persoas candidatas. Ingresou na Axencia en 1978.
Cinco anos despois, o 18 de xuño de 1983, viaxou ao espazo a bordo do transbordador Challenger dentro da misión STS-7. Ride converteuse así na primeira muller do continente americano en facelo e a terceira do mundo tras as soviéticas Valentina Tereshkova, que viaxou ao espazo en 1963, e Svetlana Savitskaja, que o fixo en 1982.
Un ano despois regresaría ao espazo noutra misión e estaba prevista a súa participación nun terceiro voo espacial, pero o desastre do Challenger interrompeu o programa da NASA durante 32 meses. Ride foi membro do comité que investigou o sinistro e tamén formaría parte da investigación do accidente do transbordador Columbia en 2003, o que a converteu na única persoa presente en ambos os comités.
Antes de abandonar a NASA, en 1987, a astronauta foi trasladada á oficina central en Washington, onde fundaría a Oficina de Exploración. A súa seguinte escala, xa fóra da Axencia, foi o Centro Internacional para a Seguridade e o Control de Armamentos da Universidade de Stanford, e durante ese tempo impartiu clases noutra institución académica, a Universidade de San Diego. No novo milenio iniciou unha nova etapa na que creou a empresa Sally Ride Science, que ten como misión promover a igualdade e a inclusión de todo o estudantado nas carreiras STEM.
Ride, falecida en 2012, forma parte do Salón da Fama Nacional da Muller e do Salón da Fama das e dos Astronautas e durante a súa traxectoria recibiu numerosos premios.
Purificación Mayobre

Purificación Mayobre, profesora universitaria, filósofa e escritora, é unha figura de referencia no feminismo galego tras décadas de loita e compromiso coa igualdade desde o ámbito académico e a militancia.
Especializada en teoría feminista, Mayobre, nacida o 5 de xaneiro de 1952, foi profesora da Universidade de Santiago de Compostela desde 1974 e da Universidade de Vigo desde 1990. Nesta última institución impartiu docencia no Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía. Ademais de levar a cabo un intenso e moi valioso labor investigador e promover a creación de grupos de traballo en diferentes áreas cunha perspectiva feminista, foi a impulsora, xunto con Beatriz Suárez Briones, do Mestrado de Estudos de Xénero, unha titulación pioneira en España.
Mayobre é un referente no estudo da teoría feminista, na que se especializou fortemente influenciada, entre outros motivos, pola historia de personaxes coma Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, firmes defensoras dos dereitos das mulleres. Foi unha das fundadoras da Cátedra Caixanova de Estudos Feministas e presidiu o Seminario Interdisciplinario de Estudos de Xénero. Ademais, é integrante do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0, un proxecto da Deputación de Pontevedra coa Universidade de Vigo para impulsar a matriculación de alumnas en carreiras STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e evitar a desigualdade de xénero no universo dixital.
En 2014 recibiu o premio Uviguala, xunto con Suárez Briones, en recoñecemento ao seu compromiso coa loita pola igualdade e por contribuír a situar no mapa das universidades españolas a Universidade de Vigo como referencia en estudos de xénero e teorías feministas. Mayobre é autora de obras coma Micromachismos invisibles. Xénero e política. Comportamento electoral e participación social da muller e A cuestión de xénero e a marxinación. Servicios sociais e recursos específicos para a muller.
Susan Brownell Anthony

Susan Brownell Anthony foi unha activista e escritora norteamericana que loitou polos dereitos das mulleres e contra a escravitude, e cofundou a Asociación Nacional para o Sufraxio das Mulleres. Chegou a votar nas eleccións presidenciais de 1872 xunto a outras catorce mulleres, que foron arrestadas tras declaralo ilegal os tribunais. A emenda que en 1920 permitiu o voto feminino nos Estados Unidos, catorce anos despois do falecemento de Brownell Anthony, leva o seu nome.
Ademais de estudar, a sufraxista norteamericana (1820-1906) traballou cando era moi nova nunha fábrica de algodón. Cursou a carreira de docente e foi mestra, período no que iniciou a loita contra a fenda salarial, xa que as mulleres gañaban cinco veces menos que os homes. A academia na que impartía clases despediuna por esta reclamación dos dereitos femininos.
Brownell Anthony tamén se involucrou na defensa da erradicación da escravitude e viaxou polos Estados Unidos para reivindicar o sufraxio feminino. Xunto a Elizabeth Cady Stanton publicou unha revista semanal co nome de Revolution, que defendía a igualdade entre mulleres e homes e tamén os dereitos da poboación afroamericana.
Posteriormente, en 1869 e tamén xunto a Stanton, crearía a Asociación Nacional para o Sufraxio das Mulleres. Tres anos despois conseguiría rexistrarse como votante nas eleccións presidenciais e participou nos comicios, pero o seu acto e o das outras catorce mulleres que tamén o fixeron foi declarado ilegal e elas foron arrestadas.
Anthony levou a cabo unha intensa loita xurídica e social para reclamar o dereito ao voto feminino e publicou seis libros baixo o título de Historia do sufraxio da muller. A súa loita foi recoñecida ao bautizarse a emenda 19 da Constitución americana, a cal lles garante ás mulleres o dereito a votar, co nome de Brownell Anthony. En 1978 o Goberno dos Estados Unidos acuñou unha moeda oficial dun dólar estadounidense co seu rostro.
Maruxa e Coralia Fandiño Ricart

Maruxa e Coralia Fandiño Ricart eran as Marías, dúas irmás de Santiago de Compostela que sufriron represalias constantes durante a Ditadura por estar vencellada parte da súa familia ao movemento anarquista. Hoxe son personaxes populares e simbólicas da cidade, ás que conmemora unha famosa escultura en bronce na entrada da Alameda.
Maruxa naceu en 1898 e Coralia, en 1914. Tres dos seus irmáns eran dirixentes da Confederación Nacional do Traballo (CNT) e tras o inicio da Guerra Civil foron perseguidos. A policía franquista acosou a familia para coñecer o seu paradoiro e someteu a frecuentes humillacións públicas as mulleres da casa, que quedaran á fronte do obradoiro de costura co que se gañaban a vida. Recibiron burlas e enfrontáronse á miseria ao caer en desgraza, polo que tiveron que vivir da caridade nos anos da posguerra.
As hoxe coñecidas popularmente como as Marías responderon ao ambiente opresivo da Ditadura cunha actitude rebelde. Ataviadas con roupas coloristas, facían a diario un percorrido polo centro histórico. Saían puntualmente ás dúas da tarde e camiñaban entre a rúa Espírito Santo e a praza do Toural. A súa irmá Sarita acompañábaas ao principio, pero falecería nova.
Unha parte da sociedade afecta ao franquismo repudiounas, pero tamén recibiron axuda silenciosa e co paso dos anos convertéronse en personaxes moi queridas na cidade. As persoas opostas ao réxime que temían rebelarse por medo ás consecuencias viron nelas un berro de liberdade. A súa forma de enfrontarse aos traumas da guerra e á pobreza foi valente e libre.
Maruxa falecería en 1980 e a súa irmá, tres anos despois. En 1994 o Concello instalou na Alameda compostelá unha estatua do artista vasco César Lombera en homenaxe a ambas as irmás, cuxos restos repousan baixo a mesma lápida no cemiterio de Boisaca desde 2014, tras unha colecta organizada polo Ateneo de Santiago de Compostela.
A escultura de As Marías é hoxe un dos atractivos turísticos da cidade. O libro As dúas en punto, de Esther Carrodeguas, e unha obra de teatro baseada nesta mesma publicación editorial réndenlles homenaxe ás dúas irmás.
María Manuela

María Manuela Díaz Orjales, máis coñecida como María Manuela, naceu o 7 de xaneiro de 1945 en A Coruña. É unha cantante, debuxanta e pintora galega que recibiu en 2020 o premio honorífico Martín Códax da Música polo seu compromiso coa cultura galega e a posta en valor da nosa lingua, dúas ferramentas que lle teñen servido ao longo da súa vida para loitar por un mundo mellor.
Falamos dunha das grandes voces da música galega e dunha artista comprometida con múltiples causas sociais e humanitarias.
Comezou a súa carreira musical como solista gravando un sinxelo en 1974 que incluía as cancións "Pedro Chosco" e "Ana Mariña". Ao ano seguinte lanzou o seu primeiro disco, Cantigas ao meu xeito. Ten unha dilatada traxectoria en solitario e como parte do grupo "María Manuela e Miguel' está considerada un referente da canción protesta.
En 1982 gravou o álbum Ergueremo-la espranza e en 1989 colaborou con A mulata Coromoto nun disco dedicado ao político galeguista e poeta Celso Emilio Ferreiro. En 1999 publicou o seu último traballo en solitario, Para Miguel, e desde entón colabora en diversos proxectos musicais e audiovisuais.
Gravou con Xiana Lastra, Mini e Mero nos álbumes O meu primeiro Celso Emilio e A miña primeira Rosalía e participou no filme de animación Valentina, da directora e produtora galega Chelo Loureiro.
Como pintora caracterízase por unha creación colorista e expresionista, principalmente en pintura ao óleo e como debuxante.¿ Expuxo en salas de toda Galicia, no Foro das Artes de Lorient (Francia) e outras moitas salas europeas.
Charo Froján

Charo Froján, creadora da firma de moda D-Dúe, coa que conseguiu triunfar a nivel internacional grazas aos seus innovadores deseños e á calidade das pezas. O seu compromiso é que na elaboración de cada prenda se coide ata o último detalle, algo que fai única a súa roupa e lle confire identidade.
A Froján a moda venlle de familia, xa que medrou entre teas e padróns nas instalacións da empresa de confección que tiña a súa familia en Rianxo e da que hoxe saen as creacións de D-Dúe. Estudou Deseño e Moda en Barcelona e logo trasladouse a Milán para completar os seus coñecementos técnicos sobre xastrería e tecidos.
Unha vez de volta en Rianxo, en 1996 fundou a súa propia marca e comezou a traballar con Alfredo Olmedo. Ela levou o desenvolvemento técnico e a parte de traballo no obradoiro, e deixou nas mans do deseñador a parte máis creativa do proceso.
Este potente tándem creativo preséntase como unha firma de culto para mulleres que buscan tecidos nobres e sostibles e patronaxe de xastrería en pezas con intervención artística. Unha moda antiaburrimento que lles permitiu colleitar un enorme éxito no Xapón. O salto a Asia tamén influíu en todo o seu proceso produtivo ao incorporar máis tecidos naturais e producir dun modo máis orgánico e artístico.
Froján compaxina o seu traballo en D-Dúe coa docencia da materia de Proxectos de Deseño no Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo.
Josefina Molina

Josefina Molina é unha recoñecida directora de cinema, guionista, realizadora de televisión, novelista e directora de escena. Foi unha pioneira nese mundo e a primeira muller española en licenciarse en Dirección na Escola Oficial de Cinema. No ano 2006 decidiuse a apoiar a todas as mulleres do sector e participou activamente na fundación da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA), da que é presidenta de honra.
Naceu en 1945 en Córdoba e estudou Ciencias Políticas, pero o seu sempre foi a interpretación. En 1962 fundou o Teatro de Ensayo Medea na súa cidade natal e chegou a dirixir varias montaxes. Tras obter o título de directora/realizadora rodou numerosos espazos dramáticos para RTVE.
As súas series de televisión máis destacadas foron El Camino (1978), Teresa de Jesús (1984) e Entre naranjos, adaptación da novela de Vicente Blasco Ibáñez (1998). Triunfou no teatro e a súa primeira longametraxe, Vera, un conto cruel de xénero fantástico, data de 1973. En 1981 obtivo grande éxito con Función de noche e en 1989 estreou o drama histórico Esquilache.
Sempre fixo gala dun firme compromiso feminista. Escribiu o libro Cine de mujeres en la Transición. La trilogía ´feminista´ xunto a Cecilia Bartolomeu e Pilar Miró. Recibiu o Premio Goya de Honra do ano 2012 e en 2019 foi galardoada co Premio Nacional de Cinematografía.
Benedicta Sánchez

Benedicta Sánchez, natural de San Fiz de Paradela (Lugo), fixo historia no ano 2020 ao gañar con 84 anos o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación pola película O que arde, de Oliver Laxe. Fotógrafa na súa xuventude e agora actriz, esta muller única e cunha personalidade irrepetible impresionou o mundo bailando unha muiñeira durante a presentación do filme no Festival de Cannes, en Francia.
Defensora das súas raíces e da Galicia rural, non hai mellor protagonista posible para unha película que se somerxe nun dos grandes dramas contemporáneos da rexión: o abandono do rural e os grandes incendios que cada verán asolan amplas franxas de terreo minguando a biodiversidade de importantes zonas naturais.
De moza emigrou a Brasil, traballou como fotógrafa de eventos e acabou rexentando unha librería especializada en filosofía e comida vexetariana. Sempre soubo buscarse a vida onde lle fixo falta e foi nos anos cincuenta e sesenta cando comezou a explorar tamén o seu espírito aventureiro, escalou todos os picos de Río de Xaneiro e viaxou por medio mundo. Percorreu Oriente Medio e viviu un tempo nun kibutz israelí antes de volver a Lugo en 1979 coa súa filla e mudarse posteriormente a Valencia.
A súa é unha vida de continuas reinvencións. Finalmente retornou á súa terra en 2008 para facerse cargo da casa familiar. Foi a súa filla, estudante de Audiovisuais, quen a animou a presentarse ao casting de Oliver Laxe que a convertería nun dos rostros máis queridos das galegas e dos galegos pola súa naturalidade e polo seu optimismo.
Irene González Basanta

Irene González Basanta foi a primeira muller futbolista de Galicia e de España. Unha pioneira do deporte feminino que se mantivo en activo na década dos anos vinte do século pasado. Comezou xogando no equipo infantil Racing-Athletic de dianteira e posteriormente mudou á posición de gardameta cando en 1924 fundou un equipo co seu nome.
Natural da Coruña, Irene González acadou certa fama pola súa profesionalidade e técnica, co que abriu camiño para o resto de mozas que, como ela, querían xogar ao fútbol. Pese ao insólito desta conquista, unicamente se conserva unha imaxe da xogadora, do ano 1925, cando estaba a piques de cumprir os dezaseis anos.
Co seu equipo, o Irene F. C., xogou en competicións infantís da Coruña e estivo implicada na promoción do deporte. No verán de 1925 organizou un campionato no que participaron 18 clubs. Os medios da época seguían a súa traxectoria con atención e louvaban o difícil que resultaba meterlle un gol, o que non impediu que fose obxecto tamén de críticas por non axustarse aos canons establecidos para as mulleres da época.
A súa carreira truncouse ao enfermar de tuberculose en 1927, con apenas 19 anos. A enfermidade obrigouna a deixar o terreo de xogo e foi durante esta última e dura etapa cando puido comprobar o respecto e o cariño do público. Nos partidos de fútbol da Coruña, Ferrol e Betanzos organizábanse colectas para recadar fondos para Irene, que falecería poucos meses despois a causa das secuelas da enfermidade.
Radia Joy Perlman

Radia Joy Perlman, nada en 1951 en Portsmouth (Virxinia), é unha creadora de software e enxeñeira de redes experta en seguridade. Actualmente traballa para Dell EMC en Seattle e anteriormente traballou para Intel. Ten máis de 100 patentes rexistradas e impartiu docencia na Universidade de Washington, na de Harvard e no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT).
É mundialmente coñecida por ser a creadora do protocolo Spanning Tree (STP), que lles permite aos dispositivos de interconexión activar ou desactivar automaticamente as ligazóns de conexión de forma que se garante a eliminación de bucles. Foi un avance imprescindible para o funcionamento de internet.
Despois de graduarse en Matemáticas comezou o seu posgrao no MIT e foi alí, con vinte anos, onde obtivo o seu primeiro traballo remunerado no laboratorio de intelixencia artificial da institución. Tras pasar polo sector privado e despois da invención do STP, en 1988 volveu á escola de posgrao para doutorarse en Ciencias da Computación.
Foi tamén unha pioneira no ensino de programación a nenas e nenos pequenos ao desenvolver entre 1974 e 1976 un sistema de programación tanxible, TORTIS.
Foi recoñecida como inventora do ano en 2004 e foi nomeada en dúas ocasións a mediados dos anos noventa unha das vinte persoas máis influentes da industria informática pola revista Data Communications. Outros dos seus traballos son o Ephemerizer, un protocolo que se emprega para borrar información caduca, e o User Centric PKI, que serve para autenticar usuarios.
Mary Anita Snook

Mary Anita Snook foi unha lenda da aviación estadounidense: a primeira muller piloto en Iowa, a primeira piloto en ter a súa propia escola de voo e a primeira muller en dirixir un aeroporto privado. Audaz e con carácter, en 1921 converteuse tamén na primeira muller en participar nunha carreira aérea masculina no circuíto de Los Ángeles, na que rematou en quinta posición.
Snook, nada en 1896 en Illinois, estivo desde nena fascinada coa mecánica. Asistiu ao Iowa State College, actual Universidade Estatal de Iowa, onde realizou cursos de debuxo mecánico, de motores e de reparación de maquinaria agrícola.
No seu segundo ano de universidade solicitou o ingreso na Escola de Aviación Curtiss-Wright de Virginia, da que recibiu a xa coñecida resposta de "non se admiten mulleres". Pero isto non a desanimou en absoluto: mercou un vello avión canadense e empregou dous anos en reconstruílo ela mesma antes de facelo voar soa e obter a súa licenza.
A súa historia está inexorablemente ligada á de outra pioneira da aviación, Amelia Earhart, a primeira muller en cruzar o Atlántico en avión e á que ela se encargou de ensinarlle a pilotar. Coñecida como Neta Snook, tras a conmoción pola desaparición de Earhart durante un voo decidiu contar a súa experiencia como instrutora e os detalles da súa amizade na autobiografía I Taught Amelia to Fly.
En 1981 Neta Snook foi recoñecida como a muller piloto de maior idade nos Estados Unidos e un ano despois da súa morte, en 1992, foi incluída no Salón da Fama da Aviación de Iowa.
Rachel Fuller Brown

Rachel Fuller Brown naceu en novembro de 1898 en Nova York e faleceu tal día como hoxe en 1980. Xunto a súa socia Elizabeth Lee Hazen desenvolveu o primeiro antibiótico efectivo contra os fungos en humanos, o avance biomédico máis importante desde o descubrimento da penicilina. Axudou tamén a desenvolver a vacina contra a pneumonía.
O seu interese pola química xurdiu tras asistir a un curso de ciencias impartido pola profesora Emma Perry Carr. Estudou Historia e Química no Mount Holyoke College de Massachusetts. Máis tarde completou o seu doutoramento en Química Orgánica e Bacteriolóxica na Universidade de Chicago e impartiu docencia en Química e Física durante tres anos na Escola Francisco Shime.
Tras presentar a súa tese, traballou como química adxunta no Departamento de Saúde de Albany, Nova York, onde foi recoñecida polo seu traballo á hora de identificar os polisacáridos característicos de varios tipos de pneumococo responsables de pneumonías.
No ano 1948 comezou un proxecto coa microbióloga Elizabeth Lee Hazen que as levaría a illar un dos primeiros funxicidas aplicables en humanos, a nistatina, que se converteu nun dos primeiros tratamentos para as infeccións por fungos na pel, na boca, no esófago e na vaxina.
Sofya Kovalevskaya

O 15 de xaneiro de 1850 naceu en Moscú Sofya Kovalevskaya, unha matemática e escritora rusa que contribuiu significativamente ao campo da análise campo da análise, das ecuacións diferenciais parciais e da mecánica. Pasou á historia como a primeira muller que conseguiu unha praza como profesora universitaria en Europa: foi en Suecia en 1881.
Medrou nun ambiente cultural e científico. Desde nena interesouse pola lectura e a poesía, e cultivou con éxito a autobiografía, a novela e o teatro. Aos trece anos comezou a amosar moi boas aptitudes para a álxebra pese a que se viu obrigada a estudar de forma autodidacta polas noite, xa que seu pai se opoñía a que se formase.
A familia mudouse a San Petersburgo, onde Kovalevskaya estudou Xeometría Analítica e Cálculo Infinitesimal co profesor Alexandre Nikoláyevitch Strannoliubski. Naquel momento a universidade era terreo vedado para as mulleres, polo que tivo que solicitar permisos especiais para asistir a clase.
Despois de doutorarse en Matemáticas, a pesar de que ningunha universidade de Europa admitía mulleres no cadro docente, conseguiu este importante reto persoal na recentemente creada Universidade de Estocolmo.
Unha das investigacións máis importantes que liderou foi a realizada sobre a rotación dun corpo sólido ao redor dun punto fixo, coa que conseguiu o Premio Bordin da Academia de Ciencias de París e, máis tarde, o Premio da Academia de Ciencias de Suecia. Un cráter lunar e un asteroide levan o seu nome a modo de homenaxe.
Manuela Antonia Barreiro

Manuela Antonia Barreiro, nada en Viveiro en 1877, foi unha adelantada aa seu tiempo. Convirteuse, en 1896, na primeira muller que obtivo o título de Bacharelato en Galicia, n Instituto de Segundo Ensino de Lugo; tamén na primeira muller que se matriculou na Universidade de Santiago de Compostela e, en 1900, na primeira licenciada en Farmacia de Galicia e a séptima de España
Alumna brillante desde o instituto e con eminentes pedagogos na familia, Manuela Barreiro tivo claro desde o primeiro momento que quería seguir adiante coa súa formación, aínda que tivo que loitar contra numerosos atrancos e solicitarlle un permiso ao ministro de Instrución Pública para poder matricularse na universidade, xa que oficialmente a institución non permitiu o acceso ás mulleres ata 1910.
Unha vez rematados os estudos, e debido ao insólito da situación, os xornais da época en Santiago de Compostela informaron da súa obtención do título de licenciada, así como da apertura da súa Farmacia Moderna en Ribadeo, para o que tamén precisou dun permiso especial do ministerio por ser a responsable unha muller e non un home, e que foi noticia de ámbito rexional.
Os testemuños da época resaltan o seu compromiso social coa infancia e coas persoas sen recursos, ás que lles doaba vacinas e mediciñas. Mantívose á fronte do negocio ata que o vendeu en 1931. Durante anos foi omitida dos libros de historia e o seu inmenso legado pasou desapercibido, como acontece con tantas pioneiras.
Emma Ríos

Emma Ríos é unha galardoada debuxante nada en 1976 en Vilagarcía de Arousa e cun estudo na Coruña. Realizou traballos para Marvel (Amazing Spider-Man, Doctor Extraño) e DC Comics, e como ilustradora comercial para firmas internacionais coma Prada, Saga Press ou Wizards of the Coast.
Emma Ríos é de formación autodidacta no que ao cómic se refire e durante anos compaxiou a arquitectura co debuxo. Uniuse ao colectivo Polaqia, a través do cal continuou a miniserie APB a prueba de balas, ademáis de colaborar en diversos fanzines coma O Fanzine das Xornadas de Ourense (2001 e 2005), Barsowia, Carne Líquida ou Puñetas desde o Atlántico.
Tras varias historietas curtas para publicacións de difusión nacional coma Dos veces breve e Los Reyes Elfos, foi galardoada co premio á Mellor Autora Revelación en Expocómic 2008. Apenas un ano antes deixara definitivamente a arquitectura para dedicarse profesionalmente ao debuxo, e a aposta saiulle redonda.
Tras pasar polas grandes producións americanas, conseguiu volver ao cómic de autor en 2014 da man de Image. Coeditou xunto a Brandon Graham a revista Island, onde incluíu "I. D.", obra en solitario de ciencia ficción, e publicou Espejo en dos partes: La montaña e El nido, este último en colaboración con Hwei Lim.
Coa obra Pretty Deadly (Bella muerte), xunto a Kelly Sue DeConnick, foi candidata a dous premios Eisner en 2014 e finalmente gañadora como portadista en 2020 deste galardón, considerado o Óscar dos cómics. Actualmente a ilustradora galega afianzou unha carreira internacional como debuxante e guionista.
Peggy Annette Whitson

Peggy Annette Whitson é unha investigadora bioquímica estadounidense. Foi astronauta xefa da NASA ata que en xuño de 2018 anunciou a súa retirada. En 2007 converteuse na primeira muller astronatuta en comandar a Estación Espacial Internacional en dúas ocasións e é a estadounidense que máis días estivo en órbita: 665 días, 22 horas e 22 minutos.
Whitson naceu en Iowa en 1960 e graduouse en Bioloxía e Química na universidade local en 1981. Cursou un doutorado en Bioquímica na Universidade de Rice, en 1985, e traballou no Centro Espacial Johnson en Houston, Texas, como conselleira residente asociada. De 1989 a 1993 formou parte de diferentes departamentos da NASA ata que en 1996 foi seleccionada como candidata a astronauta e entrou no programa de entrenamento, de dous anos.
En xuño de 2003 foi comandante da Misión NEEMO 5, a bordo do Laboratorio Submarino Aquarius, foi xefa da Oficina des Astronautas; como comandanta da ISS para a Expedición 16, lanzada en outubro de 2007, na Soyuz TMA-11, superou a Sunita Williams como a muller con máis paseos espaciais.
Foi xefa da Oficina de Astronautas ata xullo de 2012 e, como tal, responsable de actividades de preparación da misión de tripulacións da Estación Espacial Internacional e do seu persoal de soporte. En 2016, de camiño á estación espacial coa Expedición 50/51, lanzada o 17 de novembro de 2016, converteuse aos 56 anos na muller de maior idade en voar ao espazo.
Shirley Ann Jackson

Shirley Ann Jackson foi a primeira afroamericana en obter un doutoramento no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), en 1964. A física estadounidense colaborou 15 anos nos Laboratorios Bell, onde realizou contribucións determinantes para o desenvolvemento do fax portátil, dos cables de fibra óptica e da tecnoloxía que permite a identificación das chamadas e a chamada en espera.
Nada en Washington en 1946, foi a segunda muller afroamericana do país en obter un doutoramento en Física e unha firme defensora da incorporación das minorías e as mulleres á ciencia e á enxeñería. Comezou a súa formación nunha escola segregada, pero o seu elevado coeficiente intelectual abriulle as portas do Roosevelt High School e, posteriormente, do MIT, onde de 900 alumnos era a única muller matriculada en Física Teórica. En 1968 graduouse en Física e Ciencia dos Materiais.
Traballou no CERN de Ginebra en 1975, un ano despois foi contratada polos Laboratorios Bell en Murray Hill e, tras o seu paso como docente por diversas universidades, en 1995 foi designada presidenta da Comisión de Regulación Nuclear dos EUA, co que foi a primeira muller e a primeira persoa afroamericana en ocupar ese posto.
En 2015 recibiu a Medalla da Ciencia de EUA pola súa contribución á ciencia e á enxeñería coa creación de innovacións determinantes como as células solares ou os cables de fibra óptica.
Bertha Benz

Nada como Bertha Ringer en Alemaña en 1849, Bertha Benz foi unha pioneira da automoción e a inventora da pastilla de freo para automóbiles. En agosto de 1888 converteuse na primeira persoa en conducir unha longa distancia en automóbil, os 180 quilómetros que separaban as localidades alemás de Mannheim e Pforzheim, a bordo do vehículo cuxo deseño financiara.
Bertha era unha muller afastada dos convencionalismos da época. Quixo estudar e aprendeu mecánica xunto a seu pai no taller familiar. Co diñeiro da súa dote decidiu financiar o proxecto do seu marido, Carl Benz, e converterse na súa socia para desenvolver xuntos un automóbil de tres rodas cun motor de tracción traseira.
O invento non xerou o interese esperado e foi a Bertha á que se lle ocorreu captar a atención do público emprendendo cos seus dous fillos unha insólita viaxe co prototipo do Benz-Patent Motorwagen. Desta forma converteuse na primeira muller da historia en conducir un automóbil e ela mesma tivo que resolver os problemas técnicos que xurdiron durante tan longo traxecto. Incluso tivo que empuxar durante quilómetros o vehículo logo de quedar sen combustible.
A accidentada viaxe proporcionoulle ao invento a publicidade da que precisaba ao tempo que lle serviu a Bertha de inspiración para incorporar melloras coma as pastillas de freo. Tamén contribuíu a que outros inventores, coma Daimler, seguisen investigando e desenvolvendo o prototipo.
Lucienne Heuvelmans

Lucienne Heuvelmans foi unha escultora, pintora e ilustradora nada en 1881 en París, filla dun deseñador e ebanista artístico e dunha modista que alentaron o seu interese pola arte. Tras seguir cursos nocturnos de escultura foi admitida na Escola Nacional de Belas Artes onde lle deron clase importantes figuras da época
Lucienne Heuvelmans converteuse en xullo de 1911 na primeira muller en obter o Gran Prix de Roma, unha bolsa escolar que o Goberno francés lles concede a estudantes de arte tras un duro concurso entre aspirantes. Ese mesmo ano foi admitida na Villa Médicis, onde permaneceu ata 1914. De volta en Francia, traballou como profesora de debuxo e instalou o seu taller preto da praza dos Vosgos, no IV Distrito. Participou regularmente nas exposicións dos Salóns dos Artistas Franceses, onde recibiu unha Mención de Honra en 1907 e unha Medalla de Bronce en 1921, tamén participou no Salón dos Artistas Decoradores no Grand Palais entre 1926 e 1933. De 1924 a 1926 atendeu os encargos da Manufactura de Sèvres.
En 1926 recibiu a insignia de Cabaleiro da Lexión de Honra do Ministerio de Belas Artes. A comezo da década de 1930 instalouse na Bretaña e especializouse en mitoloxía antiga e en arte relixiosa. É coñecida fundamentalmente pola súa obra escultórica, pero non se conserva ningún catálogo exhaustivo do seu traballo.
María Moliner

María Moliner naceu en Zaragoza o 30 de marzo de 1900 e morreu o 22 de xaneiro de 1981 en Madrid. Foi bibliotecaria, arquivista e unha filóloga de referencia, autora do Diccionario de uso del español. Esta obra, á que lle dedicou 15 anos de traballo, está considerada un dos proxectos máis ambiciosos, completos e útiles relacionados coa lingua castelá.
María Moliner comezou a estudar na Institución Libre de Ensino en Madrid e finalizaría o bacharelato cun excelente expediente no Instituto Xeral e Técnico de Zaragoza en 1918. Estudou Filosofía e Letras e durante a súa etapa universitaria participou na creación do Diccionario aragonés, onde collería a experiencia precisa para a que logo sería a obra cume da súa vida.
En 1922 aprobou a oposición ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, e o seu primeiro destino foi o Arquivo de Simancas. De aí trasladouse ao Arquivo da Delegación de Facenda en Murcia, desde onde participou activamente na política bibliotecaria nacional e colaborou coa Institución Libre de Ensino para levar a cabo diferentes misións pedagóxicas.
Contribuíu a poñer fin á precariedade das bibliotecas, pero a súa encomiable dedicación non foi suficiente para evitar a súa inhabilitación durante a Ditadura. Foi esta expulsión forzosa da actividade académica a que a motivou, ao redor de 1950, a comezar a elaborar un dicionario que promovese o correcto uso do castelán. A primeira edición do Diccionario de uso del español publicouna a Editorial Gredos, entre 1966 e 1967, en dous volumes, e reeditouse sen modificacións en vinte ocasións.
O principal atributo desta obra é o emprego dun sistema de sinónimos, palabras afíns e referencias para facilitar a comprensión do significado de moitas palabras, agrupándoas etimoloxicamente e establecendo relacións entre elas en lugar de seguir a orde cronolóxica tradicional. Malia a inxente tarefa que acometeu, os académicos da conservadora Real Academia Española negáronse a aceptala como primeira muller en ingresar nela.
Elvira Lindo

O 23 de xaneiro de 1963 nacía en Cádiz Elvira Lindo, xornalista, escritora, guionista e columnista en diversos medios de comunicación que acadou gran popularidade como creadora das oito novelas de Manolito Gafotas, un neno de Carabanchel cuxas cómicas vivencias son un retrato da vida cotiá nos barrios obreiros do país e que se converteu nun dos personaxes máis queridos polas lectoras e lectores durante anos.
A súa familia mudouse a Madrid, onde Elvira Lindo iniciou a carreira de xornalismo que logo abandonaría para dedicarse á radio e á televisión, traballando como locutora, actriz e guionista. A súa primeira novela rescatou a Manolito Gafotas, un personaxe que ela interpretaba na radio e que protagonizaría os seus seguintes libros.
Manolito Gafotas converteuse nun clásico da literatura española infantil e, en 1998, a autora obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Los trapos sucios de Manolito Gafotas.
Pero Elvira Lindo tamén escribiu novela para adultos: El otro barrio (1998), Algo más inesperado que la muerte (2002), Una palabra tuya (2005), co que obtivo o XIX Premio Biblioteca Breve, ou Lo que me queda por vivir (2010), e varias obras de teatro e guións cinematográficos. En 2019 estreou El niño y la bestia, un conto para teatro no que ela facía o papel de narradora e que lle rende homenaxe ás nenas e nenos da posguerra española.
Nesta última década mantén unha intensa participación en faladoiros radiofónicos e en xornais e a comezos de 2021 foi elixida presidenta do Real Padroado da Biblioteca Nacional.
Gertrude B. Elion

Gertrude B. Elion foi unha das científicas máis brillantes da historia no campo da medicina. En 1988 recibiu o Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina polo descubrimento dos principios fundamentais do desenvolvemento e do tratamento de fármacos. Axudou na aplicación de tratamentos para a leucemia, a malaria e as infeccións do tracto urinario.
Grazas ao seu expediente académico logrou estudar Química no Hunter College con 15 anos, dous antes do que lle correspondía. Ao saír da universidade non atopou traballo como científica, así que durante anos compaxinou a docencia cun emprego de axudante de laboratorio co fin de costear os estudos de posgrao.
En 1939 comezou un mestrado en Química na Universidade de Nova York, no que era a única muller da clase. A chegada da II Guerra Mundial deixou moitos postos libres no ámbito científico e abriulle as portas a un mundo ata entón vedado para as mulleres. Gertrude B. Elion entrou como investigadora na farmacéutica Johnson & Johnson e, pouco despois, en 1944, pasou á compañía farmacéutica Burroughs-Wellcome.
Investigando en solitario ou por medio de colaboracións, Elion revolucionou a medicina do século XX e desenvolveu numerosos fármacos para mellorar a calidade de vida das persoas. Entre os seus descubrimentos destaca o AZT, para o tratamento do VIH, ou do Imuran, que axuda ao corpo a non rexeitar órganos transplantados.
Ademais do Nobel, tamén recibiu a Medalla Nacional á Ciencia (1991) e o Premio Lemelson-MIT a toda unha traxectoria. En 1991 converteuse na primeira muller en entrar no National Inventors Hall of Fame.
Sofía Novoa Ortiz

