A Deputación organiza nos próximos días catro saídas ao abeiro do plan +Convivencia das que se beneficiarán entidades de catro concellos da provincia

Serán preto de 200 as persoas que poderán desfrutar de visitas aos montes de Coruxo, O Grove, a ría de Vigo ou as Ilas Ons

15/05/2025

A Deputación de Pontevedra continúa co desenvolvemento do programa +Convivencia, con catro novas saídas das que desfrutarán un total de 198 persoas de entidades da Estrada, Pontevedra, Redondela e Vigo. En concreto, este sábado 17 de maio un grupo de 70 persoas da ANPA Castelao, de Vigo, farán un roteiro polos montes de Coruxo, mentres que 35 persoas da APA do Colexio Público de Cedeira, de Redondela, desfrutarán dunha ruta costeira en catamarán no Grove e un total de 60 persoas da Asociación de Pais de Alumnos Alecrín CEIP do Foxo, da Estrada, farán unha visita guiada ás Illas Ons. Ademais, 33 usuarios e usuarias da Asociación de Discapacitados Intelectuales Virgen de la O, de Pontevedra, desfrutarán o vindeiro mércores 20 de maio dun paseo en barco pola ría de Vigo, onde coñecerán a Illa de San Simón e o Museo de Rande.

O programa +Convivencia, cun orzamento neste 2025 de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), permite a entidades sen fins de lucro coñecer o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPAS da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poida xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas. Ao longo de 2025 poderán participar no programa ata 229 entidades.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.