A Deputación reúne máis de medio millar de persoas na xornada do programa +Convivir celebrada en Ponteareas para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida sociocultural da vila
O deputado provincial Javier Tourís participou nas actividades que tiveron lugar no Complexo Deportivo Álvaro Pino
24/10/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de organizar unha xornada de convivencia e homenaxe ao movemento veciñal de Ponteareas no marco do programa +Convivir deste 2026. O deputado provincial Javier Tourís participou nas actividades que tiveron lugar no Complexo Deportivo Álvaro Pino da localidade e nas que se deron cita máis de medio millar de persoas.
Javier Tourís lembrou que esta xornada forma parte da terceira edición do programa, que está a percorrer a xeografía provincial “para poñer en valor a importancia de xuntarnos, de tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. O deputado provincial definiu +Convivir como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” coa que agradecer “o voso compromiso e a vosa implicación para dinamizar a vida social e cultural de Ponteareas”, e que vai na liña de axudas como Provincia Comunitaria, +Aqua ou +Novaqua.
Durante esta xornada lúdica no Complexo Deportivo Álvaro Pino de Ponteareas, tamén houbo lugar para a aprendizaxe. Neste eido, desenvolveuse unha charla sobre alzhéimer a cargo de AFAGA, outro de risoterapia da man de Mónica Novas e unha actividade de baile. Completouse a sesión do programa da Deputación de Pontevedra +Convivir con música a cargo dun DJ e cun refrixerio para as persoas asistentes.
A terceira edición de +Convivir arrancou en setembro en Cangas de Morrazo e tralo seu paso por Poio, As Neves, Marín, Agolada e Ponteareas continuará neste 2026 na Estrada, Meaño, Vilaboa, Salvaterra de Miño e Valga. Nas dúas anteriores edicións desta iniciativa da Deputación participaron un total de máis de 10.000 persoas.