A Deputación de Pontevedra apoia ao Celta Integra e impulsa unha nova escola de fútbol no Centro Príncipe Felipe mediante a firma dun convenio coa Fundación Celta

O acordo reforza o proxecto de deporte inclusivo do club vigués garantindo a participación do equipo en competicións como a Liga Genuine e a liga galega de fútbol adaptado

09/03/2026

A Deputación de Pontevedra apoia ao Celta Integra e impulsa unha nova escola de fútbol no Centro Príncipe Felipe mediante a firma dun convenio coa Fundación Celta

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e a presidenta da Fundación Celta de Vigo, Marián Mouriño, asinaron este luns un convenio de colaboración para desenvolver diferentes proxectos sociais vinculados ao deporte durante o ano 2026.

A través dunha achega provincial de 89.000 euros, o acordo ten como finalidade utilizar o deporte como ferramenta de inclusión, formación e desenvolvemento persoal, facilitando o acceso á práctica deportiva e promovendo valores como a igualdade e o compañeirismo.

Un dos eixos principais do convenio atópase no apoio ao Celta Integra, o proxecto de deporte inclusivo do club que promove a práctica deportiva para persoas con diversidade funcional. Grazas a esta colaboración, o equipo poderá continuar participando en competicións como a Liga Genuine ou a liga galega de fútbol adaptado. “Queremos romper barreiras, visibilizar capacidades e demostrar que o fútbol é de todos”, sinalou Luisa Sánchez tras a firma do acordo.

Outro dos propósitos destacados é a posta en marcha dunha escola de fútbol no Centro Príncipe Felipe de Pontevedra, unha iniciativa que busca fomentar a práctica deportiva e a educación en valores entre a mocidade, reforzando “o papel do deporte como ferramenta educativa e de integración para a xuventude”, en palabras da vicepresidenta provincial.

O convenio tamén contempla unha colaboración co campus de verán do RC Celta, iniciativas de voluntariado, programas de formación e crecemento persoal, cursos de primeiros auxilios, xornadas de concienciación medioambiental, sesións orientadas á inclusión laboral ou accións solidarias en distintos ámbitos.

Luisa Sánchez destacou que “desde a Deputación cremos firmemente no deporte como unha ferramenta para xerar oportunidades, fomentar a inclusión e mellorar a vida das persoas”. A vicepresidenta tamén puxo en valor o traballo da Fundación Celta de Vigo no ámbito social e o seu compromiso co desenvolvemento de proxectos “que demostran que o fútbol pode ser moito máis que noventa minutos sobre o céspede”.

Pola súa banda, Marián Mouriño amosou a súa “satisfacción” pola rúbrica do convenio e agradeceu á Deputación de Pontevedra o apoio ao Celta Integra, que esta pasada fin de semana acadou o liderado do seu grupo na Liga Genuine. Amais, a presidenta celeste cualificou de “ilusionante” a posta en marcha da escola de fútbol no Centro Príncipe Felipe.

Galerias de imaxes

audios