#100MULLERESQUEOPINAN

AS MULLERES QUE OPINAN SON PERIGOSAS

Cen mulleres que opinan

Coas convidadas da edición de 2025 chegamos a cen mulleres que opinan que pasaron polo foro pontevedrés entre marzo de 2018 e marzo de 2025. Con tal motivo, estamos preparando un grande evento para festexalo que terá lugar os vindeiros 24 e 25 de outubro en dúas sedes emblemáticas do encontro: o Teatro Principal e o Edifico Castelao do Museo de Pontevedra.


O evento servirá para presentar unha peza audiovisual co público que asistiu ao foro como protagonista e unha publicación que recompila as opinións das cen mulleres. O arranque desta celebración será o espectáculo teatral Señoras y señoras, de María Guerra e Mariola Cubells, dúas das xornalistas que forman parte da familia #MulleresQueOpinan.

Publicación: Cen mulleres que opinan. Un diario de opinións perigosas

O libro é un diario que recolle cen opinións (ao xeito dos diarios de viaxe, de lecturas, de películas…) das cen mulleres que desde 2018 ata 2025 protagonizaron as oito edicións de As Mulleres que Opinan Son Perigosas e cen páxinas en branco, a continuación, para que cada persoa que teña este diario escriba as súas propias.

Audiovisual co público de Mulleres que Opinan

Trátase dunha pequena peza audiovisual que recolle o espírito de Mulleres que Opinan a través da opinión das outras protagonistas deste encontro: as mulleres do público que nos seguen desde hai anos.

Durante os dous días do foro de 2025 gravouse o que pasou entre o público e desde o público. Ademais, fíxose uso do photocall  da entrada do teatro para recoller a opinión de mulleres asistentes habituais. Queremos que tomen a palabra aquelas mulleres que con frecuencia collen o micrófono para opinar de xeito completamente espontáneo sobre un relatorio e que achegan, case sempre, unha pincelada da súa historia persoal.

O documental tamén recolle o impacto persoal que Mulleres que Opinan tivo na súa propia vida e autoestima, xa que sabemos que este evento é un catalizador de apoderamento feminino e de sororidade.

Esta peza audiovisual é unha homenaxe ao público fiel de Mulleres que Opinan, un público atento, respectuoso e con ganas de aprender, que é, sen dúbida, sinal de identidade do foro. O que queremos transmitir con esta peza curta e emotiva é que Mulleres que Opinan é moito máis que un foro de profesionais da comunicación. As Mulleres que Opinan son Perigosas converteuse, co paso dos anos, nun encontro de mulleres de todas as xeracións que falan e se escoitan no Teatro Principal de Pontevedra nunha especie de terapia colectiva que dignifica, máis que calquera outra cousa, o papel e o valor social do xornalismo e da comunicación con perspectiva feminista.

Programa:

  • Venres 24 de outubro, ás 20 h, no Teatro Principal
    • Espectáculo teatral Señoras y señoras, con María Guerra e Mariola Cubells
  • Sábado 25 de outubro, ás 12 h, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra
    • Presentación do libro e do documental Cen mulleres que opinan, coa participación de Olga Viza, Marta García Aller, María Varela e María Hermida, e conducida por Susana Pedreira e Diana López