Luis López enxalza a achega do Porriño e a súa Festa dos Callos ao impulso dun modelo de turismo sustentable, ligado á gastronomía e aberto os 365 días do ano

O presidente provincial, acompañado polo alcalde e deputado Alejandro Lorenzo, recoñece a riqueza culinaria, a profesionalidade do sector hostaleiro e o compromiso das institucións para facer desta cita unha referencia no calendario de festas gastronómicas

29/09/2026

Luis López enxalza a achega do Porriño e a súa Festa dos Callos ao impulso dun modelo de turismo sustentable, ligado á gastronomía e aberto os 365 días do ano

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza a achega de concellos como o do Porriño e a súa emblemática Festa dos Callos ao impulso dun modelo de turismo sustentable, que ten na gastronomía un dos seus grandes atractivos e que ofrece experiencias de calidade ao visitante os 365 días do ano e nos 61 concellos que conforman o destino Rías Baixas. Acompañado polo alcalde e deputado provincial, Alejandro Lorenzo, o presidente participou este martes na praza Antonio Palacios na presentación de vixésimo terceira edición dunha cita gastronómica que atrae cada ano a milleiros de visitantes de dentro e fóra das fronteiras da provincia.

“Un dos máis poderosos argumentos que ten O Porriño é a súa Festa dos Callos: Unha das mellores receitas da nosa cociña tradicional, unha cita de longa traxectoria e unha festa que se celebra nunha vila, non hai máis que ver o nome que leva esta praza, que é emblema de modernidade”, recoñeceu o dirixente provincial sobre un evento que se celebra o vindeiro 4 de outubro e conta coa participación de 30 establecementos hostaleiros do municipio. “A 23 edicións só se chegan se detrás hai unha veciñanza comprometida, unha organización atenta, unha hostalaría implicada e un apoio institucional firme”, remarcou López, quen tamén puxo en valor o labor do alcalde para dinamizar tanto a actividade económica como a vida social do municipio.

Por outro lado, a celebración deste tipo de festa contribúen a impulsar o modelo de turismo que o goberno provincial está a promover no conxunto das Rías Baixas. “Dar a coñecer a riqueza dos 61 concellos da provincia é unha das metas que temos na Deputación. A través das nosas campañas de turismo —vimos de recibir un novo galardón en Cannes— poñemos o foco na gastronomía, na cultura e nunha contorna natural como atractivos dos que desfrutar en calquera época do ano”, sostén o presidente, quen amosa a súa satisfacción porque a provincia reforza a súa posición de liderado no turismo en Galicia. “As Rías Baixas son o destino turístico favorito dos visitantes que escollen Galicia para desfrutar das súas vacacións e cada ano son máis e procedentes de países de todo o mundo”, subliñou, antes de reafirmar o compromiso da Deputación no apoio aos concello e na construción dun destino turístico sustentable e descentralizado e convidar a todo o mundo a desfrutar a vindeira fin de semana desta Festa dos Callos.

Galerias de imagenes