A Deputación moderniza a experiencia turística do Castelo de Soutomaior con novas visitas virtuais ao monumento e á Ruta das Camelias

A nova ferramenta permite percorrer en 360º os espazos interiores e exteriores do castelo e descubrir en alta definición os sete grupos de camelias que se atopan nos seus xardíns

17/09/2026

A Deputación moderniza a experiencia turística do Castelo de Soutomaior con novas visitas virtuais ao monumento e á Ruta das Camelias

A Deputación de Pontevedra continúa avanzando na dixitalización e modernización da experiencia turística e cultural no Castelo de Soutomaior coa posta en marcha de novas visitas virtuais que permiten coñecer tanto o interior como o exterior da fortaleza, como a Ruta das Camelias dos seus xardíns sen necesidade de estar fisicamente no recinto. A actuación, financiada con fondos europeos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, contou cun investimento de algo máis de 60.000 euros e inclúe dúas experiencias dixitais diferenciadas: unha visita virtual completa ao Castelo de Soutomaior e un percorrido específico pola súa Ruta das Camelias.

Na primeira fase do proxecto realizouse unha dixitalización integral do castelo, con 77 puntos de vista en 360º distribuídos polos espazos interiores e exteriores e cinco aéreas realizadas mediante dron. Para garantir a máxima calidade da experiencia empregáronse imaxes en alta resolución, con 72 panorámicas Ultra-HD e cinco panorámicas en resolución gigapixel. O resultado é unha visita virtual que permite percorrer libremente o castelo, achegarase aos seus diferentes espazos e contemplalo tamén desde o aire. A ferramenta incorpora ademais un tour de benvida con locución e subtítulos, un mapa multiplanta para facilitar a navegación, buscador de contidos e diferentes funcionalidades interactivas.

A visita está dispoñible en galego, castelán, inglés e francés, e a experiencia dixital complétase con diferentes recursos interpretativos para afondar na historia e no patrimonio do Castelo de Soutomaior, así como con contidos audiovisuais como o videomapping dunha das súas salas e os vídeos “De fortaleza a palacio” e “A linaxe de Soutomaior”.

A ruta das camelias

A segunda gran novidade é a creación dunha visita virtual específica pola Ruta das Camelias, un dos principais atractivos botánicos dos xardíns do Castelo de Soutomaior. Para crear esta experiencia dixital seleccionouse e dixitalizouse unha mostra de camelias das preto de 400 que forman parte dos xardíns do castelo, realizando as capturas durante o período de floración para mostrar as plantas e a súa contorna no momento de maior esplendor.

O percorrido permite avanzar polos xardíns e deterse nos diferentes puntos de interese para consultar os distintos grupos de camelias ou acceder directamente á flor que se queira descubrir. A través dunha locución, a visita acompaña as persoas usuarias polos sete grupos de flores, ofrecendo imaxes en alta definición e información sobre as características, historias e detalles dos diferentes exemplares. Estes novos contidos están tamén integrados na visita virtual libre do castelo, de maneira que as persoas usuarias poden pasar da exploración do monumento ao percorrido polos seus xardíns e ampliar a información sobre os elementos que máis lles interesen.