Luis López celebra que as axudas da Deputación para a mocidade se infiltren por toda provincia: 27 colectivos, 17 concellos e un financiamento de máis de 115.000 euros
O mandatario provincial, acompañado polo vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Xuventude, Jorge Cubela; salienta o aumento dos proxectos beneficiarios desta iniciativa estreada no 2024 e que repartiu axudas desde os 300 a 5.000 euros
06/10/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, celebra que o plan de axudas deseñado polo organismo provincial para que a mocidade poida levar á práctica os seus proxectos sirva para fomentar o benestar, a cultura, a ciencia, o deporte, a participación cidadá, a sustentabilidade ou afrontar o reto demográfico por todo o territorio da provincia. Nun acto celebrado no salón de plenos do Pazo provincial onde se presentaron os 27 proxectos beneficiarios desta terceira convocatoria do Plan +Xuventude, o mandatario provincial puxo en valor o incremento das propostas atendidas, seis máis que o ano pasado, que recibiron axudas comprendidas entre os 300 e 5.000 euros cun financiamento de 115.000 euros de fondos provinciais.
“Nesta terceira convocatoria do programa de axudas +Xuventude, volvemos cubrir a maior parte do territorio da provincia cun reparto que chega a colectivos de 17 concellos de todas as comarcas; repartimos máis de 115.000 euros entre 27 colectivos xuvenís, que reciben entre 300 e 5.000 euros para impulsar as súas iniciativas e facemos posible impulsar proxectos chamados a mellorar a nosa saúde e benestar, innovar na cultura ou a ciencia, fomentar a participación da mocidade na vida social, facer fronte ao reto demográfico e garantir a sustentabilidade do noso territorio”, declarou o presidente Luis López para pechar un acto do que tamén tomaron parte o vicepresidente Rafa Domínguez e o deputado de Cultura, Jorge Cubela, encargado de darlle a benvida ao Pazo provincial aos responsables dos proxectos beneficiarios.
O acto de presentación dos proxectos beneficiarios desta terceira convocatoria do programa +Xuventude tivo lugar esta tarde de martes no salón de plenos do Pazo provincial, onde se deron cita as persoas que están detrás destas 27 propostas atendidas. No papel de representante de todos os beneficiarios ,Javier Domínguez —responsable da iniciativa “O torneo do ano”, un proxecto dirixido a fomentar a actividade física, a implicación da mocidade na vida social e a promoción do territorio— puxo en valor a importancia deste tipo de programas para facer realidade os proxectos da mocidade. Un encontro que contou tamén coa proxección dun vídeo para resumir todos os proxectos subvencionados a través deste programa impulsado polo goberno provincial.
“Ademais do calado das propostas, é a elevada concorrencia rexistrada edición tras edición o que nos di que esta idea que un día me presentou o deputado de xuventude e cultura Jorge Cubela foi un verdadeiro acerto. Eu non vos vexo como beneficiarios das axudas da Deputación á mocidade. Máis ben, penso que é ao contrario. É a provincia a que se beneficia do talento, ideas e iniciativas que ten a mocidade”, concluíu o presidente Luis López para reafirmar a aposta estratéxica que a Deputación está a realizar coa mocidade, tanto a través deste programa de axudas como outras iniciativas dirixidas a premiar o talento das mozas e mozos da provincia, a dotar de recursos aos colectivos para que conten con espazos e equipamentos axeitados ou a programas culturais, deportivos ou de benestar que convidan ás novas xeracións a implicarse na vida social da provincia.
| BENEFICIARIO | PROXECTO | CONCELLO |
IMPORTE |
|---|---|---|---|
| Asociación Para o Desenvolvemento Familiar Medrar 2.0 Adefam 2.0 | Sabor de horta | Barro | 2.932,80 € |
| Asociación Musical Cultural Tirante | Barosa líquida 2026 | Barro | 5.000,00 € |
| Asociación Colectivo Espazo 16 | Especies e espazos | Barro | 4.500,00 € |
| A. Erguete de Prev. Educación | Non o deixes ao azar | A Guarda | 5.000,00 € |
| Asociación Banda De Musica Popular De Tui | Sons e emocións: a cultura da mocidade | Tui | 5.000,00 € |
| Alicia Garrido Márquez | Creando sociedade no rural | Forcarei | 3.226,04 € |
| Down Vigo A. Síndrome De Down | A maxia | Vigo | 5.000,00 € |
| A. Cultura e Xuventude De Barro | Campamento musical notas da natureza | Barro | 5.000,00 € |
| A. Conecta Galicia | Conecta + xuventude | Vilanova de Arousa | 5.000,00 € |
| A.n Centro Xuvenil Abertal | Outra movida | Vigo | 5.000,00 € |
| Down Pontevedra Xuntos A.Síndrome De Down | Xuntos na procura da identidade | Pontevedra | 4.431,00 € |
| A. Amigos Banda De Musica De Agolada | Xornadas musicais aprendendo a dar a nota | Agolada | 5.000,00 € |
| Asociación Cultural Galicia Fiddle | Fiddle para as aldeas | Vigo | 5.000,00 € |
| Asociación Deligras Galicia | Programa estival Espiñeiro Baltar 2026 | Ribadumia | 4.850,00 € |
| AA.VV Chapela-Redondela | Raíz na rúa | Redondela | 4.050,00 € |
| Asociación Galenio Union Cf | El torneo del año 2026 | Pontevedra | 3.878,00 € |
| Club Serendipia Galicia | Navegando cara a mocidade | Sanxenxo | 4.000,00 € |
| Agrupación Musical O Rosal | Máis que música | O Rosal | 4.005,00 € |
| Aroa Otero Rodriguez | Primeiros auxilios en centros educativos | Pontevedra | 2.650,00 € |
| Asociación Xuvenil Xuntanza Xuvenil | Suando a camisola | Vigo | 5.000,00 € |
| Asociación Arousa Moza | Ano da visibilidade e participación xuvenil LGTBIQ+ | Vilagarcía de Arousa | 4.613,00 € |
| Asociación Non Damos Feito | Galimpiadas | Salvaterra | 3.000,00 € |
| A. Cultural Banda De Musica De Silleda | Campamento musical de verán | Silleda | 5.000,00 € |
| Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo Valladares | Campamento xuvenil okupémonos | Vigo | 5.000,00 € |
| A. Sociocultural e Deportiva A Insua | Semana cultural a insua: xuventude activa | Tui | 3.997,84 € |
| ANPA Proval | Charlas orientación económica | Nigrán | 280,00 € |
| José Alejandro Blanco Camino | Latidos en xogo | Ponteareas | 4.750,00 € |
