A Deputación incrementa nun 15% os recursos destinados a Cultura, Lingua, Patrimonio Documental e Museo de Pontevedra, que ascenderán no 2027 a máis de 19,6M€

O presidente da Deputación e responsable directo do servizo de Lingua subliñou que Lingua recibirá 1,3 millóns de euros o que supón un 2,2% máis de recursos que neste 2026

16/11/2026

A Deputación de Pontevedra incrementa nun 15% os recursos destinados a Cultura, Lingua, Patrimonio Documental e Museo de Pontevedra, que ascenden no 2027 a máis de 19,6 millóns de euros. Tanto o presidente provincial, Luis López, responsable directo da área de Lingua, como os responsables do Museo de Pontevedra e Patrimonio Documental, o vicepresidente Rafa Domínguez, e de Cultura, o deputado Jorge Cubela, puxeron en valor uns recursos que contribuirán á promoción da lingua, do Museo de Pontevedra e da cultura en xeral.

O presidente Luis López subliñou que no caso de Lingua o orzamento medra un 2,2% no 2027 ata chegar aos 1,3 millóns de euros. Con estes recursos está previsto consolidar os programas de subvencións dirixidas aos concellos e entidades sen ánimo de lucro para actividades de dinamización da lingua e para a creación e mantemento dos servizos de normalización lingüística nos municipios. Ademais desenvolveranse contacontos ilustrados para celebrar as Letras galegas, o programa de visitas escolares “Rosalía de Castro, a súa casiña, o meu lar”, e unha nova convocatoria do Premio Castelao de Textos Teatrais Deputación de Pontevedra.

Pola súa banda, o vicepresidente Rafa Domínguez remarcou que os investimentos no Museo de Pontevedra e no servizo de Patrimonio Documental ascenderán no 2027 aos 11,8 millóns de euros o que supón un 17% máis que este ano. Estes recursos servirán para impulsar unha nova edición da Bienal de Arte, cun orzamento superior ao millón de euros, e para impulsar proxectos como os edificios centrais do Museo, a reparación da cuberta do edificio Fernández López ou a asistencia técnica para a redacción do proxecto da parte antiga. Igualmente resérvase unha partida para o centro de almacenamento dos fondos do Museo, situado no polígono de Barro, e para impulsar un plan director para as Ruínas de San Domingos.

E o deputado de Cultura, Jorge Cubela, detallou que investiranse 6,5 millóns de euros nesta área, o que supón un 11% máis que no 2026. Neste eido, remarcou o incremento dun 30% na liña de axudas a entidades para instrumentos e vestiario, que pasa os 300.000 aos 390.000 euros; do 21,5% na liña de axudas para escolas de música, que dos 144.000 chega aos 175.000 euros; do 20% nas axudas a actividades culturais, que dos 350.000 pasan aos 420.000 euros; ou do 14,3% de incremento do +Música, que dos 700.000 pasa aos 800.000 euros. Tamén medra o programa Culturea, un 12,5% máis ata chegar ao 1,35 millóns de euros; as axudas aos festivais audiovisuais e musicais e de artes escénicas, que medran un 10% para situarse nos 440.000 euros ámbalas dúas convocatorias; +Escénicas, cun case 10% máis ata alcanzar no 2027 os 224.000 euros; o programa Rías Baixas Acción; cun case 9% máis ata superar os 185.000 euros ou as axudas nominativas a entidades culturais, case un 9% ata rozar os 787.000 euros.

A través do servizo de Cultura tamén se vai impulsar unha nova liña de axudas para proxectos culturais singulares, que contará cunha dotación de 150.000 euros, e se lanzarán os Premios Provinciais de Cultura, unha nova iniciativa de recoñecemento ao talento cultural da provincia dotada con 100.000 euros. Ademais, ampliarase e diversificarase a programación cultural propia, con investimentos que ascenden aos 700.000 euros e entre as que se atopan ciclos como Son Verán, Canta Rosalía, Cinema de Serán ou o Ciclo Mestre Mateo.