Nada en Vigo en 1902 e finada en 1987, Sofía Novoa Ortiz foi unha destacada musicóloga e mestra galega que, tras padecer o exilio republicano, logrou consagrarse como catedrática en Nova York. En Madrid trabou amizade coas máis destacadas figuras da Xeración do 27, á que ela se encargou de poñer a banda sonora.
Pertencía a unha familia republicana socialista e estudou o bacharelato en Vigo, onde foi alumna da pianista viguesa María Luisa Sanjurjo de Oza. Máis tarde trasladouse a Madrid para ingresar na Residencia de Señoritas, o primeiro centro oficial de España dedicado a promover a educación universitaria das mulleres.
En 1925 titulouse co Premio Extraordinario en Solfexo, Harmonía e Piano e ampliou os seus estudos en Lisboa. Sempre foi unha defensora da incorporación da música nas escolas. Coa chegada da Guerra Civil, en 1937 emigrou aos Estados Unidos e matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Columbia.
Nove anos despois conseguiu volver a Madrid para defender a súa tese doutoral na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Complutense. De volta nos EUA, e tras impartir clase de español na Universidade de Columbia, asentouse definitivamente na de Vassar, onde acadou o grao de catedrática e foi nomeada directora do Departamento de Español, cargo que ostentou ata a súa xubilación, en 1967.
Nese momento volveu a Madrid, aínda que pasaba os veráns en Vigo e mantivo sempre relación coas súas máis estreitas amizades, coma Olimpia Valencia, a primeira xinecóloga galega.
En 2016 a Deputación de Pontevedra creou na súa honra os Premios Sofía Novoa, que recoñecen traballos universitarios do alumnado dos campus de Pontevedra e Vigo que incorporan a perspectiva de xénero nos proxectos de fin de grao e fin de máster.
Carmen Velasco Portinho

Carmen Velasco Portinho naceu o 26 de xaneiro de 1903 no Río de Xaneiro. Foi unha enxeñeira civil, urbanista e feminista brasileira pioneira da loita polos dereitos da muller no seu país. Foi a terceira muller de Brasil que se graduou como enxeñeira civil no ano 1925 e a primeira en obter o título de posgrao como urbanista en 1939.
Traballou na Dirección de Obras e Vías e foi unha das fundadoras e a primeira presidenta da Asociación Brasileira de Enxeñeiras e Arquitectas. A súa tese Anteproxecto para a Futura Capital do Brasil no Planalto Central foi o antecedente directo do Plan piloto de Brasilia proxectado por Lúcio Costa.
Nos anos corenta estivo á fronte do Departamento de Vivenda Popular e gozou dunha bolsa en Inglaterra para integrarse nos equipos de reconstrución e remodelación das cidades inglesas bombardeadas durante a Segunda Guerra Mundial. Nos anos cincuenta dirixiu o proxecto do edificio do Museo de Arte Moderno de Río e foi a máxima responsable da primeira escola superior de deseño industrial de América Latina entre 1967 e 1988.
Foi unha activa militante polos dereitos da muller. Desde a adolescencia colaborou con Bertha Lutz na organización do movemento sufraxista brasileiro. En 1930 fundou na súa propia casa a Unión Universitaria Feminina, que loitaba, entre outras cosas, pola igualdade de dereitos laborais e salariais. A súa principal preocupación era que as mulleres acadasen a independencia económica.
Lilí Álvarez

Elia María González-Álvarez y López-Chicheri, nada en Roma en 1905, foi unha muller absolutamente singular e única. Máis coñecida como Lilí Álvarez, foi deportista, escritora e xornalista, a primeira muller española xunto con Rosa Torras en participar nuns Xogos Olímpicos, tripla finalista en Wimbledon, intelectual e comprometida feminista; unha muller polifacética.
Falamos dunha extraordinaria deportista: tenista, escaladora, patinadora, esquiadora e automobilista. Unha muller adiantada ao seu tempo que se criou en Suíza, afastada dos convencionalismos de comezos do século XX, e se formou lonxe dos colexios, entre libros, canchas deportivas e conversas con intelectuais que mantiñan amizade coa familia.
Con só 12 anos gañou o campionato de patinaxe sobre xeo de Saint Moritz, e posteriormente recibiría a Medalla de Ouro Internacional desa modalidade. Con 19 anos gañou o Campionato de Cataluña de Automobilismo sendo a única muller na competición. A súa gran xesta chegaría pouco despois xunto á catalá Rosa Torras: con ela converteuse na primeira española en acudir aos Xogos Olímpicos de París, en 1924, e foi finalista de Wimbledon en 1926, 1927 e 1928.
En 1941 proclamouse campioa nacional de esquí, en slálom e descenso, pero a federación quitoulle o título tras denunciar prácticas machistas na competición. Estas firmes conviccións defendíaas nos seus artigos xornalísticos, nos que falaba nos anos cincuenta de temas tabú coma o sexo ou o control da natalidade. Apoiaba o divorcio e os anticonceptivos, e en 1960 participou na fundación do Seminario de Estudos Sociolóxicos da Muller (SESM), co fin de reclamar o acceso ao traballo, á educación e á protección xurídica das mulleres.
Hipatia

Hipatia foi unha filósofa, matemática e astrónoma, considerada a primeira científica da historia. Destacou no campo das matemáticas e da astronomía e foi integrante e cabeza da Escola Neoplatónica de Alexandría a comezos do século V. Desenvolveu un método máis eficiente para facer divisións longas e dedicouse a estudar o movemento das estrelas.
Moitos aspectos da súa vida son un misterio e a principal fonte de información da que dispoñemos son os escritos dos seus discípulos. As últimas teses postulan como data máis probable do seu nacemento o ano 355. O seu pai e instrutor foi Teón, matemático e astrónomo que exercía de profesor na Biblioteca de Alexandría.
Hipatia foi unha das primeiras mulleres matemáticas da historia e as súas contribucións son innumerables. Escribiu sobre xeometría, álxebra e astronomía, mellorou o deseño dos primitivos astrolabios e inventou un densímetro. Escribiu o Comentario da Aritmética de Diofanto, obra que impulsou decisivamente a álxebra coa creación duns signos matemáticos que simplificaban e axilizaban as operacións e os cálculos.
A figura de Hipatia converteuse nun verdadeiro mito; desde a época da Ilustración preséntase como unha mártir da ciencia, vítima do fanatismo relixioso que acabou abruptamente coa súa vida. A teoría dominante é que foi asasinada por persoas que se sentían ameazadas pola súa erudición e pola profundidade dos seus coñecementos científicos, aínda que de forma máis recente a súa morte se relacionou coas tensións políticas da época.
Olga Novo

Olga Novo, nada en Lugo en 1975, é poeta, ensaísta e doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, ademais dunha das voces máis destacadas da poesía contemporánea en galego. Desde moi nova desenvolve un intenso labor como poeta, crítica e impulsora de iniciativas culturais. Compaxina o seu labor literario coa docencia de Lingua Galega e Literatura en Secundaria.
O seu poemario Feliz Idade foi galardoado co Premio Nacional de Poesía 2020, concedido polo Ministerio de Cultura, que o enxalza como “un relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”. Esta mesma obra xa conseguira o ano anterior o Premio da Crítica 2019.
Os seus tres primeiros poemarios publicados, A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997), que recibiu o Premio Losada Diéguez de Creación, e A cousa vermella (2004), foron loados pola crítica pola súa forza expresiva unida a unha fonda e persoal sensualidade.
Olga Novo tamén é autora de Magnalia (2001), en colaboración co tamén poeta Xoán Abeleira e coa pintora Alexandra Domínguez; e Monocromos (2006), co pintor Concetto Pozzati. Tamén publicou libros de ensaio e colabora con varias publicacións culturais.
Como estudosa da literatura publicou os ensaios Por un vocabulario galego do sexo. A terminoloxía erótica de Claudio Rodríguez Fer (1996), O lume vital de Claudio Rodríguez Fer (1999), Uxío Novoneyra. Lingua loaira (2005), Erótica Medieval Galaica: leda m'and'eu (2013) e No principio foi o pracer (2017).
Ada Hederberg

Feminista, goleadora e ambiciosa. Ada Hederberg, nas filas do Olympique de Lyon, é unha xogadora de fútbol dunha calidade incuestionable. Foi elixida Mellor Xogadora Europea da UEFA en 2016 e pasou á historia en 2018 ao converterse na primeira muller en recibir o Balón de Ouro.
Comezou a súa carreira profesional con quince anos, e desde entón suma seis ligas nacionais, cinco copas de Francia e cinco ligas de campións. Internacional absoluta coa selección norueguesa desde 2011 ata 2017, disputou unha Eurocopa e a Copa Mundial Feminina de 2015.
Hederberg é un referente deportivo dentro e fóra do terreo de xogo. Muller comprometida coa igualdade, soubo desde os inicios canalizar a súa popularidade para darlle visibilidade ao talento feminino e loitar polos dereitos das mulleres no fútbol.
Acuñou o lema “believe in yourself” (“cre en ti mesma”), co que trata de alentar a vocación deportiva de milleiros de mozas europeas.
Nunha decisión sen precedentes no seu deporte, renunciou a xogar o Mundial de Francia, a máxima competición á que pode aspirar unha xogadora de fútbol, ao negarse a federación do seu país a cumprir a súa esixencia de igualdade total na Copa do Mundo entre as seleccións masculina e feminina.
A considerada naquel momento mellor xogadora do mundo non disputou o Mundial, pero o seu xesto de desafiar os estamentos deportivos do seu país propiciou un intenso debate social que forzou a federación norueguesa e o sindicato de futbolistas do país escandinavo a asinar un convenio de igualdade salarial entre mulleres e homes no fútbol.
Ada Hegerberg fichou polo Olympique de Lyon en xullo de 2014 e, tras unha importantísima lesión que a mantivo máis dun ano sen xogar, volveu á competición o pasado mes de outubro.
June Mathis

June Mathis converteuse en 1919 na primeira muller executiva cinematográfica da historia de Hollywood. Foi a primeira muller cun posto de responsabilidade no daquela poderosísimo estudio Metro-Goldwyn-Mayer. En 1926 foi votada polo AMPAS como a terceira muller máis influente en Hollywood tras Mary Pickford e Norma Talmadge.
Nada en Colorado en 1887, comezou como debuxante, xornalista e actriz de teatro. Pasaba as noites vendo películas e decidiu escribir guións porque consideraba que as adaptacións literarias non tiñan suficiente calidade.
Entre as súas obras máis coñecidas está a adaptación de Os catro xinetes da Apocalipse, unha das primeiras películas antibélicas, e títulos coma Sangue e area, de Blasco Ibáñez, Ben-Hur e un dos seus grandes éxitos: Avaricia. É lembrada por ser a descubridora de Rodolfo Valentino.
Grazas ao éxito incontestable das súas cintas gañou o respecto da industria, ademais dun bo salario, e foi das primeiras mulleres en acadar poder de decisión sobre a edición das películas e todo o proceso creativo.
Foi unha muller cun profundo coñecemento da industria do cinema e, ademais de ser unha das pioneiras do cinema, tamén se lle debe a Mathis o formato de guión que se emprega hoxe en día, xa que foi das primeiras en incorporar instrucións detalladas e notas de localización.
Escribiu e colaborou en máis dun cento de guións desde 1915 ata 1927. Foi membro fundadora da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas.
Lucretia Mott

Lucretia Mott é un dos nomes propios da historia do feminismo nos Estados Unidos. O seu compromiso social comezou pola loita contra a escravitude e, unha vez se acadou o seu fin en 1865, centrou os seus esforzos en reivindicar a igualdade entre mulleres e homes. Participou na organización da Convención de Seneca Falls, a primeira sobre os dereitos da muller no país, que tivo lugar en xullo de 1848.
Lucretia Mott naceu o 3 de xaneiro de 1793 en Massachusetts. Medrou nunha comunidade cuáquera na que se defendía a igualdade entre todos os seres humanos e con trece anos iniciou a súa educación formal na escola Dutchess County, onde se graduou e traballou como docente.
Entre 1837 e 1839 participou activamente nas tres convencións antiescravistas de mulleres americanas e tres anos despois viaxou a Londres para asistir ao Congreso Mundial Abolicionista. Axudou a moitas escravas e escravos para fuxir polo denominado “ferrocarril subterráneo”.
En 1850 publicou Discourse on Woman, un texto no que plasmou as inxustizas ás que se tiñan que enfrontar diariamente as mulleres. A partir de 1865 centrouse na loita polo sufraxio para as mulleres e para as persoas de raza negra. Xunto a outras feministas como Elizabeth Cady Stanton, Susan B. Anthony ou Lucy Stone, Lucretia Mott fundou en 1866 a Asociación Americana para a Igualdade de Dereitos.
Angels Barceló

Angels Barceló é unha das comunicadoras de referencia deste país. Desde setembro de 2019 dirixe o programa Hoy por hoy, líder da información radiofónica das mañás tras 35 anos en antena. Comezou a súa carreira aos vinte anos en Catalunya Ràdio e tras pasar por TV3 deu o salto á televisión nacional en 1997 como editora dos informativos de fin de semana de Telecinco.
En 2005 decidiu dar un xiro profesional á súa carreira e regresar a Barcelona e fichou pola Cadena SER para dirixir e presentar o programa de variedades da fin de semana A vivir que son dos días. Apenas dous anos despois, a finais de 2007, elixírona para poñerse á fronte do mítico informativo diario Hora 25. Daquela xa posuía unha Antena de Ouro como presentadora de Informativos Telecinco, un Premio Micrófonos de APEI pola cobertura do Prestige, en colaboración con Hilario Pino, e un Premio ATV á Mellor Comunicadora de Programas Informativos.
En 2017 recibiu o Premio Ondas en recoñecemento “ao seu rigor, á posta en antena tecnicamente perfecta e á súa ambición por innovar o formato”. Tras once anos dirixindo Hora 25, en setembro de 2019 púxose á fronte do matinal Hoy por hoy, do que continúa a ser directora, consolidándose como unha das voces imprescindibles da información das últimas décadas.
Nerea Barros

Nerea Barros recibiu en 2014 o Premio Goya á Mellor Actriz Revelación pola cinta La isla mínima. Pero a súa vocación espertou ben cedo e debutou no cinema con dezaseis anos, en 1997, na película Nena, do director galego Xavier Bermúdez, cineasta co que volvería colaborar en 2008 no filme Rafael.
Durante anos compaxinou o seu traballo de enfermeira no Hospital Clínico de Santiago de Compostela con pequenos papeis como actriz de cinema e teatro. A nivel autonómico converteuse nun rostro popular da pequena pantalla ao obter o seu primeiro papel relevante na serie emitida na TVG Matalobos. En 2013 daría o salto á televisión nacional grazas á súa participación en El tiempo entre costuras, a adaptación da novela de María Dueñas para Atresmedia.
En 2020 estreou como protagonista La isla de las mentiras, dirixida por Paula Cons, película que recupera a historia de ficción de tres heroínas que arriscaron a súa vida para salvar as e os pasaxeiros do Santa Isabel, un navío que se dirixía á Arxentina e que se afundiu fronte á illa de Sálvora.
En maio dese ano, e impactada polas graves consecuencias da pandemia, a actriz galega retomou temporalmente o seu traballo na sanidade para axudar en primeira liña a combater a COVID-19.
Na actualidade vive un momento moi doce a nivel profesional e ten pendente que se estree a serie dirixida por Paco Cabezas La novia gitana, a adaptación do supervendas de Carmen Mola que se emitirá na plataforma Atresplayer PREMIUM.
Eileen Gray

Kathleen Eileen Moray, coñecida como Eileen Gray, está considerada unha das arquitectas e deseñadoras de mobles máis importantes da primeira metade do século XX, ademais de ser unha pioneira no deseño industrial e na arquitectura contemporánea. É a autora dunha das vivendas máis importantes do Movemento Moderno, a casa E1027, no sur de Francia.
Gray naceu en 1878 en Irlanda, educouse en Londres e foi unha das primeiras mulleres en ser admitidas na Slade School of Fine Art, onde empezou a dedicarse á pintura. En 1900 trasladouse a París e continuou os seus estudos na Académie Julian e na École Colarossi. Tras a súa exposición no Salon des Artistes Décorateurs de París en 1913, consolidouse como representante do movemento Art Decó.
Durante a guerra viu interrompido o seu traballo e converteuse en condutora de ambulancia para o exército francés en París. Posteriormente, encargáronlle a decoración e os mobles para un apartamento na parisina Rue de Lota, proxecto para o que deseñaría a súa icónica butaca Bibendum inspirada na silueta do boneco Michelin.
Gray é probablemente a deseñadora máis precoz e prolífica do século XX, pasou á historia por pezas tan coñecidas como a súa mesa circular de cristal e altura axustable, bautizada como E1027, ou os seus mobles de tubo de aceiro cromado. Viviu case un século e participou nos principais movementos e nos estilos desenvolvidos na arquitectura e no deseño industrial modernos, adiantándose ás tendencias da época.
Rosario Weiss Zorrilla

Rosario Weiss Zorrilla foi unha debuxante e pintora do século XIX. Afillada e discípula de Francisco de Goya, é a verdadeira autora dos setenta e sete debuxos conservados na Hispanic Society atribuídos inicialmente ao pintor aragonés. Tamén recibiu formación do arquitecto Tiburcio Pérez Cuervo.
Naceu en Madrid o 2 de outubro de 1814, pero pasou parte da súa infancia en París, onde recibiu clases de Goya ata que en 1825 accedeu á escola pública rexentada por Pierre Lacour.
De volta a Madrid traballou temporalmente como copista no Museo Nacional del Prado, na Academia de San Fernando e nalgunha colección privada. Cultivou a miniatura, o retrato a lapis, que conforma a parte máis substancial da súa produción, e a litografía.
En 1840 nomeárona Académica de Mérito pola Pintura, na Academia de San Fernando, e un ano despois a súa obra El silencio logrou a medalla de prata na exposición organizada pola Société Philomatique de Burdeos. En xaneiro de 1842 recibiu o seu máximo recoñecemento profesional ao ser nomeada mestra de debuxo de Isabel II e da súa irmá, a infanta Luisa Fernanda.
Consérvanse pinturas, debuxos e litografías na Biblioteca Nacional de España, na biblioteca da Real Academia Española, no Museo Lázaro Galdiano, na Real Academia de San Fernando, no Museo do Romanticismo e no Museo Nacional del Prado, que posúe unha pintura e un debuxo adquirido en 2014.
Mary Anning

Mary Anning foi a primeira paleontóloga en ser recoñecida como tal, ademais de coleccionista e comerciante de fósiles. O seu traballo foi clave para a comprensión da vida prehistórica e para demostrar que se producen extincións. Coñecida en todo o mundo polos seus importantes achados dos fondos mariños do período xurásico, a súa condición de muller e o feito de ser de familia protestante non anglicana pechoulle as portas da comunidade científica británica e moitos colegas xeólogos usaron os seus achados nos seus propios traballos sen nomeala.
Nacida na costa británica de Dorset (Inglaterra) en 1799, desde nena axudoulle a seu pai na procura de fósiles nos xacementos costeiros preto da súa vivenda que logo lles vendían aos turistas. O que comezou como un pasatempo empezou a configurarse a comezos do século XIX como unha ciencia ao comprenderse de forma progresiva a importancia dos fósiles para a xeoloxía e a bioloxía.
Entre os seus achados máis relevantes figuran os primeiros esqueletos de ictiosauro e plesiosauro, o primeiro pterosauro fóra de Alemaña e fósiles de múltiples peixes que atopaba nos cantís costeiros que rodeaban Lyme, considerada un dos xacementos máis ricos de fósiles da Gran Bretaña.
En 1826, aos 27 anos, abriu unha tenda chamada Almacén de Fósiles Anning que visitou o xeólogo George William Featherstonhaugh para adquirir fósiles para o recentemente inaugurado Liceo de Historia Natural de Nova York en 1827. O rei Federico Augusto II de Sajonia comproulle en 1844 un esqueleto de ictiosauro para a súa vasta colección de historia natural.
Maria Mitchell

Maria Mitchell foi unha astrónoma, bibliotecaria, naturalista e educadora estadounidense que en 1847 descubriu o cometa 1847 VI, achado polo que recibiu unha medalla de ouro entregada polo rei Christian VIII de Dinamarca. Foi a primeira muller en ingresar na Academia Americana de Artes e Ciencias e na Asociación Americana para o Avance da Ciencia.
Naceu en 1818 en Nantucket, unha illa próxima a Massachusetts, no seo dunha familia cuáquera que promovía a educación igualitaria de mulleres e homes. Desde nena interesáronlle a astronomía e as matemáticas avanzadas; con 14 anos guiaba os barcos baleeiros que partían do porto de Nantucket e que confiaban na súa habilidade para calibrar os instrumentos de navegación que lles axudarían a orientarse durante as súas semanas en alta mar para pescar.
En 1847, mentres observaba o ceo desde o tellado da súa casa, atopouse co que sería identificado posteriormente como Miss Mitchell's Comet na súa honra. Grazas ao seu descubrimento foi contratada polo servizo que elaboraba o calendario náutico seguindo os movementos de Venus que servía como estrela guía para os barcos.
Foi a primeira muller nomeada profesora de astronomía no Vassar College polo seu fundador, Matthew Vassar, en 1865, e revolucionou os métodos tradicionais de ensinanza. En 1869 Mitchell uniuse a Mary Somerville e Elizabeth Cabot Agassiz para converterse nunha das primeiras mulleres elixidas para a American Philosophical Society.
Susan Jocelyn Bell Burnell

Susan Jocelyn Bell Burnell, nacida en Belfast en xullo de 1943, é unha astrofísica norirlandesa que, sendo estudante de posgrao, codescubriu o primeiro sinal de radio dun púlsar en 1967. A detección dos púlsares está considerada un dos achados astronómicos máis relevantes do século XX, xa que permitiu contrastar a teoría da evolución estelar. Por este fito recibiron o Premio Nobel de Física de 1974 Anthony Hewish e Martin Ryle, mentres que a Bell Burnell a excluíron do galardón.
Pasou a súa infancia rodeada de libros de astronomía e en 1965, tras graduarse en Ciencias Naturais na Universidade de Glasgow, trasladouse a Cambridge, onde realizou o doutoramento baixo a supervisión de Antony Hewish.
Bell Burnell traballou na University College de Londres e no Royal Observatory en Edimburgo, antes de converterse en profesora de Física na Open University e profesora visitante en Princeton. Foi presidenta da Royal Astronomical Society, entre 2002 e 2004, e profesora visitante en Oxford.
Aínda que non obtivo o Premio Nobel xunto a Hewish, ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos recoñecementos, coma a Medalla Michelson do Instituto Franklin ou a Medalla Herschel da Royal Astronomical Society. Nomeárona Comandanta da Orde do Imperio Británico e, en 2018, outorgóuselle o Premio Bell Burnell (considerado o Óscar da ciencia) na categoría de Física Fundamental en recoñecemento ao seu descubrimento dos púlsares coincidindo co 50 aniversario da súa publicación en Nature.
Katharine Dexter McCormick

Katharine Dexter McCormick foi unha sufraxista estadounidense e filántropa que financiou a maior parte da investigación que permitiu desenvolver a primeira pílula anticonceptiva, o que redefiniu o papel da muller na familia e na sociedade.
Naceu en Michigan en 1875 e graduouse en Bioloxía no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts en 1904. Foi alí onde amosou por primeira vez en público o seu compromiso coa igualdade de dereitos entre mulleres e homes, ao negarse a levar o sombreiro de plumas que se lles requiría ás estudantes femininas. Tal foi a súa loita que conseguiu que a institución mudase o seu regulamento.
Herdeira dunha parte substancial da fortuna da familia McCormick, desafiou os costumes da época e empregou boa parte dos fondos en axudar a causas sociais. En 1909 interveu na primeira manifestación ao aire libre a favor do sufraxio feminino, en Massachusetts, converteuse en vicepresidenta e tesoureira da Asociación Nacional Estadounidense do Sufraxio da Muller e financiou a publicación da asociación Woman's Journal.
McCormick colaborou con Carrie Chapman Catt na ratificación da Décimo novena Emenda e uniuse ao Comité das 100, un grupo de mulleres que practicaban a promoción da legalización do control da natalidade co fin de redefinir a idea de familia e o rol das mulleres na sociedade. McCormick financiou con dous millóns de euros da época a investigación para desenvolver a primeira pílula anticonceptiva moderna e supervisou todo o proxecto como bióloga.
Hattie McDaniel

Hattie McDaniel, actriz e cantante estadounidense, foi a primeira afroamericana en gañar un Óscar, en 1940, pola súa brillante interpretación de Mammy en Lo que el viento se llevó. Vítima da sociedade racista da época, prohibíronlle asistir á estrea da película e tampouco puido sentar co resto do equipo o día da entrega de premios.
Nacida en Kansas en 1893, conseguiu destacar no negocio do espectáculo nos albores dos anos trinta e o seu talento levouna directa a Hollywood, onde se viu relegada a papeis de criada por unha industria dominada por homes brancos de mediana idade, ao tempo que foi rexeitada por organizacións afroamericanas que a criticaban por pregarse aos estereotipos que lle impoñía o sector.
Cantante, compositora e actriz, o seu contrato coa Century Fox levouna a traballar coas grandes estrelas da época, desde John Ford a Shirley Temple, pasando por Katherine Hepburn e David Butle. Participou en preto de 300 producións nas que interpretaba personaxes secundarias que non lle permitían explotar todo o seu talento. Despois do Óscar seguiu facendo historia e converteuse tamén na primeira afroamericana en ter o seu propio programa de radio.
No seu testamento pediu ser enterrada no cemiterio Hollywood Forever ao igual que moitas outras estrelas do cinema, pero non viu cumprido o seu desexo. Décadas máis tarde, en 1999, o camposanto erixiu unha placa para homenaxeala e o Goberno estadounidense dedicoulle un selo postal.
Marie Curie

Marie Salomea Sklodowska Curie foi a primeira persoa en obter dous premios Nobel en distintas especialidades, Física e Química, en 1903 e 1911 respectivamente. A científica polaca foi, sen ningún xénero de dúbida, unha das mentes máis brillantes do século XX, unha pioneira que abriu camiño para as mulleres da ciencia tras descubrir a radioactividade e diferentes elementos coma o polonio e o radio.
Naceu en 1867 en Varsovia, foi unha alumna sobresaínte e graduouse aos 15 anos con medalla de ouro. En 1891 mudouse a París para estudar ciencias na Sorbona, onde finalizou os seus estudos de Física en dous anos como número un da súa promoción. Ambiciosa e autodidacta, conseguiu a súa segunda licenciatura en Matemáticas ao ano seguinte.
Dedicoulle toda a súa vida á ciencia e as súas investigacións foron pioneiras. Curie publicou en 1898 un artigo anunciando a existencia do polonio, nomeado en honra ao seu país de orixe, e meses despois descubriu o radio nunha investigación na que acuñou o termo radioactividade. Marie e Pierre, o seu marido, compartiron en 1903 o Nobel de Física.
Marie Curie converteuse na primeira muller en ocupar o posto de profesora na Universidade de París e seguiu traballando no laboratorio no illamento do radio, avances que lle valeron o seu segundo Premio Nobel en 1911. Non patentou os seus achados e decidiu dalos a coñecer para que puidesen usarse con fins médicos. Na Primeira Guerra Mundial encargouse ela mesma dos equipos radiolóxicos para axudar os soldados feridos.
Curie foi tamén a primeira muller en descansar no Panteón de París, o maior recoñecemento outorgado pola República Francesa a personaxes ilustres. A día de hoxe só hai cinco mulleres alí enterradas das case 80 persoas homenaxeadas.
Suzanne Ciani

Suzanne Ciani é unha compositora, pianista e produtora musical estadounidense de orixe italiana. É pioneira no campo da música electrónica. Foi unha das primeiras mulleres en facerse un nome no mundo da música New Age, gañadora dun Globo de Ouro e nomeada en cinco ocasións aos Premios Grammy.
Interesouse pola música desde nena. Con sete anos comezou a tocar o piano de forma autodidacta e cando estudaba no Wellesley College dividía o seu tempo entre a composición e a interpretación. A finais dos sesenta coñeceu en Berkeley a tres dos fundadores da música electrónica e empezou a traballar para Don Buchla soldando sintetizadores.
Dedicou os seguintes dez anos da súa vida a explorar as posibilidades dun instrumento que ela mesma construíu con diversas pezas que foi adquirindo e que bautizou como Buchla.
En 1974, Ciani decidiu trasladarse a Nova York e creou a súa propia compañía especializada en crear música e efectos sonoros para anuncios de televisión e videoxogos. Inventou o son das burbullas da Coca-Cola e tamén realizou anuncios para compañías coma American Express, General Electric ou Atari. En 1980 compuxo para Bally a música e os sons do pinball Xenon, onde ademais, incluíu a súa propia voz, o que se converteu no primeiro xogo con voces femininas.
O seu triunfo ten moitísimo mérito; en primeiro lugar, como estandarte da música electrónica desde a súa orixe, a principios dos anos 70; e en segundo lugar, por ser quen de gañarse a vida nesa disciplina cando case ningunha discográfica apostaba polo son dun sintetizador. Ciani tivo que producir ela mesma o seu primeiro álbum e facerse un oco nunha industria musical dominada por homes.
Katharine Hepburn

Katharine Hepburn é a única actriz da historia con catro premios Óscar, unha muller independente, progresista e pioneira do feminismo en Hollywood. Xogou un papel determinante na construción dun novo paradigma feminino tanto dentro coma fóra da industria do cinema, que cimentou con xestos e decisións coma disfrazarse de home, beber, fumar en público, enfundarse un traxe pantalón ou divorciarse para poder continuar a súa carreira profesional.
Estudou Interpretación na Bryn Mawr College de Filadelfia, onde se iniciou no teatro antes de participar en varias producións de Broadway. O salto ao cinema produciuse en 1932 da man da RKO con Dobre sacrificio, película na que coincidiu cun dos seus directores favoritos, George Cukor.
Muller de fortes conviccións, Hepburn foi unha estrela pouco convencional. Nunca se someteu aos estereotipos impostos polas grandes produtoras do momento e renegou do glamour de Hollywood; ademais decidiu vivir libremente e compartir unha etapa da súa vida cunha muller.
Katharine Hepburn é, polo tanto, moito máis que unha actriz de gran talento e a máis galardoada da historia. Coa súa forte independencia e o seu marcado carisma foi capaz de romper estereotipos e abrirlles camiño a outras moitas compañeiras de etapas posteriores.
Tivo unha longa traxectoria na que participou en títulos que hoxe son historia do cinema coma A raíña de África, Historias de Filadelfia, ou os catro cos que gañou o Óscar, Gloria por un día (1933), Adiviña quen vén esta noite? (1967), O león en inverno (1968) e No estanque dourado (1981).
Emma Watson

Emma Charlotte Duerre Watson, nada en París en 1990, é unha actriz, modelo e activista británica nomeada embaixadora de boa vontade da ONU Mulleres para o empoderamento de nenas e mozas e colaboradora da campaña “HeForShe” que promove a igualdade de xénero.
É coñecida mundialmente desde nena por interpretar a Hermione Granger, a protagonista feminina dunha das adaptacións literarias máis famosas da historia do cinema: a de Harry Potter, de J. K. Rowling. A súa actuación na primeira película, Harry Potter e a pedra filosofal, permitiulle gañar o premio Young Artist na categoría Mellor Interpretación de Moza Protagonista.
Finalizada a saga, Emma decidiu apostar polo cinema independente en As vantaxes de ser un marxinado ou The Bling Ring, de Sofia Coppola. Tamén participou na superprodución A bela e a besta e nunha nova versión de Mociñas, dirixida por Greta Gerwig.
Watson compaxinou a súa carreira como actriz coa súa formación, graduouse en Literatura Inglesa pola Universidade de Brown. Desde moi nova implicouse en numerosas causas humanitarias coma a promoción da educación de nenas en Bangladesh e Zambia, as iniciativas para promover o comercio xusto e foi embaixadora de Camfed International, un movemento para educar mozas na África rural.
Está considerada unha firme defensora da moda ética e, en 2020, demostrou o seu compromiso coa sostibilidade e entrou a formar parte do grupo Kering, propietario de Gucci ou Balenciaga, como directiva de sostibilidade. Coas súas aparicións públicas trata de visibilizar sempre as firmas que apostan por materiais ecolóxicos.
Marian Dawkins

Marian Dawkins, bióloga inglesa, catedrática en Comportamento Animal na Universidade de Oxford. O seu traballo foi fundamental para axudar a establecer o benestar animal como un campo de investigación científica independente. Dawkins fixo posible que se considerase o punto de vista dos animais desde ángulos nunca antes explorados.
O seu traballo está enfocado á comunicación entre aves e peixes, á formación de xerarquías sociais, á conciencia e ao benestar animal. Dawkins publicou un extenso número de documentos sobre o comportamento e o benestar dos animais. Promoveu, xunto a outras e outros colegas académicos, coma Ian Duncan, a idea de que os animais deben considerarse seres sensibles.
A investigadora busca sempre aplicacións prácticas para os seus achados. Esforzouse por demostrar que as melloras no benestar animal poden traducirse en beneficios económicos para os humanos. Liderou o desenvolvemento en Oxford dun sistema que lles permite ás granxeiras e aos granxeiros rastrexar os patróns de movemento dos polos e avaliar os seus comportamentos para deseñar contornos máis cómodos.
A Royal Society for the Prevention of Cruelty to Animals (RSPCA) galardoouna co premio RSPCA/British Society for Animal Protection en 1991, recibiu a Medalla Niko Tinbergen da Asociación para o Estudo do Comportamento Animal en 2009, e a Medalla Robert Fraser Gordon da Poultry Science Association en 2011. En 2014 nomeárona comendadora da Orde do Imperio Británico (CBE) polos seus servizos ao benestar animal e nese mesmo exercicio elixírona membro da Royal Society.
Ana María Pérez del Campo Noriega

Ana María Pérez del Campo Noriega, nada en Madrid en 1936, é unha peza fundamental da historia do feminismo en España. Licenciada en Dereito Matrimonial, foi pioneira na loita polos dereitos das mulleres durante a ditadura franquista e a transición española, ademais de cofundadora, en 1973, da primeira Federación de Asociacións de Mulleres Separadas e Divorciadas, legalizada un ano despois cando o divorcio aínda non estaba recoñecido.
Desde moza manifestou o seu espírito rebelde negándose a facer o servizo social obrigatorio da Sección Feminina falanxista dirixida por Pilar Primo de Rivera. A súa loita incansable contra o machismo comezou aos 25 anos cando tivo que fuxir dos malos tratos do seu marido e retornar á vivenda da súa nai, en 1961. A partir dese momento, a súa implicación no movemento feminista foi transcendental.
A finais dos anos sesenta impulsou unha rede de asesoramento e de apoio legal para mulleres que cristalizaría anos despois na Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas. En 1981 participou na redacción de varios artigos da lei española do divorcio, foi membro do Consello Asesor do Instituto da Muller e en 1991 fundou o primeiro centro de atención integral a vítimas de violencia de xénero.
Tamén é pioneira no uso do concepto de terrorismo de xénero para denunciar a violencia contra as mulleres, que ela atribúe “á ideoloxía do sistema patriarcal”.
Escribiu máis de 300 relatorios e artigos e recibiu numerosos recoñecementos coma a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, en 2006, e a Medalla á Promoción dos Valores da Igualdade, en 2009. Ademais, é considerada unha das “100 mulleres do século XX que abriron camiño á igualdade” polo Consello da Muller da Comunidade de Madrid.
Jacqueline Cochran

