A Deputación completa o financiamento da mellora do campo da Granxa de Moaña cunha nova achega de máis de 270.000 euros do Plan +Provincia

O presidente Luis López lembrou que as instalacións xa recibiron unha axuda provincial de 196.00 euros no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas

30/04/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres unha nova achega de máis de 270.000 euros do Plan +Provincia para completar o financiamento da mellora do campo de fútbol da Granxa de Moaña. Esta achega súmase á concedida hai un mes no marco do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, na que o concello empregou os máis de 196.000 euros que ten á súa disposición dentro da terceira convocatoria para financiar esta actuación.

O organismo provincial financiará case a totalidade do orzamento da actuación de reforma do campo de fútbol da Granxa de Domaio. En liñas xerais, con estes recursos substituirase o céspede artificial por un novo sistema de altas prestacións, sen cargas nin recheos, que mellorará a seguridade e a calidade do terreo de xogo. Ademais, inclúese a mellora do sistema de rego, que será automatizado e contará con novos elementos como canóns emerxentes, así como a renovación do alumeado deportivo mediante tecnoloxía LED de alta eficiencia enerxética. As actuacións tamén abranguen a reposición do equipamento deportivo, así como a execución de novas canalizacións eléctricas e hidráulicas, garantindo o correcto funcionamento das instalacións.

Luis López destacou que “seguimos sumando recursos dentro destes 85 millóns de € dos que está dotado o +Provincia 2026-2027, o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación de Pontevedra”.