A Deputación abre este luns o prazo para participar na ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas na praia da Lanzada, nos concellos do Grove e Sanxenxo
Da man de SEO/BirdLife, a actividade realizarase o domingo 21 de xuño nun dos últimos redutos da provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción
06/06/2026
A Deputación de Pontevedra abre este luns 8 de xuño o prazo para participar na ruta do programa Voando nas Rías Baixas que terá lugar o domingo 21 de xuño nos concellos do Grove e Sanxenxo, concretamente na praia da Lanzada. En colaboración coa asociación SEO/BirdLife, esta será a terceira das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
A zona pola que se desenvolve a ruta é un dos últimos redutos da provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave que se enfronta a un risco moi alto de extinción. Na praia da Lanzada, a través de telescopios e prismáticos, e mantendo unha distancia prudencial, as persoas participantes poderán ver os niños, protexidos con gaiolas e balizas, e as familias de píllaras coas súas crías, que corrican pola area. Ademais, tamén se explicarán os problemas aos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos areais.
A Deputación oferta 25 prazas para participar no percorrido pola praia da Lanzada, e a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. A ruta, na que as e os participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará coa ruta por Cabo Udra que se celebrará o 13 de setembro, que irá seguida da do esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, da ruta pola da desembocadura do río Lérez pola Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 15 de novembro, e en último lugar polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando os percorridos desta edición o 13 de decembro.