A Deputación abre o prazo de presentación de ofertas para optar ás obras de mellora da estrada de Ousensa e da estrada de Baión, en Vilanova de Arousa, cun orzamento de preto de 1,3M€

As empresas poderán presentar ofertas para optar á execución desta obra ata o 25 de febreiro

09/02/2026

A Deputación acaba de sacar a licitación as obras de mellora da estrada de Ousensa e da estrada de Baión, en Vilanova de Arousa, cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros. As empresas interesadas poderán presentar ofertas para optar á execución desta actuación ata o 25 de febreiro.

A través destas obras vaise mellorar a seguridade viaria nun treito de máis de 2,5 quilómetros da estrada provincial EP-9703 Vilanova de Arousa-Pontearnelas, coñecida como estrada de Ousensa, entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+530, e, no caso da estrada de Baión, a EP-9701 Baión-András, noutros 400 metros, entre os puntos quilométricos 8+800 e 9+218. En ámbalas dúas vías reporase o firme existente mediante fresado e a posterior extensión dunha capa de mestura bituminosa en quente.

Ademais, a actuación nestas dúas estradas provinciais ao seu paso polo Concello de Vilanova de Arousa contempla a mellora da drenaxe superficial mediante a execución de cunetas transitables de formigón en distintos tramos e dunha nova rede de pluviais para evacuar as choivas. Finalmente, a mellora destas vías inclúe a renovación da sinalización horizontal e vertical para salvagardar a prestación do servizo público e a seguridade.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.