A Deputación ultima o prazo para que máis de 1.500 menores da provincia poidan participar nos Campamentos A Lanzada
Nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2018 poderán gozar dunha completa oferta educativa e de ocio entre o 21 de xuño e o 5 de setembro. O período de solicitude de prazas pechará o próximo venres 20 de marzo
14/03/2026
A Deputación de Pontevedra pechará o próximo venres 20 de marzo o prazo para solicitar algunha das 1.540 prazas que oferta no marco dos Campamentos A Lanzada 2026. A institución provincial inviste este ano 450.000 € no programa, no que poderán participar nenos e nenas empadroadas na provincia que naceran entre os anos 2013 e 2018.
Das 1.540 prazas ofertadas 1.330 seguirán o procedemento xeral, tendo que aboar 110 € por praza (80 € no caso de familias numerosas ou monoparentais). As 210 prazas restantes resérvanse para menores en situación ou risco de exclusión, e serán financiadas ao 100% pola Deputación. Os campamentos terán lugar ao longo do verán a través de 11 quendas de sete días de duración, de domingo a sábado, e desenvolveranse entre o 21 de xuño e o 5 de setembro (a falta de concretar a data de inicio do curso escolar 2026/2027).
Durante a súa participación nos campamentos as nenas e nenos desfrutarán dun programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas, ambientais, científicas e de convivencia e de saídas educativas e de lecer, e aloxaranse en tendas de campaña en réxime de pensión completa. Todas as actividades serán dirixidas por un equipo técnico especializado en animación sociocultural e están destinadas a favorecer valores como a igualdade, a inclusión e o respecto pola contorna, ademais de fomentar o deporte, a ciencia ou a cultura. Ademais, como todos os anos, realizarase un obradoiro para escoller a mascota dos Campamentos A Lanzada do ano 2027.