A Deputación abre este mércores o prazo para participar nas Rutas das Maceiras en Flor da Estrada

A solicitude poderá formularse a partir das 10:00 horas a través da páxina web de Turismo Rías Baixas. Ofértanse 160 prazas gratuítas con saída e chegada desde a capela de San Roque en Pontevedra

13/05/2025

Encontro co presidente da Federación Galega de Fútbol

Deputación abre este mércores, 14 de maio, a partir das 10:00 horas o prazo para solicitar algunha das 160 prazas gratuítas ofertadas para gozar das Rutas das Maceiras en Flor da Estrada. En total haberá 40 prazas por cada unha das catro rutas que discorrerán o sábado 24 de maio polas plantacións de Pardemarín, Agar, San Miguel de Castro e Moreira e as sidrerías Rabiosa, Peroja, Camino e a Quinta das Maceiras, con saída e chegada desde a capela de San Roque de Pontevedra. A solicitude para participar no programa deberá formalizarse a través da páxina web de Turismo Rías Baixas.

Os percorridos, que terán lugar todos na mesma data, o 24 de maio, comezarán ás 10:00 horas coa saída das dúas primeiras rutas desde a capela de San Roque de Pontevedra: a Ruta Rabiosa, cara a plantación de Pardemarín e a Sidrería Rabiosa, e a Ruta Peroja, que se encamiñará á plantación de Agar e a Sidrería Peroja. A chegada á capela de San Roque será ás 14:45 horas.   

Pola súa banda, ás 16:00 horas, terán lugar as outras dúas saídas, tamén desde a capela pontevedresa: a Ruta Quinta das Maceiras, percorrerá a plantación de San Miguel de Castro e a Quinta das Maceiras, e a Ruta Camino, realizará unha visita á plantación de Moreira e á Sidrería Camino. Neste caso, a chegada á capela de San Roque prevese para as 20:45 horas.
 
As catro rutas inclúen unha cata degustación e ofertan 40 prazas gratuítas por percorrido, ata dar cabida a 160 persoas.  As persoas interesadas en participar na actividade poderán solicitar ata un máximo de catro prazas e deberán indicar o nome da ruta á que se queren apuntar, o nome e apelidos de cada unha das persoas que van asistir ao percorrido e facilitar os datos de contacto dunha das persoas (correo electrónico e número de teléfono). As prazas cubriranse por orde de inscrición e as persoas que teñan confirmada praza nun dos percorridos non poderán optar aos restantes.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.