Guía para gozar da eclipse
12 de agosto de 2026
Información e recomendacións oficiais para a provincia de Pontevedra
Que é unha eclipse solar?
Unha eclipse solar é un fenómeno de ocultación entre corpos celestes que se produce cando a Lúa se sitúa entre a Terra e o Sol, e oculta total ou parcialmente a súa luz. Trátase dun fenómeno natural que acontece anualmente entre dúas e cinco veces no planeta, e que é de grande interese científico e visual.
Cando observar a eclipse?
A eclipse terá lugar o 12 de agosto de 2026, durante as últimas horas da tarde (das 19:30 ás 21:30 horas). O fenómeno desenvolverase progresivamente ata coincidir co momento do solpor civil e astronómico.
Punto máximo
O punto máximo da eclipse producirase ás 20:30 horas, antes de que o Sol desapareza no horizonte, o que ofrecerá unha escena especialmente espectacular pola combinación co solpor.
A eclipse na nosa provincia
Por que é unha eclipse especial?
Un evento deste tipo non se producía na península ibérica desde 1912, polo que representa unha oportunidade única para observar un fenómeno astronómico excepcional.
Por que na provincia de Pontevedra?
A orientación cara ao océano Atlántico e a presenza de amplos horizontes fan das Rías Baixas un enclave privilexiado para observar eclipses en condicións moi favorables.
En función do lugar da provincia no que nos atopemos poderemos observar diferentes fenómenos dentro da eclipse, coma as perlas de Baily, o anel de diamantes ou mesmo a coroa solar —na súa breve duración e de forma total— nos concellos de Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro ou Lalín.
Que se poderá ver na provincia de Pontevedra?
Na provincia de Pontevedra a cobertura do disco solar oscilará entre o 99,3 % na zona das Rías Baixas e o 100 % nos municipios situados máis ao norte da provincia. Isto provocará unha diminución notable da luz e da temperatura, cambios nas sombras e unha atmosfera similar a un solpor profundo en pleno día.
Mellores lugares para vela
Os mellores puntos son aqueles cun horizonte despexado cara ao oeste ou noroeste, coma praias, miradoiros e zonas elevadas sen obstáculos naturais ou edificacións.
Consulta na web de Turismo Rías Baixas o mapa da rede provincial de puntos de observación, na que se mostran os puntos singulares con boa visibilidade.
Consulta o mapa de localizacións (PDF) (abre nunha nova xanela)Previsión de desprazamentos e planificación
Espérase unha alta afluencia de visitantes, polo que se recomenda planificar con antelación os desprazamentos, escoller ben o lugar de observación e chegar e instalarse con tempo. En caso necesario, poderíanse considerar varios lugares alternativos axeitados. Recoméndase consultar, nos días previos, as previsións meteorolóxicas, xa que o ceo anubrado pode dificultar ou impedir a observación. Débense comprobar tamén as horas exactas de inicio, finalización e momento máximo da eclipse para a localidade ou o punto de visualización escollido.
Se é posible, recoméndase contemplar a eclipse desde o noso lugar de residencia ou localización na data do 12 de agosto para minimizar ao máximo os desprazamentos.
Seguridade ocular
A observación directa do Sol sen protección adecuada pode causar lesións moi graves e permanentes na retina. Estes danos son indoloros e poden pasar desapercibidos ata que é demasiado tarde.
Como observar con seguridade?
As eclipses deben observarse sempre mediante métodos indirectos de proxección do Sol nunha superficie ou pantalla, cunha protección certificada, coma lentes de eclipse homologadas (norma EN ISO 12312-2:2015 e marcado CE segundo o Regulamento (UE) 2016/425), ou con instrumentos ópticos especificamente equipados con filtros solares profesionais (por exemplo, láminas tipo Baader).
Que NON usar
Non se deben utilizar lentes de sol ordinarias, radiografías, cristais afumados nin máscaras de soldadura, nin ningún método directo fóra das recomendacións homologadas, xa que non filtran adecuadamente a radiación solar e poden causar graves danos oculares.
Observación directa mediante o uso de lentes de eclipses
As lentes de eclipses —tamén chamadas lentes de filtro solar— deben colocarse antes de mirar o Sol e manter o seu uso durante toda a observación, en intervalos de aproximadamente 30 segundos como máximo, de forma espazada. Estas non se deben usar continuadamente de maneira prolongada e só deben retirarse, de cada vez, cando se deixa de mirar directamente cara ao Sol.
Só no momento de absoluta totalidade do eclipse se podería mirar a coroa solar sen protección ocular.
Métodos indirectos e riscos
Tamén se pode observar a eclipse de forma segura mediante métodos indirectos, coma a caixa estenopeica (pinhole) ou a proxección da imaxe do Sol sobre unha superficie cun telescopio ou con prismáticos. En ningún caso se mirará polos oculares destes instrumentos usados para unha proxección indirecta.
Unha observación incorrecta pode provocar queimaduras na retina e a perda irreversible de visión. É fundamental seguir sempre as recomendacións de seguridade. Ante a dúbida, mellor usar só métodos indirectos de observación.
Novas relacionadas
A Deputación inviste máis de 10.000 € nas Neves co fin de equipar o miradoiro de San Nomedio para a observación astronómica
06/08/2026
Luis López enxalza a aposta de Lalín polo astroturismo na presentación da programación cultural que dinamizará a xornada da eclipse deste 12 de agosto
05/08/2026
A Deputación distribúe esta semana preto de 30.000 gafas entre os concellos para observar a eclipse solar do 12 de agosto
28/07/2026
Luis López celebra que a Deputación avanza no seu obxectivo de consolidar o astroturismo na provincia co produto turístico Baixo o Ceo das Rías Baixas
30/04/2026
A Deputación organiza este xoves en Forcarei a xornada “Baixo o Ceo das Rías Baixas. Astroturismo, eclipse solar e defensa da noite” dirixida a persoal técnico de turismo
26/04/2026
A Deputación concentra a máis de medio cento de persoas do sector turístico nunha xornada no Palacete das Mendoza para planificar e xestionar ordenadamente e con seguridade a eclipse do 12 de agosto
20/04/2026
A Deputación promove o próximo luns unha xornada para o sector turístico centrada na eclipse solar do 12 de agosto no marco de Baixo o ceo das Rías Baixas
14/04/2026
A Deputación solicitará a certificación Starlight para os Castelos de Sobroso e Soutomaior e lograr que se consoliden como referencias de astroturismo trala eclipse
10/04/2026
Luis López confirma a participación de 26 concellos en Baixo o ceo das Rías Baixas para promover as eclipses solares que se observarán na provincia
13/02/2026