Luisa Sánchez traslada ao Concello de Vigo a súa “absoluta disposición” a avanzar no convenio de investimentos relativo a 2025

A vicepresidenta provincial insta á execución de proxectos “que son un verdadeiro clamor social”, entre os que se atopan a reconstrución da piscina de Teis, a mellora integral do pavillón de Carballal ou a cuberta das instalacións do Club de Remo da Guía

08/04/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, acaba de trasladar ao goberno local de Vigo a súa "absoluta disposición" a avanzar no convenio de investimentos relativo a 2025, dentro dos acordos que anualmente subscriben a institución provincial e o Concello olívico.

Luisa Sánchez remitiu este martes unha carta ao rexedor local, Abel Caballero, en resposta á misiva que o alcalde enviou á Deputación días atrás. Nesa comunicación, a vicepresidenta garantiu a súa "colaboración leal" para "continuar traballando polos intereses de todos os vigueses e as viguesas".

Do mesmo xeito, a responsable provincial con competencias en Vigo subliñou "o feito incuestionable" de que a cidade "require" un tratamento acorde ás súas "singularidades". Así se puido comprobar no último ano e medio, cun investimento "sen precedentes" de 30 millóns de euros. Unha cifra que inclúe a reforma da bancada de Gol do estadio de Balaídos, o rescate dos 6,2 millóns de euros que estaban a piques de caducar por falta de execución e os novos proxectos acordados entre ambas administracións.

"Este importe supera con moito os 5 millóns anuais achegados regularmente e a subida da inflación que, por outra banda, nunca se demandou durante os oito anos de goberno da corporación provincial anterior", sinalou Luisa Sánchez.

A vicepresidenta recordou que, completado o primeiro trimestre do ano, o goberno local aínda non presentou ningunha proposta para incluír no convenio correspondente a 2025. Pola contra, a Deputación vén de trasladar ao Concello proxectos "que son un verdadeiro clamor social". Entre eles, a reconstrución da piscina de Teis, a mellora integral do pavillón de Carballal ou as instalacións do Club de Remo da Guía, que "requiren unha intervención urxente e inaprazable".

Por último, a responsable provincial para Vigo informou ao alcalde dos "diferentes apercibimentos" recibidos por parte dos técnicos da Deputación a raíz dos fondos provinciais "ocultados ou obviados publicamente" en "numerosas" comparecencias do rexedor local. "Poderían dificultarnos a xustificación do cumprimento dos convenios asinados ata a data", advertiu Luisa Sánchez na súa carta.

audios