Luis López asina co alcalde do Grove, Jose Cacabelos, unha achega de 900.000€ para contribuír á humanización da rúa Luis A. Mestre

O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que a Deputación, financia a través dos recursos do Plan Extra o 35% dunha actuación valorada en 2,6M€ que transformará unha travesía que atravesa o núcleo urbano da vila

05/11/2026

Luis López asina co alcalde do Grove, Jose Cacabelos, unha achega de 900.000€ para contribuír á humanización da rúa Luis A. Mestre

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde do Grove, José Cacabelos, o convenio para a humanización e posta en valor da rúa Luis A. Mestre, no treito comprendido entre a rúa Borreiros e a rúa da Praza. Trátase dun proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Cacabelos selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 900.000 euros, a contía máxima que lle corresponde a O Grove polo Plan Extra, para financiar o 35 % dun orzamento que ascende ata os 2,6M€ e que conta tamén coa colaboración da Xunta de Galicia. Trátase dunha intervención estratéxica que transformará o centro urbano da vila mellorando tanto a imaxe, como a mobilidade e os servizos desta rúa.

O proxecto ten por obxecto a transformación dunha estrada convencional que atravesa o núcleo urbano de O Grove nunha rúa urbana humanizada, mediante a creación dunha plataforma única de uso compartido que priorice o peón, mellore a accesibilidade universal, ordene o espazo público e cree unha contorna de calidade. A proposta de humanización baséase na creación dunha plataforma única eliminando os desniveis entre calzada e beirarrúas, creando un pavimento continuo que favoreza a accesibilidade. Neste viario os peóns terán prioridade a través da creación de amplas zonas de tránsito peonil con anchos mínimos de 1,80m e o calmado do tráfico coa redución dos carrís de circulación, implantación de zonas de prioridade peonil nos cruces, redución das velocidades e a mellora da seguridade viaria. Por outro lado, crearase unha franxa de servizos múltiples na marxe dereita (entrando no Grove) que integra contedores de recollida de residuos, prazas de aparcamento ordenadas, zonas verdes con arborado, e zonas de remanso con mobiliario urbano.

A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello do Grove, onde tamén están en marcha outros proxectos centrados na mellora dos espazos públicos, así como de infraestruturas viarias ou equipamentos sociais e deportivos que redundan nunha mellora da calidade de vida da veciñanza.

Galerias de imaxes