A Deputación organiza este venres unha charla con Paloma Sánchez-Garnica como punto de partida da nova edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes

As persoas interesadas poden reservar desde www.depo.gal a súa praza para asistir ao encontro, que terá lugar no Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación

22/02/2026

A Deputación de Pontevedra estrea este venres 27 de febreiro a terceira edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes cunha charla a cargo da escritora Paloma Sánchez-Garnica. As persoas interesadas en asistir ao encontro coa gañadora do Premio Planeta 2024 pola novela "Victoria" poden reservar a súa praza desde o formulario habilitado no portal institucional www.depo.gal.

Paloma Sánchez-Garnica, nada en Madrid en 1962, é unha prestixiosa escritora de novelas de xénero histórico nas que mestura thriller e misterio e combina pasado e presente. Desde o seu debut en 2006 con "El gran Arcano", a autora déixase levar polas súas personaxes, intentando coñecelas a fondo e escoitando a historia que teñen que contar para que tomen todo o protagonismo, pois sente un respecto reverencial cara a eles. Antes de gañar o Premio Planeta xa fora finalista en 2021 con "Últimos días en Berlín", e tamén gañou o Premio de Novela Fernando Lara en 2016 por "Mi recuerdo es más fuerte que tu olvido". Algunhas das súas obras, como "La sonata del silencio", foron adaptadas ao audiovisual. En "Victoria" amosa un retrato do impacto sobre a vida de persoas que sufriron de primeira man as consecuencias das grandes decisións políticas, co Ku Klux Klan e o senador McCarthy de fondo.

O encontro con Sánchez-Garnica supón a primeira actividade da terceira edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, polo que xa pasaron escritores como Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Santiago Gamboa, Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois. Ademais deste primeiro encontro, están previstas máis actividades arredor da escrita ao longo do ano coas que chegarán á provincia figuras de recoñecemento nacional e internacional co obxectivo de seguir fomentando entre a xuventude a creación literaria e artística.

Ligazóns de interese