A Deputación activa as axudas ao deporte de ámbito inferior ao estatal, dotadas este ano de 700.000 euros

Trátase dun incremento de 50.000 euros respecto á convocatoria do ano pasado, e os clubs terán un prazo de 20 días hábiles a partir deste xoves 30 de abril para solicitalas

29/04/2026

A Deputación de Pontevedra activa a nova convocatoria de axudas ao deporte de ámbito inferior ao estatal, que rexistran este ano unha suba de 50.000 euros respecto á convocatoria anterior chegando, así, aos 700.000 euros. As bases xa se poden consultar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, e os clubs terán un prazo de 20 días hábiles para solicitalas a partir deste xoves 30 de abril.

As axudas están divididas á súa vez en dúas liñas, unha primeira destinada a clubs deportivos cuxa actividade principal se desenvolva no ámbito inferior ao estatal tanto cun equipo como cun deportista, e que conta cun crédito de 640.000 euros fronte aos 600.000 € de 2025. Cada club pode recibir ata un máximo de 3.000 euros nesta modalidade. A segunda liña está reservada aos clubs que participan cun equipo na competición de fútbol Preferente Galicia, que terán á súa disposición 60.000 euros. Trátase dunha suba de 10.000 euros respecto a 2025, e nesta modalidade os clubs poden recibir ata 6.000 € (mil euros máis que o ano pasado). En 2025 beneficiáronse, respectivamente, un total de 553 e 11 clubs en cada unha delas.

Os clubs poderán empregar os recursos para financiar os gastos derivados da súa actividade, como federativos, de competición e adestramento, de adquisición de material deportivo ou sanitarios. Con estas axudas, a Deputación de Pontevedra reforza o seu obxectivo estratéxico de fomentar o deporte e apoiar o tecido deportivo da provincia, no marco da súa orientación e compromiso institucional coa provincia do deporte. Esta aposta pasa especialmente por fomentar o deporte de base e apoiar os clubs deportivos, que sosteñen unha parte fundamental da práctica físico-deportiva: un elemento de saúde, inclusión, participación e ocupación activa do tempo de lecer no conxunto da provincia.