Jacqueline Cochran é unha lenda da aviación estadounidense, considerada unha das principais pilotos de carreira da súa xeración. Foi a primeira muller en romper a barreira do son, en aterrar e en despegar dun portaavións, en pilotar un bombardeiro a través do Atlántico e a única muller que presidiu a Fédération Aéronautique Internationale (1958-1961). A día de hoxe seguen vixentes algúns dos récords que estableceu durante a súa traxectoria profesional.
Durante a Segunda Guerra Mundial formou parte dunha organización chamada Wings for Britain, encargada de transportar aeronaves construídas en América do Norte ata Gran Bretaña. Impulsou a creación da Women Airforce Service Pilots (WASP), organización que dirixiu desde o primeiro momento e que tiña como obxectivo a formación e o adestramento de centos de mulleres piloto. Polas súas contribucións durante a guerra recibiu a Medalla polo Servizo Distinguido da Forza Aérea e a Cruz de Voo Distinguido.
Despois da guerra comezou a voar en jets con motor de reacción e acadou numerosos récords. Cando faleceu en 1980 ningún piloto superara as súas marcas de maior velocidade, distancia ou altitude na historia da aviación.
Participou na carreira aérea MacRobertson en 1934. En 1937 foi a única muller que competiu na Bendix Race e traballou coa pioneira Amelia Earhart para lograr que admitisen mulleres na competición. Está considerada unha das mulleres máis destacadas da historia da aviación e unha das aviadoras máis importantes.
Tarana Burke

Tarana Burke é unha activista estadounidense dedicada desde moza a traballar con adolescentes que sufriron abusos sexuais. É a responsable e a fundadora en 2006 do movemento social #MeToo, que se expandiu como fenómeno mundial décadas despois cando varias actrices de Hollywood empregaron este mesmo lema para falar abertamente dos abusos dos magnates da industria.
A partir de 2017 ese “eu tamén” converteuse nun berro internacional de denuncia ante os abusos do patriarcado e animou milleiros de mulleres do mundo a compartir as súas experiencias de forma global nas redes sociais. Este feito revolucionario que as axudaba a liberarse do estigma e sinalaba os abusos como algo sistemático levou a revista Time a escoller a Burke e o seu movemento como Persoa do Ano.
Nada en Nova York en 1973, Burke asistiu á Universidade Estatal de Alabama e máis tarde á Universidade de Auburn, onde se involucrou en mobilizacións a favor da xustiza económica e social. Sufriu violencia sexual na infancia, o que a motivou a traballar desde os 22 anos con sobreviventes de abusos coma ela. En 2003 creou a asociación Just Be e colaborou tamén con Art Sanctuary Philadelphia, entre outras moitas organizacións sociais.
Foi en 2006 cando comezou a empregar a frase #MeToo para concienciar sobre a omnipresencia do abuso na sociedade. No ano 2018 recibiu o Premio Reindehour polo valor que se lles outorga ás “persoas que demostran unha defensa valente do interese público e un compromiso apaixonado coa xustiza social”. Actualmente é a directora da organización Girls for Gender Equity en Brooklyn.
María Zambrano

María Zambrano foi unha intelectual, filósofa e ensaísta española recoñecida como unha das figuras fundamentais no desenvolvemento do pensamento contemporáneo español do século XX. Gañou o Premio Príncipe de Asturias das Letras de 1981 e foi a primeira muller en recibir o máximo galardón da literatura en español, o Premio Cervantes, no ano 1989.
Nada en Málaga en 1904, Zambrano estudou Filosofía e Letras na Universidade Central de Madrid, onde foi discípula de José Ortega y Gasset. Nesta etapa universitaria participou en varios movementos estudantís e comezou a publicar en xornais coma El Liberal, ademais de integrarse na Federación Universitaria Escolar, agrupación á que diversos historiadores lle atribúen a caída da ditadura de Primo de Rivera.
En 1931 nomeárona profesora auxiliar na Cátedra de Historia da Filosofía na Universidade Central madrileña. Anos despois sería profesora de Filosofía na Residencia de Señoritas e no Instituto Cervantes.
En xullo de 1936 María Zambrano sumouse ao manifesto fundacional da Alianza de Intelectuais para a Defensa da Cultura (AIDC), colaborou na súa redacción e marcou o compromiso de “liberdade da e do intelectual".
Durante a Guerra Civil tivo que exiliarse, ao tomar partido pola República, e pasou máis de catro décadas en América do Sur, Italia, Francia e Suíza. A súa extensa obra, encadrada entre o compromiso cívico e o pensamento poético, non se lle recoñeceu en España ata as últimas décadas do século XX, tras regresar a Madrid en 1984.
A Zambrano lembrarémola como a filósofa española más influínte do século pasado, creadora do concepto de "razón poética", que provocou un novo achegamento entre literatura e filosofía.
Dorothy Mary Crowfoot Hodgkin

Dorothy Mary Crowfoot Hodgkin foi unha científica visionaria recoñecida co Premio Nobel de Química en 1964 polo desenvolvemento da técnica da cristalografía de proteínas, un método que se empregou para identificar as estruturas tridimensionais dos cristais. Foron moitas as súas achegas ao mundo da ciencia, entre as máis destacadas figuran a confirmación da estrutura da penicilina segundo a proposta de Edward Abraham e Ernst Boris Chain, e a descrición da vitamina B12.
Nada no Cairo en 1910, amosou desde nena un incipiente interese pola ciencia e a partir dos dez anos realizou sinxelos experimentos na casa. Estudou Química no Somerville College de Oxford e foi durante o seu doutoramento en Cambridge cando Crowfoot foi consciente do potencial que tiña a cristalografía de raios X para determinar estruturas de proteínas.
En 1936 a Universidade de Oxford nomeouna a súa primeira investigadora e titora en Química, cargo que ocupou ata 1977. Crowfoot logrou desvelar a estrutura tridimensional de numerosas e importantes biomoléculas que os químicos orgánicos non puideran descifrar, coma o colesterol (1937), a penicilina (1945), a vitamina B12 (1954) ou a insulina (1969).
Foi a terceira muller en recibir o Nobel de Química, a segunda en ser recoñecida coa Orde do Mérito do Reino Unido, foi integrante da Royal Society desde 1947 e accedeu á Organización Europea de Bioloxía Molecular en 1970, entre outros moitos recoñecementos á súa brillante traxectoria.
Emmeline Pankhurst Goulden

Emmeline Pankhurst Goulden, nada en Mánchester en xullo de 1858, foi a líder do movemento sufraxista en Gran Bretaña e unha das primeiras e máis destacadas defensoras da plena igualdade de dereitos entre mulleres e homes en Europa.
“Non queremos quebrantar as leis, queremos redactalas e referendalas” era a consigna que fixo célebre nas súas multitudinarias intervencións reivindicando o dereito ao voto feminino no seu país, no que foi unha das súas principais artífices.
Foi a impulsora en 1903 da Liga para o Sufraxio Feminino, cuxas integrantes eran coñecidas como suffragettes. No ano 1999 a revista Time nomeou a Pankhurst unha das cen persoas máis influentes do século XX e afirmou que “moldeou unha idea de muller para a nosa época; impulsou a sociedade cara a unha nova estrutura, da cal xa non podía haber volta atrás”.
Estímase que entre 1908 e 1914, os anos máis duros da protesta, foron encarceradas máis dun milleiro de sufraxistas, entre elas Pankhurst e unha das súas fillas. A Liga reivindicou o voto feminino, pero tamén a igualdade xurídica en temas coma a patria potestade sobre as fillas e os fillos, as herdanzas ou os divorcios, ademais de dereitos laborais durante o embarazo.
O voto feminino en Gran Bretaña acadouse finalmente en 1918, restrinxido a maiores de 31 anos e non sería equiparado ao dos homes ata 1928.
Najla Shami

Najla Shami é unha vocalista e compositora galega nacida en Santiago de Compostela e filla de dúas culturas: a palestina e a galega. Medrou entre Galicia e Kuwait e configurou como artista unha identidade única con vocación claramente internacional.
Iniciouse na música tradicional, pero a partir de 2003 incorporou gradualmente novas influencias na súa linguaxe e achegou sonoridades de Portugal, Brasil e África que mestura coas súas raíces e co jazz.
En xullo de 2013 lanzou o libro-disco Na lingua que eu falo, no que afonda na obra da escritora Rosalía de Castro. Unha selección de dez temas que reúne sete poemas da autora galega con música orixinal, dúas novas creacións e unha revisión do clásico Negra sombra.
En 2016, guiada pola súa curiosidade e pola necesidade de aprender máis sobre as súas raíces, trasladouse temporalmente a Xordania e a Palestina para indagar no canto árabe e na teoría da música oriental. O seu último traballo, Ela sabe a sol, nace desta estancia e amosa a mestura de culturas que a caracterizan en trece cancións en diferentes idiomas.
Comprometida coas súas orixes e coa música tradicional, Shami tamén é unha muller implicada coa igualdade e coa loita contra a violencia machista. Participou no programa “Mulleres en acción. Violencia zero” que percorre a provincia de Pontevedra da man da Deputación.
María Wonenburger

María Wonenburger foi unha matemática coruñesa que fixo carreira nos EUA e en Canadá, a primeira muller española en recibir unha bolsa Fullright, especialista na teoría de grupos e en grupos de semellanzas na álxebra de Clifford, pero foi coñecida sobre todo polos seus desenvolvementos en álxebras de Lie.
Nada en Oleiros en 1927, estudou Matemáticas na Universidade Central de Madrid. O seu talento innato para as matemáticas permitiulle obter en 1953 unha bolsa Fulbright para estudar na Universidad de Yale, nos Estados Unidos. Alí rematou a súa tese de doutoramento sobre a teoría de grupos e, de volta a España, traballou como investigadora no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) durante tres anos, pero non conseguiu que se lle recoñecese oficialmente o seu doutoramento.
En 1960 emigrou de novo tras recibir unha bolsa posdoutoramento da Universidade de Toronto, onde foi a única profesora nun claustro masculino. Alí dirixiu a tese de doutoramento de Robert Moody, despois caeu no esquecemento durante décadas ata que un grupo de estudantes de matemáticas a recoñece como inspiradora da Teoría Kac-Moody, que xogaría un papel central en matemáticas e en física desde os anos setenta.
A matemática galega realizou importantes contribucións na área da teoría de grupos, cuxa orixe se atopa na resolución de certas ecuacións alxebraicas. É socia de honra da Real Sociedade Matemática Española e doutora honoris causa pola Universidade da Coruña.
No ano 2007 o Goberno galego creou na súa honra o Premio María Josefa Wonenburger Planells para “recoñecer aquelas mulleres galegas con traxectorias notables no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.
Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. Tanxugueiras

Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro son Tanxugueiras, tres mulleres fortes, valentes e apoderadas que se definen como cantareiras dunha nova década. Coas súas virtuosas voces conseguiron nos últimos anos internacionalizar a música tradicional galega e actuar en escenarios de todo o mundo. O grupo caracterízase por fusionar sen complexos a tradición cos sons contemporáneos.
Tras o seu terceiro posto no Benidorm Fest, no que obtiveron o 70 % do apoio do público para representar a España en Eurovisión, a repercusión do grupo galego medrou de forma exponencial e lograron que o seu último tema, Averno, acadase o millón de reproducións en YouTube en apenas catro días.
O acontecido coas tres pandeireteiras desde finais de 2021 é toda unha revolución para a música e a lingua galegas, ao poñeren os medios nacionais e internacionais o foco sobre a tradición popular galega e, particularmente, sobre a pandeireta, sinal de identidade das Tanxugueiras, polas que este verán compiten os mellores festivais do país.
O seu primeiro álbum homónimo publicouse en 2018 e en só 3 anos subiron a máis dun cento de escenarios de todo o planeta. En 2019 publicaron Contrapunto, un disco con reinterpretacións de coplas tradicionais, ateigadas de arranxos e harmonías diversas. Foi en 2021 cando dan o gran salto artístico e fusionan o folclore coa música electrónica, co dancehall, e con ritmos latinos en videoclips que converten en pequenas obras de arte.
Támara Echegoyen

Támara Echegoyen é unha das mellores deportistas da historia de España. A pontevedresa foi medalla de ouro en Londres 2012, na clase Elliott 6m, e cuarta no Río de Xaneiro e en Tokio, na clase 49er FX. Foi, ademais, campioa do mundo de vela en 2016 e 2020 e de Europa en 2011. É unha lenda dos deportes náuticos, que tan ben se lles dan ás deportistas galegas.
Nada en Ourense en 1984, Echegoyen é licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola Universidade da Coruña, ademais dunha regatista versátil capaz de adaptarse con éxito a diferentes modalidades de competición e a sucesivos cambios de compañeiras.
Na modalidade de match race foi campioa de España en 2010 e 2011. En 2013 gañou o Campionato Mundial de Match Race cun novo equipo e en xullo dese ano incorporouse ao Real Club Náutico de Sanxenxo. En 2016 gañou o Campionato Mundial 49er FX e ao ano seguinte participou na Volvo Ocean Race no equipo MAPFRE, patroneado por Xabier Fernández, na que acadaron a segunda posición. En 2020 corouse de novo campioa no Mundial de 49er coa súa nova compañeira, a balear Paula Barceló, coa que formara equipo apenas dous anos antes, en 2018.
Afeita a reinventarse ao longo da súa traxectoria, Echegoyen e Barceló chegaron ao Xapón como sextas no top mundial e quedaron ás portas da que sería a segunda medalla para a galega. Volveron para España cun novo diploma olímpico.
Alicia C. Estévez Toranzo

Alicia Estévez Toranzo foi unha das primeiras mulleres en ingresar na Real Academia Galega de Ciencias. Nada en Pontevedra en 1955, a microbióloga promoveu unha ducia de patentes de vacinas que preveñen enfermidades en peixes de consumo diario. É codirectora do Grupo de Investigación de Patoloxía na Acuicultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), un dos principais equipos de referencia en Galicia cunha trintena de persoal investigador.
Catedrática de microbioloxía pola USC e licenciada en Farmacia, desenvolveu a súa actividade posdoutoramento nas universidades norteamericanas de Maryland e Oregon, e foi bolseira polo Ministerio de Educación e Ciencia e pola Fundación Juan March.
A súa especialidade é a ictiopatoloxía, o estudo das enfermidades dos peixes. En concreto, o traballo de Toranzo céntrase nas patoloxías de peixes e moluscos importantes en acuicultura, en detectar enfermidades bacterianas e en tratalas.
En 2014 foi das pioneiras en ingresar na Real Academia de Ciencias e actualmente forma parte tamén da Real Academia Galega de Farmacia, do comité editorial de diversas revistas científicas e do comité de expertas e expertos que asesoran na elaboración dos plans nacionais de investigación. Publicou case trescentos artigos en revistas científicas e case unha trintena de capítulos de libros.
No ano 2018 recibiu o premio Wonenburger, que se lle sumou ao galardón Jaime Ferrán, obtido en 1993; ao Título de Excelencia Galega en Investigación 2006, da Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña; e ao premio Bióloga do Ano 2018, outorgado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.
Betty Friedan

Betty Friedan foi unha teórica e líder feminista estadounidense que conseguiu unir o movemento nos anos 60. O seu libro A mística da feminidade (1963) recibiu o Premio Pulitzer e está considerado unha das obras fundamentais no impulso da terceira vaga do feminismo, a miúdo comparado pola súa relevancia académica con O segundo sexo, de Simone de Beauvoir.
Foi pioneira ao denunciar nos anos sesenta “o cárcere” ao que se vían condenadas milleiros de mulleres debido á imposición dos estereotipos machistas que as recluía na casa e lles impedía realizarse profesionalmente.
Nada en 1921 en Illinois, Friedan foi unha estudante brillante. Graduouse en Psicoloxía no Smith College, en 1942, e un ano despois logrou unha bolsa da Universidade de California, en Berkeley, para realizar estudos de posgrado.
En 1966 foi cofundadora e presidenta da Organización Nacional de Mulleres (NOW, polas súas siglas en inglés), pioneira na loita polos dereitos das mulleres que é, aínda hoxe, unha das organizacións feministas máis importantes do país. Na década dos setenta pelexou por diversas causas coma a aprobación das leis sobre o aborto, o traballo feminino e a protección dos dereitos das mulleres. O seu obxectivo era a igualdade efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos sociais e económicos.
En 1971 fundou con Gloria Steinem, Bela Abzug e outras referentes do feminismo estadounidense a Asemblea Política Nacional de Mulleres para apoiar a presenza de máis mulleres na política. En 1981 publicou outro dos libros nucleares para o feminismo A segunda fase.
Carolina Marín

Carolina Marín, campioa de Europa e do mundo de bádminton, acadou en 2015 oficialmente o número 1 da clasificación mundial na categoría individual feminina, todo un fito para este deporte a nivel internacional ao tratarse dunha modalidade historicamente dominada por Asia. Desde o ano 2010 ningunha xogadora europea lograra erixirse como líder da clasificación mundial.
A volantista, nada en Huelva en 1993, comezou a practicar bádminton de nena sen contar con referentes próximos. Con 13 anos fichou polo Recreativo IES La Orden e converteuse en campioa nacional por primeira vez. Un ano despois trasladouse á Residencia Joaquín Blume, dentro do Centro de Alto Rendemento do Consello Superior de Deportes, en Madrid.
Foi ela con cada un dos seus éxitos a que construíu a lenda deste deporte en España. Marín era décimo primeira na clasificación mundial cando en 2014 viviu un verdadeiro punto de inflexión na súa carreira. A súa progresión foi explosiva e durante 2015 gañou tres campionatos de referencia, oAll England, o Open de Malasia e o de Australia.
Actualmente conseguiuno todo a nivel deportivo: é bicampioa mundial, tricampioa de Europa e medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Río de Xaneiro de 2016. A súa traxectoria serviu para darlle visibilidade ao deporte do volante no noso país e converteuna nun referente europeo e nun exemplo de destreza deportiva e perseverancia para as novas xeracións.
Winnie Byanyima

Winnie Byanyima é unha enxeñeira aeronáutica, diplomática, activista e política ugandesa. Actualmente é directora executiva de ONUSIDA e secretaria xeral adxunta das Nacións Unidas. Defensora da xustiza social, da igualdade de xénero e da atención sanitaria como dereito fundamental, Byanyima foi, nos últimos tempos, unha das voces máis firmes á hora de reclamar unha vacina contra o coronavirus accesible e gratuíta para toda a cidadanía.
Nada en 1959 en Uganda, estudou Enxeñería Aeronáutica na Universidade de Manchester, co que se converteu na primeira muller do seu país en obter este título. Posteriormente tamén se graduaría como enxeñeira mecánica, especializada en economía da enerxía, na Universidade Cranfield.
Traballou durante 11 anos no parlamento de Uganda e dirixiu o primeiro conclave de mulleres parlamentarias, liderou a creación do Directorio de Xénero e Desenvolvemento da Comisión da Unión Africana e dirixiu a área de xénero e desenvolvemento do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento.
Entre 2013 e 2019 foi a directora executiva de Oxfam Internacional, tamén copresidiu o Foro Económico Mundial e traballou para o consello asesor en materia de xénero e desenvolvemento do Banco Mundial. Actualmente lidera os esforzos das Nacións Unidas para acabar coa epidemia da sida para o 2030.
Wallace Funk

Wallace Funk, máis coñecida como Wally Funk, é unha aviadora estadounidense que formou parte do programa espacial Mercury. Foi a primeira instrutora civil de voo nunha base militar norteamericana, a primeira inspectora da Administración Federal de Aviación (FAA) e a primeira investigadora de seguridade da aviación do National Transportation Safety Board (NTSB) .
O seu interese polas aeronaves comezou cando era nena. Con sete anos fabricaba avións con madeira de balsa e tomou a súa primeira lección de voo dous anos despois, segundo consta na documentación do Museo de Amelia Earhart. Durante a secundaria non puido estudar Mecánica por ser unha materia reservada aos homes, pero pese a este contratempo, en 1960 graduouse e obtivo a licenza de piloto na Universidade de Oklahoma.
En 1961 presentouse como voluntaria ao programa Women in Space e rematou formando parte dun grupo de aviadoras coñecido como Mercury 13, que se adestrou para viaxar ao espazo na década dos 60 e que viron finalmente truncadas as súas aspiracións polo mero feito de ser mulleres.
Pero Funk non deixou de lado as súas aspiracións e ao longo da súa dilatada traxectoria acumulou 19.600 horas de voo e ensinoulles a voar a máis de 3.000 estudantes. En xullo de 2021, con 82 anos, foi seleccionada para formar parte da misión NS-16 de Blue Origin, a empresa de transporte espacial de Jeff Bezos, co que se converteu na persoa de maior idade en ir ao espazo.
Yayo Herrero López

Yayo Herrero López é antropóloga, enxeñeira, mestra e unha das investigadoras máis influentes no ámbito do ecofeminismo. No seu traballo propón unha transición cara un modelo económico diferente, que teña en conta a inclusión social de todas as persoas e sexa compatible coa capacidade de rexeneración da natureza.
Nada en Madrid en 1965, Herrero é licenciada en Antropoloxía Social e Cultural, enxeñeira técnica agrícola, diplomada en Educación Social e ten o diploma de estudos avanzados en Ciencias da Educación.
Foi coordinadora estatal de Ecoloxistas en Acción e participou en numerosas iniciativas sociais sobre promoción dos dereitos humanos e a ecoloxía social. Entre 2012 e 2018 foi directora xeral da Fundación FUHEM, entidade que promove a xustiza social, a profundización da democracia e a sustentabilidade ambiental.
Actualmente é profesora da cátedra da Unesco de Educación Ambiental e Desenvolvemento Sostible da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) e columnista en diversos medios de comunicación. A investigación de Herrero céntrase na crise ecolóxica actual derivada do modelo de desenvolvemento e da produción capitalista, que ao seu xuízo demostrou ser incapaz de proporcionarlle á cidadanía unhas condicións de vida dignas.
É autora de Cambio climático, Ausencias y extravíos e Los cinco elementos. O seu último traballo publicado é La vida en centro. Voces y relatos ecofeministas, un libro escrito a seis mans que sinala como prioridade absoluta a defensa dunha vida digna.
Mária Telkes

Mária Telkes foi unha científica e inventora de orixe húngara que recibiu ao longo da súa traxectoria máis dunha vintena de recoñecementos, foi unha inspiración para as mulleres na ciencia e asinou máis dunha vintena de patentes. Inventou o primeiro xerador termoeléctrico, en 1947, e deseñou o primeiro sistema de calefacción solar.
Nada en Budapest no ano 1900, obtivo un grao e un doutoramento en Fisicoquímica pola Universidade desa cidade e en 1925 trasladouse a Cleveland (EUA), onde desenvolveu a súa primeira invención: un dispositivo fotoeléctrico que rexistraba as ondas cerebrais. En 1934 The New York Times nomeouna unha das once mulleres máis relevantes dos EUA.
Telkes entrou no Massachusetts Institute of Technology (MIT) en 1940 como investigadora no Proxecto de Conversión de Enerxía Solar. Durante a Segunda Guerra Mundial deseñou un kit portátil para desalgar a auga, que evitaría que os pilotos e mariñeiros varados no Pacífico morresen por deshidratación.
Preocupada polas dificultades de moitas familias para adquirir en combustibles fósiles e quentar o seu fogar en inverno, a inventora centrou o seu traballo en dar con sistemas para capturar, almacenar e transformar a enerxía solar térmica. Deseñou o primeiro sistema de calefacción solar para a denominada Casa Solar de Dover, de Eleanor Raymond. O seu terceiro deseño máis coñecido foi o forno solar.
Maria Goeppert-Mayer

Maria Goeppert-Mayer foi unha física teórica estadounidense de orixe polaca, gañadora do Premio Nobel de Física en 1963 por formular un modelo de capas que por fin permitiu entender o funcionamento do núcleo dos átomos. Converteuse así na segunda muller galardoada despois de Marie Curie.
Nada en 1906 en Kattowiz, na Alta Silesia, afeccionouse ás matemáticas desde nena, pero tivo que estudar nun instituto creado por sufraxistas para poder presentarse ao exame de ingreso na universidade, xa que na súa época a formación regrada estaba reservada para os homes.
Completou o doutoramento en Física na Universidade de Gotinga. Entre os seus profesores figuran tres futuros premios nobel: Max Born, James Franck e Adolf Otto Reinhold Windaus. Nos anos 40 mudouse aos EUA e a súa carreira profesional comezou en 1946 cando a nomearon profesora na Universidade de Chicago sen dereito a salario, etapa na que desenvolveu o cálculo matemático que demostrou o modelo de capas nuclear, traballo polo que foi galardoada co Premio Nobel de Física en 1963.
Pese ás trabas por ser muller, foi capaz de desenvolver un traballo investigador brillante e colaborou no Proxecto Manhattan para o desenvolvemento da bomba atómica. En 1960 nomeárona profesora a tempo completo de Física na Universidade de California e hoxe pode dicirse que foi unha das mentes máis importantes no desenvolvemento da física nuclear.
Sojourner Truth

Sojourner Truth foi una activista que loitou pola abolición da escravitude e polos dereitos das mulleres. O 29 de maio de 1851 tomou a palabra publicamente na Convención Nacional dos Dereitos da Muller en Ohio para denunciar a súa dobre opresión pola súa condición de muller e de afroamericana. Case 170 anos despois, aquel discurso lémbrase como referente e inspiración da loita feminista.
Quedou orfa e vendérona por poxa, por primeira vez, á idade de nove anos nun mercado preto de Kingston, Nova York (EUA), e outras tres veces máis ao longo da súa vida, a derradeira pola familia que comprou a súa liberdade, como relata na súa autobiografía. Durante a Guerra Civil estadounidense, Truth axudou no recrutamento de tropas negras da Armada estadounidense. Despois da guerra intentou infrutuosamente conseguir concesións de terra do Estado Federal para as antigas escravas e os antigos escravos.
En 1850 participou na Primeira Convención Nacional dos Dereitos da Muller, en Worcester, e ao ano seguinte fíxoo na Convención de Ohio que a converteu nunha figura pública co seu discurso "Acaso non son unha muller?”.
Truth converteuse na primeira muller afroamericana en ir a xuízo contra un home branco que abusara do seu fillo escravo e gañou o caso. Polo seu traballo pola abolición da escravitude e pola loita polos dereitos da poboación afroamericana recibiuna na Casa Branca por Ulysses S. Grant. En 1872 tratou de votar nas eleccións locais pero o seu voto foi rexeitado.
O primeiro vehículo motorizado que camiñou sobre Marte en 1997 levou o seu nome para renderlle tributo.
Saleta Castro

Saleta Castro Nogueira é unha das grandes referentes do deporte feminino na provincia de Pontevedra e do tríatlon en España. A deportista foi seleccionada polo equipo nacional Sub-23 de Tríatlon (Distancia Olímpica) e é campioa nacional da categoría Elite en Longa Distancia en 2010.
Internacional do tríatlon en todas as categorías, a pontevedresa é un exemplo de sacrificio e de constancia, unha muller capaz de enfrontarse a grandes retos e que o pasado outono quedou terceira na durísima proba Titan Desert 2021, en Marrocos, na modalidade Dúo Mixto.
Nada en Pontevedra en 1987, con apenas quince anos acadou a quinta posición no Campionato do Equipo Europeo da Mocidade en Győr e, en 2009, foi a número un na clasificación da elite española pese a participar en só tres dos dez eventos do circuíto. Un ano despois quedou terceira na clasificación da elite española de tríatlon e gañou a medalla de ouro no Campionato Galego de Elite.
Bolseira como deportista de alto rendemento, en 2011 decidiu centrarse nos tríatlons de longa distancia. Desde os seus inicios, Castro representou o club galego Cidade de Lugo Fluvial, e adestrou habitualmente no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) xunto a outras e outros triatletas españois. Desde 2014 reside en Lanzarote, onde adestra para afrontar as principais probas a nivel internacional.
Soledad Murillo

Soledad Murillo é unha socióloga feminista, investigadora e docente que durante cinco anos formou parte do Comité Antidiscriminación da Muller das Nacións Unidas, con sede en Xenebra, e exerceu como secretaria de Estado de Igualdade en España, desde xuño de 2018 ata xaneiro de 2020.
Murillo ocupou o primeiro cargo político en materia de igualdade na oitava lexislatura (2004-2008) como secretaria xeral de Políticas de Igualdade, e participou activamente na redacción e na aprobación da Lei contra a violencia de xénero e da Lei de igualdade efectiva entre mulleres e homes.
É profesora de Socioloxía na Universidade de Salamanca, onde impulsou a creación do Centro de Estudos da Muller, do que forma parte. Entre as súas principais liñas de investigación están as dificultades das mulleres para compatibilizar o mercado de traballo coa vida familiar ou o desigual repartimento dos coidados na sociedade española, que recae maioritariamente en mans femininas. Nesta liña apunta o seu libro El mito de la vida privada, no que aborda os problemas das mulleres para atopar tempo para elas entre as súas obrigas familiares.
Outro dos seus temas de preocupación é a participación das mulleres na vida pública, que aborda no seu traballo Ciudadanía activa: asociacionismo de mujeres. Soledad Murillo é hoxe unha figura de referencia no ámbito da igualdade.
Amelia Valcárcel (Madrid, 1950), filósofa e escritora feminista

É unha das figuras máis representativas do ideario feminista e progresista de España. Escritora, catedrática de Filosofía Moral e Política na UNED, é membro do Consello do Estado e obtivo a Medalla de Asturias pola súa loita en prol da igualdade.
Ana Belén Valiño (Matamá, Vigo, 1972), sindicalista

Foi unha das primeiras mulleres contratadas para levar a cabo traballos de produción en PSA Peugeot Citroën Vigo e é unha importante sindicalista galega. Participou en moitas negociacións, coma nos convenios provinciais do metal de Pontevedra. De 2014 a 2018 foi secretaria xeral de UGT-FICA Vigo. Actualmente é secretaria xeral da federación en Vigo.
Enma Lustres (O Grove, 1975), produtora galega de cine e fundadora de Vaca Films

Creou en 2003 a produtora de cine galega Vaca Films, que situou a Galicia no mapa da produción cinematográfica internacional. En 2011 conseguiu un Goya coa película Celda 211 e recentemente estreou en Netflix A desorde que deixas.
Aos seus éxitos no eido do audiovisual súmanselle outros logros como ser a primeira muller no Consello de Administración do R. C. Deportivo da Coruña.
A Deputación de Pontevedra nomeouna, en 2019, primeira embaixadora das Rías Baixas.
Eva Poveda (Lugo, 1975), científica galega

Licenciada en Ciencias Biolóxicas e doutora en Microbioloxía Médica, lidera proxectos de investigación nacionais e internacionais pioneiros no campo do VIH e doutras infeccións virais coma a COVID-19.
Conta co Premio de Investigación L'Oreal-UNESCO 2012 For Woman in Science e co Premio de Investigación da Sociedade Galega Interdisciplinaria da SIDA.
Gloria Marie Steinem (Ohio, 1934), xornalista, escritora e feminista

Xornalista e escritora estadounidense, é unha das personalidades máis importantes na loita polos dereitos das mulleres e da segunda vaga do feminismo (1960-1970) nos EUA.
Foi columnista en New York Magazine e fundou, xunto con outras feministas, a revista Ms., da que segue a ser asesora. Aos seu 86 anos segue a loitar contra os estereotipos de xénero, o racismo, o abuso de menores ou a pena de morte, entre outras causas.
Valentina Tereshkova, primeira muller en ir ao espazo e a única que o fixo en solitario

Naceu na Unión Soviética en 1937, traballou de operaria nunha fábrica e era afeccionada ao paracaidismo. En 1961 foi seleccionada para ser a primeira muller en ir ao espazo e en 1963 deu 48 voltas arredor da Terra na nave Vostok, durante tres días.
oxe segue a ser a única muller en ir en solitario ao espazo. Aos 76 anos dixo que quería ir a Marte, aínda que a viaxe fose só de ida.
Brenda Chávez (Madrid, 1974), xornalista e investigadora

Licenciada en Dereito e en Xornalismo, é especialista en sustentabilidade e consumo. Publicou os libros Tu consumo puede cambiar el mundo ou Al borde de un ataque de compras, e dirixe a sección de consumo sostible do programa Carne cruda.
É membro da agrupación de mulleres xornalistas Carro de Combate, que investiga sobre consumo, e publica habitualmente en medios coma El País.
Mary Richmond (1861-1928), pioneira do traballo social

Traballaba como tesoureira nunha sociedade de caridade en Baltimore (EUA) cando se decatou de que había que darlle formación a quen facía a asistencia, así que deseñou técnicas e contidos para unha disciplina que aínda non existía. Os seus libros Social Diagnosis (1917) e What is Social Case Work?: an Introductory Description (1922) son a cerna do traballo social.
17 de marzo de 1956: morre Irène Joliot-Curie (1897-1956)

Licenciada con matrícula de honra en Matemáticas e Física na Sorbona. Traballou coa súa nai, Marie Curie.
Fixo grandes descubrimentos sobre a radioactividade natural e artificial, tanto en solitario como en colaboración co seu home, que supuxeron un avance fundamental na medicina e na investigación, polo que foi Premio Nobel de Química en 1935.
18 de marzo de 1980: morre Tamara de Lempicka, artista (1898-1980)

Pintora polaca, feminista e revolucionaria, é considerada a máxima representante do art decó en Europa e nos EUA. Retratou numerosas personalidades da súa época e amosou a súa visión da muller moderna, unha muller poderosa que reflectiu nas súas pinturas con interesantes contrastes de cor, brillo e sombras, combinados cun toque clásico, ás veces etéreo, con formas case xeométricas. Interesouse pola arte antiga e tamén pola moda: "Eu non sigo a moda, eu fágoa".
19 de marzo de 1938: morre Carmen López-Cortón, mestra galega, defensora da educación superior para as mulleres

Nacida en Bergondo, A Coruña, en 1866, esta mestra viaxeira e políglota dedica a súa vida ao ensino e divulgación de temas pedagóxicos e sociais, especialmente os relacionados coa educación para as mulleres.
Publica artigos que describen o proceso de acceso das mulleres á educación superior nalgúns países europeos.
20 de marzo Sonja Lyubomirsky (EUA, 1967), psicóloga social e autora de A ciencia da felicidade

É profesora en California, doutora pola Universidade de Stanford en Psicoloxía Social e da Personalidade e graduada pola Universidade de Harvard. Publicou os libros A ciencia da felicidade e Mitos da felicidade, nos que explica estratexias para incrementar o nivel de felicidade de cada persoa.
Rosa Parks (1913–2005) activista afroamericana e icona da loita polos dereitos civís

Activista pro dereitos civís e antirracista. En 1955 sentou na zona central dun autobús e, cando subiu un home branco e o condutor lle mandou a Parks sentar atrás coas demais persoas negras, ela negouse. Por este motivo metérona no cárcere e tivo que pagar unha multa, o que deu lugar a máis dun ano de protestas que conseguiron poñer fin á segregación racial no transporte.
Autumn Peltier (Canadá, 2004), activista indíxena polos dereitos da auga da primeira nación de Wikwemikong

