Luis López informa dos 800.000€ investidos pola Deputación en Cambados para que o Pazo Torrado e os seus xardíns volvan ser referencia en cultura e patrimonio

O presidente provincial visita o espazo rehabilitado con recursos da administración provincial ao abeiro dos programas de cooperación cos concellos Plan Extra e +Provincia

04/11/2026

Luis López informa dos 800.000€ investidos pola Deputación en Cambados para que o Pazo Torrado e os seus xardíns volvan ser referencia en cultura e patrimonio

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este mércores en Cambados no acto institucional de apertura de portas do Pazo Torrado e dos seus xardíns logo do remate das obras de reforma e posta en valor impulsadas polo organismo provincial cun investimento de case 800.000€, financiados con recursos do Plan Extra e o +Provincia. “Visitamos hoxe un renovado Pazo de Torrado e dos seus xardíns. Para acadar este resultado, foi necesario moito traballo previo de todas as partes implicadas. Por un lado, do Concello pola capacidade para redactar, desenvolver e executar unha obra destas características. E, por outro lado, da Deputación ao achegar o financiamento necesario para executar os traballos. Un proxecto estratéxico que pon a disposición da veciñanza e dos visitantes desta capital do viño Rías Baixas un espazo museístico completamente renovado ”, declarou o dirixente provincial nun acto no que estivo acompañado polo alcalde Samuel Lago e membros da corporación municipal.

O obxecto desta intervención foi o de realizar as obras necesarias para rehabilitar todas as edificacións, xardíns, anexos e peches da finca coa finalidade de potenciar a cultura, o patrimonio e ofrecer á veciñanza un novo espazo de encontro de calidade e alto valor ambiental. Deste xeito, no interior do pazo levouse a cabo unha renovación completa do espazo museístico con novos elementos de carpintería exterior e tarimas panelados, iluminación, instalacións de proxección de imaxe e son, mellora da envolvente térmica e da cuberta e revisión da estrutura. Nos xardíns, actuouse sobre o sistema de iluminación, conservación dos elementos singulares como o hórreo, o pombal, os alpendres e os anexos; revitalizáronse as especies vexetais e, por outro lado, levouse a cabo a renovación dos aseos do parque, e a substitución parcial do muro perimetral de peche. “Un traballo conxunto impecable, que transforma unha das xoias arquitectónicas da vila e que incrementa o valor patrimonial, cultural, social e turístico non só de Cambados, senón de toda a provincia”, valorou López.

Neste sentido, o mandatario provincial salientou o espírito colaborador da Deputación con todos os concellos da provincia, un compromiso que permite facer realidade proxectos transformadores coma o executado no Pazo Torrado. “Grazas á colaboración entre dúas administracións, melloramos o patrimonio, os servizos e a calidade de vida da veciñanza. Este é un exemplo, como tamén podería ser o Orzamento provincial que presentamos a semana pasada e que volverá destinar un de cada tres euros dos recursos da Deputación á cooperación cos concellos”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.