A Deputación aproba recursos por valor de preto de 66.000 euros para que o Concello de Sanxenxo acometa melloras nos campos de fútbol de Noalla, Vilalonga e Portonovo
Estes recursos forman parte do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que dirixe a Sanxenxo preto de 188.000 euros para a mellora das súas dotacións deportivas
21/04/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar recursos por valor de preto de 66.000 euros para que o Concello de Sanxenxo acometa melloras nos campos de fútbol de Noalla, Vilalonga e Portonovo. A concesión enmárcase no terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
Por unha banda, con preto de 37.500 €, repararase a grada do campo de fútbol de Noalla que presenta danos estruturais, de estanquidade e deterioro dos asentos. Cos recursos provinciais vanse reparar as gradas, retirando e selando as xuntas de dilatación, picando e limpando as gradas e reparando os seus cantos e frontes, e instalaranse novas varandas e asentos.
Pola súa banda, con preto de 28.500 € acometeranse obras nos vestiarios dos campos de fútbol de Noalla, Vilalonga (Revel) e Portonovo (Baltar). En liñas xerais, a actuación nestes tres campos consiste no revestimento dos paramentos interiores verticais dos vestiarios con azulexo e na aplicación de pintura plástica.
Sanxenxo recibe do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) preto de 188.000 euros para a mellora dos seus equipamentos. Deste xeito, coas achegas da Deputación, o concello vai impulsar, ademais destas actuacións, a instalación de gradas no pavillón de Nantes e o acondicionamento e ampliación da pérgola para cubrir as gradas no campo de Baltar.