A Deputación convoca a segunda edición do Premio Castelao de Textos Teatrais dotado de 12.000 €
O prazo para presentar propostas comeza este luns e permanecerá aberto ata o 15 de setembro
29/03/2026
A Deputación de Pontevedra convoca a segunda edición do Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación, unha iniciativa que se puxo en marcha por primeira vez en 2025 co gallo da conmemoración do 75 aniversario do falecemento do escritor e dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Ao igual que o pasado ano estará dotado dun único premio de 12.000 euros, que tamén inclúe a adquisición dos dereitos de explotación da primeira edición da obra ata un máximo de 800 exemplares. Trala publicación das bases no BOPPO, este luns 30 de marzo abre o prazo de presentación de orixinais, que rematará o 15 de setembro.
O II Premio Castelao de Textos Teatrais da Deputación de Pontevedra busca fomentar, apoiar e mellorar a calidade e a creatividade das escritoras e escritores, ademais de promover o talento e o potencial literario da provincia especificamente en lingua galega. O premio tamén busca incentivar e lembrar a creación dramática en lingua galega e figura do dramaturgo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e incidir de forma directa na participación e na promoción da lingua galega.
Poden presentarse a este galardón aquelas persoas maiores de idade que presenten obras de teatro escritas en lingua galega de acordo coa normativa da Real Academia Galega, cunha extensión máxima de 200.000 caracteres (espazos incluídos). As obras non poden ter recibido ningún premio noutros certames, nin tampouco ter sido xa levadas á escena. As propostas serán totalmente anónimas, baixo o sistema de plica, e non poderá presentarse a persoa que resultou gañadora na anterior edición do certame (José Luis Baños de Cos, con “Khora”).
A obra gañadora será publicada e seleccionada por un xurado integrado polo presidente da Deputación, o secretario da Deputación e cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito teatral e literario galego. O fallo do xurado volverase realizar o 29 de xaneiro, data do aniversario de nacemento de Castelao.