Luisa Sánchez visita o taller +Tecnoloxía, orientado a mellorar a formación dixital das empresarias de Vigo
06/10/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, visitou na sede de Vigo o taller +Tecnoloxía do que se beneficia a asociación Empresarias Galicia, como parte do programa provincial +Xuntas. O curso, no que participan 14 socias de Empresarias Galicia entre o 6 de outubro e o 29 de decembro, está pensado para aprender o necesario sobre a xestión e administración das redes sociais. Entre os obxectivos principais atópanse o deseño de estratexias para promover un servizo ou produto mediante as redes sociais e a xestión dunha páxina de empresa en Facebook, ademais de perfís profesionais en Instagram e YouTube. O programa +Xuntas ofrece talleres orientados a mellorar a formación, a autonomía e a participación social das mulleres, fomentar as redes de apoio e promover a igualdade de oportunidades.