"Guerreira da auga" é como a chaman desde que sendo unha nena comezou a loitar pola protección da auga ao decatarse de que parte da poboación canadense non tiña acceso a auga potable. Con só 13 anos reclamou na Asemblea Xeneral da ONU a auga limpa como un dereito básico ao que debe ter acceso toda a humanidade.
Nawal Saadawi. Unha das intelectuais máis relevantes do século XX. Feminista, novelista e psiquiatra exipcia

Unha das intelectuais máis relevantes do século XX, esta feminista, novelista, médica e psiquiatra naceu en Exipto en 1931 e faleceu o 21 de marzo de 2021 aos 89 anos.
A súa loita polos dereitos das mulleres, e particularmente contra a mutilación xenital feminina, supúxolle ser censurada, despedida do seu emprego, encadeada, ameazada e exiliada, o que non impediu que provocara un importante movemento contra o patriarcado no mundo árabe.
24 de marzo de 1962: nace en Mugardos (A Coruña) María Bouzas, actriz galega

Esta actriz galega ten unha longa e exitosa traxectoria no teatro, no cine e na televisión. Presidiu a Academia Galega do Audiovisual de 2006 a 2009 e foi galardoada, entre outros, cos premios, Mestre Mateo e o María Casares de Teatro.
25 de marzo de 1942: nace Aretha Franklin, primeira muller en entrar no Salón da Fama do Rock and Roll

A indiscutible reina do soul comezou a súa carreira de nena como cantante de gospel na igrexa onde predicaba seu pai. O estilo inconfundible da súa música marcou a moitas xeracións.
Exerceu a súa influencia como activista no movemento de liberación afroamericano e como símbolo feminista.
26 de marzo de 1930: nace Sandra Day O'Connor, primeira xuíza asociada da Corte Suprema dos Estados Unidos

Graduada magna cum laude en Dereito pola Universidade de Standford, posicionouse a favor do dereito ao aborto e dos dereitos dos homosexuais. Loitou tamén en contra da discriminación sexual, abrindo o camiño para outras mulleres no sistema xudicial estadounidense.
Dorotea Bárcena (1944–2016), actriz, dramaturga e directora de teatro galega

Abandonou as súas funcións como docente para iniciar unha frutífera carreira como actriz, dramaturga e directora teatral.
Foi directora do Centro Dramático Galego e durante a súa estancia en Madrid colaborou co Centro Dramático Nacional, traballou baixo a dirección de prestixiosas directoras e directores, como Mario Gas, e participou en Medea xunto a Nuria Espert.
28 de marzo de 1895: nace en Villamanín (León) Ángela Ruiz Robles, mestra que inventou o libro mecánico, precursor do libro electrónico

Nacida en León, desenvolveu a súa carreira profesional en Galicia. Preocupada polo peso dos libros que tiñan que levar as nenas e os nenos, creou unha enciclopedia mecánica con ilustracións, luz e bobinas, que podía ter son e permitía levar os contidos de varias materias e facer exercicios de cálculo e escritura. Patentouno en 1949 e quixo producilo para popularizalo, pero foi ignorada e o seu invento esquecido. Recentemente obtivo o recoñecemento internacional e foi homenaxeada por empresas TIC como Google.
29 de marzo: Vandana Shiva (India, 1952), física, filósofa, activista ecofeminista e escritora

Desde a súa infancia interesouse pola preservación da biodiversidade e a defensa das mulleres. Escribiu varios libros e artigos para visibilizar as mulleres do terceiro mundo e a súa labor agrícola. Creou unha fundación que impulsa a agricultura ecolóxica e a biodiversidade e o compromiso das mulleres coa ecoloxía. Entre outros recoñecementos, obtivo o Premio ao Sustento Ben Gañado, coñecido como o Nobel Alternativo, en 1993, o Premio Internacional do Día da Terra de Nacións Unidas e o Premio da Paz de Sidney.
30 de marzo 1969: Dolores Tasende participa na primeira carreira de 1.500 m de mulleres en España

Naceu na Coruña en 1951 e foi unha futbolista zurda fóra de serie, pero pasou á historia como atleta, xa que, xunto coa súa compañeira do R. C. Deportivo Elia Aimieiro e dúas corredoras da S. D. Compostela, foi unha das primeiras en participar nunha carreira de 1.500 m de mulleres en España. Ademais tivo durante 7 anos a mellor marca nacional feminina de pista cuberta. Foi tamén a primeira atleta remunerada do seu club: "Fun a única á que nese momento lle daban un diñeiro".
31 de marzo 1855: morre Charlotte Brontë, novelista creadora de Jane Eyre

Con Jane Eyre, unha das primeiras novelas feministas, Charlotte Brontë acadou un éxito inmediato ao tempo que xerou gran controversia na severa sociedade inglesa polo seu xeito de ver o mundo e denunciar abusos e inxustizas.
Charlotte era irmá de dúas escritoras, Emily e Anne Brontë, autoras de Agnes Grey e Cumios borrascosos, que publicaran xunto con ela os seus primeiros poemas, todas con pseudónimos masculinos.
Julia Minguillón, primeira muller en acadar a Primeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes

En 1941 obtivo a Primeira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes, co que se converteu na primeira muller na historia en conseguir ese galardón. A pintora lucense acadou tamén o gran Premio de Belas Artes.
Estudou na Academia de Belas Artes de San Fernando, en Madrid. A súa obra abrangue retratos, sobre todo de mulleres, bodegóns, paisaxes galegas e motivos relixiosos.
Manuela Rodríguez, cofundadora e directora editorial de Kalandraka

Licenciada en Maxisterio e especialista en animación á lectura, en literatura infantil e xuvenil e en radio e teatro escolar, é cofundadora e directora editorial de Kalandraka, que revolucionou a literatura infantil en Galicia cun estilo propio.
3 de abril de 1934: nace Jane Goodall, etóloga, primatóloga e mensaxeira da paz da ONU

Foi unha das científicas máis influentes do século XX. Os anos que dedicou á observación e á investigación do comportamento dos chimpancés sentaron as bases para futuros estudos sobre os primates.
Entre os numerosos premios e distincións que recibiu destacan o Premio Príncipe de Asturias de Investigación, en 2003; a Lexión de Honra da República de Francia; o título de Dama do Imperio Británico; ou a Medalla de Ouro da UNESCO.
4 abril: nace, en 1914, Marguerite Durás, novelista, autora de teatro, guionista e directora de cine, gañadora do Premio Concourt e do Gran Premio do Teatro da Academia Francesa

Autora de obras coma O amante ou Hiroshima, mon amour, naceu no Vietnam colonial, preto da antiga Saigón, e participou na resistencia francesa durante a II Guerra Mundial. Nas súas obras mestura autobiografía e ficción, cun estilo propio, directo, pausado e refinado que lle valeu ser recoñecida como unha das autoras máis importantes do século XX.
Irene Milleiro, activista polos dereitos humanos e directora de Change.org

Licenciada en Dereito e cun máster en Dereitos Humanos e Democracia, a activista pontevedresa Irene Milleiro é, desde 2017, directora xeral para Europa de Change.org, a maior plataforma mundial de activismo en liña, que recolle sinaturas para peticións da cidadanía. En 2019 foi unha das protagonistas de Hai mulleres, da Deputación de Pontevedra.
"A tecnoloxía está axudando a que a cidadanía fale máis alto"
Charlotte Cooper, primeira muller campioa olímpica

En 1900 as mulleres puideron participar por primeira vez nos Xogos Olímpicos, que tiveron lugar en París, e a tenista británica Charlotte Cooper, que xa tiña no seu haber tres títulos de Wimbledon, proclamouse campioa olímpica logo de vencer na final a Hélène Prévost. Un ano despois volveu gañar en Wimbledon e, de novo e por quinta vez, en 1908, aos 37 anos.
Isabel Zendal (Ordes, 1771- s. XIX), primeira enfermeira en misión internacional

En 1803 participou nunha expedición para levar a vacina da varíola a América, que era transportada mediante 22 nenos aos que se lles ía infectando consecutivamente e que nunca puideron regresar. Isabel Zendal, reitora do Orfanato da Coruña, foi a enfermeira que coidou deses nenos nos 10 anos que durou a expedición, durante a cal se inmunizaron unhas 250.000 persoas. Ela e o seu fillo quedaron a vivir en México e nunca conseguiu a pensión que lle correspondía ao neno por ser portador da vacina.
8 de abril: en 1984 a escritora Elena Quiroga ingresa na Real Academia Española

Foi a segunda muller en formar parte da Real Academia Española, logo de Carmen Conde. Nas súas innovadoras novelas denuncia a realidade das mulleres e incide na represión imposta polo franquismo. Emprega o monólogo interior como recurso literario, co que amosa o pensamento das súas protagonistas: mulleres inconformistas que loitan polos seus dereitos. Obtivo o Premio Nadal en 1950 e o Premio da Crítica de Narrativa Castelá en 1961
9 de abril: nace Verónica Boquete, futbolista e embaixadora da UEFA para o desenvolvemento do fútbol feminino

Considerada a mellor futbolista da historia do fútbol feminino español, a compostelá Vero Boquete foi internacional coa selección e incluíuse no once ideal do The Best da FIFA. Desde pequena loitou pola defensa dos dereitos das nenas na práctica deste deporte.
Despois de militar en clubs de España, dos Estados Unidos, de Suecia, de Alemaña, de Francia e da China, na actualidade xoga como centrocampista no Calcio Milán da serie A italiana.
10 de abril: nace en 1848 Hubertine Auclert, sufraxista e feminista; acuñou o uso do termo "feminismo" como o coñecemos

Periodista, considerada a primeira feminista e sufraxista en Francia. Na súa loita pola liberación das mulleres defendeu, entre outros, o seu dereito ao voto e a presentarse ás eleccións, e a fin da súa discriminación nos divorcios e nos contratos de matrimonio, propoñendo a separación de bens.
Foi tamén pioneira na reivindicación da feminización de determinadas palabras e termos.
Helena Fernández Lago, investigadora galega

Graduada en Fisioterapia, cun máster universitario en Neurociencia e doutora en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Saudable, investiga estratexias de rehabilitación para axudar as persoas con párkinson. As achegas dos seus primeiros proxectos valéronlle, xunto ao seu equipo, o recoñecemento da revista American Journal of Physical Medicine & Rehabilitation. Actualmente traballa nun centro de investigación catalán nun proxecto que combina movemento e estimulación sensorial e cerebral mediante técnicas non invasivas e realidade virtual.
12 de abril: nace en 1911, na Cañiza, Rita Fernández Queimadelos, primeira arquitecta galega e segunda de España

Os seus estudos en Madrid víronse truncados pola Guerra Civil, pero en 1940 converteuse na primeira arquitecta de Galicia e na terceira de España. Para acadalo tivo que esforzarse non só no ámbito académico senón en convencer o seu pai que, ao igual que a sociedade da época, non a consideraba unha carreira para mulleres. Tamén foi a primeira muller en incorporarse a postos coma o de arquitecta municipal ou arquitecta escolar provincial.
13 de abril 1984. Nace en Marín Andrea Nunes Brións, poeta e escritora

Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, a súa obra está vinculada ao activismo feminista. É autora dos poemarios Corrente de esquecemento e Todas as mulleres que fun. Xunto con María Rosendo, escribiu Diáspora do amor Balea, gañador do Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas en 2017. Pertence ao colectivo poético audiovisual feminista e cooperativista As Candongas do Quirombo.
14 de abril de 1986. Morre Simone de Beauvoir, feminista francesa, existencialista e escritora

É unha das pensadoras máis importantes da historia, autora dun libro fundamental para a loita pola igualdade O segundo sexo, publicado en 1949, no que reflexiona sobre o significado de ser muller e formula a distinción entre a bioloxía e o construto social da chamada "feminidade".
Foi unha das fundadoras da Liga dos Dereitos da Muller e asinante do Manifesto das 343, que reivindicaba o dereito ao aborto.
"O feminismo é unha forma de vivir individualmente e de loitar colectivamente"
Maruja Mallo

A pintora vangardista e transgresora, nacida en Viveiro, foi unha das principais artistas da Xeración do 27 e membro das Sen Sombreiro, un grupo de mulleres intelectuais que loitou por cambiar as normas na España dos anos 20 e 30 .
Obtivo a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (1982), a Medalla de Ouro da Comunidade de Madrid (1990) e a Medalla de Galicia (1991).
16 de abril de 1958. Nace Chelo Loureiro, produtora cinematográfica e activista galega gañadora dun Goya en 2017

Produtora e emprendedora feminista, loita pola igualdade no sector audiovisual. Abandonou o seu traballo na industria naval para dedicarse ás industrias culturais e especializouse en cine de animación. En 2007 creou Ábano Producións, coa que obtivo, entre moitos outros premios, un Goya á mellor curta de ficción por Decorado en 2017. En 2019 estreou Carne, unha curtametraxe documental de animación sobre os estereotipos e tabús relacionados co corpo da muller que acadou máis de 70 premios.
"Se o mundo non é feminista non é xusto"
17 de abril. Nace en 1916 Sirimavo Bandaranaike, primeira muller en ser primeira ministra dun país

En 1960 converteuse na primeira muller do mundo en poñerse á fronte do goberno dun país democrático. Cunha arrasadora vitoria sobre os seus opoñentes, foi elixida primeira ministra de Ceilán (actualmente Sri Lanka).
18 de abril de 1923. Nace Antía Cal, educadora, renovadora do ensino en Galicia

Filla de emigrantes na Habana, cursou estudos de Comercio e Maxisterio e licenciouse en Xeografía e Historia. Tras coñecer a nova pedagoxía europea creou, no Vigo dos anos 60, un centro de ensino mixto e bilingüe: o Colexio Rosalía de Castro, un oasis de educación progresista, laica e igualitaria no contexto da ditadura franquista. Acadou numerosos recoñecementos, coma o Pedrón de Ouro e o Trasalba da Fundación Otero Pedrayo.
"Facendo mellores os individuos axudamos a que sexa mellor a sociedade".
19 de abril de 1977. Nace a poeta, crítica literaria e feminista Yolanda Castaño

Licenciada en Filoloxía, tradutora e divulgadora da poesía que fundou a súa propia residencia para escritoras e escritores, é unha das poetas galegas máis internacionais. As súas obras publicáronse en máis de vinte e cinco idiomas e foi distinguida con bolsas de creación en Grecia, Múnich, Beijing e Edimburgo. Comezou a súa multipremiada andaina sendo moi nova, con 17 anos gañou o Premio Fermín Bouza Brey de Poesía e con 21 o Premio da Crítica Española.
En 2020 obtivo o Premio Estandarte ao mellor libro de poesía publicado en España nese ano pola súa antoloxía bilingüe Un cobertizo lleno de significados sospechosos.
20 de abril: Pilar Miró, primeira muller en ingresar na Escola Oficial de Cinematografía e en dirixir RTVE

Nacida en Madrid en 1940, licenciouse na Escola Oficial de Cinematografía. Foi directora de cine, teatro, ópera e televisión e a primeira muller directora de RTVE, entre 1986 e 1989. Emprendedora, pioneira, valente e feminista, acadou innumerables éxitos e tamén foi censurada por crear obras para as que a sociedade do tardofranquismo aínda non estaba preparada.
Ademais doutros recoñecementos obtivo o Oso de Plata no Festival de Cine de Berlín de 1992, o Premio Ondas de Cine ao Mellor Director por Beltenebros, e 7 Goyas por El perro del hortelano, entre eles os da Mellor Dirección e Mellor Guión Adaptado.
Hedy Lamarr, actriz e inventora que cambiou a historia dos séculos XX e XXI

Fíxose famosa como actriz, pero foi unha das inventoras máis importantes e prolíficas do pasado século, cuxas contribucións cambiaron as nosas vidas. Entre outras cousas, inventou (xunto co pianista George Antheil –ambos con poucos estudos-) o salto de frecuencia para axudar os aliados na guerra contra os nazis; aínda que o seu invento foi desbotado inicialmente polo exército, nos anos 60 o Departamento de Defensa de EUA recuperouno e tempo despois deu lugar a tecnoloxías coma o GPS, a Wifi, o Bluetooth ou a posibilidade de comunicarse con teléfonos móbiles. Hai persoas expertas que aseguran que a guerra tería rematado un ano antes se lle fixesen caso no seu día.
Ana Freire, doutora en Informática e creadora dun algoritmo para detectar condutas suicidas nas redes sociais

É enxeñeira e doutora en Informática, profesora universitaria e investigadora. Traballa en IA orientada a cuestións sociais e creou un algoritmo que detecta a depresión e as conductas suicidas analizando publicacións nas redes sociais. Ademais é a fundadora do proxecto "Wisibilízalas", que busca romper estereotipos de xénero, especialmente os relacionados coas carreiras STEM, e promover o uso das TIC e o traballo en equipo.
Obtivo o Premio ao Talento Xove Feminino da Real Academia das Ciencias e o Ada Byron Xove da Universidade de Deusto.
J. K. Rowling é a escritora viva máis lida, a súa saga de Harry Potter bateu os récords de vendas

Escritora, guionista e produtora, Joanne Kathleen Rowling é a creadora da saga de Harry Potter, un dos maiores fenómenos literarios da historia recente da literatura. Rowling é a escritora viva máis lida grazas a que soubo conectar co público máis novo e mantelo enganchado ás sete novelas da colección.
A obra de Rowling deulle a volta ao mundo ao superar os 500 millóns de exemplares vendidos. A autora británica foi traducida a máis de 80 idiomas e adaptada ao cine con grande éxito de público e crítica. Os seus libros marcaron a infancia e a xuventude de toda unha xeración ao redor do globo, demostrando que as boas historias traspasan calquera fronteira.
Pola súa contribución ao mundo da arte ingresou como Dama Oficial da Orde do Imperio Británico. Nas últimas dúas décadas consolidouse como unha das escritoras máis influentes e foi nomeada pola revista Time Personaxe do Ano. Entre outros moitos recoñecementos literarios gañou o Premio H. Christian Andersen e o Príncipe de Asturias da Concordia.
24 abril. Falece en 1942 Leonor Serrano Pablo, pedagoga, xurista, avogada e escritora feminista

Leonor Serrano foi unha das primeiras inspectoras de educación primaria de España e unha firme defensora do dereito ao voto das mulleres. Natural de Ciudad Real, esta recoñecida pedagoga, avogada e escritora feminista traballou a comezos do século XX pola renovación dos métodos pedagóxicos na atención á primeira infancia e defendeu con forza a creación de escolas de educación infantil para favorecer a conciliación das mulleres.
Serrano formulaba, entre outras moitas novidades, que a nai debía ser considerada unha primeira educadora, o que obrigaba o conxunto da sociedade a revisar o tipo de educación que se lles daba ás nenas nas primeiras décadas do século XX. Nelas centrou os seus esforzos, loitou pola educación destas "para non deixalas indefensas, desatendidas e impotentes".
É unha das voces que en Cataluña máis defendeu o dereito ao voto feminino, o acceso das mulleres a todos os cargos e unha lei do divorcio. Trátase dunha muller progresista e renovadora desde todos os puntos de vista.
25 de abril. Celeste Caeiro fai o xesto que lle dá nome á Revolución dos Caraveis, que remata coa ditadura de Portugal

Celeste Caeiro converteuse, cun xesto espontáneo e sen pretendelo, na protagonista e no símbolo da denominada Revolución dos Caraveis en Portugal. Tras 50 anos de ditadura, o 25 de abril de 1974 unha revolución pacífica logrou restaurar a democracia logo de que o exército tomara os puntos estratéxicos do país para devolverlle o poder ao pobo.
Aquel histórico día Celeste dirixiuse ao seu traballo como cada xornada, traballaba no roupeiro dun restaurante e levaba flores para unha festa que non chegou a celebrarse. Ese día non abriron os negocios e unha vez na rúa achegouse a un tanque dos sublevados coa intención de informarse.
Nese momento aínda levaba un ramo de caraveis nas mans. Un soldado pediulle un cigarro pero ela o único que tiña era un caravel. O soldado colocouno na punta do fusil e Celeste comezou a repartirlles flores brancas e vermellas aos demais militares. Os canóns enchéronse de flores e o chan tinguiuse non de sangue senón de pétalos, dándolle nome de forma fortuíta e cun xesto de humanidade á Revolución dos Caraveis.
En 1901, as galegas Marcela Gracia e Elisa Sánchez protagonizan o primeiro casamento de mulleres en España

Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, adiantándose máis dun século á legalización do matrimonio homosexual en España no ano 2005.
Nunha sociedade profundamente relixiosa e conservadora, estas dúas mestras da Coruña decidiron desafiar os convencionalismos da época e formalizar a súa extraordinaria historia de amor. O de Marcela e Elisa foi o primeiro matrimonio entre mulleres do que hai constancia e para conseguilo esta última fíxose pasar por un home chamado Mario co fin de poder casar pola Igrexa.
A propia Emilia Pardo Bazán escribiu sobre este caso na revista La Ilustración Artística tras facerse público o acontecido. Unha vez descubertas tiveron que marchar ao Porto e foron detidas e acusadas de falsidade documental e travestismo. Remataron en Bos Aires e nunca puideron regresar á súa terra.
27 de abril. Nace en 1759 Mary Wollstonecraft, escritora e filósofa inglesa, precursora na loita polos dereitos da muller

Mary Wollstonecraft é unha das grandes referentes do feminismo do século XVIII. Escritora e filósofa, foi a primeira voz británica en esixirlles aos poderes públicos a súa implicación activa na procura da igualdade e na posta en marcha de reformas lexislativas que rematasen coa subordinación das mulleres e asegurasen a súa participación na vida política.
Na súa obra Vindicación dos dereitos da muller (1792) argumenta que as mulleres non son inferiores aos homes e que as diferenzas proceden de que non reciben a mesma educación, reclamando a creación dun sistema de ensino gratuíto e universal que lles dese novas ferramentas ás mulleres.
Con este libro pode dicirse que estableceu as bases do feminismo moderno e que se converteu nun referente para as mulleres europeas da época.
Como aconteceu con moitas outras voces autorizadas, a súa vida persoal pouco convencional causou escándalo e empregouse como escusa para silenciar as súas achegas literarias e políticas, hoxe básicas na reivindicación dos dereitos da muller, comezando por unha educación en igualdade. Non é aventurado dicir que foi a primeira feminista.
Stephanie Kwolek, inventora da fibra dos chalecos antibalas

Stephanie Kwolek é unha química estadounidense que contribuíu de forma determinante a salvar milleiros de vidas grazas aos seus avances científicos. Esta muller de orixe polaca revolucionou o mundo das fibras poliméricas que anos despois permitirían a confección de modernos chalecos antibalas.
O seu gran descubrimento produciuse no ano 1965. Kwolek inventou unha fibra que cambiou os equipos de prevención de riscos laborais por ser moi lixeira, moito máis resistente a roturas que o aceiro e para poder soportar o lume, o que deu lugar ao material denominado comercialmente Kevlar® , con máis de 200 aplicacións industriais na actualidade.
Grazas ás súas achegas salváronse milleiros de vidas ao favorecer o xurdimento de novidosos equipos de protección para traballos de alto risco como chalecos antibalas, roupa antiqueimaduras ou prendas anticortes.
Despois dunha carreira profesional repleta de éxitos, dedicou os últimos anos da súa vida a incentivar a vocación científica nas mozas e foi mentora de moitas investigadoras.
Tamara Rojo, bailarina e directora de danza. Medalla de Ouro da Academia das Artes Escénicas de España

Doutora cum laude no Instituto Superior de Danza Alicia Alonso da Universidade Rey Juan Carlos e máster en Artes Escénicas pola URJC, Tamara Rojo está considerada a española máis importante do ballet clásico a nivel mundial.
A súa carreira comeza aos dez anos como alumna da escola de Victor Ullate e aos 25 é nomeada bailarina principal do English National Ballet de Londres. Desde 2012 é directora artística desta afamada institución, caracterizándose pola súa mirada renovadora dos clásicos incorporando bailes contemporáneos.
É unha das figuras máis importantes da danza en Reino Unido e destaca o seu traballo a favor da evolución desta disciplina e a súa adaptación ao século XXI.
A súa é unha carreira chea de éxitos. No 2005 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Artes pola súa excepcional traxectoria.
30 de abril: 1972. Morre en Suiza Clara Campoamor, feminista, escritora e deputada que acadou o dereito ao voto das mulleres en España

Clara Campoamor foi a artífice do voto feminino en España. Estudou Dereito na Universidade Complutense de Madrid e en 1924 converteuse na segunda muller do Colexio de Avogados de Madrid.
Republicana, feminista e loitadora, a avogada, política e escritora abriu camiño para que o sufraxio feminino se convertese en realidade en 1933. Será recordada por abrirlle as urnas e a participación política activa á metade da poboación do país, pero traballou tamén de forma incansable para evitar a discriminación de sexos en calquera ámbito da vida, pola equiparación das fillas e os fillos dentro e fóra do matrimonio e por unha lei do divorcio.
Fixo este traballo desde o seu escano polo Partido Radical, obtido nas elección democráticas que deron lugar á Segunda República, e tamén defendeu a abolición da prostitución.
Campoamor é a referente inquebrantable do feminismo español e unha pioneira na defensa da igualdade de dereitos e a liberdade política das mulleres.
Clara Lemlich, a voz das traballadoras do téxtil que deu orixe ao Día Internacional da Muller

Foi a responsable da primeira gran mobilización polos dereitos das traballadoras en América do Norte. Como moitas inmigrantes que chegaron a Nova York atopou traballo nunha fábrica téxtil, na que traballaba once horas diarias. Non tardou moito en tomar conciencia do sistema de explotación imperante e comezar a organizar as compañeiras.
No inicio da Revolución Industrial estadounidense Nova York era unha das cidades máis produtivas do país e onde a sociedade amosaba un abismo económico e social entre clases. As traballadoras do téxtil eran unha forza de traballo indispensable pero silenciada, a maioría mozas, inmigrantes e moitas delas sen estudos básicos.
O 22 de novembro de 1909 Clara Lemlich pediu a palabra nunha asemblea e cambiou a historia. Foi a artífice da folga coñecida coma "O alzamento das 20.000", que definiu a loita obreira da muller.
Ela é a responsable da conmemoración da loita das mulleres traballadoras e de promover o voto feminino nos EUA como fundadora da Wage Earners League for Woman Suffrage.
María Victoria Carrera Fernández

Doutora en Psicopedagoxía pola Universidade de Vigo e profesora na Área de Personalidade, Avaliación e Tratamentos Psicolóxicos. Compaxina o seu labor docente cos seus traballos como investigadora posdoutoral. Actualmente lidera o proxecto nacional "Bullying, heteronormatividade e etnocentrismo: o rol do profesorado de educación secundaria", financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación.
A súa área de especialización é o estudo da educación sexual, a diversidade sexual e o bullying. Dirixiu estudos que abordan temáticas de máxima actualidade para o feminismo coma a ciberviolencia nas relacións de parella de adolescentes e a súa relación co heterosexismo e os mitos do amor romántico, a influencia da pornografía na sexualidade xuvenil e o acoso escolar en primaria e secundaria.
A doutora Carrera Fernández é unha renovadora e firme defensora da actualización dos contidos docentes e a incorporación de novidades como a linguaxe inclusiva nas aulas, nos manuais ou o estudo do movemento feminista ou a diversidade afectivo-sexual.
É unha firme defensora da tolerancia cero contra calquera forma de discriminación, acoso escolar ou persoal e violencia contra as mulleres.
Soledad Gallego Díaz

Xornalista, primeira directora de El País e figura de referencia para o conxunto da profesión periodística en España. A súa traxectoria está repleta de éxitos profesionais: o Premio Salvador de Madariaga, o Premio Margarita Rivière ao rigor xornalístico e o Premio Ortega y Gasset, entre outros moitos recoñecementos.
Pero se por algo pasará á historia é por publicar en exclusiva o borrador da Constitución española de 1978 xunto a Bonifacio de la Cuadra.
Con apenas 19 anos traballou para a axencia de información Pyresa, da que foi despedida por secundar unha folga en contra dos últimos fusilamentos do franquismo. Pasou por Cuadernos para el Diálogo e chegou a El País xusto despois da súa fundación, en 1976, como colaboradora de política e durante máis de tres décadas foi correspondente en Bruxelas, París, Londres, Bos Aires ou Nova York, directora adxunta e finalmente directora durante un breve período de dous anos.
Soledad Gallego Díaz é un exemplo de ética profesional, unha mestra para as persoas que comezan no oficio e unha muller que nunca dubidou en exercer a autocrítica e sinalar os grandes males do xornalismo.
Nettie Maria Stevens, xenetista estadounidense e pioneira na historia da bioloxía

Nettie Maria Stevens foi unha xenetista estadounidense de ascendencia inglesa e sueca. Foi a primeira investigadora en describir as bases cromosómicas que determinan o sexo e fixo importantes contribucións á embrioloxía e a citoxenética, que foron determinantes para o avance da humanidade.
Tivo que traballar como mestra e bibliotecaria para aforrar e poder entrar na universidade, un feito insólito nunha sociedade de comezos do século pasado na que as mulleres estaban practicamente relegadas á vida doméstica.
Pese as súas innegables capacidades, para facerse escoitar e formar parte da historia da embrioloxía e a citoxenética tivo que loitar contra toda unha comunidade científica que nos albores do século XX excluía as mulleres e incluso lles atribuía aos seus compañeiros os avances das poucas que se dedicaban á investigación.
M.ª Teresa Portela, padeeira, 15 medallas mundiais

Teresa Portela é unha lenda viva do deporte galego e español. A padeeira de Cangas disputará este verán os seus sextos Xogos Olímpicos, facendo historia no deporte de alto nivel deste país ao ser a única española en conseguilo. Mantivo unha traxectoria de éxito e é un exemplo de superación persoal e ambición sa.
Foi quen de remontar tras quedarse a 198 milésimas da medalla en Londres 2012. Obtivo un diploma olímpico en Rio e agora está disposta a desafiar calquera prexuízo ao clasificarse de forma rotunda para competir de novo con 39 anos.
Portela é a padeeira española máis laureada da historia e este verán converterase na que conta con máis participacións nas Olimpíadas. Con independencia do resultado, é toda unha referente para as mozas galegas que practican deporte: 15 medallas en mundiais, 18 en europeos e vai camiño dos seus sextos Xogos Olímpicos.
Marlene Dietrich, actriz, cantante e referente da loita contra os roles sexuais

Nada en 1901 e criada en Berlín, Marlene Dietrich debutou no cine en 1930 con Morocco, película nomeada a un Óscar na que a súa personaxe dá mostras xa do espírito transgresor da artista. Nunha escena loce un smoking, fuma mentres canta e, nun momento dado, bica outras mulleres, un xesto absolutamente insólito na primeira metade do século pasado.
Malia que moitas persoas da industria a consideraban unha estranxeira, pola súa fortaleza erixiuse moi cedo nun modelo a seguir nun mundo eminentemente masculino. A estrela de clásicos coma Shanghai Express ou The Blue Angel foi unha figura destacada na loita contra a opresión sexual.
Fixo todo isto mestres sufría as ameazas do Terceiro Reich. Na Segunda Guerra Mundial foi unha das líderes da oposición contra o nazismo e en 1947 obtivo a Medalla da Liberdade, creada por Truman para condecorar civís cunha traxectoria destacada no apoio ás forzas aliadas.
Olympe de Gouges

Marie Gouze, máis coñecida coma Olympe de Gouges, foi unha escritora e heroína francesa que reivindicou a igualdade de dereitos entre mulleres e homes no marco da Revolución Francesa. É unha precursora do discurso feminista.
En 1791 escribiu a súa famosa Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá en resposta á Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, que só lles recoñecía a condición de cidadanía aos homes e deixaba as mulleres nunha situación de inferioridade.
Procedente dunha familia humilde e viúva desde moi nova, comezou escribindo un gran número de artigos, manifestos e discursos nos que amosaba un pensamento propio da Ilustración. Na súa obra de teatro A escravitude dos negros critica con dureza a escravitude.
Foi guillotinada en novembro de 1793, en París, tras a purga que seguiu á Revolución Francesa. Loitou pola igualdade, contra a escravitude e en prol dos dereitos das mulleres, aínda que foi esquecida durante séculos malia o seu papel determinante na historia de Francia.
Habería que esperar ata o final da Segunda Guerra Mundial para que a figura de Olympe de Gouges fose recuperada como unha das grandes humanistas da Francia de finais do século XVIII.
Día Mundial do Comercio Xusto: Safia Minney

É unha emprendedora social, unha das voces máis autorizadas a nivel mundial sobre moda sostible e comercio xusto.
Nada no Reino Unido, Safia comezou a súa carreira en mercadotecnia e publicidade e aos 25 anos instalouse no Xapón, onde traballou con Amnistía Internacional e The Body Shop. Durante esta estadía, en 1991, creou People Tree, a primeira marca de roupa slow inspirada no seu profundo compromiso social.
A súa filosofía baséase en producir respectando as persoas que fabrican as pezas, as consumidoras que as compran e o planeta. Unha idea completamente revolucionaria nos anos noventa, marcados pola grande expansión da industria téxtil.
Safia Minney é unha figura clave do movemento sostible. É a primeira persoa en dirixir unha cadea de subministración de pezas de roupa de comercio xusto e está recoñecida polo Fórum Mundial de Economía como personalidade emprendedora destacable.
Foi impulsora da celebración do Día mundial do Comercio Xusto, que se celebra desde 1999, e, ademais, é a autora de varios libros fundamentais sobre moda responsable.
Simone Veil, avogada e política, despenalizou o aborto en Francia

Simone Veil naceu o 13 de xullo de 1927 en Niza, nos Alpes Marítimos. Era filla dun arquitecto xudeu. Perdeu os seus pais e o seu irmán no Holocausto e foi deportada en 1944.
Foi unha avogada e política francesa, sobrevivente do Holocausto e icona do feminismo en Francia. Ao fronte do Ministerio de Sanidade durante o goberno de Valéry Giscard d'Estaing, promulgou a chamada lei Veil, pola que, en xaneiro de 1975, se despenalizou o aborto en Francia.
Firme defensora da causa europeísta, recibiu por este compromiso o Premio Príncipe de Asturias da Cooperación Internacional en 2005.
A súa foi unha vida marcada por importantes fitos. No ano 1979 fixo historia de novo ao converterse na primeira presidenta do Parlamento. Tras o seu falecemento, Veil foi a quinta muller en entrar no Panteón de París, onde descansan as figuras máis relevantes da República Francesa, un total de 75; antes ca ela as mulleres elixidas foron Marie Curie, Germaine Tillion, Geneviève de Gaulle-Anthonioz e Sophie Barthelot.
Hilda Rodríguez, primeira medallista paralímpica galega

