A Deputación recibe un grupo de estudantes de Dirección e Xestión Pública para afondar nas habilidades do persoal directivo das administracións locais

A deputada provincial María Ramallo reivindicou o papel da institución á hora de cooperar cos concellos da provincia na busca de que presten mellores servizos públicos á cidadanía

12/03/2026

A Deputación recibe un grupo de estudantes de Dirección e Xestión Pública para afondar nas habilidades do persoal directivo das administracións locais

A Deputación de Pontevedra recibiu este xoves no Pazo provincial un grupo de estudantes da Facultade de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo co obxectivo de afondar nas habilidades do persoal directivo das administracións locais. Participaron no encontro, enmarcado nun proxecto de innovación educativa, a deputada provincial María Ramallo e os responsables do Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) e do Organismo Autónomo de Recadación e Xestión Tributaria (ORAL).

María Ramallo lembrou que a función principal da Deputación é “estar ao lado dos concellos da provincia e cooperar con eles para que poidan prestar mellores servizos á cidadanía”, e neste sentido destacou que o papel da Deputación é “contribuír a equilibrar esas diferenzas que temos no mapa municipal tan diverso da provincia, con concellos de diferentes tamaños e capacidades, apoiando principalmente os máis pequenos”. A deputada salientou os instrumentos empregados para este fin, como os programas de investimento, o apoio e asesoramento técnico, o impulso de proxectos estratéxicos e iniciativas para promover o desenvolvemento da provincia. “Queremos que, vivan onde vivan na provincia, todas as persoas teñan acceso ás mesmas oportunidades, servizos e infraestruturas de calidade”, asegurou Ramallo.

O alumnado que visitou o Pazo provincial está a participar nun proxecto de innovación educativa da Facultade cuxo obxectivo é afondar nas habilidades e competencias que debe posuír o persoal directivo das administracións públicas locais. Trátase dunha iniciativa na que están implicadas as materias Dirección pública nos gobernos locais e Habilidades nas administracións públicas, que busca que o alumnado coñeza estas cuestións a través do contacto directo con persoal de diferentes administracións. No marco do proxecto, ademais de á Deputación de Pontevedra, tamén se están a realizar visitas ao Parlamento de Galicia, a Axencia Europea de Control de Pesca ou diversos concellos.