A Deputación expón no Pazo provincial o talento emerxente da provincia en banda deseñada

O deputado de Xuventude e Reto Demográfico, Jorge Cubela, inaugurou a mostra composta por todos os traballos recoñecidos na categoría de banda deseñada nos Premios Provinciais á Xuventude entre os anos 2021 e 2024

09/10/2025

Jorge Cubela, inaugurou este xoves no Pazo provincial unha exposición de banda deseñada

O deputado de Xuventude e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, inaugurou este xoves no Pazo provincial unha exposición de banda deseñada que recolle todos os traballos gañadores nesta categoría dos Premios Provinciais á Xuventude entre os anos 2021 e 2024. A mostra, composta por 11 traballos de nove mozas e mozos da provincia, pódese visitar en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas de luns a venres na entrada do Pazo provincial ata o 31 de outubro.

Jorge Cubela sinalou que a exposición “celebra o talento xuvenil da nosa provincia” ao expoñer os traballos que acadaron recoñecemento “na categoría que máis medrou este ano se temos en conta o número de traballos que se presentaron na convocatoria anterior”. Deste xeito, tal como expuxo o deputado, “cun 100% máis de traballos presentados respecto ao ano pasado, temos que sentirnos orgullosos do cada vez maior impacto e asentamento que teñen estes premios no territorio”. As bandas deseñadas expostas versan sobre a soidade, a superación persoal, a memoria dos maiores ou a igualdade, ademais de narrar historias de terror e incluír xogos narrativos con diversas liñas temporais que se poden ler de forma simultánea ou illada.

O deputado de Xuventude e Reto Demográfico tamén asegurou que “estas once historias de nove artistas con maiúsculas amosan a enorme creatividade que temos entre a nosa mocidade”, e cualificou a exposición como “unha das máis singulares e especiais de todas as que levamos organizado neste espazo, porque reflexan o traballo destas persoas que, coa súa creatividade, están tratando de facerse un camiño”. O deputado aplaudiu o seu traballo e asegurou que os nove artistas son “un exemplo de talento e de emprendemento artístico”.

A exposición de banda deseñada está composta polos seguintes traballos: “Sós” e “E Marcos puxo o seu suadoiro vermello”, de Ánxel Carramal Fernández, “Un día ajetreado” e “¿Cómo he llegado hasta aquí?”, de Sabela Domínguez Costa, “Onde estás?”, de Lucía Rodríguez Cid, “Pereza”, de Icíar Paz Alonso, “O mergulllo dunha vida”, de Manuel Alejandro Vázquez Búa, “¡Ey! Que hoy vamos a montar a caballo”, de Andrés Chinchilla Argibay, “Vivir para volver”, de Denis Carballas Riveiro, “Liberación”, de Eva Pena Fandiño, e “A miña veciña”, de Enrique Rabadán Torres, elaboradas con técnicas como lapis queimado, acuarela e técnicas dixitais. A mostra dá continuidade á exposición de fotografía organizada o pasado ano no marco do encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, recollendo todos os traballos premiados nesa categoría ata o momento.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.