Hilda Rodríguez foi a primeira medallista paralímpica galega e portadora do facho olímpico dos Xogos de Barcelona 92 no traxecto desde o Concello de Lugo ata San Fernando.
É unha das principais referentes do atletismo galego e un exemplo de superación por todos os atrancos que tivo que superar para adestrar ao máis alto nivel e avanzar na súa prometedora carreira.
Ao longo dos 12 anos que competiu en atletismo e boccia coa Federación de Paralíticos Cerebrais, a deportista nada en Portomarín acadou un total de 52 medallas de ouro.
A súa carreira está chea de éxitos e conta cun palmarés impresionante. Ademais dos dous ouros conseguidos nos Xogos Paralímpicos de Atlanta 96, acadou 51 ouros, 14 pratas, 10 bronces e 11 récords en campionatos nacionais e 19 medallas en campionatos internacionais.
Retirouse despois de participar na Copa do Mundo de Boccia, que se disputou en 1999 en Mar del Plata, tras sufrir un desprendemento de retina.
En 2013 concedéuselle a Medalla Castelao, en recoñecemento ao seu traballo e exemplo para todas as galegas e galegos.
Williamina Fleming, realizou numerosos descubrimentos de corpos estelares

É a artífice dunha exitosa carreira como astrónoma, na que catalogou máis de 10.000 estrelas e descubriu outras 300, ademais de novas, nebulosas, ananas brancas e outros tipos de corpos celestes. Cando o telescopio espacial Hubble lle amosou ao mundo por primeira vez as imaxes da Nebulosa de Cabeza de Cabalo, a comunidade científica comprobou que Williamina xa a describira ao detalle décadas antes.
Estamos ante unha figura fundamental na historia da ciencia de finais do século XIX. Williamina Fleming foi responsable das contratacións no observatorio Edward Pickering, e favoreceu a entrada de máis mulleres na institución.
Como exemplo do seu compromiso feminista e a súa intuición para detectar o talento, cómpre destacar que unha das súas colaboradoras foi Henrietta Swan Leavitt, que anos despois descubriría un método para medir o tamaño do universo.
Williamina foi a primeira muller en entrar na Royal Astronomical Society de Londres e en ocupar un cargo institucional en Harvard, como conservadora do Arquivo de Fotografías Astronómicas; tamén se lle concedeu o premio honorario do Wellesley College. Pouco despois da súa morte a Sociedade Astronómica de México outorgoulle a Medalla Guadalupe Almendaro polo descubrimento de novas estrelas.
Emilia Pardo Bazán, grande escritora e pioneira do feminismo en España

Exerceu un papel determinante na vida cultural e social do século XIX en España. Foi unha escritora maxistral e unha pioneira do feminismo. Desde moi nova amosou interese polas humanidades e os idiomas, viaxou por Europa e negouse a limitar a súa aprendizaxe á música e á economía doméstica como a súa posición social tiña predestinado para ela.
Emilia Pardo Bazán, filla dos condes de Pardo Bazán, naceu o 16 de setembro de 1851 na Coruña e faleceu o 12 de maio de 1921, aos setenta anos, despois dunha prolífica traxectoria. Novelista, xornalista, ensaísta, crítica literaria, poeta, dramaturga, tradutora, editora, catedrática, relatora e introdutora do naturalismo en España.
A súa obra permite entender as enormes diferenzas que existían entre mulleres e homes no seu contexto social e valorar máis se cabe o esforzo da escritora en prol dunha modificación dos roles tradicionais. Pasará á historia, entre outros moitos fitos, por reivindicar unha mellor educación e formación para as mulleres como medio para acceder á cultura, dispoñer dun oficio e lograr unha maior independencia.
Herdeira dos principios da Ilustración e defensora da igualdade das persoas, Pardo Bazán loitou por romper cos estereotipos dunha época que limitaba o papel da muller á maternidade e ao ámbito doméstico negando, deste xeito, a súa individualidade.
Xogou un papel determinante na apertura da universidade ás mulleres no ano 1910. A autorización produciuse pouco despois de ser nomeada conselleira de Instrución Pública.
Antonia Ferrín Moreiras, astrónoma. Primeira doutora en Astronomía de España

Nada en Ourense, en 1914, Antonia Ferrín Moreiras foi a primeira astrónoma galega, disciplina á que contribuíu fundamentalmente con traballos sobre ocultacións estelares pola Luna, medidas de estrelas dobres e medidas astrométricas.
Licenciouse en Química e Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela, obtivo o título de mestra nacional e, durante dous anos, estudou Ciencias Exactas.
Foi apartada da docencia a raíz dunha denuncia anónima pola súa ideoloxía xunto a outras 45 persoas, entre as que se atopaban Isidro Parga Pondal ou Francisco Fernández del Riego, entre outras. Con determinación conseguiu que revisaran a súa causa e lle anularan a pena, e volveu exercer.
En 1950 obtivo unha bolsa do Consello Superior de Investigacións Científicas para realizar investigacións no Observatorio Astronómico de Santiago de Compostela. Non obstante, fixo moito máis pola universidade galega; impulsou a creación da Facultade de Matemáticas de Santiago de Compostela, foi a primeira muller docente nela e, en 1963, converteuse na primeira muller española en defender unha tese sobre astronomía neste centro, Observacións de pasos por dúas verticais, dirixida por Ramón María Aller.
Rosa Regás, nomeada en 2004 directora da Biblioteca Nacional

Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Barcelona, Rosa Regás é unha escritora e tradutora española nacida en Barcelona en 1933. Fixo historia en 2004 ao ser nomeada directora xeral da Biblioteca Nacional de España, cargo que abandonou en agosto de 2007. Durante a súa etapa á fronte da institución duplicáronse as visitas e creceu un 300 % o número de carnés realizados, debido ao impulso que lle deu ás actividades culturais e á creación do museo.
Muller comprometida coa igualdade de xénero, nunca dubidou en criticar o machismo imperante na sociedade e a influencia da relixión e das tradicións na supervivencia do sistema patriarcal e as desigualdades que aínda existen na España contemporánea. Todos estes "tormentos" que soportan as mulleres e moitos outros abordounos na obra La desgracia de ser mujer.
Rosa Regás é unha activista pola igualdade e contra a violencia machista e este compromiso viuse recompensado, por exemplo, coa creación en Andalucía dos Premios Rosa Regás aos materiais curriculares que promovan a igualdade no ámbito escolar.
Como autora recibiu algúns dos premios literarios máis importantes do país: o Premio Nadal de Novela en 1994 con Azul; o Premio Ciudad de Barcelona de Narrativa en 1999 por Luna, lunera; o Premio Planeta en 2001 coa novela La canción de Dorotea; e o Premio Biblioteca Breve en 2013 pola novela Música de cámara. Os seus traballos traducíronse a unha ducia de idiomas.
Emily Dickinson

Mestra da literatura universal, Emily Dickinson (Massachusetts, 1830) escribiu centos de poemas e pasou á historia como unha das poetas estadounidenses máis determinantes xunto a Edgar Allan Poe, Ralph Waldo Emerson e Walt Whitman.
Indiferente á fama, en vida apenas se deron a coñecer unha ducia dos case 1.800 poemas que escribiu e deixou copiados en pequenos cadernos que se recuperaron logo da súa morte, en 1886. Foi a súa irmá pequena, Lavinia, a responsable de sacar á luz a inxente produción literaria de Dickinson e de permitir que a súa obra pasase á posteridade, elevándoa como poeta universal e unha das máis importantes de todos os tempos.
Estudou na Academia de Amherst, o que lle deu acceso a unha formación máis sólida que a que adoitaban ter as mulleres na primeira metade do século XIX. Moitos dos seus poemas achéganse á morte e á inmortalidade, dous temas recorrentes nas cartas as súas amizades, e tamén exploran a estética, a sociedade, a natureza e a espiritualidade.
Emily Dickinson foi transgresora desde moza, e defendeu con gran valentía a súa autonomía espiritual pese a nacer e criarse nun contorno relixioso e tradicional. Tamén tivo que enfrontarse ao seu pai para poder dedicarse plenamente á literatura, como ela pretendía.
A terceira gran rebelión da súa vida ten que ver coa poesía. Desafiou abertamente as regras poéticas imperantes na poesía americana do seu tempo. Foi quen de crear un estilo absolutamente persoal e de escribir poesía nun ton tan experimental que nin sequera hoxe, cento trinta e dous anos despois da súa morte, se superou totalmente.
Laura Alonso Cano

Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Autónoma de Madrid e cunha amplísima experiencia na produción e coordinación de proxectos culturais con perspectiva feminista, é ademais presidenta da Liga Internacional de Mulleres pola Paz e a Liberdade en España (WILPF, polas súas siglas en inglés).
Especializada na cultura de paz, compaxina a docencia coa investigación e a coordinación de proxectos para a Asociación Española de Investigación para a Paz (AIPAZ). Ademais, é membro do Instituto Universitario DEMOSPAZ e socia fundadora da Fundación Entredós de Madrid, un espazo feminista baseado na confianza entre mulleres.
Entre outras moitas liñas de investigación apostou pola fotografía e o teatro como ferramentas para a transformación social e a paz. Tamén desenvolveu un estudo sobre o uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na súa aplicación no terceiro sector.
Laura Alonso Cano é tamén coautora e coordinadora de 1.325 mujeres tejiendo la paz e Visibles y transgresoras: narrativas y propuestas visuales para la paz de CEIPAZ-Fundación Cultura de Paz. É unha firme defensora da educación pública universal, de calidade e gratuíta e de dotala de máis recursos para convertela nunha ferramenta de transformación social e loita contra as violencias machistas.
Día das Letras Galegas: Xela Arias

Este ano o Día das Letras Galegas recupera a figura dunha gran poeta, Xela Arias, unha muller que fixo da modernidade, da experimentación e da liberdade unha constante na súa vida e na súa obra; unha muller decidida a desafiar as estruturas arcaicas e os roles predefinidos. Inconformista por natureza, decidiuse a explorar a linguaxe ata crear un universo literario propio, caracterizado pola independencia estilística e conceptual.
Poucas voces coma a de Xela Arias manteñen a súa actualidade. A escritora explorou os límites do xénero poético e transgrediu as normas e os costumes ao propiciar a interacción entre a escrita, a música e a imaxe. Foi unha renovadora, unha adiantada ao seu tempo e unha precursora na fusión da poesía con outras disciplinas.
Nada en Sarria en 1962, comezou xa de nena a escribir contos que logo os seus pais mecanografaban. As normas, os sistemas e as imposicións sociais non eran para ela. En 1980 entrou a traballar na recentemente creada Edicións Xerais de Galicia, onde desenvolveu un importante labor durante dez anos e recibiu varios premios de tradución.
Escritora, tradutora, editora e docente, toda a actividade da poeta gravita arredor das palabras. Foi rigorosa na edición e na tradución, e liberadora e profundamente innovadora nos seus poemas. En 1982 Xela Arias comeza a publicar os seus primeiros traballos en revistas, xornais e fanzines e a participar en recitais poéticos.
En 1986 publica Denuncia do equilibrio e catro anos despois sae á luz Tigres coma cabalos, unha obra innovadora na que Xela Arias aposta por romper as barreiras da linguaxe. En xuño de 2003 publícase Intempériome, un lúcido traballo que condensa as liñas máis persoais da súa escrita e os temas que caracterizan a súa obra.
Celia Amorós, filósofa e teórica feminista

Filósofa, escritora e ensaísta española, Celia Amorós é sobre todo unha teórica do feminismo. Licenciada en Filosofía pola Universidade de Valencia, é especialista no pensamento ético-político de Jean Paul Sartre e na historia do existencialismo. É catedrática e membro do Departamento de Filosofía e Filosofía Moral e Política da UNED e destaca polas súas investigacións e traballos sobre feminismo e multiculturalidade.
En 2006 converteuse na primeira muller en obter o Premio Nacional de Ensaio; pero a súa traxectoria está salpicada de importantes fitos desde moito antes. En 1980 recibiu o Premio María Espiñenta de Ensaio ao mellor artigo publicado sobre temas de feminismo pola súa obra Feminismo e partidos políticos.
O seu libro Cara a unha crítica da razón patriarcal (1985), no que se recollen os seus primeiros traballos sobre feminismo, constitúe un novo enfoque da filosofía desde a perspectiva de xénero, pon de manifesto os rumbos do androcentrismo e reivindica unha revisión crítica por parte das mulleres nesta materia.
En 1993 inicia unha estancia na Universidade de Harvard. Posteriormente, dirixiu durante algúns anos o Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense, onde creou o seminario Feminismo e Ilustración, no que participaron como invitadas algunhas das mulleres que máis contribuíron ao pensamento feminista en España: Alicia Puleo, Rosa Cobo ou Ana de Miguel.
María Mariño, escritora

María Mariño Carou (Noia, 1907) é unha figura singular no contexto da literatura galega, unha autora irrepetible e inimitable que permaneceu silenciada para a historiografía literaria galega ata finais dos oitenta. O interese pola súa obra revitalizouse tras dedicárselle o Día das Letras Galegas do 2007, xa que foi unha das cinco mulleres homenaxeadas nesta data.
Mariño foi unha autora que medrou nas marxes do sistema, sen apenas relacións no mundo literario. Este illamento que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres da época chegou a suscitar dúbidas sobre a súa existencia e a autoría do seus poemas, que algunhas persoas lle atribuíron ao seu amigo Uxío Novoneyra.
Audaz, vangardista e fascinante, a súa poesía inspírase na tradición popular, onde non é allea de todo á sombra de Rosalía de Castro. O verso de María Mariño evoluciona desde o tradicionalismo inicial ata o versolibrismo dos seus últimos poemas. A súa orixinalidade reside no tratamento persoalísimo da lingua popular ao distorsionar a estrutura lóxica do idioma ata conseguir resultados de grande expresividade e beleza.
Dota a súa obra dun pouso de reflexión que só a súa madurez podía outorgarlle. Segundo as e os escasos expertos no seu traballo, coma Carme Blanco, María posuía unha personalidade literaria situada nas marxes do habitual no seu tempo. A súa é unha poética radicalmente intimista e caracterízase pola linguaxe rupturista que emprega.
Habería que agardar 27 anos desde a publicación de Palabra no tempo para que se dese a coñecer o seu segundo libro, Verba. Namentres escribiu dúas obras en castelán que non se coñecían Los años pobres. Memoria de guerra y postguerra e Más allá del tiempo. No ano 1994 Edicións Xerais publica a obra completa.
Aínda que naceu en Noia, pasou a maior parte da súa vida no Courel, onde está soterrada
Celia Brañas, pioneira na incorporación da muller á cultura científica

Celia Brañas Fernández, nacida na Coruña en 1880, foi unha precursora na incorporación da muller á cultura científica. Grazas ao seu talento e tesón, logrou acadar un papel protagonista na sociedade do momento e no mundo da ciencia, nesta etapa maioritariamente en mans dos homes.
En 1908 estréase como docente na Escola Normal de Maxisterio coruñesa, da que fora alumna, e en 1911 aproba a oposición de profesora numeraria de Ciencias. Celia entendeu que a súa responsabilidade como educadora non se debía restrinxir ao espazo das aulas e amosou a súa preocupación pola renovación dos métodos pedagóxicos e polas dificultades que atopaban as mulleres da época para instruírse.
Actuou como relatora no Primeiro Congreso de Estudos Galegos, onde defendeu a creación da Estación de Bioloxía Mariña na súa cidade natal. Muller tenaz, un ano máis tarde, en 1920, logrou que o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid organizase un curso de Bioloxía Mariña na Coruña. Este curso foi o precursor da creación da Estación de Bioloxía Mariña de Marín en 1932.
Fixo prácticas de Histoloxía nos laboratorios do Museo Nacional de Ciencias Naturais e foi tamén vogal do Padroado Local de Formación Profesional na Coruña.
Hoxe dá nome a un premio de xornalismo científico da Real Academia Galega de Ciencias.
Mercedes Casal Jiménez, bióloga. Investigadora ad honorem

Nacida en Santiago de Compostela en 1949, licenciouse en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1973 e doutorouse en Bioloxía pola Universidade de Sevilla en 1982. Desde 2014 é investigadora ad honorem da USC.
A súa enorme vocación pola bioloxía e, en especial, polos temas da natureza inclinárona cara á ecoloxía, unha rama nova que nos anos setenta comezou a súa consolidación como disciplina teórica.
Integrante do grupo Ecoloxía do Lume, do Departamento de Bioloxía Funcional da USC, realizou numerosos traballos e investigacións sobre incendios forestais e a recuperación das comunidades de vexetación de ecosistemas forestais despois dos incendios. Desde setembro de 2005 é membro da Comisión de Incendios Forestais do Ministerio de Medio Ambiente como representante do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Biólogos.
Mercedes Casal é membro da Asociación de Mulleres Investigadoras & Tecnólogas (AMIT). Sen dúbida, é unha pioneira no estudo da ecoloxía do lume e tamén en materia de educación ambiental. Ademais, foi a primeira persoa en alcanzar o decanato do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia tras a creación da entidade a nivel autonómico.
Elena Ojea

Licenciada en Ciencias Ambientais e doutora en Economía Ambiental, Elena Ojea, nacida en Nigrán en 1981, lidera na Universidade de Vigo (UVigo) o grupo Future Oceans Lab, dedicado á investigación do impacto do cambio climático no medio mariño.
Ten experiencia posdoutoramento no Centro Vasco de Cambio Climático (BC3), onde pasou sete anos. Realizou dúas estancias como investigadora visitante na Escola de Políticas e Ciencias Ambientais de Bren, na Universidade de California, e outras de menor duración en centros de Venecia ou Nova Deli.
Entre outros proxectos, participou nun estudo para medir o impacto ambiental e económico do Prestige e traballou noutro sobre os efectos socioeconómicos da creación do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Desde 2018 forma parte do VI Informe do Panel Intergobernamental do Cambio Climático (IPCC) da ONU e foi a primeira galega en obter a bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación.
Foi a segunda científica galega captada a través do programa "Oportunius" do Centro de Investigación Mariña (CIM) da UVigo, especializada na adaptación aos impactos do cambio climático no mar. Elena lidera un proxecto do Consello Europeo de Investigación (ERC) sobre adaptación na pesca, co que dirixe o citado grupo Future Oceans Lab. Ademais, participa en diversos proxectos europeos estudando a vulnerabilidade dos sistemas socioecolóxicos costeiros ao cambio climático.
Nace Margaret Fuller en 1810, precursora do feminismo

Margaret Fuller naceu o 23 de maio de 1810. Xornalista estadounidense e activista polos dereitos da muller, avogou tamén pola fin da escravitude e polas melloras sociais para as persoas máis vulnerables. Co seu ingreso no New York Tribune como crítica literaria converteuse na primeira xornalista feminina na redacción dun xornal importante e nunha das voces de referencia na reivindicación do dereito ao voto feminino.
Graduouse como mestra e participou na fundación unitaria da organización do transcendentalismo en Concord. Escribiu un libro sobre a súa experiencia nas visitas que realizou a tribos de nativos americanos, Verán nos lagos,e para documentarse logrou que por primeira vez se lle dese acceso a unha muller á biblioteca da Universidade de Harvard.
A mediados da década de 1840 comezou a organizar grupos de discusión de mulleres, onde desenvolveu a súa principal obra, Woman in the Nineteenth Century, na que aborda a independencia da muller e a necesidade de acabar coa desigualdade na relación entre sexos.
Margaret Fuller sostiña que, cando se lles concedese a igualdade de dereitos educativos ás mulleres, estas poderían acadar dereitos políticos como os homes. Tamén promoveu reformas nos cárceres, defendeu a axuda ás persoas sen fogar, o coidado das culturas orixinarias americanas e a emancipación das e dos escravos, como reflicte outro dos seus traballos fundamentais A muller do século XIX.
Fuller, o seu marido e o seu fillo morreron en 1850 cando o barco que os transportaba a América se afundiu preto de Nova York. Desta forma, perdeuse un manuscrito seu sobre a historia da República romana.
Actualmente Margaret Fuller é considerada precursora do feminismo e da defensa dos dereitos das mulleres, tanto educativos como políticos.
Belinda Gallardo

É unha referencia no estudo do papel que xogan os espazos protexidos na preservación da biodiversidade e na loita contra as especies invasoras.
Investigadora Ramón y Cajal no Instituto Pirenaico de Ecoloxía do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC), está á espera de ser nomeada investigadora titular na especialidade de Restauración de Ecosistemas: Adaptación ao Cambio Global.
Está especializada no estudo das complexas relacións existentes entre comunidades biolóxicas, factores ambientais e humanos. O obxectivo final do seu traballo teórico é aplicar ese coñecemento para mellorar a xestión dos recursos naturais e apoiar a súa conservación.
Actualmente as súas investigacións céntranse en comprender a distribución espacial de especies invasoras co obxectivo de desenvolver ferramentas de prevención, detección temperá e resposta inmediata, en liña cos obxectivos estratéxicos do Horizonte 2020.
Forma parte do Grupo de Investigación Rexional de Restauración Ecolóxica, financiado polo Goberno de Aragón; do Grupo de Investigación de Especies Invasoras, financiado pola Universidade de Alcalá de Henares (Madrid), e participa na iniciativa de investigación en bioseguridade en St. Catherine's ( BioRISC), financiada pola Fundación David e Claudia Harding.
Ademais, é membro da Comunidade #PorElClima, iniciativa pioneira de persoas, empresas, organizacións e administracións públicas cun obxectivo común: protagonizar la acción contra o cambio climático segundo o Acordo de París.
Nace Elena Maseras

Elena Maseras naceu en Tarragona no ano 1853 e pasou á historia por ser a primeira muller española en cursar estudos superiores sen ter que facerse pasar por un home, como fixera Concepción Arenal tres décadas antes. Maseras matriculouse na Facultade de Medicina da Universidade de Barcelona no curso 1872-73 e finalizou os estudos seis anos despois, pero non chegou a exercer polas numerosas trabas burocráticas que lle impediron formalizar o título e acceder a un doutorado, que era o seu desexo.
Durante esa incerta espera polo título seguiu estudando e obtivo os títulos de mestra elemental e mestra superior. Tras aprobar a oposición correspondente, o ensino sería finalmente a súa ocupación profesional, primeiro en Vilanova i la Geltrú (Barcelona), e logo en Maó (Menorca).
Pese ás trabas que lle impediron exercer a súa profesión de doutora, o seu mérito é innegable e o Observatorio de Igualdade da Universidade Rovira i Virgili púxolle o seu nome, M. Elena Maseras, a un premio que busca promover a incorporación da perspectiva e os estudos de xénero na docencia e na investigación.
Mary Montagu

Aínda que habitualmente se lle atribúe a Edward Jenner a vacina contra a varíola, moitos anos antes Mary Montagu foi a encargada de estender por Europa a práctica de inocularlles a nenas e nenos pus de persoas enfermas para inmunizalos fronte a esta enfermidade.
Mary Wortley Montagu (1689-1762) foi unha muller de orixe aristocrática, pero nada convencional, que avanzou sempre a contracorrente. Escritora e viaxeira, cos seus traballos desafiou as actitudes sociais que freaban as iniciativas das mulleres. Foi autodidacta e aproveitou a súa posición social para aprender idiomas. Chegou a dirixirse ao bispo de Salisbury para queixarse das dificultades que tiñan as mulleres para acceder á cultura, un feito inédito que exemplifica a súa determinación e inconformismo ante as inxustizas.
Acabou mudándose coa súa familia a Constantinopla (actual Estambul) e foi alí onde observou o costume orixinario da China e da India de inocular pus a nenas e nenos para facer fronte á varíola, unha enfermidade devastadora que ela padecera con 26 anos e que matara o seu irmán.
Convencida da eficacia deste método, chegou a probalo no seu propio fillo Edward e propúxose facer chegar este costume a Europa para frear a enfermidade. Falamos dunha muller excepcional, independente, que soubo rodearse de intelectuais, escribiu, viaxou e defendeu os dereitos das mulleres.
Falece en 2012 Elisa Lamas, xornalista galega, feminista, censurada polo franquismo

Elisa Maseda Arango, coñecida como Elisa Lamas, naceu en Mondoñedo e foi unha xornalista e escritora galega pioneira do feminismo en España. Estudou Dereito na Universidade de Salamanca e traballou en Madrid nas revistas católicas Signo e Cume. Nos anos sesenta e setenta foi unha das líderes do movemento feminista en plena ditadura.
Desde Barcelona loitaba contra a marxinación das mulleres e reflectía nos seus escritos a inxustiza e a frustración coas que se atopaban. Era columnista habitual de Destino, La Vanguardia e Diario16 e pola súa oposición ao franquismo e o seu compromiso cívico e político foi procesada catro veces polo Tribunal de Orde Pública (TOP). Famosa é a súa anécdota fronte ao tribunal: cando xulgaban tamén o seu cuñado, un cura-obreiro acusado de darlles acubillo a sindicalistas, Elisa recriminoulles aos maxistrados que impartisen xustiza cun crucifixo sobre a mesa.
Elisa Lamas era unha muller de principios e conviccións relixiosas, aínda que moi crítica coa xerarquía eclesiástica. Era firme defensora dunha España europeísta e integradora nun proxecto democrático, solidario e común.
O seu libro Once historias perversas y una ejemplar é un dos primeiros de contido feminista que se publicaron en España. Son doce relatos breves que mostran a súa rebeldía e o seu compromiso social e político, reflicten problemas das mulleres e critican as actitudes machistas da sociedade.
Concepción Aleixandre Ballester

Médica, inventora, pedagoga e feminista. Concepción Aleixandre Ballester, nacida en Valencia en 1862, foi unha das primeiras licenciadas en Medicina do país e un exemplo de traballo, solidariedade e sororidade. Falamos da primeira muller admitida na Sociedade Xinecolóxica Española (1892) e dunha pioneira do feminismo comprometida co avance dos dereitos das mulleres. Por poñer só un exemplo, figura entre as asinantes do manifesto a favor de que a escritora Emilia Pardo Bazán fose nomeada membro da Real Academia Española.
Foi a encargada en 1927 de presidir o comité organizador do primeiro Congreso Español de Abolicionismo, partidario de suprimir a prostitución e incluír o delito sanitario no Código Penal.
No ano 1928 creou, xunto a Elisa Soriano e Arroyo Márquez, a Asociación Nacional de Mulleres Médicas e participou en congresos internacionais da Medical Women's International Association. Conseguiu patentar, en 1910, dous sistemas para corrixir o descenso da matriz.
Ballester militou no Consello Nacional de Mulleres, no Comité Feminino de Hixiene Popular, na Sección de Señoras da Unión Iberoamericana e na Asociación de Médicas Españolas, da que foi presidenta honoraria.
Trátase dunha muller excepcional que acadou metas practicamente imposibles para a súa época. Foi unha das responsables da primeira manifestación feminista en España (1921) e consideraba o feminismo un movemento pacifista e xerador de prosperidade económica.
Jody Williams

Profesora estadounidense e activista polos dereitos humanos, Jody Williams, nacida en Vermont en 1950, obtivo o Premio Nobel da Paz en 1997 polo seu traballo a prol da prohibición do uso de minas antipersoa e das bombas de acio, así como a favor da retirada das minas remanentes. Foi a décima muller en conseguir este galardón nun século de historia. En decembro dese mesmo ano, un total de 123 estados asinaron en Ottawa (Canadá) un tratado internacional que prohibía este tipo de artefactos bélicos.
Licenciada en Artes pola Universidade de Vermont en 1972, realizou estudos de posgrao en Relacións Internacionais en Washington. Foi profesora e dirixiu proxectos humanitarios en distintos puntos de Sudamérica ata que unha visita á Fundación Americana de Veteranos de Vietnam en Washington reorientou toda a súa traxectoria profesional.
Protagonizou un esforzo cooperativo sen precedentes con gobernos, organismos de Nacións Unidas e o Comité Internacional da Cruz Vermella contra as minas antipersoa. Posteriormente, aproveitou a influencia que lle outorgou o seu Premio Nobel para seguir loitando polas causas que ela considera xustas e creou en 2006 a organización Nobel Women's Iniciative co fin de promover un mundo máis xusto.
Significouse tamén na loita contra a impunidade fronte ás agresións sexuais nas zonas de conflito e é unha das coordinadoras da campaña contra os sistemas de armamento autónomo ou robots asasinos, que agrupa a varios colectivos contrarios a esta tecnoloxía militar.
Nace Mónica Bar Cendón

Escritora, poeta e filóloga. Mónica Bar Cendón (Vigo, 1962) é licenciada en Filoloxía Hispánica pola UNED e especialista en Igualdade e Impacto de Xénero. En 2010 publicou unha obra de referencia para o movemento feminista titulada Feministas galegas. Claves dunha revolución en marcha, no que se pretende plasmar o importante papel xogado polo feminismo na consolidación democrática.
Bar Cendón defende que o movemento feminista propiciou os cambios sociais máis profundos levados a cabo durante a transición política en España.
Ten estudos de doutorado, especialidade en Teoría da Literatura e Literatura Española (UNED, 2001-2003) e obtivo o Diploma de Estudos Avanzados (DEA) en 2003 co ensaio Emilia Pardo Bazán no Ateneo de Madrid.
No ámbito do feminismo e a loita contra a violencia de xénero, Bar Cendón participou en múltiples publicacións e foros académicos e formou parte do consello de redacción da revista cultural Festa da Palabra Silenciada con artigos, contos e críticas teatrais e cinematográficas. Publicou un ensaio titulado Escritoras Dramáticas Gallegas: Dramaturgia de la subversión na Breve historia feminista de la literatura (vol. VI, 2000).
Como tradutora verteu ao galego Canon de alcoba, de Tununa Mercado (Xerais, 1999) e A pedra angular, de Emilia Pardo Bazán (Xerais, 2003). Ademais, redactou o prólogo de Xeo e lume, de Andrea Dworkin (Xerais, 2001); realizou o estudo literario de Non o abras como unha flor, de M.ª Xosé Queizán (Xerais, 2004), e publicou o conto O rosario na tarteira, incluído no volume Narradoras (Xerais, 2000).
Nace Mercedes Brea

Profesora, investigadora e escritora galega, é catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), unha das voces máis autorizadas sobre a lírica medieval galega e creadora da base de datos da lírica galego-portuguesa co seu corpus completo informatizado.
Natural da Estrada, onde naceu en 1950, Mercedes Brea é unha destacada investigadora con experiencia tamén en xestión. Entre outros cargos desenvolvidos está o de vicerreitora de Profesorado, decana da Facultade de Filoloxía e directora do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.
Coordinou o grupo GI-1350 da USC, que promove todo tipo de iniciativas consagradas á filoloxía e literatura románica medieval. Foi responsable da acción Cost IS1005 Medioevo Europeo e coordinou a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares, ademais de ser investigadora principal do proxecto "O cancioneiro de xograres galegos".
A través dunha estreita colaboración co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Brea persoalmente e a USC como institución situáronse á vangarda nos estudos de lírica galega medieval coa publicación dos dous volumes da Lírica profana galego-portuguesa e coa creación da base de datos MedB, que puxo ao dispor de toda a comunidade científica o corpus completo informatizado das cantigas profanas.
Nace Lupe Gómez

O 1 de xuño de 1972 nacía en Curtis a escritora, poeta, crítica literaria, animadora cultural, feminista e xornalista galega Lupe Gómez. Trátase dunha das voces poéticas máis singulares, rompedoras e respectadas dos últimos vinte anos en Galicia.
A poeta galega desfaise da lóxica e dos formalismos que caracterizan a poesía convencional para construír un imaxinario íntimo e transgresor empregando unha linguaxe directa e desatada, pola que algunhas persoas lle puxeron o alcume da "poeta extrema".
O seu espertar literario foi volcánico. En 1995, e con apenas 23 anos, autoedita a súa primeira obra, Pornografía, un poemario de culto que se adiantou case tres décadas á actual onda feminista e á reivindicación do rural. A súa autora considera que foi e segue sendo unha obra aberta ademais de profundamente controvertida polos temas que trataba. Non é a súa pretensión, pero Lupe Gómez entende que a arte debe provocar, mancar e desgustar.
Co libro Camuflaxe gaña en 2018 o Premio da Crítica e o Premio da Gala do Libro Galego. Son versos que nacen da dor pola morte da súa nai e ao mesmo tempo xorden como un canto ás mulleres da terra, que son as que sosteñen o mundo e fano sen presumir. As súas páxinas choran tamén a desaparición das aldeas e dos seus valores.
A finais de 2019 publica un epistolario en lingua galega coa editorial Alvarellos. A editorial La Uña Rota publica por primeira vez en castelán, nunha edición bilingüe, o seu primeiro libro, Pornografía, traducido por Luz Pichel.
Lucía Sánchez Saornil

Poeta, militante anarquista e humanista integral española. En abril de 1936 foi cofundadora da organización Mujeres Libres, da que foi secretaria nacional. Lucía Sánchez Saornil (Valencia, 1895) denunciou co seu activismo social e os seus traballos escritos a discriminación que sufrían as mulleres ao ter que liberarse durante toda a súa vida dunha tripla escravitude: a ignorancia, a explotación laboral e o matrimonio ou a prostitución.
Estudou nun colexio para orfos e en 1913 enviou á Correspondencia de España o artigo "Falan as raparigas"; no que, con prosa elegante, xa abordaba o problema da educación na muller e denunciaba a discriminación que sufrían as nenas fronte aos grupos de nenos exploradores que saían ao campo.
Tres anos despois entrou a traballar como telefonista en Telefónica, momento no que comezou a publicar os seus primeiros poemas na revista Los Quijotes. Paralelamente, proseguiu os seus estudos na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, mostrando interese polos movementos vangardistas e adheríndose ao movemento Ultraísta.
Afiliouse á Confederación Nacional do Traballo (CNT). Durante a República pasou da poesía á prosa como símbolo de unión coa dura condición obreira e, en xullo de 1936, participou no asalto ao Cuartel da Montaña. Pertenceu ao Consello Nacional de Solidariedade Internacional Antifascista (SIA) e estivo un tempo exiliada en Francia.
O seu compromiso social era transversal pero, ante todo, Sánchez Saornil foi unha loitadora incansable polos dereitos das mulleres.
Amelia Bloomer

Amelia Jenks Bloomer (New York, 1818) foi unha estadounidense defensora dos dereitos das mulleres. En 1848 asistiu á primeira convención polos dereitos das mulleres en Seneca Falls. A súa "Declaración de sentimentos", que presentou alí, é a miúdo acreditada como o inicio dos movementos organizados de dereitos da muller e polo sufraxio feminino nos Estados Unidos.
Como mostra da súa militancia e compromiso, apenas un ano despois comezou a editar o xornal The Lyli co lema "Dedicado aos intereses da muller", no que difundía reivindicacións coma a necesidade de atopar vestimenta menos recargada e opresora que lle permitise a unha muller activa desempeñar o seu traballo.
Na primavera de 1851, xunto as sufraxistas Elizabeth Cady Stanton e Elizabeth Smith Miller, apareceu camiñando polas rúas de New York cunha vestimenta moi novidosa para a época, unha especie de pantalóns bombachos que pasaron a ser coñecidos como "the bloomer costume" ou "bloomers".
A pesar das sátiras, esta novidosa prenda foi aceptada como unha opción cómoda e práctica para ser utilizada como vestimenta deportiva. Foi o xerme dos conxuntos destinados á práctica do ciclismo.
En 1855 Bloomer trasladouse a Iowa, onde continuou traballando activamente no movemento polo sufraxio das mulleres dese Estado. Deu conferencias e foi presidenta da Asociación Sufraxio da Muller de Iowa entre 1871 e 1873.
Mayerlín Vergara Pérez

