Luisa Sánchez participa na presentación do Salón Internacional da Industria Acuícola Aquafuture Spain

22/04/2025

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes na presentación do Salón Internacional da Industria Acuícola Aquafuture Spain, que se celebrará no IFEVI entre o 20 e o 22 de maio e chega a Vigo tras dúas edicións en Silleda nas que xa se consolidou como un “referente internacional en innovación, sostibilidade e desenvolvemento do sector da auga e a tecnoloxía aplicada a este recurso vital”. No salón participarán máis de 200 expositores e organizaranse máis de 30 conferencias coa participación de máis de 80 expertos internacionais. 

Luisa Sánchez sinalou que “este escaparate global de innovación é tamén un espazo para o intercambio de coñecemento e unha plataforma de oportunidades para crear emprego”, polo que desde a Deputación “apoiamos este tipo de feiras que contribúen ao posicionamento da provincia como un referente no sector e xeran un impacto positivo na economía local, ademais de reforzar a nosa aposta pola sostibilidade”. Ademais, a vicepresidenta provincial lembrou que “o sector da auga é fundamental para a nosa economía e para mellorar a nosa calidade de vida, garantindo un futuro máis sostible e saudable”.