Luis López asina co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o convenio para a segunda fase do Paseo da Corredoira cunha achega de 550.000€ da Deputación
O presidente provincial recibe o rexedor no Pazo Provincial para selar un acordo co que o ente provincial financia o 75% dunha obra valorada en 736.000 euros para completar a mellora urbana deste paseo, desde a Praza da Inmaculada ata a Avenida da Concordia
15/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o convenio para a execución da segunda fase do proxecto de construción do Paseo da Corredoira na súa zona norte. Un proxecto enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Cabaleiro, selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega máis de 550.000 euros que servirán para financiar o 75 % dunha obra valorada nun total de 736.400 euros, un orzamento que completa o Concello cunha achega de 184.000 euros. Unha nova colaboración entre o Concello e a Deputación que servirá para completar a transformación do espazo público para uso peonil na contorna do Paseo da Corredoira.
O proxecto consiste na adecuación do Paseo da Corredoira e a súa contorna para mellorar a mobilidade peonil. A redacción deste proxecto dividiuse en dúas fases, incluíndo nesta segunda o tramo norte do Paseo da Corredoira, desde a Praza da Inmaculada ata a avenida da Concordia e a rúa Camilo José Cela ata alcanzar a Glorieta de Vigo. Na marxe oeste da Corredoira levántanse os pavimentos asfálticos e a beirarrúa para substituílos por granito en plataforma única xunto coa plantación dunha ringleira de árbores. A actuación permitirá un paso para vehículos autorizados dun ancho de 3,50 metros. No lado este do Paseo neste tramo, intervense puntualmente para renovar o mobiliario urbano e imaxe da vía. Para garantir a accesibilidade á Glorieta de Vigo implantaranse ramplas desde o paseo e desde a beirarrúa lindeira. No último tramo da Corredoira norte, unha vez pasada a Glorieta de Vigo, a solución escollida tamén se corresponde cunha plataforma única en granito e unha zona axardinada ao carón do baluarte a Santo Francisco. Na rúa Camilo José Cela tamén se sobe a cota actual da calzada ata o nivel da beirarrúa existente con pavimentos de granito axustando a posición das luminarias e dos sumidoiros de pluviais e soterrando as liñas de subministro.
A sinatura deste acordo abre unha nova liña de cooperación entre a Deputación e o Concello de Tui, onde xa están en marcha outros proxectos, xa rematados ou en fase de execución, chamados a mellorar os espazo público e a calidade de vida da veciñanza.
