Rafa Domínguez agarda que o Concello de Pontevedra cumpra a súa palabra e conceda de inmediato a licenza para iniciar as escavacións arqueolóxicas en Santa Clara

Tras solicitar a licencia e trasladar ao Concello o informe técnico de Patrimonio recibido o 15 de abril, o vicepresidente provincial agarda “que Lores cumpra a súa palabra e que Santa Clara sexa realmente unha prioridade para o Concello”

28/04/2026

Rafa Domínguez agarda que o Concello de Pontevedra cumpra a súa palabra e conceda de inmediato e coa máxima celeridade a licenza necesaria para iniciar as escavacións arqueolóxicas no recinto de Santa Clara. Tras solicitar xa a licencia e trasladar ao Concello o informe técnico de Patrimonio que foi recibido o 15 de abril, o vicepresidente provincial agarda “que Lores cumpra a súa palabra e que Santa Clara sexa realmente unha prioridade para o Concello”.

Domínguez explicou que no informe de Patrimonio, recibido o 15 de abril, acláranse distintos aspectos relativos á intervención arqueolóxica e ao proxecto de rehabilitación do conxunto conventual. O documento, que foi remitido o 20 de abril ao Concello de Pontevedra sen que ata o momento se teña recibido resposta, deixa claro que as actuacións previstas —incluíndo cuestións relativas ao arboredo, ao antigo cemiterio e a elementos como o pozo— están comprendidas dentro da autorización xa concedida, polo que non existe impedimento técnico para avanzar na tramitación.

Neste eido, o vicepresidente provincial puxo en valor que “fronte a quen durante meses puxo en dúbida o ritmo deste proxecto, a Deputación de Pontevedra está a cumprir, respondeu con dilixencia a todos os requirimentos técnicos formulados”. Ao respecto, Domínguez incidiu en que “nestes momentos, o inicio das escavacións arqueolóxicas en Santa Clara depende exclusivamente da decisión do Concello. O seguinte paso correspóndelle ao goberno local e agardo que actúe coa responsabilidade e axilidade que require un proxecto estratéxico como este para o futuro de Pontevedra”.

audios