A Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas a Ponte Caldelas cun espectáculo sobre os falsos mitos arredor do amor romántico

O espectáculo “A Cincenta que non quería comer perdices” representarase a cargo da compañía Sarabela Teatro no CEIP Manuel Cordo Boullosa ás 21:00 horas

19/11/2025

A Deputación de Pontevedra leva este venres 21 de novembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Ponte Caldelas da man dun espectáculo sobre os falsos mitos arredor do amor romántico a cargo da compañía Sarabela Teatro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“A Cincenta que non quería comer perdices” representarase no CEIP Manuel Cordo Boullosa a partir das 21:00 horas e trátase dun conto moderno, dirixido a nenos e nenas a partir dos 9 anos, que revisa con humor o papel que desempeñou a muller durante moito tempo. Esta peza teatral cuestiona o papel dos contos de fadas, nos que se promove un rol das nenas como entes pasivos agardando a que lles pidan a man. Tamén defende a liberdade de ser quen unha queira ser e como unha queira ser, e trata temas de actualidade como a violencia de xénero.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición ata marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.