Luis López sinala “A Viaxe de Gotiña” como o exemplo de que a aposta da Deputación pola xestión sustentable da auga tamén comeza desde as idades máis temperás

O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, presenta o concurso dirixido a estudantes de Educación Infantil e Primaria no colexio Xesús Golmar de Lalín

02/02/2026

Luis López concurso escolar viaxe Lalin

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este luns no CEIP Xesús Golmar de Lalín o certame “A Viaxe de Gotiña”, co que o organismo provincial busca concienciar á comunidade educativa e ás xeracións máis novas da provincia sobre a importancia dun consumo de auga responsable e sustentable. Acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís; o mandatario provincial convidou á rapazada a sumarse a este concurso destinada a centros educativos de Educación Infantil e Primaria de toda a provincia. “Animamos aos alumnos e alumnas, aos profesores, á dirección e a toda a comunidade educativa a participar neste certame. Que todos esteamos concienciados da importancia de facer un uso responsable e eficiente da auga é un dos pasos que debemos dar para evitar problemas de abastecemento e garantir a sustentabilidade da nosa provincia”, sinalou o presidente Luis López, quen respondeu a preguntas do alumnado sobre a pegada da Deputación tanto na comarca do Deza como no conxunto da provincia.

“A viaxe de gotiña” é un concurso escolar impulsado pola Deputación a través do Servizo de Acción Comunitaria dirixido a centros educativos da provincia de Educación Infantil e Primaria co que se busca concienciar á cidadanía sobre a xestión da auga. Neste caso, os escolares poderán participar nun certame dividido en dúas categorías. Por un lado, proponse ao alumnado de Educación Infantil a elaboración dun mural que recolla o desenvolvemento do ciclo da auga. E, por outro, para os estudantes de Educación Primaria están deseñadas dúas opcións: a creación dunha obra de banda deseñada ou a creación dunha maqueta. Ambas as dúas centradas no ciclo da auga. En cada unha das categorías repartiranse tres premios aos tres mellores traballos que consistirán, no caso de Educación Infantil, nunha tablet de última xeración ao mellor traballo, un lote de xogos educativos ao segundo e un lote de material escolar para o terceiro; e no caso de Educación Primaria, cada unha das dúas modalidades recoñeceranse cun un bono de 25 visitas ás Illas Cíes para os gañadores, unha tablet para os segundos clasificados e un lote de material escolar para os terceiros.

Con esta iniciativa, o goberno provincial busca chegar a todos os estamentos da sociedade no seu proxecto de mellora dos sistemas de obtención, abastecemento, consumo e saneamento da auga. Despois de aprobar a terceira convocatoria do Plan +Aqua, que está a mobilizar máis de 4,6M€ nestes tres anos de mandato entre as comunidades de augas da provincia, a Deputación lanza agora un concurso escolar que dará a coñecer entre a mocidade da provincia os retos sobre o consumo dun ben escaso como a auga e, ao mesmo tempo, ofrécelles a oportunidade de achegar o seu punto de vista sobre a sustentabilidade. “A auga, que nesta provincia temos a sorte de tela en abundancia, é un ben escaso. Hai sitios onde teñen moi difícil o seu acceso, mesmo na nosa provincia sufrimos en máis dunha ocasión episodios de seca, por iso é moi importante que todos saibamos que a Auga é un ben escaso, que non hai que malgastar”, concluíu o presidente.

Galerias de imaxes