Mayerlín Vergara Pérez (Sahagún, 1975) é educadora, activista polos dereitos humanos e coordinadora rexional para A Guajira da Fundación Renacer, unha organización non gobernamental de Colombia que traballa para erradicar a explotación sexual de nenas, nenos e adolescentes, moitos dos cales son refuxiados.
No ano 2020 obtivo o Premio Nansen, máximo galardón anual da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) polo seu traballo axudando a sobrevivintes de violencia sexual a reconstruír as súas vidas. Vergara, coñecida como "Maye", leva máis de dúas décadas rescatando nenas e nenos vítimas de redes de tráfico e explotación sexual.
Vergara mergullouse no seu traballo con sobrevivintes de violencia sexual despois de responder a un anuncio laboral no que buscaban unha educadora nocturna para un fogar residencial en Barranquilla dirixido por esta fundación creada en 1988. A labor de Vergara foi clave para que Colombia aprobase en 2009 dúas leis que supuxeron un gran paso adiante na loita contra o tráfico infantil.
A súa dedicación inquebrantable salvou a vida de milleiros de mozas e mozos, nenas e nenos en Colombia. Ela mesma recoñeceu que non é un traballo senón unha misión de vida.
Greta Thunberg

Activista medioambiental que iniciou o movemento estudantil Fridays for Future, co que conseguiu espertar toda unha xeración de mozas e mozos a nivel global e conciencialos sobre a urxencia de loitar contra o cambio climático.
Greta Thunberg, nacida en 2003 en Suecia, simboliza a conciencia climática do planeta, a súa principal achega é que foi quen de conectar coas novas xeracións e mobilizalas por un obxectivo común, converténdose nun fenómeno masivo que levou o medio á primeira plana de xornais de todo o mundo.
Thunberg deuse a coñecer en 2018 cando se negou a asistir á escola ata que o Goberno sueco cumprise o Acordo de París e reducise as emisións de carbono. A súa imaxe sentada na rúa cun cartel que dicía "Folga escolar polo clima" deu a volta ao mundo e foi o xerme do movemento internacional estudantil que lles reclama aos gobernos que actúen contra o quecemento global.
Promoveron catro folgas globais polo clima e en 2019 Amnistía Internacional outorgoulle o Premio Embaixadora de Conciencia.
Coñecida pola súa contundente maneira de falar, foi atacada polas mensaxes directas e acusadoras que fai en foros ao máis alto nivel político. Pero máis alá da controversia interesada que a rodea, falamos dun referente indiscutible para a mocidade e a cabeza visible dun movemento social de contestación que considera insuficientes as medidas por parte dos gobernos para frear o cambio climático.
A finais de 2019 foi nomeada Persoa do Ano pola revista Time, converténdose na máis nova da historia en recibir a distinción, con apenas 16 anos. Pouco despois foi galardoada co Premio Gulbenkian para a Humanidade en Portugal.
Isabel de Villena

Feminista medieval e primeira escritora en valenciano, a obra de Isabel de Villena contén unha defensa sen concesións da muller, na que se lle presta atención ao protagonismo que determinadas mulleres tiveron na vida de Xesús.
Nacida en Valencia en 1430, era filla de Enric de Villena, un tradutor e escritor coñecido coma O Nigromante. Cultivou con enorme esmero disciplinas como a astronomía, a medicina ou a teoloxía. Quedou orfa de nai moi pequena e con apenas 15 anos ingresou no mosteiro da Santísima Trinidade, onde toma os hábitos e adopta o nome de sor Isabel de Villena, nome co que case 20 anos despois se convertería en abadesa.
Aínda hoxe segue sendo un estandarte da cultura en valenciano grazas á súa obra mestra, Vita Christi, un dos testemuños máis importantes da literatura do século XV. A orixinalidade da obra estriba en que está escrita desde un punto de vista feminino. Céntrase principalmente nas mulleres que rodearon a vida de Xesús: santa Ana, a Virxe María e María Magdalena.
Aínda que o seu obxectivo era fomentar a devoción relixiosa, Isabel de Villena inclúe unha defensa contundente da dignidade da muller e rebate os tópicos da literatura misóxina, moi abundante na coroa de Aragón.
A súa dedicación ás letras foi excepcional nunha muller do seu tempo. Foi unha das principais protagonistas do ambiente cultural do Século de Ouro valenciano.
Virginia Apgar

Anestesióloga e pediatra que lle deu nome ao test Apgar, que serve para avaliar a saúde dos neonatos minutos despois do nacemento e que evitou milleiros de mortes infantís. Virginia Apgar realizou achegas determinantes que mudaron para sempre o campo da perinatoloxía e os seus métodos e descubrimentos continúan aplicándose máis de medio século despois.
Nacida en 1909 en New Jersei, Virginia Apgar era filla dun executivo de seguros afeccionado aos inventos e á ciencia, o que lle permitiu a ela desde moi nova familiarizarse coas innovacións da época e espertou a súa vocación científica.
Foi a primeira muller en entrar como profesora de Anestesia na Universidade de Columbia mentres dedicaba parte do seu tempo á investigación. Unha das súas grandes achegas como investigadora foi a eliminación da anestesia chamada ciclopropano durante o parto polos seus efectos negativos na condición xeral do bebé.
Durante a epidemia de rubéola en Estados Unidos nos anos sesenta, Virginia Apgar foi unha defensora da vacinación universal, sobre todo para protexer as nenas e os nenos de nais infectadas.
Na súa longa traxectoria instruíu miles de médicas e médicos e deixou unha marca indeleble no campo da atención neonatal. Publicou máis de sesenta traballos científicos e incontables artigos en prensa.
Ángeles Alvariño

Ángeles Alvariño foi unha precursora na investigación dos océanos a nivel mundial. É a única científica española que figura na Enciclopedia de científicos del mundo, e desde 2012 dálle nome a un dos buques oceanográficos máis avanzados da frota española. En 2015, a Real Academia Galega de Ciencias conmemorou o Día da Ciencia en Galicia cunha homenaxe á súa traxectoria.
Nacida en Ferrol, en 1916, con só tres anos lía e estudaba música e, en 1933, terminou o bacharelato universitario en Ciencias e Letras. A Guerra Civil interrompeu os seus estudos en Ciencias Naturais en Madrid, que retomaría anos despois.
Tras doutorarse en 1951, completar varios anos de investigacións en Europa, colaborar co Consello Británico e obter unha bolsa Fulbright, trasladouse aos Estados Unidos, onde realizou no Instituto Oceanográfico Scripps a maioría das súas investigacións.
Entre os seus moitos logros cabe destacar o descubrimento de vinte e dúas especies mariñas e ser a primeira muller que embarcou a bordo dun buque de investigación británico, en 1953. Realizou estudos no Atlántico, no Índico e no Pacífico sobre o plancto e as medusas, estudando a súa función como indicadores das condicións oceanográficas.
O seu legado científico consérvase no Arquivo Municipal da Coruña por decisión de Alvariño e, aínda na actualidade, segue a ser unha autoridade e unha referencia nos estudos oceanográficos a nivel internacional.
Bertha von Suttner

Bertha von Suttner naceu o 9 de xuño de 1843 en Praga. Pese a pertencer a unha familia aristocrática de grande arraigo militar, converteuse nunha activista do desarmamento e da cooperación internacional para o desenvolvemento humano. Foi a primeira muller en obter o Premio Nobel da Paz, en 1905, e a segunda da historia en obter o Nobel, dous anos despois de Marie Curie.
Estivo unha temporada en París, onde traballou para Alfred Nobel, con quen estableceu unha profunda relación de amizade que duraría toda a súa vida.
En 1883 publicou a súa primeira novela e, tras contactar coa Asociación Internacional de Arbitraxe e Paz, en 1889 publicou a que sería a súa obra máis recoñecida, Abaixo as armas!, que conta os horrores da guerra desde o punto de vista dunha muller. Este libro converteuse nun clásico do movemento pacifista e traduciuse a máis de dez idiomas.
En 1891 fundou a Asociación Austríaca pola Paz e durante a súa vida participou en foros internacionais a favor do desarmamento. De todos estes pasos informaba a Alfred Nobel, quen en 1893 lle remite a Von Suttner unha carta que hoxe está considerada a xénese do Premio Nobel da Paz.
Falece Sigrid Undset

Sigrid Undset gañou o Premio Nobel de Literatura en 1928. Foi a terceira muller da historia en acadar este recoñecemento e atesoura unha traxectoria marcada pola defensa acérrima da liberdade en todos os ámbitos e facetas da vida.
Undset naceu en 1882 en Dinamarca, aínda que se criou en Noruega. A súa vida persoal resulta determinante para comprender a súa obra; filla dun afamado catedrático de Arqueoloxía, as súas obras destacaron pronto pola exactitude na reconstrución da Noruega medieval. A morte do seu pai truncou a súa entrada na universidade e con 17 anos comezou a traballar, polo que tiña que dedicar as noites a escribir. A súa outra gran vocación foi a pintura, pola que viaxou a Alemania e a Roma.
En 1907 publicou a súa primeira novela, A señora Marta Ulia, que xunto a A idade ditosa manifestaron unha das grandes virtudes da súa obra: o perfecto coñecemento do mundo da muller. No ensaio Punto de vista dunha muller (1919) considera o home como fonte da desgraza feminina e defende a maternidade.
Participou en debates políticos e sociais en prol da muller e destacou polas súas novelas en defensa da muller moderna, traballadora, profesional e triunfadora.
A crítica considera a súa mellor obra a triloxía sobre a vida de Kristin Lavransdatter. Foi a primeira muller nomeada presidenta da Sociedade Noruega de Autores e obtivo o Premio Nobel de Literatura en 1928.
En 1940, durante a ocupación alemá de Noruega, exiliouse nos Estados Unidos, onde colaborou activamente co movemento antinazi. Faleceu finalmente o 10 de xuño de 1949.
Nace en 1875 Harriet Quimby

Harriet Quimby pasou á historia como a conquistadora do aire. Intelixente e audaz, nunha época na que as mulleres aínda non tiñan dereito ao voto, ela conseguiu ser actriz, xornalista, guionista e fotógrafa. En 1911 converteuse na primeira norteamericana en obter a licenza para voar e foi a segunda muller do mundo en conseguilo. Fixo de novo historia en 1912 ao ser a primeira en cruzar o canal da Mancha.
Posuía olfacto xornalístico e non dubidou en cubrir tanto eventos sociais coma deportivos ou políticos. En 1906 cobre a información sobre un rally e decide conducir o seu propio automóbil. En 1910, cando facía unha reportaxe sobre aviación, asiste a un torneo internacional en Long Island e desde entón comeza a súa fascinación pola aviación.
Harriet Quimby foi un modelo para as mulleres das xeracións posteriores. Derrubou gran parte dos estereotipos femininos que había na sociedade do seu tempo e foi unha inspiración para Amelia Earhart, que vinte anos despois ocuparía todos os titulares mundiais ao cruzar en solitario o Atlántico.
A traxedia cebouse con esta incipiente estrela. Malia a que un accidente aéreo puxo fin á súa vida dous meses despois de cruzar o canal da Mancha, o seu nome é un dos máis determinantes da historia da aviación.
Anousheh Karvar

Anousheh Karvar é presidenta da Alianza mundial contra o traballo infantil, o traballo forzoso, a trata de persoas e a escravitude moderna (Alianza 8.7). Este colectivo debe o seu nome á meta 8.7 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas, que fai un chamamento para que se adopten medidas inmediatas e eficaces co fin de erradicar o traballo forzoso e de poñerlles fin ás formas modernas de escravitude e á trata de seres humanos.
Tamén se busca asegurar a prohibición e a eliminación de todas as formas de traballo infantil, incluído o recrutamento e a utilización de nenos soldado, como unha medida esencial para lograr traballo decente para todas e todos, emprego pleno e produtivo, e crecemento económico inclusivo e sostible.
Anousheh Karvar foi enviada especial de Francia ante a Organización Internacional do Traballo (OIT) en 2017, e tamén directora adxunta do gabinete do Ministerio de Traballo francés e conselleira do presidente do Parlamento francés a cargo das políticas de cohesión social e territorial (de 2017 a 2018).
Nace en 1946 Monserrat Roig

Ensaísta, novelista, xornalista e feminista catalá, Monserrat Roig naceu o 13 de xuño de 1946 en Barcelona, filla do avogado e escritor Tomás Roig i Llop e de Albina Fransitorra, que exerceu o xornalismo e tiña unha gran conciencia feminista. Con estes antecedentes, Monserrat Roig converteuse en toda unha referente do xornalismo de investigación e nunha pioneira na recuperación da memoria histórica.
En 1961 matriculouse na Escola de Arte Dramática Adrià Gual e en 1963 aterrou na Universidade de Barcelona para estudar Filoloxía Románica. En 1966 participou na famosa caputxinada, nome co que se coñecía a asemblea constituínte do Sindicato Democrático de Estudantes da Universidade de Barcelona, no convento dos Capuchinos de Sarriá; un encontro que sufriu o asedio e o posterior asalto por parte da policía franquista.
Alternou o ensino co xornalismo e traballou para publicacións coma El País o La Calle e dirixiu con éxito o programa de entrevistas Personatges para a televisión catalá. En 1971 publicou a súa primeira novela, Molta roba i poc sabó... i tan neta que la volen, coa que gañou o Premio Víctor Catalá. En 1977 recibiu o Sant Jordi con El temps de les cireres e o Premio Crítica Serra d'Or por Els catalans als camps nazis. En 1985 obtivo o Premio Generalitat de Catalunya con L'agulla daurada.
Xamais renunciou á súa militancia contra as ditaduras e en apoio do feminismo, polo que se converteu nunha figura emblemática da Transición. A súa morte de forma prematura, con 45 anos, provocou unha gran conmoción na comunidade cultural e literaria catalá.
Nace Maruja Pino Piñeiro

Naceu en Ponteareas o 14 de xuño de 1918. Escritora de poesía, narrativa e teatro, Maruja Pino Piñeiro foi unha figura fundamental das letras galegas.
Comezou escribindo poesía aos 14 anos e dedicouse profesionalmente á docencia durante un tempo, ata que, debido á enfermidade conxénita da súa primeira filla, tivo que abandonar esta ocupación.
Represaliada polas súas ideas tras a Guerra Civil, a Maruja Pino Piñeiro interesáballe a poesía, a investigación e a historia. Sobre estes temas publicou en revistas e libros. A súa obra figura en Antoloxía (1988), Mulleres salientadas de Galicia (1990) e no libro de Xesús López Fernández Poemas á nai.
A súa poesía O Condado foi musicalizada por Miguel Groba, director da Orquestra de Cámara e Coro da Comunidade de Madrid, e estreouse en Salamanca, en Madrid e en Ponteareas.
Convidada a diversos xogos florais, colaborou na radio, nas televisións locais e en xornais coma La Voz de Galicia, Faro de Vigo e A Peneira. Desde moi nova realizou labores humanitarios en Cáritas e na Asociación Española contra o Cancro.
Miriam Pena

Miriam Pena é unha das doce enxeñeiras informáticas máis importantes do mundo. Das aulas do IES Johan Carballeira de Bueu deu o salto á Universidade da Coruña. Realizou o seu proxecto de fin de carreira xa na linguaxe de programación Erlang, empregada por WhatsApp e tamén por Facebook nas súas orixes.
O seu primeiro emprego foi en Nomasystems, unha empresa galega con vocación internacional que a levou ata Exipto. Despois chegarían Suecia, Irlanda, unha estancia en España para sumarse temporalmente ao equipo de Tuenti e de aí a Silicon Valley.
A enxeñeira galega destaca polos seus coñecementos nunha das linguaxes de programación minoritarias e con máis demanda. A finais de 2017 destacou como unha das enxeñeiras e programadoras máis inspiradoras, e tamén en 2018. Por mor disto, tomou conciencia do necesaria que é visibilizar as mulleres.
Miriam Pena recibiu o Premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e é unha enxeñeira cunha grandísima proxección mundial.
Desde 2015 traballa en San Francisco, na compañía de software publicitario AddRoll. Tamén é fundadora e membro do Consello de Dirección da fundación sen ánimo de lucro Erlang Ecosystem.
Comprometida coa ruptura da fenda dixital de xénero e coa escaseza de mulleres nas TIC, imparte charlas en centros educativos para animar as novas xeracións a estudar informática e incrementar a presenza feminina nas STEM.
Nace Barbara McClintock en 1902

A xenetista estadounidense Barbara McClintock sorprendía o mundo en agosto de 1931 coa publicación dun innovador traballo no que daba resposta a unha das preguntas medulares da ciencia nas primeiras décadas do século XX: onde se situaban os xenes dentro da estrutura da célula. Este achado está considerado un dos principais piares da xenética moderna e cimentou unha traxectoria excepcional que culminou coa consecución do Premio Nobel de Medicina en 1983.
Doutorouse en Botánica en 1927 e apenas catro anos despois deixou unha pegada indeleble na historia da xenética cos resultados das súas pescudas realizadas con plantas. Sería na década dos anos corenta cando realizou a súa principal achega ao mundo da ciencia co descubrimento da transposición, un fenómeno que poñía de manifesto que os xenes poden cambiar de posición nos cromosomas e que empregaba para explicar como os xenes determinan certas características físicas.
Coas súas investigacións demostroulle á comunidade científica que o material xenético é moito máis complexo e flexible do que se pensaba naquel momento. Foi nomeada, en 1944, membro da prestixiosa Academia Nacional das Ciencias Norteamericana e, nese mesmo ano, converteuse na primeira presidenta da Sociedade de Xenética.
McClintock adiantouse varias décadas a outros moitos colegas, que acolleron con escepticismo as súas investigacións, o que provocou que deixase de publicar resultados en 1953 e se tardase trinta anos máis en recoñecer os seus transcendentais avances co Premio Nobel.
Wangari Maathai

Bióloga, ecoloxista e activista política, Wangari Muta Maatha foi a primeira muller de África Oriental en obter un doutorado, a primeira muller xefa de departamento e profesora asociada na Universidade de Nairobi e, finalmente, a primeira muller africana en acadar o Premio Nobel da Paz no ano 2004.
Foi na universidade cando Wangari se implicou na loita polos dereitos das mulleres e onde conseguiu igualdade de oportunidades e salarios. Desde 1981 ata 1987 foi directora do Consello Nacional de Mulleres de Kenia. A súa principal achega foi a unión da ecoloxía e o desenvolvemento sostible coa democracia, cos dereitos humanos e co empoderamento das mulleres.
No ano 1977 fundou o Movemento Cinto Verde, baseado na idea de que o ecoloxismo axudaría a acadar un desenvolvemento sostible e melloraría algúns dos grandes problemas de Kenia. Este grupo dá traballo a mulleres que recollen sementes, plantan e coidan árbores autóctonas para loitar contra a desertificación e para favorecer a economía. Desde a súa fundación plantaron máis de 51 millóns de árbores, polo que é coñecida como a "muller árbore".
Fundou, xunto con outras premios Nobel como Rigoberta Menchu ou Shirin Ebadi, a Iniciativa das Mulleres Nobel co obxectivo de fortalecer o traballo realizado en apoio dos dereitos das mulleres. Foi mensaxeira da paz da ONU e relatora do grupo de traballo dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, entre outros moitos fitos.
Amaranta Rodríguez

Directora do restaurante Culler de Pau do Grove, Amaranta Rodríguez acaba de facer historia xunto a Javier Olleros ao ascender ata o cumio do olimpo gastronómico galego coa súa segunda Estrela Michelin. O recoñecemento chegoulles en tempos de incerteza debido á pandemia, pero insufloulle optimismo a todo o equipo ao vir ademais acompañado dun segundo premio de recente creación, unha Estrela Verde que recoñece a firme aposta do establecemento polo produto de proximidade e a sostibilidade.
Amaranta abriu Culler de Pau con Javier Olleros en 2009. Deixou o seu traballo de administrativa para embarcarse nun proxecto común no que aprendeu desde a base e foi gañando experiencia e autoridade ata exercer de xefa de sala, encargada de que esa excelente coreografía que caracteriza a experiencia gastronómica do restaurante sexa sempre perfecta.
Na actualidade Amaranta é a directora de Culler de Pau e mantense fiel á filosofía que ela mesma aplicou, traballar en equipo e coñecer ben todas as funcións que determinan o éxito dun negocio. Ela leva a xestión diaria da empresa e os recursos humanos, ademais de ser unha excelente prescritora da gastronomía da ría de Arousa, das bondades desa cociña de proximidade que tanto os caracteriza e defensora do papel das e dos produtores que forman parte tamén do micromundo creado ao redor de Culler de Pau no Grove.
Amaranta e Javier foron nomeados no mes de abril, xunto ao resto de Estrelas Michelin de Pontevedra, embaixadora e embaixador das Rías Baixas.
Nadia Mura

En 2018 foi galardoada co Premio Nobel da Paz xunto a Denis Mukwege polos seus esforzos para erradicar a violencia sexual como arma en guerras e conflitos. Durante os seus discursos de aceptación do galardón, ambos os dous reclamaron a fin da impunidade de quen comete abusos sexuais en conflitos armados para evitar que se repita esta situación e dedicaron o premio a todas as mulleres vítimas de violencia sexual.
Nadia Mura é unha activista de dereitos humanos iraquí de ascendencia yazidí raptada polo Estado Islámico. Sufriu torturas y violacións, e foi vendida varias veces nos mercados de escravas e escravos dos yihadistas ata que logrou fuxir do seu raptor e terminou nun campo de persoas desprazadas en Kurdistán, ao leste de Mosul.
Sobreviviu a meses de calvario e decidiu denunciar as atrocidades sufridas en primeira persoa para concienciar a comunidade internacional e reclamar solucións para os milleiros de mulleres e nenas e nenos en mans de terroristas.
O seu testemuño foi fundamental para comprender o que acontecía nese territorio. Converteuse en embaixadora da ONU para a Dignidade das e dos Sobreviventes de Trata de Persoas e loita para que as persecucións ao seu pobo sexan recoñecidas como xenocidio.
Aqeela Asifi

Aqeela Asifi é unha mestra afgá que dedicou toda a súa vida a educar nenas refuxiadas co convencemento de que a formación é un dereito humano universal e unha ferramenta imprescindible para que se convertan en adultas capaces de traballar, construír comunidades e, ao mesmo tempo, volverse menos vulnerables á explotación e aos abusos.
Asifi traballaba como profesora cando fuxiu de Kabul coa súa familia en 1992, e atopou protección no illado asentamento de persoas refuxiadas de Kot Chandana. É unha das máis de tres millóns de persoas afgás forzadas ao exilio nos anos noventa. Ao ver que neste novo espazo de convivencia as nenas non recibían educación primaria, comezou ela a impartila.
Tan pioneiro foi o seu empeño por educar as nenas, que ao principio non sabían como chamala porque non existía ningunha palabra para definir unha muller que traballase educando. Tamén tivo que enfrontarse co descoñecemento das familias e moitas veces foi porta por porta solicitando que deixasen as rapazas estudar.
En 2015 foi galardoada co Premio Nansen do Alto Comisionado das Nacións Unidas para as Persoas Refuxiadas (ACnUR). O xurado recoñeceu a súa valente e incansable dedicación á educación das nenas afgás refuxiadas.
Guadi Galego

Guadi Galego é unha das artistas galegas contemporáneas máis importantes. Cantante, compositora, multiinstrumentista e muller cun forte compromiso social que plasmou na canción Matriarcas. Comezou moi nova no mundo da música e acadou numerosos recoñecementos, tanto polo seu traballo en solitario como formando parte de grupos como Berrogüetto, no que se integrou en 1997 e onde foi vocalista, pianista e gaiteira.
Os discos Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001) servíronlle ao conxunto para acadar o premio ao Mellor Grupo Folk Europeo de 2000 e unha candidatura aos Grammy Latinos de 2002. En 2006 publican 10.0, que acadou o 2.º Premio Opinión ao Mellor Disco Galego do ano e foi candidato aos Premios da Música.
Presentou o seu disco en solitario Lúas de outubro e agosto, o 25 de novembro de 2014, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, no que incluíu a canción Matriarcas, unha homenaxe ás mulleres reais e á súa vida cotiá.
Despois dunha longa carreira, en outubro de 2019 publica Immersion, un traballo no que reinterpreta temas dos seus tres discos anteriores cantados en sete linguas peninsulares: galego, catalá, castelán, asturiano, aranés, éuscaro e portugués. Neste traballo conta coas colaboracións de numerosos artistas coma Iván Ferreiro, Andrés Suárez ou Silvia Quesada.
Por este traballo foi galardoada co Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020. Pouco despois recibe o Premio Martín Códax da Música á Mellor Artista na categoría de Indie/Pop.
O 20 de novembro de 2020 sae ao mercado o seu quinto disco en solitario, Costuras, no que atopamos 10 cancións asinadas por Guadi e Carlos Abal que abordan desde mundos asociados á súa infancia ata o presente máis duro e tamén esperanzador.
Asunción Balzola Elorza

Ilustradora, escritora e tradutora española que en 1985 gañou o Premio Nacional de Ilustración. Balzola naceu no ano 1942 en Bilbao e faleceu o 22 de xuño de 2006, legando o seu arquivo e biblioteca persoal á Biblioteca Central Infantil e ó Centro de Documentación do Libro Infantil.
Empezou a súa actividade na empresa Imprenta Industrial, iniciándose na ilustración infantil coa Editorial Aguilar, en 1962. Viviu unha temporada en Italia e ao regresar a España decidiu instalarse en Madrid. Estudou na Academia de Belas Artes de San Fernando e nos anos oitenta foi a primeira presidenta da Asociación de Ilustradores de Madrid (APIM).
Recibiu numerosos premios, tanto na súa faceta de autora de literatura infantil coma nos seus traballos de ilustradora e debuxante, destacando, entre outros, o Premio Lazarillo de 1965, o Apel·lles Mestres de 1980 e o xa citado Premio Nacional de Ilustración. O seu estilo caracterízase, na súa variante máis coñecida, polo uso de manchas de cor e os contornos grosos.
María Teresa Fernández de la Vega

Maxistrada e política feminista, fixo historia ao converterse na primeira vicepresidenta do Goberno, cargo que compaxinou co Ministerio de Presidencia e coa portavocía do Goberno entre 2004 e 2010. En 2018 acadou un segundo fito ao ser a primeira muller en asumir a presidencia do Consello de Estado, máximo órgano consultivo do Goberno. No seu discurso de aceptación reivindicou a participación paritaria nos órganos de decisión como unha cuestión de xustiza.
María Teresa naceu o 15 de xuño de 1949 en Valencia, é licenciada en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid, realizou os cursos de doutoramento na Universidade Central de Barcelona, é especialista en Dereito Comunitario pola Universidade de Estrasburgo, maxistrada co número 1 da súa promoción e doutora honoris causa pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Recibiu, entre outras moitas condecoracións, o Premio Igualdade 2020 concedido pola Universidade de Alacant.
A defensa da igualdade entre homes e mulleres foi unha constante na súa vida profesional, do mesmo xeito que romper teitos de cristal a través dos diversos cargos que foi ocupando ao longo da súa carreira.
Fernández de la Vega é unha firme defensora dos dereitos humanos; actualmente forma parte do grupo asesor da Sociedade Civil de ONU Mulleres e preside, desde 2012, a Fundación Mulleres por África, comprometida cun desenvolvemento económico e social sostible, os dereitos humanos e, de maneira moi especial, coa dignidade das mulleres e nenas do continente africano.
María Gordon

O 24 de xuño de 1939 falece a eminente xeóloga e paleontóloga María Gordon, primeira muller en acadar un doutorado en Ciencias no Reino Unido e a primeira en facelo tamén na Universidade de Múnich. A raíz das súas investigacións sobre o terreo non dubidou en cuestionar a teoría común sobre a orixe das Dolomitas, nos Alpes, e non menos importante foi a súa contribución a derrubar barreiras para as mulleres, acadando postos aos que estas nunca antes accederan.
Nunha etapa incipiente da súa formación decantouse pola música e viaxou a Londres para converterse en pianista, pero o seu interese polas ciencias pesou máis e en 1890 graduouse en Bioloxía, Botánica e Xeoloxía. En 1891 foi rexeitada pola Universidade de Berlín, que naquel momento só admitía homes. Terminou acudindo a Múnich onde, non obstante, non puido matricularse oficialmente nos estudos regrados; tivo que realizar as súas investigacións a título persoal e asistir a moitas leccións e conferencias desde unha habitación separada coas portas abertas.
Compaxinou o seu traballo científico cunha defensa activa dos dereitos das mulleres a través de asociacións como a Associated Women' s Friendly Society e a National Council of Women of Great Britain and Ireland. Durante as negociacións tras o fin da Primeira Guerra Mundial, Gordon xogou un importante papel dentro do Council for the Representation of Women na Liga das Nacións.
Maria Matilda Ogilvie Gordon foi unha muller pioneira en moitos ámbitos, pero ante todo foi unha brillante científica, medalla Lyell da Geological Society de Londres.
Susana González

Susana González é percebeira desde hai case tres décadas. Fixo historia en 2014 ao converterse na primeira patroa maior da Confraría A Anunciada de Baiona, unha das poucas de Galicia nas que o censo de mulleres mariscadoras iguala o dos homes. É unha firme defensora dos dereitos das mulleres e participou tanto en campañas da Deputación de Pontevedra coma en charlas en centros escolares para concienciar as novas xeracións sobre o papel das mulleres no sector primario.
Contoulle a súa experiencia persoal a numerosos medios de comunicación nacionais e internacionais, incluída unha reportaxe na BBC británica, onde fixeron un seguimento do arriscado traballo destas mulleres no mar.
Susana destaca a liberdade e independencia económica que lle outorga o seu traballo, un oficio duro que require gran fortaleza física e no que asegura que a experiencia outorga sabedoría. O seu consello para as que empezan: traballar mirando sempre ao mar e non perderlle o respecto.
Mulleres como ela son imprescindibles para o bo funcionamento dunha cadea de produción que eleva a gastronomía galega a cotas de excelencia.
Lola, Amparo e Julia Touza

Lola, Amparo e Julia Touza, as denominadas ‘irmás Schindler galegas', axudaron desde Ribadavia a salvar a vida de aproximadamente 500 persoas de orixe xudía que fuxían dos campos de concentración nazis grazas a unha rede clandestina que as conectaba directamente co cónsul portugués Arístides de Sousa.
Lola, que faleceu o 26 de xuño de 1966, dirixía o grupo, que contaba co apoio de dous taxistas da localidade, Xosé Rocha e Javier Míguez; dun toneleiro chamado Ricardo Pérez, que facía as veces de intérprete; do pai do historiador Estévez, Francisco, e do seu avó Ramón.
Os pasaxeiros que viaxaban na liña Hendaya–Vigo só tiñan que preguntar por "a nai", que era o alcume de Lola, para ser escondidos no quiosco da estación de Ribadavia ata que, aproveitando a escuridade da noite, os trasladaban para cruzar a fronteira con Portugal a pé ou en coche. A propia Gestapo chegou a visitar Ribadavia varias veces entre 1941 e 1945 para realizar inspeccións, pero nunca descubriu nada determinante.
A súa heroica historia e o papel fundamental como escondedoiro xogado polo quiosco da estación de Ribadavia permaneceu oculto durante décadas. Antón Patiño sempre foi coñecedor da trama, pero fixo un xuramento a Lola para non publicala ata que morresen todos os colaboradores. Fíxoo no ano 2005.
No ano 2008 o concello de Ribadavia inaugurou unha placa no seu nome recoñecéndoas como "loitadoras pola liberdade".
Mónica Conde

Mónica Conde Mella é a CEO e o motor de Animosa, unha marca viguesa de moda e papelería que naceu hai seis anos co obxectivo de empoderar as mulleres actuais a través dos seus produtos e artigos de agasallo con textos que rescatan a historia de mulleres reais e relevantes que acadaron grandes fitos e romperon moldes e estereotipos.
Nacida en Vigo en 1972, desde moi nova amosou que era herdeira do espírito combativo e loitador da súa avoa, peixeira na praza do Calvario. A súa traxectoria profesional deu un xiro de 180 graos cando, traballando noutra empresa, Mónica afrontou a difícil tarefa de atopar un agasallo especial para a súa sobriña a punto de nacer.
Así que deixou todo e creou Animosa co obxectivo de darlle voz a grandes mulleres que lograron fazañas únicas e que seguen silenciadas nos libros de historia. Arriscou o seu capital, involucrou a súa familia e foise rodeando dun equipo de mulleres co seu mesmo obxectivo: empoderar as mulleres tras séculos de estar nun segundo plano.
Figuras coma a bandoleira galega Pepa a Loba, a zoóloga Dian Fossey, a premio Nobel Marie Curie, a artista Frida Khalo ou a escritora Emilia Pardo Bazán ilustran hoxe as libretas e mochilas das novas xeracións grazas ao traballo de Animosa, que transmite ademais mensaxes en positivo que desafían o relato clásico sobre o comportamento das nenas ou das mulleres.
Agora mesmo Animosa é unha empresa galega en expansión que, en pouco máis de 6 anos, está presente en máis de 500 puntos de venda repartidos por toda España, cunha filosofía clara de seguir apostando polo talento feminino e facilitar a conciliación nunha empresa adaptada ás necesidades do século XXI.
Blanca-Ana Roig

Nacida en Portosín o 28 de xuño de 1949, Blanca-Ana Roig é unha profesora e crítica literaria galega, ademais de investigadora universitaria, presidenta da Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ELOS) entre 2006 e 2012 e que presidiu tamén a Asociación Nacional de Investigación de Literatura Infantil e Xuvenil.
Mestra, Graduada Social, licenciada e doutora en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, é catedrática de Literatura Galega na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela. A súa tese de licenciatura titulouse Análise da narrativa da colección Lar, e a de doutoramento A literatura infantil e xuvenil galega. Perspectiva diacrónica e análise da actualidade.
Como investigadora universitaria coordinou o Grupo LITER21 (especializado en Literatura Galega. Literatura Infantil e Xuvenil). Realizou investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas (GI-1839) e foi directora dos proxectos de investigación "Informes de literatura" e "Investigar en literatura infantil e xuvenil", ademais de ser membro do proxecto "Dicionarios de literatura" e coordinadora da rede temática de investigación "As literaturas infantís e xuvenís do marco ibérico e iberoamericano".
Tamén é directora da primeira revista dixital que se publica en Galicia sobre literatura infantil e xuvenil, Elos, editada pola Universidade de Santiago de Compostela.
Nieves de Hoyos y Sancho

