A Deputación continúa esta fin de semana coa programación do Ciclo Mestre Mateo en Mondariz
A Casa Cultural de Meiradelos acollerá este venres 23 de outubro unha proxección do documental “Deuses de pedra”, e o domingo 25 será a quenda da película “Sirât” no Casino de Vilasobroso
21/10/2026
Mondariz acolle esta semana dúas novas citas co mellor audiovisual galego da man do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual para achegar as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Este venres 23 de outubro, ás 20:00 horas, os veciños e veciñas do concello poderán desfrutar do documental “Deuses de pedra” na Casa Cultural de Meiradelos e o domingo, á mesma hora, da película “Sirat” no Casino de Vilasobroso.
“Deuses de pedra” sigue a Mariana, unha nena de catro anos que descobre o mundo a través dos ensinos da súa mestra, nunha das últimas escolas rurais na fronteira entre Galicia e Portugal. Os contos infantís mestúranse coas lendas e historias que aínda habitan o lugar. Entre relato e relato Mariana crece e aos seus dezasete anos confróntase a unha importante decisión, partir da súa aldea, separarse da súa nai para ir estudar ao estranxeiro.
Pola súa banda, “Sirât” leva a un home e ao seu fillo a unha rave perdida en Marrocos, onde buscan a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas sen amencer. Alí reparten a súa foto unha e outra vez, arrodeados de música electrónica e dun tipo de liberdade que descoñecen. Coñecen un grupo de raveiros e deciden seguilos a unha última festa que se celebrará no deserto, onde agardan atopar a moza desaparecida.
A programación da nova edición do Ciclo Mestre Mateo desenvólvese este ano no Campo Lameiro, A Estrada e Oia. No marco deste ciclo cada concello pode acoller oito proxeccións de cintas que resultaron finalistas nos Premios Mestre Mateo deste ano, con catro títulos de ficción (“Antes de nós”, de Ángeles Huerta, “As liñas descontinuas”, de Anxos Fazáns, “San Simón”, de Miguel Ángel Delgado, e “Sirāt”, de Oliver Laxe) e outros catro documentais (“360 curvas”, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández, “Ao son da nova regueifa”, de Manolo Maseda e Saúl Rivas, “Deuses de pedra”, de Iván Castiñeiras Gallego, e “O silencio herdado”, de Lucía Dapena González).
No Campo Lameiro as proxeccións terán lugar no Centro Cultural Sobrino Buhigas, na Estrada nos Cines da Estrada e en Oia no Centro Cultural de Pedornes. En Mondariz as proxeccións rotarán por diferentes localidades e espazos culturais da vila como a Casa Cultural de Frades e a de Queimadelos, o Casino de Vilasobroso, a Escola de Redo en Vilar, o Teleclube de Riofrío e a Escola de Lougares.