Luis López avanza a posta en marcha de Culturea 2027, dotado con 1,35 millóns de euros para seguir espallando a cultura pola provincia

As asociacións e entidades locais menores da provincia poderán financiar con ata 800 euros actuacións de grupos e artistas de diferentes disciplinas culturais

13/11/2026

Luis López avanza a posta en marcha de Culturea 2027, dotado con 1,35 millóns de euros para seguir espallando a cultura pola provincia

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova edición do programa Culturea, que contará con 1,35 millóns de euros, 150.000 euros máis que este ano, para seguir espallando a cultura por toda a provincia. A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases dun programa que axuda a que asociacións e entidades locais menores da provincia poidan financiar actuacións de grupos e artistas culturais ao longo de todo o ano.

O presidente provincial lembrou que cada entidade pode solicitar ata seis actuacións no ano, e nunca máis dunha ao mes, de entre as dispoñibles nun catálogo formado por propostas de numerosas disciplinas (Animación infantil, audiovisuais, baile moderno, ballet, bandas de gaitas, bandas de jazz, bandas de música, cantautores e cantautoras, charangas, grupos de gaitas, grupos de playback, grupos folclóricos, grupos folk, grupos músico vocais, grupos pop rock, humoristas, majorettes, corais, artistas de maxia, música clásica, orquestras clásicas, outros folclores, pandereteiras, poetas, rondallas e compañías de teatro). Este catálogo pode consultarse no sitio web da Deputación, nun documento en constante actualización. Ademais, as entidades poden solicitar as actuacións durante todo 2026, sempre que haxa crédito dispoñible, co único requisito de que se faga cunha antelación mínima de 15 días previos á súa data de celebración. Os grupos e artistas recibirán da Deputación un importe de entre 200 e 800 euros, segundo a súa categoría.

“Queremos que a cultura chegue a todos os recunchos de Pontevedra, e por iso desenvolvemos programas como Culturea, que achegan actuacións de todo tipo aos 61 concellos da provincia”, asegurou o presidente Luis López.

audios