Nieves de Hoyos y Sancho naceu en 1908 en Cantabria e faleceu en Madrid o 29 de xuño de 2001. Foi unha mestra, etnógrafa, folclorista e escritora, directora e conservadora do Museo del Pueblo, ao que en 1993 se fusionou o Museo Nacional de Etnoloxía dando lugar ao Museo Nacional de Antropoloxía.
Alumna do Instituto-Escola en Madrid e, polo tanto, receptora da pedagoxía europea máis avanzada da súa época, De Hoyos y Sancho incorporouse ás investigacións sobre etnografía española inspirada polo seu pai, Luis de Hoyos Sainz, ata chegar a ser unha folclorista de máximo recoñecemento. Cursou os seus estudos nun contexto histórico no que as ensinanzas académicas e o traballo nas institucións públicas non eran dereitos recoñecidos ás mulleres.
En 1954, seguindo as bases do traballo do seu pai, publicou o Refraneiro agrícola español, que clasifica e comenta estes refráns. Neste mesmo ano publicou a súa coñecida obra O traxe rexional, na que clasifica en cinco as zonas dos traxes rexionais.
A súa obra componse de máis dun centenar de traballos e monografías publicados en xornais, semanarios e revistas especializadas e segue a ser un referente en investigación. Nieves foi directora do Museo do Pobo Español, que impulsara seu pai, entre 1963 e 1971. O arquivo persoal e a biblioteca de Luis e de Nieves de Hoyos forman parte do fondo bibliográfico do Museo do Traxe.
Pina Bausch

A alemá Pina Bausch foi unha célebre bailarina, coreógrafa e directora, recoñecida como a creadora da danza-teatro e unha pioneira da danza posmoderna.
Naceu en Solingen en 1940 e morreu en Wuppertal o 30 de xuño de 2009. Iniciouse na danza na súa cidade natal, moi preto de Dusseldorf, e estudou na prestixiosa escola Folkwang Schule en Essen, co mestre Kurt Joos, o pai do expresionismo alemán. Tras graduarse, aos 19 anos, conseguiu unha bolsa para ir a Nova York, onde tivo a oportunidade de bailar no Metropolitan Opera Ballet.
Dous anos despois regresou a Alemaña e, en 1972, ofrecéronlle a dirección do ballet da ópera de Wuppertal onde comezou a asentar as bases dunha nova disciplina na que se unen diferentes linguaxes escénicas, como a danza, o teatro e a ópera en obras sen unha narrativa convencional coas que se busca explorar e expresar as angustias humanas e as relacións persoais.
Interesada sempre na experimentación, en 1985 volveu á escola onde iniciou a súa formación para devolver o aprendido impartíndolles clases a novos talentos. Alemaña agradeceulle a súa contribución ao desenvolvemento da danza contemporánea outorgándolle a distinción máis alta que pode recibir unha ou un cidadán deste país, a Cruz ao Mérito, en 1977. Foi condecorada tamén coa Orde de Cabaleiro das Artes e das Letras de Francia.
Xusto antes de falecer colaboraba co cineasta alemán Wim Wenders explorando as posibilidades que poderían achegar a tecnoloxía 3D á unión de vídeo e danza.
Alice Guy

A primeira película de ficción da historia foi obra dunha muller, a norteamericana Alice Guy, pioneira do séptimo arte e autora deste fito só un ano despois de que os irmáns Lumiére inventasen o cinematógrafo. Nacida en Francia en 1873, contaba apenas 23 anos cando dirixiu La fee aux choux (A fada das coles), curtametraxe baseada nun popular conto infantil francés. Foi a ópera prima nunha traxectoria na que chegaría a rodar máis de 1.000 películas.
Guy foi tamén unha adiantada ao seu tempo no uso dos efectos especiais, da ciencia ficción no cine e da narrativa a través dos planos, a iluminación ou a montaxe. Filla de editores, estudou secretariado e empezou a traballar na Compañía Xeral de Fotografía de Max Richard, que cambiaría de mans en 1895 para converterse na Compañía Gaumont. Guy experimentou coa cámara Demeny-Gaumont e un ano despois rodou a película que inaugurou o xénero cinematográfico de ficción.
En 1907 marchou aos E. U. A. e, tres anos despois, fundou a súa produtora, Solax Company. Rodou con estrelas do cine mudo películas de distintos xéneros, desde o drama e o western ata o policial. Acadou un grande éxito, e combinaba protagonistas masculinos e femininos, pero foi marxinada durante anos por ser muller. Ata finais do século XX non empezou a ser recoñecida como unha das fundadoras do cinema e o Goberno francés outorgaríalle a Lexión de Honor en 1953.
Victoria Kent

Victoria Kent Siano foi unha avogada, política republicana e feminista, deputada entre 1931 e 1933 durante a II República, e elixida novamente en febreiro de 1936, catro meses antes do comezo da Guerra Civil. Avogada de formación, viuse obrigada a un longo exilio durante o que mantivo unha intensa actividade intelectual e política contra o franquismo.
Nada en Málaga en 1891, Kent desprazouse a Madrid para estudar bacharelato e posteriormente Dereito na Universidade Central. Foi a primeira muller en colexiarse no Colexio Oficial de Avogados de Madrid, en 1925, e a segunda de España. Nese tempo integrouse na Asociación Nacional de Mujeres Española e na Juventud Universitaria Femenina. Afiliada ao Partido Republicano Radical Socialista, saíu elixida deputada en 1931 e exerceu, durante o goberno de Niceto Alcalá-Zamora, o cargo de directora xeral de prisións ata 1932. Durante ese ano realizou importantes reformas que melloraron a vida das presas e presos.
Exiliouse a París, México e Nova York, onde desenvolveu unha intensa actividade política sen abandonar a causa republicana. Na capital francesa, entón baixo o dominio nazi, tivo que permanecer refuxiada durante un ano na embaixada mexicana.
O goberno franquista condenouna a 30 anos de presidio, pero logrou ocultarse ata a súa marcha ao país latinoamericano en 1948. Alí impartiu docencia e dirixiu unha escola para o persoal de prisións; dous anos despois mudouse a Nova York para colaborar coa ONU no ámbito social. Posteriormente foi nomeada ministra sen carteira da Segunda República no exilio e dirixiu a revista Ibérica, na que mantiña unha postura de rexeitamento frontal aos réximes ditatoriais.
Kent foi tamén autora de varios ensaios e da obra Cuatro años en París. En 1977 volveu a España tras 40 anos de exilio, aínda que nos seus últimos anos regresaría a Nova York, onde faleceu en 1987.
Clara Rodríguez Cordeiro

Clara Rodríguez Cordeiro (Ourense, 1983), comisaria e educadora artística, é una das fundadoras de 7H Cooperativa Cultural, un proxecto de autoemprego colectivo baseado na economía social que, desde a educación nas artes e a creación contemporánea, fomenta o diálogo e a visibilización da diversidade cultural. O feminismo e a solidariedade son os valores fundamentais desta iniciativa, da que é directora de proxectos.
Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Clara Rodríguez especializouse en Arte Contemporánea e Xénero, e conta co máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas pola mesma institución académica e o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
En 7H Rodríguez Cordeiro é responsable do proxecto MicroBios, un espazo de intervención destinado a difundir creacións de mulleres artistas e achegarlle a arte á sociedade. Foi comisaria da exposición work-in-progress Mulleres en Círculo e do programa de arte urbana desde una perspectiva de xénero "Elas tamén pintan".
Así mesmo, Clara Rodríguez é unha das promotoras no marco de 7H do Delas Fest, Festival Feminista de Arte Urbano e Contextual, o primeiro evento destas características en Europa exclusivamente protagonizado por mulleres artistas.
Henrietta Swan Leavitt

Henrietta Swan Leavitt (1868-1921) foi unha astrónoma norteamericana que estudou as estrelas variables cefeidas e cos seus descubrimentos mudou o xeito de achegarse ao universo. A partir das súas observacións e análises detectou patróns de comportamento nas variacións de luminosidade destes corpos celestes e o seu traballo permitiu medir distancias entre estrelas afastadas. As dimensións da Vía Láctea calculáronse en 1918 segundo estes métodos.
Nada en Massachussets, Henrieta Swan graduouse con 24 anos no que hoxe é o Radcliffe College, unha universidade para mulleres vinculada a Harvard. A astrónoma comezaría a traballar no Observatorio do Harvard College, pero o seu traballo de análise e cálculo matemático carecía de visibilidade e as súas achegas aproveitáronas os seus superiores en beneficio propio.
Os achados de Swan Leavitt, que Edwin Hubble empregaría xunto aos doutros astrónomos no descubrimento da galaxia de Andrómeda e posteriormente na constatación de que o universo está formado por múltiples galaxias, contrastan co pouco recoñecemento que a astrónoma recibiu, ata o punto de que durante toda a súa traxectoria desempeñou o seu traballo co título profesional de "axudante". Na actualidade, a relación entre a luminosidade e o período pulsar das estrelas denomínase lei de Leavitt.
A mulleres que traballaban no Observatorio non tiñan acceso aos telescopios e ao resto do instrumental e eran coñecidas coma as "computadoras de Harvard" ao encargarse de laboriosos cálculos. Non obstante, as súas achegas permitiron crear o primeiro catálogo celeste.
María do Cebreiro Rábade Villar

María do Cebreiro Rábade Villar (Santiago de Compostela, 1976) é doutora en Teoría da Literatura, poeta e ensaísta, e exerce como investigadora de teoría literaria e profesora na Universidade de Santiago de Compostela.
Na súa produción poética destaca a triloxía composta por Os inocentes (2014), O deserto (2015, Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia) e A lentitude (2017). Dentro da súa creación ensaística destacan as obras As terceiras mulleres (2005), escrita ao redor da creación artística e literaria feita por mulleres, e As antoloxías de poesía en Galicia e Cataluña, pola que recibiu o Premio Dámaso Alonso de Investigación Filolóxica.
A traxectoria investigadora de María do Cebreiro, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada na Universidade de Santiago de Compostela, está marcada polos estudos de especialidade literaria, a historia comparada das literaturas peninsulares, a narrativa do século XIX e a análise teórica dos afectos.
A súa obra, en lingua galega, traduciuse a varios idiomas, entre eles o español, o inglés, o alemán e o ruso. A súa monografía científica sobre as antoloxías da poesía no espazo peninsular foi obxecto de recensións, citas e mencións en medios académicos coma The Year´s Work in Modern Language Studies 67 (Maney Publishing for the Modern Humanities Research Association) e unha bolsa posdoutoral Fullbright/MEC no Centro de Estudos Comparados da Universidade de Lisboa permitiulle trasladar ao ámbito portugués as súas hipóteses das antoloxías como axentes de canonización.
Frida Kahlo

O 6 de xullo de 1907 naceu en Coyoacán, México, unha das artistas máis relevantes de todos os tempos, cuxa obra é fundamental non só pola súa achega á historia da arte, senón tamén pola súa transcendencia social e política. Na actualidade, convertida nunha icona feminista, segue a ser constantemente evocada polos movementos que buscan a igualdade e a xustiza.
Valente, loitadora e comprometida, Frida Kahlo rachou con todos os estereotipos da súa época: os que relegaban as mulleres ao ámbito privado e dos coidados, participando activamente na vida política, e os artísticos e culturais, ao crear un estilo único co que falou abertamente de temas considerados tabús para as mulleres, coma a sexualidade, o aborto, o aleitamento ou a maternidade, desde unha óptica persoal e reivindicativa.
A súa pintura, profundamente complexa, mestura elementos da cultura popular mexicana, que tanto admiraba, con aspectos formais que lembran o expresionismo ou o surrealismo, movemento do que Frida se desmarcou claramente ao manifestar que ela non reproducía soños, senón que pintaba a súa realidade, o máis fondo do seu ser. Así, foi quen de reflexar maxistralmente nos seus cadros as súas inquedanzas sociais xunto coas persoais, a defensa dos dereitos das mulleres e das persoas indíxenas, xunto coas súas propias doenzas físicas e emocionais.
Aínda que faleceu cando só tiña 47 anos, Frida coñeceu o éxito en vida e foi aclamada desde Estados Unidos, onde participou en exposicións en espazos culturais relevantes coma o MOMA de Nova York, o Museo de Arte de Filadelfia ou o Instituto de Arte Contemporánea de Boston.
A casa onde Frida naceu, morreu e creou gran parte da súa obra, coñecida coma a Casa Azul, conforma o Museo Frida Kahlo, un dos máis visitados de Cidade de México. O edificio alberga parte da súa obra e unha colección de arte popular mexicana e prehispánica, entre obxectos persoais coma os seus cabaletes de pintura ou fotografías.
Menchu Lamas

O 7 de xullo de 1954 nacía en Vigo a artista plástica Menchu Lamas, cofundadora do movemento Atlántica, que foi capaz de situar a arte contemporánea galega no mapa internacional. Falamos da que foi a artista galega nova de maior proxección internacional, unha figura central para entender a pintura contemporánea española.
Deuse a coñecer nas mostras colectivas da praza da Princesa de Vigo en 1976 e participou en exposicións en diferentes cidades de España e de toda Europa. Hai obras de Menchu Lamas no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, nos de Galicia e en importantes coleccións públicas e privadas coma a Colección Los Bragales (Santander), a Colección de Arte Contemporánea La Caixa, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC, Santiago de Compostela), Museo de Arte Contemporánea de Barcelona (MACBA ) ou o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid).
O seu é un expresionismo sinóptico; a súa obra caracterízase polo emprego dunha cor vibrante que se move entre o íntimo e o monumental e traballa habitualmente os grandes formatos. Lamas opta por amplas pinceladas e cores primarias con clara influencia do movemento Pop e dunha iconografía baseada na simplicidade das formas.
Foi nomeada Viguesa Distinguida 2016 e forma parte da Academia Galega de Belas Artes.
Alejandra Soler Gilabert

Mestra republicana española, foi unha das primeiras representantes da historia do atletismo valenciano, pioneira no asociacionismo universitario e unha das primeiras mulleres en licenciarse nunha universidade española, en Filosofía e Letras no ano 1935. Foi unha loitadora e defensora da escola pública e da igualdade, do acceso universal á educación, cunha longa traxectoria profesional nas escolas rurais.
Soler Gilabert naceu o 8 de xullo de 1931 e estudou o Bacharelato no Instituto Lluís Vives de Valencia; vinculouse á Federación Universitaria Escolar e participou nas revoltas de estudantes durante a ditadura de Primo de Rivera. Logo de concluída a guerra civil española, e tras a derrota da Segunda República, cruzou a fronteira con Francia, onde a internaron nun campo de refuxiados do goberno colaboracionista de Vichy, do que lograría escapar xunto ao seu marido, Arnaldo Azzatti.
En Moscú foi mestra de nenos españois e durante a segunda guerra mundial viviu a batalla de Stalingrado, de onde axudou a fuxir a 14 alumnos que tiña ao seu cargo. En 1958 foi nomeada xefa da Cátedra de Linguas Romances na Escola Superior de Diplomacia de Moscú. Tras 32 anos de exilio puido regresar a Valencia en 1971, unha vez xubilada.
Soler foi ademais nomeada en 2015 Filla Predilecta da Cidade de Valencia e dous anos despois converteuse na primeira muller en recibir a Alta Distinción da Generalitat Valenciana.
Mercedes Sosa

Nada en 1935 en Tucumán, no noroeste de Arxentina, Haydée Mercedes Sosa converteuse na voz dos dereitos humanos e da vida en Hispanoamérica. A cantante arxentina asumiu o compromiso coas persoas máis vulnerables e indefensas e logrou converter a súa obra nun berro colectivo de liberdade, xustiza, verdade e dignidade.
A súa carreira musical comezou aos 15 anos, cando participou nun concurso de cancións na radio local animada por un grupo de amigas. Gravou o seu primeiro álbum en 1962 e comezou a facerse popular grazas á súa voz expresiva e ás súas letras sobre problemas cotiáns e á reivindicación de dereitos das e dos máis desfavorecidos.
En 1963, desde o Círculo de Xornalistas de Mendoza, Sosa lanzou o coñecido como Movemento da Nova Canción, un movemento musical caracterizado por un forte compromiso social que expresaba unha posición diferente ás manifestacións predominantes ou comerciais e unha recuperación dos temas, ritmos e voces das culturas populares.
Ao longo da súa vida publicou máis de 70 traballos entre álbums de estudo, gravacións en directo e recompilacións, e realizou colaboracións musicais con case un cento de artistas, abarcando, ademais do folclore, outros xéneros coma o tango, o pop e o rock
Edith Hinkley Quimby

Nada en Illinois o 10 de xullo de 1891, Edith Hinkley Quimby foi pioneira no campo da medicina nuclear ao empregar elementos radioactivos en medicina e estudar métodos de protección fronte aos efectos nocivos das radiacións ionizantes.
Criouse en Idaho, onde asistiu á Boise High School. Grazas ás súas excelentes cualificacións recibiu unha bolsa para cursar todos os seus estudos no Whitman College de Walla Walla, onde se licenciou en Matemáticas e Física. En 1914, grazas a unha bolsa de investigación, puido ingresar na Universidade de California en Berkeley.
Foi profesora en Columbia e a súa colaboración con Gioacchino Failla no Memorial Hospital durante catro décadas deu lugar a avances fundamentais na investigación sobre os efectos biolóxicos das radiacións ionizantes. O traballo de Edith foi crucial para establecer o método máis eficaz e seguro de usar os novos radioisótopos para tratar enfermidades coma o cancro, particularmente de tiroides e cerebral.
Por este motivo está considerada unha pioneira da radiofísica hospitalaria e da medicina nuclear. As súas investigacións proporcionaron as primeiras directrices prácticas no uso da radiación con fins terapéuticos.
Durante a Segunda Guerra Mundial traballou nos efectos da radiación para o Proxecto Manhattan. Os resultados da súa investigación serviron para mellorar os métodos de protección para as e os traballadores expostos
Tlaleng Mofokeng

Tlaleng Mofokeng, tamén coñecida como Doutora T, é unha médica especializada na promoción do acceso universal á saúde, divulgadora, escritora e activista surafricana polos dereitos das mulleres e unha referente internacional en planificación familiar.
Nacións Unidas encomendoulle a elaboración dun informe sobre o impacto da pandemia nos dereitos sexuais das mulleres. Traballa para buscarlle solucións á falta de acceso neste último ano a métodos anticonceptivos e servizos de saúde reprodutiva para as mulleres dos países máis desfavorecidos, perdedoras invisibles desta crise sanitaria.
É membro da Comisión para a Igualdade de Xénero do Goberno de Sudáfrica e tamén das xuntas do Fondo de Acción polo Aborto Seguro, do Consello Consultivo Mundial para a Saúde e o Benestar Sexual e de Accountability International. En 2020 foi nomeada relatora especial sobre o dereito de toda persoa a gozar do máis alto nivel posible de saúde física e mental polo Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas no seu 44.º período de sesións.
Na súa traxectoria prestoulle especial atención á igualdade de xénero, á saúde materna e neonatal, á atención en situacións posteriores a contextos de violencia, á saúde menstrual e á xestión do VIH.
Mofokeng dirixe unha clínica privada en Sandton, un suburbio de Johannesburgo, na que se proporcionan información, tratamentos para enfermidades de transmisión sexual, anticonceptivos e se realizan interrupcións do embarazo.
Malala Yousafzai

Premio Nobel da Paz con apenas 17 anos, Malala Yousafzai, nada en Mingora o 12 de xullo de 1997, desde moi nova é un símbolo internacional da loita en prol da educación das nenas despois de que lle disparasen en 2012 ao volver da escola por opoñerse publicamente á prohibición talibá de escolarizar as nenas en Paquistán entre 2003 e 2009.
En 2009 Malala empezou a escribir un blog para a BBC baixo pseudónimo para narrar a súa vida baixo o réxime do Tehrik e a organización Taliban Pakistan. Unha vez que se revelou a súa identidade, Malala e o seu pai, Ziauddin, seguiron pronunciándose a favor do dereito á educación, pero arriscando a súa propia integridade. Malala foi atacada polos terroristas o 9 de outubro de 2012, cando volvía da escola coas súas amigas. Este atentado foi condenado pola comunidade internacional e puxo o foco sobre as dificultades coas que se atopan millóns de nenas e mozas no mundo para lograr unha formación.
A súa valentía provocou unha importante reacción en cadea. En Paquistán máis de 2 millóns de persoas asinaron unha petición polo dereito á educación. En 2013 Malala e o seu pai fundaron o Fondo Malala co obxectivo de sensibilizar sobre os efectos sociais e económicos da educación das nenas e da necesidade de apoderalas para demandar máis dereitos.
Neste mesmo ano foi elixida pola revista Time unha das personalidades máis influentes do mundo e en decembro de 2014 converteuse na persoa máis nova en recibir o Premio Nobel da Paz. Tamén foi nomeada Mensaxeira da Paz das Nacións Unidas en 2017 para axudar a sensibilizar sobre a importancia da educación das nenas.
Nadine Gordimer

O 13 de xullo de 2014 falece Nadie Gordimer, escritora sudafricana, premio Nobel de Literatura e unha muller que converteu a súa voz nunha ferramenta pola xustiza e a igualdade e que afondou nas súas obras no apartheid e nos conflitos interétnicos.
Gordimer naceu en 1923, nunha poboación mineira preto de Johannesburgo, no seo dunha familia de inmigrantes xudeus de clase media. Se por algo se caracterizou foi pola súa precocidade; comezou a escribir relatos cando era unha nena, aos nove anos, e con quince publicou o primeiro deles na revista Forum.
Xa desde os seus primeiros libros de relato curto meteuse de cheo na problemática social de Sudáfrica e na segregación racial. En 1953 publicou a súa primeira novela, The Lying Days, na que amosaba unha gran preocupación pola dexeneración humana que a rodeaba. Gran defensora da abolición do apartheid, foi censurada polo goberno sudafricano.
En 1991 concedéuselle o Premio Nobel de Literatura, coincidindo coa publicación da súa obra Jump and Other Stories. Foi a primeira muller en 25 anos en acadar a máxima distinción do mundo das letras e a sexta nos noventa anos de historia deste galardón. Gordimer acadou gran cantidade de premios e distincións, como quince doutorados honoris causa polas universidades de Yale, Harvard, Columbia, Cambridge, Leuven (Bélxica), Cidade do Cabo e Witwatersrand, entre outros.
Christine de Pizan

Filósofa, poeta humanista e escritora, Christine de Pizan foi a primeira muller de Europa que logrou vivir da escritura na Idade Media. O seu talento literario permitiulle non só abrirse camiño nun mundo reservado aos homes, senón gañar a vida coa súa pluma e defender a muller dos prexuízos aos que estaba sometida.
Pizan naceu en 1364 e a súa obra máis coñecida é A cidade das mulleres (1405), a primeira historia das mulleres da que se ten noticia e pola que recibiu a condena dos sectores máis conservadores da sociedade, ao tempo que acadou gran fama entre as mulleres cultas; coma a raíña Isabel de Baviera, que lle prestou a Pizan todo o seu apoio.
Enfrontouse con valentía aos académicos e clérigos que fomentaban a misoxinia. Compuxo baladas, rondós e outros formatos poéticos da época nos que falaba sobre a esperanza, o amor ou a ausencia... Pero o tema que máis destaca na súa obra é a defensa da dignidade da muller
Está considerada precursora do feminismo occidental e sitúase ao comezo da chamada "denuncia das mulleres", un debate literario que xurdiu arredor da situación de subordinación destas. Pizan foi a primeira muller en participar nestas conversas criticando un poema do século XIII de Jean de Meung que amosaba un absoluto desprezo cara á muller.
A súa última obra está dedicada a Xoana de Arco e celebra o valor e as calidades desta heroína coetánea que personificaba a muller que Pizan tanto defendía nos seus textos.
Anna Muzychuk

Gran mestra de xadrez e tripla campioa do mundo, Anna Muzychuk decidiu non defender os seus títulos mundiais en Arabia Saudita en 2017, polo que se converteu en todo un símbolo do feminismo e en portavoz das mulleres que se negan a ser invisibilizadas no deporte.
Muzychuk empezou a xogar con apenas dous anos, pois tanto a súa nai coma o seu pai son adestradores profesionais de xadrez. Participou no seu primeiro torneo con cinco anos e rematou a súa carreira como júnior no Campionato do Mundo Feminino Sub-20 en 2010.
En xullo de 2012 converteuse na cuarta muller da historia en pasar a barreira de 2.600 puntos de coeficiente ELO. Logrou a súa maior proeza en decembro de 2016: ser dobre campioa mundial de partidas blitz e rápidas.
A súa carreira foi meteórica, pero en decembro de 2017 Muzychuk renunciou a revalidar a súa posición como dobre campioa mundial e a un gran premio económico ao non acudir ao Campionato do Mundo de Xadrez Feminino de Arabia Saudita, xa que as autoridades lles esixían ás xogadoras levar veo e ir acompañadas dalgún home para saír á rúa.
O grupo Iberdrola outorgoulle o premio Mulleres que Brillan pola súa reivindicación da igualdade de xénero no deporte. Desde entón a xadrecista compaxina o seu traballo como xogadora profesional con charlas e campañas de divulgación a prol da igualdade e a non discriminación no deporte en xeral e no xadrez en particular, unha disciplina na que os premios masculinos seguen a ser ata dez veces superiores aos da categoría feminina.
Ida Bell Wells Barnett

Nada o 16 de xullo de 1862 en Mississippi, Ida Bell Wells Barnett foi unha prominente xornalista de investigación, docente e unha auténtica abandeirada na loita polos dereitos humanos. Procedía dunha familia de escravos e a súa infancia estivo marcada pola segregación racial, un feito que alimentaría o seu compromiso social e político ao longo da súa vida.
Formou parte do movemento sufraxista e foi cofundadora da Asociación Nacional para o Progreso das Persoas de Cor, dedicada á defensa dos dereitos civís e da muller en Estados Unidos. Foi tamén pioneira do xornalismo de investigación ao documentar a violencia contra a poboación do sur do país. En 2020 recibiu a título póstumo o Premio Pulitzer "pola súa excelente e valorosa investigación da horrible e desapiadada violencia contra as e os afroamericanos durante a era dos linchamentos".
Converteuse nunha figura pública en Memphis ao liderar en 1884 unha campaña en contra da segregación no ferrocarril local. En 1889 comezou a traballar como redactora ao tempo que se converteu en copropietaria do xornal Free Speech, que empregou para denunciar a segregación racial.
En 1892 foi a Gran Bretaña co fin de darlle a coñecer á opinión pública o linchamento do que estaba a ser vítima a poboación negra no seu país de orixe. Xunto a Catherine Impey fundou a Sociedade para o Recoñecemento da Irmandade Universal do Ser Humano.
Ragna Nielsen

O 17 de xullo de 1845 nacía a educadora, pedagoga, autora, política e feminista norueguesa fundadora da primeira escola mixta do país. Ragna Nielsen participou activamente na loita polos dereitos das mulleres e mantivo sempre un compromiso social que lle viña de familia. A súa nai, Wilhelmine Ulmann, foi unha precursora do que hoxe coñecemos como centros de educación infantil e unha defensora do feminismo como ferramenta para alcanzar unha sociedade máis humana, xusta e feliz.
De pequena Ragna asistiu á escola da súa nai e posteriormente á Hartvig Nissen, onde acabaría exercendo como mestra e sendo considerada unha das primeiras educadoras profesionais do país. Pouco despois chegaría a ser a primeira directora dun instituto de secundaria en Noruega.
En 1885 fundou a Fru Nielsens Latin- og Realskole, que se converteu na primeira escola comunitaria con clases mixtas desde infantil a secundaria, sempre co seu compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres. O seu obxectivo último era o libre acceso destas a todas as profesións, a todas as áreas da educación e á plena igualdade nos dereitos civís e legais.
Ragna Nielsen presidiu a Asociación Norueguesa de Dereitos da Muller (NFL), centrada ata 1913 na reivindicación do sufraxio feminino, e figura tamén como cofundadora da Riksmå lsforeningenen, que se opoñía á colonización lingüística do inglés e reivindicaba a identidade nacional, a lingua e as tradicións norueguesas.
Isabel Soto

Crítica literaria e tradutora, María Isabel Soto López, nada en Vigo o 18 de xullo de 1969, é unha das principais coñecedoras das figuras de Heraclio Pérez Placer e de Agustín Fernández Paz, ademais de autora do ensaio María Victoria Moreno. Sementadora de futuro xunto a Xavier Senín, no que reivindican a esta autora fundamental da literatura infantil e xuvenil galega.
Licenciouse en Filoloxía Hispánica en 1992 pola Universidade de Santiago de Compostela e graduouse coa memoria de licenciatura Heraclio Pérez Placer. Obra e narrativa completa en galego. Edición e análise literaria, publicada anos máis tarde (1998) polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Foi secretaria de redacción da revista Golfiño e secretaria do Boletín Galego de Literatura (1998-2014), ademais de exercer este mesmo cargo na Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil durante unha década.
Exerceu a crítica literaria en numerosos medios de comunicación e traballa como tradutora profesional desde 1996. A partir do 2000, sobre todo, vertendo literatura estranxeira en francés, portugués e italiano ao galego e ao castelán. Colaborou co tradutor Xavier Senín en diversos números de Astérix e obras de autores como Raymond Roussel, Daniel Pennac, François Bégaudeau, Villiers de L'Isle-Adam, Juan Farias ou Rosa Navarro Durán.
María Jesús Nogueira

O 19 de xullo de 1968 nacía na Estrada Chus Nogueira, filóloga, ensaísta galega e primeira presidenta da Asociación Galega da Crítica, creada en 2015. É editora da Poesía reunida de Xela Arias e unha grande estudosa desta autora.
Doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, as súas principais liñas de investigación son a narrativa de Álvaro Cunqueiro e a poesía galega contemporánea. Foi membro dos consellos editores da revista Dorna, da colección de poesía Letras de cal e tamén, do Boletín Galego de Literatura.
Publicou Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro, Álvaro Cunqueiro. Narrativa curta. Antoloxía e colaborou na Historia da literatura galega e no volume A literatura desde 1936 ata hoxe: poesía e teatro, ademais de noutras obras colectivas. É tamén autora de artigos en volumes e revistas, onde tamén publica con regularidade crítica literaria.
Flora Tristán

En 1803 naceu en París unha das máis grandes pensadoras de todos os tempos, que estableceu as bases do feminismo moderno e dedicou a súa vida á defensa dos dereitos humanos e da xustiza e a causas consideradas radicais na súa época coma o pacifismo, o dereito ao divorcio, a educación en igualdade, a abolición da escravitude e da pena de morte ou o escurantismo relixioso.
Flora Tristán pasou á historia por escribir obras como A emancipación da muller, un ensaio pioneiro onde denuncia a falta de dereitos das mulleres, e A unión obreira, unha obra fundamental que establece algunhas das bases do ideario socialista e analiza a relación entre o patriarcado, como opresor da muller, e o capitalismo, como opresor da clase obreira. A filósofa procura a unión entre as parias mulleres e os parias obreiros nunha loita común contra a opresión patriarcal-capitalista que as e os somete. Unha loita para que á muller se lle permita achegar a súa capacidade, forza e intelixencia e acceder a unha educación completamente igualitaria para ocupar na sociedade o lugar que lle corresponde.
O seu pensamento revolucionario parte da súa formación intelectual e da observación da realidade. Tristán considera que todas as persoas contribúen ao desenvolvemento da humanidade e neste sentido deben evolucionar e preocuparse polos demais membros da súa especie.
Partindo dunha concepción socialista na que destaca o interese xeral, chega á conclusión de que a mellor maneira que ela ten de contribuír a mellorar o mundo é escribir, plasmar a defensa dunha humanidade emancipada, culta, consciente das súas facultades, xusta, igualitaria e, por tanto, feminista: "O nivel de civilización ao que chegaron diversas sociedades humanas está en proporción á independencia da que gozan as mulleres", explica, «todas as desgrazas do mundo proveñen do esquecemento e o desprezo que ata hoxe se fixo dos dereitos naturais e imprescritibles da muller».
Sara Seager

O 21 de xullo de 1971 naceu en Canadá a astrofísica Sara Seager, investigadora, profesora de ciencia planetaria, física e enxeñería aeroespacial no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT), divulgadora científica e escritora. O seu traballo é mundialmente recoñecido porque achega grandes avances no eido do estudo dos planetas que orbitan estrelas diferentes ao sol, chamados exoplanetas, e na procura de vida extraterrestre.
O traballo de Seager sentou as bases da investigación dos exoplanetas e permitiu a detección, por primeira vez, da atmosfera dun deses planetas xigantes externos ao noso sistema solar. Así mesmo, desenvolveu un sistema para analizar as atmosferas dos planetas e sinalar cales serían os gases con "sinatura biolóxica", é dicir, os que poderían supoñer a existencia de vida de entre os detectados remotamente por un telescopio espacial, no que segue a traballar. Tamén creou unha nova ecuación que permite estimar o número de planetas que poderían ser habitables na nosa galaxia.
Ata o de agora identificou varios planetas potencialmente habitables e, en 2020, corroborou a existencia dunha cantidade de gas fosfina na atmosfera de Venus que podería indicar a presencia dalgún tipo de vida microbiana ou dunha química completamente descoñecida.
A investigadora traballa en numerosas misións espaciais destinadas a atopar e analizar novos exoplanetas, coma o desenvolvemento dunha flota de nanosatélites para buscar vida alén da Terra.
Luz Pozo Garza

Poeta, ensaísta e catedrática de literatura en secundaria, Luz Pozo Garza foi unha das voces esenciais da poesía galega da segunda metade do século XX. Faleceu en 2020 despois de toda unha vida dedicada á escrita. Cómpre lembrar que apenas uns meses antes publicara o seu derradeiro libro, Pazo de Tor, un homenaxe ás raíces familiares maternas.
Nada en Ribadeo en 1922, Pozo Garza estudou Maxisterio e Filoloxía Románica. Os seus primeiros traballos foron publicados en Las riberas del Eo, La noche, Poesía española, Ínsula o Vida gallega. Entre 1975 e 1976 codirixiu a revista Nordés xunto a Tomás Barros Pardo. Promoveu tamén a creación da revista Crave Orión.
Foi membro numerario da Real Academia Galega (RAG) e socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Soubo impoñerse aos prexuízos da época e foi quen de abrirse camiño no complexo mundo literario durante a posguerra e a ditadura. Está considerada unha renovadora tanto na forma coma na temática que abordaba nos seus traballos.
A RAG destaca na súa obra "un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal". O seu primeiro poemario foi Ánfora, publicado en 1949. A este traballo seguiríano O paxaro na boca (1952), Últimas palabras/Verbas derradeiras (1975), Concerto de outono (1981), Códice Calixtino (1986), Prometo a flor de loto (1992), Medea en Corinto (2002) ou Rosa tántrica (2016). Publicou tamén ensaios e numerosos artigos sobre autores coma Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Castelao, Dieste, Manuel Antonio e Franco Grande.
Entre outros moitos recoñecementos recibiu o Premio Cultura Galega das Letras (2013), o Premio Laxeiro (2014) e o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (2019).
Carmen Martín Gaite

O 23 de xullo do ano 2000 falecía Carmen Martín Gaite, primeira muller en recibir o Premio Nacional de Literatura, en 1978, coa obra El cuento de atrás, galardón que volvería a recibir polo conxunto da súa obra no ano 1994. Tamén foi distinguida co Premio Nadal e co Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Autora destacada da Xeración do 50, a súa obra caracterízase por un cuestionamento crítico do mundo que a rodea, con atención especial ao papel da muller nel. Martín Gaite é, sen dúbida, unha das autoras máis relevantes do panorama literario do século XX en España.
A escritora naceu en 1925 en Salamanca no seo dunha familia de intelectuais. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Coimbra e posteriormente ampliou os seus estudos no Collège International de Cannes. En 1950 regresou a España e trasladouse a Madrid, onde comezou a se gañar a vida como escritora, tradutora e columnista colaborando en xornais e revistas da época coma ABC, Blanco y negro ou Alcalá.
Foi unha autora prolífica e deixounos unha serie de artigos xornalísticos ineludibles e narracións fundamentais para a literatura española. Entre as súas obras inesquecibles atópanse Entre visillos, Fragmentos de interior, O raro é vivir, O conto de nunca acabar e Pido a palabra. Foi a tradutora de obras clásicas como Jane Eyre, Madame Bovary ou Cumes borrascosos, entre moitas outras.
Amelia Earhart

