A Deputación redistribúe as súas áreas de goberno para seguir sendo referencia do municipalismo, atención aos colectivos e sustentabilidade no turismo

Jesús Vázquez Almuíña, alcalde de Baiona, engade a xestión do servizo de Turismo ás súas responsabilidades de Recursos Humanos e Servizos Centrais do ente provincial

01/10/2025

A Deputación de Pontevedra inicia a segunda metade de mandato cunha redistribución das áreas de goberno motivada pola incorporación dos novos deputados Paula Bouzós e Pablo Castillo ao executivo provincial. Unha reestruturación planificada polo presidente Luis López co obxectivo de seguir sendo unha referencia para o municipalismo, a atención aos colectivos e un destino turístico sustentable e descentralizado.

Con esta misión, Jesús Vázquez Almuíña, alcalde dunha das máis recoñecidas vilas turísticas da provincia como é Baiona, asume a xestión do servizo de Turismo da Deputación ás súas funcións como responsable dos departamentos de Recursos Humanos e dos Servizos Centrais.

A recentemente incorporada ao goberno local Paula Bouzós, concelleira de Gondomar, asume as áreas de Igualdade e Benestar Social. Mentres que Pablo Castillo, alcalde de Covelo que tamén xurou o seu cargo de deputado no pleno celebrado o pasado martes 30 de setembro, será o encargado dos departamentos de Asistencia Intermunicipal, Príncipe Felipe, Prevención e Asesoría.

O presidente Luis López afirma que con este novo reparto de competencias e a incorporación dos dous novos deputados, o equipo de goberno provincial seguirá sendo unha garantía de profesionalidade, compromiso coa provincia e de tender pontes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.