Amelia Earhart pasou á historia por converterse na primeira aviadora que cruzou en solitario o océano Atlántico.
Inconformista, feminista e aventureira, desde pequena buscou inspiración nas mulleres que acadaban o éxito en espazos reservados aos homes facendo un álbum de recortes de prensa coas noticias sobre elas e, na súa vida adulta, loitou pola incorporación das mulleres ao mundo da aeronáutica.
Subiu por primeira vez a un avión en 1920 cando asistía a un espectáculo aéreo e desde ese momento soubo que quería voar, así que comezou a asistir a clases no primeiro negocio de aviación creado por unha muller, Neta Snook. Aos 25 anos logrou ser unha das dezaseis primeiras mulleres do mundo en conseguir unha licencia de voo expedida pola Federación Aeronáutica Internacional.
Amelia Earhart, que traballaba entón como enfermeira, comprou unha avioneta amarela de segunda man, O Canario, coa que chegou a voar a 14.000 pés de altura. Converteuse nunha das mellores persoas pilotos do país, polo que lle propuxeron ser a primeira muller en sobrevoar o Atlántico a bordo do aeroplano Friendship, acompañada por máis tripulación.
A aviadora conseguiu o seu obxectivo, o que lle valeu fama e recoñecemento mundial. Poucos anos despois decidiu ir máis alá e acadou o gran fito de ser a primeira muller (e a segunda persoa) en facer a travesía do Atlántico en solitario. A prensa mundial rendeuse ante ela e a día de hoxe continúa sendo a piloto máis coñecida de todos os tempos.
En 1937, cando Amelia tentaba dar a volta ao mundo nun bimotor seguindo a liña do Ecuador, o seu avión desapareceu para sempre.
Olga Gallego Domínguez

Licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, a escritora, historiadora, investigadora, arquiveira e docente Olga Gallego foi membro correspondente da Real Academia da Historia e a primeira muller en ingresar na Real Academia Galega. Dedicou a súa vida á recuperación e conservación da memoria histórica e cultural de Galicia e a desenvolver novos métodos documentais que contribuíron á mellora e modernización da ciencia arquivística.
Naceu en Ourense en 1923 e nos anos 50 ingresou por oposición no corpo de arquivistas para traballar na Biblioteca Pública e no Arquivo da Delegación de Facenda de Vigo e pasar, anos máis tarde, a dirixir o Arquivo Histórico Provincial e o Arquivo da Delegación de Facenda de Ourense. Ademais de contribuír á mellora e modernización dos arquivos nos que traballou, desenvolvendo novos sistemas de catalogación para facilitar a conservación e o acceso aos fondos patrimoniais, realizou unha importante labor na recuperación da cultura galeguista na posguerra, colaborando, entre outras, coa Fundación Penzol e coa Fundacion Otero Pedrayo, que lle outorgou o XXVI Premio Trasalba.
A súa paixón pola investigación e recuperación do patrimonio cultural e a memoria levárona a cooperar tamén co Museo Arqueolóxico de Ourense, con Anabad Galicia e co Arquivo Diocesano de Ourense, ademais de catalogar as bibliotecas da Escola de Comercio, do Instituto Santa Irene de Vigo, da Caixa de Aforros ou do mosteiro de Guadalupe (Cáceres), entre outros. Ademais, plasmou o seu traballo como investigadora en máis de 100 publicacións, que inclúen artigos ou monografías relacionadas coa cultura, a historia, a arqueoloxía, a museoloxía, o urbanismo etc., entre os que se atopa o primeiro tratado de arquivística moderna de España. O seu compromiso coa conservación da cultura manifestouse tamén na súa preocupación e denuncia da perda e destrución de patrimonio documental ou a apropiacións de documentos do Estado por parte de institucións eclesiásticas.
Entre outros recoñecementos obtivo o Lazo da Orde de Alfonso X el Sabio (1969) pola súa labor en prol da cultura galega e a Medalla Castelao, a Medalla de Anaban e a Medalla de Prata de Galicia.
Gerda Taro

Gerda Taro, pioneira do fotoxornalismo de guerra, realizou algunhas das fotografías históricas máis importantes do século XX. As súas imaxes da guerra civil española deron a volta ao mundo e constitúen un documento de gran valor. Faleceu en 1937 tras cubrir coa súa cámara a batalla de Brunete.
Taro, que se chamaba en realidade Gerta Pohorylle e era de procedencia xudea, naceu en Alemaña a principios de século e en 1933, cando Hitler xa estaba no poder, fuxiu a París. Alí tivo diferentes traballos e achegouse ao mundo da fotografía, que lle apaixonou. Foi entón cando mudou o seu nome por un alcume sinxelo de lembrar, Gerda Taro, e iniciou a súa carreira como fotógrafa. Pero vivir da fotografía non era sinxelo e Taro ideou unha estratexia de mercadotecnia: creou un personaxe misterioso, un fotógrafo americano chamado Robert Capa, supostamente moi coñecido e cotizado no seu país de orixe, que vendía as súas fotografías en Europa grazas a representantes como ela e a súa parella, o tamén fotógrafo E. Friedmann. A partir dese intre, comezou a asinar as súas fotografías con ese pseudónimo.
En canto estalou a guerra civil española, Taro e o seu compañeiro, que defendían a xustiza social e o ideal republicano, viaxaron a España para documentala para a prensa estranxeira, converténdose en pioneira no fotoxornalismo bélico e Capa, o personaxe creado por Gerda, pasou á historia como o gran documentalista gráfico do conflito.
Nas trincheiras republicanas a fotógrafa era coñecida pola súa astucia e valentía, xa que se puña en primeira liña para conseguir as mellores imaxes. Aquelas fotografías inundaban as portadas dos xornais, pero tamén aparecían en documentos, carteis e manifestos políticos da República á que Gerda lle doaba moitas das súas imaxes.
Concepción Méndez Cuesta

O 27 de xullo de 1898 naceu a escritora, poeta, guionista, editora e autora de teatro Concepción Méndez Cuesta, unha muller independente e emprendedora, de ideas adiantadas ao seu tempo, que formou parte da Xeración do 27 e contribuíu a difundir a súa obra.
A escritora estivo na nómina de "Las Sinsombrero", como se deron en chamar as artistas máis reivindicativas da Xeración do 27. O seu labor como divulgadora cultural foi moi relevante e as súas memorias constitúen un interesante documento histórico sobre a cultura na España dos anos vinte e trinta, e tamén no exilio posterior.
Logo de publicar os seus primeiros libros, Inquietudes e Surtidor, o guión dunha película de cine mudo, Historia dun taxi, e diversas colaboracións na Gaceta Literaria, pasou uns meses en Londres e marchou a vivir á Arxentina, onde se relacionou coa elite cultural, publicou un novo libro e realizou colaboracións en prensa. Coa chegada da República regresou ao seu país, sacou á luz dúas obras de teatro (unha delas infantil) e puxo en marcha unha imprenta desde a que comezou a editar, xunto coa súa parella, a revista cultural Héroe, na que os poemas de Rosa Chacel, Ernestina de Campourcín e Lorca compartían páxinas con Cernuda ou Juan Ramón Jiménez, entre outros.
De novo en Londres, publicou unha revista bilingüe chamada 1616, ademais de varias obras propias, e, de volta en Madrid, a revista Caballo Verde para la Poesía, dirixida por Pablo Neruda.
A Guerra Civil sorprendeuna en Madrid e, logo dun longo periplo por distintos lugares de España e Europa, logrou saír cara a América coa súa familia. Na Habana fundou a imprenta La Verónica e publicou novas obras de creación propia e dúas revistas. Concha continuou escribindo, cambiando de residencia e editando literatura. O seu derradeiro libro, Memorias habladas, memorias armadas, publicouse catro anos despois da súa morte grazas á colaboración da súa neta, Paloma Ulacia Altolaguirre, quen pasou a papel as narracións autobiográficas que gravara. Un relato foi finalista do Premio Comillas de Historia, Biografía e memorias, de Tusquets Editores, en 1988, no que se reflicte o espírito revolucionario e o entusiasmo dunha muller que loitou contra os tabús da súa época para poder realizarse persoal e profesionalmente.
Margaret Murray

O 28 de xullo de 1863 naceu a primeira exiptóloga e primeira profesora de Arqueoloxía do Reino Unido, Margaret Murray, feminista da primeira onda e sufraxista que estivo vencellada á Unión Social e Política das Mulleres de Inglaterra (WSPU, polas súas siglas en inglés).
Antropóloga, historiadora, arqueóloga, enfermeira e folclorista, escribiu trinta libros e fixo un importante labor de difusión das culturas antigas; incluso chegou a desenvolver momias en público. Naceu en Calcuta, viviu en varios países europeos e foi unha gran viaxeira. Residiu dous anos en Menorca, onde fixo a primeira escavación científica da illa como parte dunha investigación para a Universidade de Cambridge. Ademais, catalogou as coleccións de cultura exipcia dos principais museos británicos.
Dedicou toda a súa vida a adquirir e compartir coñecemento, traballou no University College London (UCL) e, en 1898, converteuse na primeira profesora de Arqueoloxía do país. En 1927 concédeselle o título de doutora honoris causa pola súa traxectoria profesional e, na Segunda Guerra Mundial, exerce como docente voluntaria de persoal militar. En 1963, pouco tempo antes de facer os cen anos, publicou a súa autobiografía My First Hundred Years.
Cristina Narbona

Economista e ecoloxista recoñecida internacionalmente polo seu compromiso co desenvolvemento sostible, a vicepresidenta primeira do Senado, Cristina Narbona, forma parte do Global Sustainability Panel do secretario xeral de Nacións Unidas (2010-2012), da Global Ocean Commission e colabora, tamén, con Nacións Unidas como membro da Rede Española de Desenvolvemento Sostible para a implantación da Axenda 2030.
Naceu o 29 de xullo de 1951 en Madrid e estudou Economía na Universidade de Roma antes de ser profesora de Economía Internacional na Universidade de Sevilla. Dedicou a súa vida á loita pola igualdade, a xustiza social e a sostibilidade, compromisos que guiaron a súa dilatada carreira política e profesional. Nos últimos anos desempeñou os cargos de secretaria de Estado de Medio Ambiente e Vivenda, ministra de Medio Ambiente, embaixadora de España ante a OCDE e conselleira de Seguridade Nuclear; ademais, preside o Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) desde 2017.
A súa preocupación polo cambio climático, a precariedade e a exclusión social, así como pola discriminación das mulleres, levouna a formar parte do colectivo Economistas fronte á Crise e a facer un importante labor de divulgación na defensa dos dereitos humanos, incluíndo a publicación dun libro, xunto coa activista Ana Echenique, titulado Soñando o futuro.
O seu traballo polo desenvolvemento sostible e a dignidade das persoas valeulle recoñecementos nacionais e internacionais, e a revista Time incluíuna entre as 35 persoas líderes e visionarias que están a mellorar o mundo, e destacou a súa valentía ao enfrontarse a grupos poderosos na defensa do medio.
Mabel Lozano

A escritora, actriz, directora e feminista Mabel Lozano é unha referente mundial na loita contra a trata e a explotación sexual das mulleres e nenas que emprega o cine como ferramenta de transformación social. Nos últimos anos dirixiu varios documentais que denuncian a trata e buscan concienciar a poboación sobre a situación que padecen as vítimas, entre os que podemos citar Voces e Escóitame.
Nos seus documentais, realizados tras rigorosos traballos de investigación en colaboración con asociacións, corpos policiais ou a fiscalía, entre outras fontes, amosa as experiencias das vítimas (mulleres e nenas) e como son escravizadas por redes de crime organizado que contan con colaboracións en todo o mundo.
En 2015, tras cinco anos de investigación, dirixiu a longametraxe documental Chicas novas 24 horas, á que vencellou un proxecto artístico multidisciplinar que incluía unha web, unha novela e exposicións. Está rodada en varios países latinoamericanos, onde as nenas e mulleres vítimas de explotación sexual son captadas para seren prostituídas en Europa. Na película Mabel Lozano denuncia a extensa man negra que supón o gran negocio, 32.000 millóns de dólares anuais, da prostitución de mulleres e menores.
En 2018, logo da publicación, estreou o seu documental O proxeneta. Paso corto, mala leche, no que un exproxeneta condenado a 27 anos de cadea, que foi propietario dalgúns dos macroburdeis de España, describe o funcionamento do negocio criminal da prostitución e a corrupción, asasinatos, extorsións, trata, lavado de cartos, secuestros e demais delitos que comporta.
Coa curtametraxe documental Biografía do cadáver dunha muller, que lles dá voz ás mulleres vítimas de trata, gañou, entre outros, o Premio Goya en 2021.
Suso Cecchi d'Amico

Nacida en Roma o 21 de xullo de 1914, a guionista Suso Cecchi d'Amico escribiu os guións dalgunhas das películas máis importantes da historia do cine e de obras cumio do neorrealismo italiano coma O ladrón de bicicletas (1948) ou Milagre en Milán (1951). Tamén foi a creadora de máis de cen longametraxes entre 1946 e 2006 que foron levadas ao cine por grandes directores coma Luchino Visconti, Rosellini, Vittorio de Sica, Mario Monicelli, Michelangelo Antonioni, Luigi Comencini, Franco Zeffirelli ou Francesco Rosi.
Enxeñosa, rebelde, humanista, antifascista e perspicaz, comezou a traballar como guionista logo da Segunda Guerra Mundial e foi a escritora de case todas as películas de Visconti desde que traballou con el en Bellissima (1951).
Nas súas obras D'Amico foi quen de xogar coa fantasía e coa ironía combinándoas coa cotiandade, de imprimirlles un ritmo dramático aos conflitos das e dos personaxes, dentro dun contexto histórico claramente definido da Italia convulsionada pola guerra, e de aventurarse no cine de xénero policiaco ou, incluso, o spaghetti western en Home, orgullo, vinganza.
A raíña de Cinecitta recibiu, entre outros recoñecementos, o León de Ouro do Festival de Venecia polo conxunto da súa traxectoria, que inclúe algúns dos mellores títulos de todos os tempos coma O gatopardo, Rocco e os seus irmáns, Senso, La fierecilla domada, Brother Sun, Sister Moon ou Xesús de Nazaret. As súas últimas obras foron As rosas do deserto e En busca da tumba de Xesús, en 2006, poucos anos antes de falecer na súa querida Roma.
Chus Lago

A vida de María Jesús Lago Rey (1964) está marcada pola aventura, pola superación persoal e pola procura de momentos únicos en lugares extremos. Viguesa de nacemento, entre outras xestas, alcanzou a cima do Everest sen osíxeno artificial en 1999, o que a converteu na primeira muller española e a terceira do mundo en conseguilo. Ademais, foi a primeira persoa española en chegar a pé ao Polo Sur.
Alpinista, exploradora e escritora, Chus Lago leva no sangue a paixón pola natureza desde a infancia. As súas primeiras aventuras transcorreron no monte Vixiador, en Vigo, e co tempo chegaría a subir as montañas máis altas do mundo. Realizou expedicións aos Pirineos, aos Andes e a Kenia, e tocou o teito do Himalaya. O seu primeiro oitomil chegaría en 1997 ao pisar a cima do Cho Oyu. Dous anos despois acadaría o punto máis alto da Terra tras escalar o Everest (8.849 metros). En 2004 culminaría outra xesta ao pechar o percorrido polos picos máis altos da extinta Unión Soviética e obter o título de Leopardo das Neves, polo que é a primeira española, e a única muller viva no mundo, que ostenta esta distinción.
Inquieta por natureza, en 2009 fixouse o obxectivo de chegar ao Polo Sur, meta que logrou tras unha travesía de 59 días. Lago narrou as súas experiencias en diversos libros, o último deles O espello de xeo, publicado en 2020 e Premio Desnivel de Literatura.
Ademais, Chus Lago foi concelleira en Vigo polo PSdeG-PSOE, entre 2007 e 2019, encargada da Área de Medio e Vida Saudable. Nos últimos anos o proxecto "Compromiso con la tierra", que abandeira, levouna a Laponia, a Bafin (Canadá) e ao lago Baikal (Rusia).
As súas fazañas no ámbito do deporte valéronlle distintos premios, coma a Medalla ao Mérito Deportivo do Consello Superior de Deportes, a Medalla Castelao da Xunta de Galicia ou o Premio Viaxe do Ano da Sociedade Xeográfica Española.
Isabel Allende

Vinte e catro obras e máis de setenta e cinco millóns de libros vendidos. Quince doutoramentos internacionais e máis de sesenta premios en quince países. Son só algunhas cifras que resumen a dimensión da figura de Isabel Allende (Lima, 1942), a escritora máis lida do mundo en lingua española e muller de fondas conviccións feministas.
Aínda que naceu no Perú, Allende, de nai e pai chilenos, pasaría a maior parte da súa infancia e xuventude neste último país; tamén residiu en Bolivia e no Líbano, e pasou temporadas en Europa. En 1975, dous anos despois do golpe do ditador Pinochet, tivo que fuxir e viviu en Caracas ata 1988. Exerceu de xornalista e de docente nunha escola e, en Venezuela, publicará a súa primeira novela, A casa dos espíritos (1982), que a ía converter nunha escritora supervendas mundial con máis de cincuenta e un millóns de libros vendidos, e a tradución a vinte e sete idiomas.
Dous anos despois publicou outro supervendas, a novela De amor e de sombra, que sería levada ao cine ao igual que a súa predecesora Inés da alma miña (2015). Tras o seu éxito embarcouse en xiras promocionais por todo o mundo. A súa última novela, Longo pétalo de mar, data de 2019, e un ano despois publicaría Mulleres da alma miña, obra entre a biografía e o ensaio sobre as reivindicacións femininas.
Allende é a creadora da fundación que leva o seu nome e ten por obxectivo empoderar as mulleres e as nenas. A entidade outorgoulles bolsas de axudas a máis de cen organizacións sen ánimo de lucro en todo o mundo.
A autora chilena impartiu durante máis de vinte e cinco anos conferencias, seminarios e charlas sobre dereitos da muller, política latinoamericana, escritura e proceso creativo. As súas obras traducíronse a corenta e dous idiomas e adaptáronse tamén ao teatro, á ópera, ao ballet, á radio e aos musicais. Desde 1988 reside nos Estados Unidos.
Antonia Louisa Brico

Ser directora de orquestra no tempo no que Antonia Louisa Brico aspiraba a levar a batuta, os anos vinte do século pasado, era simplemente un soño. Non obstante, esta pianista neerlandesa adiantada ao seu tempo superou os estereotipos e o machismo reinante na música clásica da época, e fíxoo a base de talento e perseveranza. En 1930, con 28 anos, debutou á fronte da Orquestra Filharmónica de Berlín, fito que marcou o inicio dunha carreira na que tamén dirixiría a Filharmónica de Nova York e outras sinfónicas de prestixio. Con todo, a súa figura nunca tivo na práctica o recoñecemento que merecía.
Antonia Brico naceu en Rotterdam, en 1902; cando tiña cinco anos seus pais adoptivos trasladáronse aos Ánxeles. Estudou Artes Liberais e mudouse a Nova York tras graduarse. Alí deulle forma ao seu soño, que atoparía fortes resistencias e críticas. En 1926 viaxou a Hamburgo, onde ampliaría a súa formación, e posteriormente a Berlín, cidade na que terminaría por derrubar a barreira que lle impedía a unha muller dirixir unha orquestra.
En 1933, de novo en Nova York, estreouse como directora na cidade coa Musicians' Symphony Orchestra, unha das máis recoñecidas da época, e cinco anos despois converteuse na primeira muller que dirixía a Orquestra Filharmónica de Nova York. Neste período Brico puxo en marcha un proxecto pioneiro: a primeira orquestra composta só por mulleres, a New York Women´s Simphony, que contou co respaldo da primeira dama estadounidense Eleanor Roosvelt. A sinfónica colleitou un grande éxito durante os primeiros catro anos tras a súa fundación en 1934, e caería no declive coa incorporación de músicos varóns.
Brico dirixiu, entre outras, a Orquestra Sinfónica de Londres, a Sinfónica de San Francisco e a Filharmónica dos Ánxeles, pero só como directora invitada, xa que foi rexeitada en varias ocasións en postos de directora titular a pesar do recoñecemento público á súa mestría musical. En 1971 visibilizouse a súa figura co documental Antonia: a Portrait of a Woman, nominado nos Óscar e codirixido pola artista folk Judy Collins, á que Antonia Brico lle dera clases de piano. En 2019, trinta anos despois de falecer en Denver, a película neerlandesa A directora de orquestra, de María Peters, rescatouna de novo do esquecemento.
Susana Rodríguez Gacio

Ningún obstáculo logrou deter a Susana Rodríguez Gacio, laureada deportista paralímpica de elite, campioa do mundo de triatlón, olímpica nos Xogos de Tokyo 2021 e anteriormente en Río 2016, e médica de profesión. Unha suma de impresionantes logros para unha persoa cunha visión inferior ao 10 %, o que se considera cegueira total. Rodríguez Gacio traballou tras a chegada da COVID-19 en primeira liña compaxinando a súa actividade profesional con duros adestramentos. O prestixioso semanario Time, unha das publicacións máis influentes do mundo, reparou na súa excepcional historia e dedicoulle a portada da revista e unha ampla reportaxe o pasado mes de xullo.
A triatleta, nacida en 1988, é unha apaixonada do deporte e da medicina desde a infancia. En 2006 diplomouse en Fisioterapia en Vigo, e nove anos despois licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente exerce no hospital clínico desta cidade. No camiño acadou numerosas xestas deportivas. Do atletismo pasou ao duatlón, disciplina da que sería campioa do mundo en 2011 e en 2012. Ese segundo ano tamén gañou o Campionato Mundial de Triatlón na categoría Tri6. Unha prata en Londres, bronce en Edmonton, campioa de novo en Chicago e bronce no europeo de 2016 foron as súas seguintes conquistas, e nas Olimpíadas de Río finalizaría no quinto posto na proba individual de triatlón xunto á súa guía Mabel Gallardo.
En 2018 gañou de novo o Mundial de Triatlón e logrou a medalla de ouro no Mundial Gold Coast. Hai pouco gañou a Copa do Mundo que tivo lugar na Coruña. Os Xogos de Tokyo son outro fito na súa espectacular traxectoria, tendo en conta, ademais, que compaxinou os adestramentos co seu traballo como médica.
A Deputación de Pontevedra dedicoulle a Susana Rodríguez Gacio o nome dunha das salas da nova sede de Vigo, aberta en xaneiro de 2020, polos seus méritos no deporte e na vida.
Ana Romaní

A poesía e o xornalismo cultural en Galicia teñen un referente na figura de Ana Romaní, autora premiada, fundadora e directora durante 28 anos do programa Diario cultural da Radio Galega, e académica numeraria da Real Academia Galega desde 2018, ano no que ocupou a cátedra que deixou Xohana Torres. A longa traxectoria de Romaní destaca tamén pola defensa e polo labor de promoción do idioma galego e polo seu firme compromiso feminista.
A xornalista e poeta nada en Noia o 5 de agosto de 1962 está vencellada á vida cultural de Galicia desde hai case catro décadas. Deu os seus primeiros pasos coa creación da revista Carabela de Xiada e, logo dun período como actriz de dobraxe, en 1988 iniciou a súa carreira na radio, primeiramente en Radio Nacional de España e posteriormente na Radio Galega, onde dirixiu e conduciu desde 1990 ata 2018 Diario cultural, un programa cun gran predicamento na vida cultural galega que pasou por varios formatos e que acolleu en 2007 o Premio de Teatro Radiofónico.
Romaní é autora de seis libros de poesía, o último deles foi A desvértebra (2020), co que gañou o Premio da Asociación Nacional de Críticos Literarios na categoría de poesía. Publicou tamén dezaseis ensaios, entre eles as biografías de Xela Arias, María Mariño e Belén Feliu para o "Álbum de mulleres", un proxecto do Consello da Cultura Galega que recolle a memoria das mulleres en Galicia; Romaní forma parte da Comisión de Igualdade desta institución. Ademais, nos últimos 35 anos participou en máis de trinta obras colectivas.
A escritora galega tomou parte tamén na creación da revista Festa da Palabra Silenciada da asociación Mulleres Galegas da Comunicación e recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Nacional de Xornalismo Cultural en 2018, que o xurado motivou "pola súa longa traxectoria no xornalismo, o seu labor arreo na promoción da cultura e da radio con formatos propios, (...) pola súa visión do feminismo crítico e compromiso social".
O ingreso de Romaní na Real Academia Galega certifica a súa importante traxectoria e o seu labor na cultura galega actual.
Alice Morgan Wright

A paixón pola arte, a defensa inquebrantable do voto feminino e o activismo social a prol dos dereitos dos animais son os sinais de identidade de Alice Morgan Wright, artista nada en 1881 en Nova York que experimentou coas vangardas nas súas esculturas, loitou polo dereito ao sufraxio das mulleres e centrouse, na segunda parte da súa vida, na causa animalista.
Morgan Wright especializouse en Escultura na Art Students League de Nova York, institución que recoñeceu o seu talento con varios premios, e proseguiu os seus estudos na École des Beaux-Arts e na Académie Colarossi de París. A súa produción artística combina o estilo tradicional coa experimentación e, de feito, Wright foi a primeira creadora estadounidense en abrazar as vangardas europeas ao ser autora de obras con tinturas cubistas e futuristas.
En paralelo ao seu traballo artístico loitou pola conquista do dereito ao voto feminino, fito histórico que en Estados Unidos cumpriríase no ano 1921. Neste eido traballou para a College Equal Suffrage League e durante a súa estancia en Europa implicouse nos movementos sufraxistas en Gran Bretaña e Francia. O seu activismo levouna á prisión durante dous meses por manifestarse a favor da causa en Inglaterra, e ao seu regreso a Estados Unidos foi secretaria de actas do Partido do Sufraxio da Muller e, ademais, participou na creación da Liga de Mulleres Votantes no Estado de Nova York en 1921.
A partir dos 45 anos Wright deixou a produción artística nun segundo plano para centrarse no activismo político. No ano 1948 foi delegada na asemblea das Nacións Unidas en París e colaborou con esta institución internacional no ámbito da educación, da ciencia e da cultura (Unesco). Nos anos seguintes tería un papel importante na defensa dos dereitos dos animais. A artista e activista norteamericana foi benfeitora da National Humane Education Society e reclamoulle ao presidente Eisenhower que cesase o uso de animais en investigacións médicas e científicas. Así mesmo, coa súa parella creou o Fondo Alice Morgan Wright-Edith Goode, un fideicomiso que apoia organizacións de benestar animal.
Mileva Maric

Xenial matemática, crese que parte dos descubrimentos de Einstein foron, en realidade, feitos por ela.
Albert Einstein é o físico máis célebre da historia. Pola contra, só as persoas máis vencelladas á ciencia, á historia ou á loita pola igualdade saberían dicir quen foi Mileva Maric, xenial matemática serbia que contribuíu aos descubrimentos do científico alemán ata o punto de que algunhas investigacións indican que parte deles foron en realidade feitos por ela. Unha figura excepcional á que nunca se lle deu a relevancia que merece, relegada a un papel menor ata hai só uns anos. Actualmente existe un intenso debate sobre a súa verdadeira participación nos achados de quen posteriormente sería Premio Nobel.
Na súa formación académica Maric enfrontouse ás barreiras imperantes na época para as mulleres. Despois de graduarse en educación secundaria coa máxima nota en Matemáticas e Física o seu pai tivo que solicitar un permiso especial para que puidese asistir ás clases universitarias no Colexio Real de Zagreb, reservadas só ao alumnado masculino. En 1896 ingresou no Instituto Politécnico de Zurich, onde coñeceu a Einstein. Ambos colaboraron e o propio científico, nas súas cartas dirixidas a Mileva, falaba do "noso traballo" e da "nosa investigación", que derivaría nos artigos sobre o efecto fotoeléctrico, o movemento browniano e a Teoría da Relatividade. Tras vivir en varias cidades do continente, Maric volveu soa en 1914 a Suiza, onde daría clases de Matemáticas e Música.
A súa contribución científica foi ignorada ata a publicación en 1987 da correspondencia entre ela e Einstein, na que queda patente que a investigación que culminaría nos descubrimentos científicos era conxunta. Maric tamén lle escribiu unha carta a unha amiga na que asumía con naturalidade que os traballos farían mundialmente famoso ao científico, sen pensar que ela tamén tiña unha parte importante e quizais determinante no mérito. Existen investigacións que sinalan que a Teoría da Relatividade e o estudo do efecto fotoeléctrico tiveron a súa orixe nas teses de Maric, que falecería no esquecemento tal día coma hoxe de 1948. A polémica no ámbito científico segue aínda hoxe moi viva.
Amparo Alvajar

Nunhas décadas nas que a España baixo o réxime franquista limitaba o papel das mulleres ás tarefas do fogar e o coidado das fillas e fillos, a galega exiliada Amparo Alvajar desenvolveu un importante traballo intelectual como escritora, dramaturga e tradutora en organismos internacionais como as Nacións Unidas (ONU) ou a Organización Internacional do Traballo (OIT).
Nada na Coruña o 8 de agosto de 1916 no seo dunha familia republicana, Alvajar estivo vencellada ao Goberno da Segunda República tras a vitoria do Frente Popular en febreiro de 1936. Colaboradora xa con anterioridade de Santiago Casares Quiroga, o golpe militar levouna desde Madrid primeiramente a Valencia, despois a Barcelona e finalmente ao exilio en Francia.
Desde alí fuxiría no 1939 a Bos Aires, cidade na que había de coñecer o éxito con dúas obras teatrais, Amada e ti e O balcón dos Lester, das que foi tamén directora de escena. Na capital arxentina publicou varios ensaios sobre teatro e Galicia, e traballou tamén como tradutora de escritores clásicos en diferentes idiomas, o que dá fe da súa alta formación intelectual, obtendo recoñecemento polas súas excelentes traducións.
As seguintes escalas de Alvajar foron México e Nova York, onde se converteu na primeira muller galega tradutora das Nacións Unidas. De carácter cosmopolita, traballaría despois en París para o Correo da Unesco, a organización da ONU para a educación, a ciencia e a cultura, e tamén como funcionaria nas oficinas da OIT en Xenebra.
Na cidade suíza continuou a súa vocación teatral dirixindo obras de Lope de Vega, García Lorca e Buero Vallejo. Na súa traxectoria nunca perdeu contacto co Goberno español no exilio, que lle concedería a Orde da Lealdade e a recoñecería como "cabaleiro" da República no ano 1961.
Alvajar pasou os seus últimos anos en Monção, na fronteira coa provincia de Pontevedra, onde falecería en 1998 tras unha intensa vida.
Luisa de Medrano

A de Luisa de Medrano Bravo de Lagunas Cienfuegos é unha desas extraordinarias historias que acontecen nun tempo no que a priori parecerían imposibles. A historia dunha muller que, en plena Idade Media, cando non se permitía o acceso das mulleres á cultura, se converteu na primeira catedrática de España e Europa.
Nacida en Castela-A Mancha o 9 de agosto de 1484, no berce dunha familia da alta nobreza castelá e navarra, Luisa de Medrano foi educada baixo a protección directa de Isabel a Católica, que a trasladou á Corte cos seus irmáns e irmás, e coa súa nai, despois de que o seu pai morrera na batalla durante a reconquista en Granada.
Luisa de Medrano tivo unha exquisita formación a cargo de doncelas doctas, fillas dos nobres da Corte educadas por humanistas casteláns e italianos. Así, esta muller adiantada ao seu tempo recibiu educación en lectura, escritura, música, latín, oratoria, canto, danza, natación, esgrima, arco, bésta, xadrez e xogo de pelota.
A nobre castelá deu clase nas cátedras de Leis e Gramática da Universidade de Salamanca aos 24 anos. Compañeiros seus destacaron dela que avantaxaba "a todos os homes sabios de España nos coñecementos e dominio do latín e a cultura clásica" (palabras do erudito italiano coetáneo Lucio Marineo Sículo).
Poeta e pensadora, as súas obras e as mencións a ela foron borradas nos séculos seguintes e hoxe non se conserva ningún texto seu. Foi outra muller, máis de 400 anos despois, a historiadora alemá Therese Oettel, quen recuperou a súa excepcional historia en 1935 tras consultar arquivos nacionais e outras fontes bibliográficas.
O Premio Internacional de Igualdade de Xénero de Castela– A Mancha, creado en 2015, leva o nome de Luisa de Medrano na honra desta pioneira da educación e da cultura académica en España e no continente europeo.
Ray Strachey

Unha traballadora incansable na loita por un logro que sería histórico, o sufraxio feminino en Gran Bretaña, e unha defensora firme da igualdade de dereitos para as mulleres no ámbito laboral, salarial e no acceso a cargos públicos. Así era Rachel Pearsall Conn Costelloe (1887-1940), máis coñecida como Ray Strachey, matemática, ensaísta e sufraxista que tería un papel importante na conquista de dereitos das mulleres no seu país, causa á que dedicaría boa parte da súa vida.
Xa durante a súa época universitaria no Newnham College, o colexio feminino da Universidade de Cambridge, foi unha integrante activa da Women´s Suffrage Society da prestixiosa institución académica. Vivíanse tempos de cambio na Gran Bretaña, e Strachey participou activamente no momento histórico que culminaría en 1928, cando foi aprobada a lei que lles permitía ás mulleres votar en igualdade de condicións que os homes.
Anteriormente labraría a súa loita en distintos cargos. En 1913 foi elixida presidenta da Sociedade Londinense para o Voto Feminino, e durante a I Guerra Mundial (1914-1918) organizou a Oficina de Mulleres, que apoiaba coa súa experiencia o esforzo de guerra británico.
O importante labor das mulleres na contenda militar foi un acicate para que calasen as demandas das sufraxistas. No ecuador do conflito, Strachey foi nomeada secretaria parlamentaria honoraria da Sociedade Nacional para o Voto Feminino coa finalidade de supervisar o proceso para a aprobación dunha lei que abrise a porta a que as mulleres foran candidatas nas eleccións.
O sufraxio feminino no Reino Unido acadaría un primeiro éxito en 1918 coa aprobación do voto feminino parcial para as mulleres. Nese tempo Strachey era editora do xornal sufraxista The Common Cause, e posteriormente de The Women´s Leader, publicación que tomaría o relevo da anterior.
Na loita polos dereitos laborais e no ámbito público fundou e dirixiu a Federación de Emprego Feminino, e escribiu tamén biografías de coñecidas sufraxistas para reivindicar e visibilizar o seu labor. The Cause, libro sobre a historia do movemento feminista británico publicado en 1928, o ano da conquista sufraxista, é a súa obra máis coñecida.