A Deputación destina 350.000 euros para que 251 entidades sen fins de lucro da provincia realicen actividades culturais
As axudas permitiranlles organizar actividades de posta en valor do noso patrimonio inmaterial e participar en actividades internacionais para potencialo fóra de Galicia
14/08/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión das axudas dirixidas a 251 entidades sen fins de lucro da provincia para a realización de actividades culturais, por valor de 350.000 euros, 50.000 euros máis que o pasado ano, cando se beneficiaron 229 entidades. “Continuamos achegando a cultura a todos os recunchos, e tamén levándoa fóra das nosas fronteiras, para que dentro e fóra coñezan o noso patrimonio artístico único”, explicou o presidente provincial, Luis López.
Os recursos, tal e como detallou o presidente, distribúense en dúas liñas. A primeira delas repartirá 290.000 € entre 200 entidades de 49 concellos para organizar actividades de posta en valor do patrimonio inmaterial como festivais de bandas de música, folclóricos, romarías, exposicións, concertos, semanas culturais ou concursos.
Pola súa banda, a segunda, dotada con 60.000 €, chegará a 51 entidades de 26 concellos para a participación en festivais, certames ou concursos nacionais e internacionais e intercambios culturais para potenciar o patrimonio musical e cultural fóra de Galicia. As 251 entidades sen fins de lucro da provincia beneficiarias desta liña de axudas da Deputación recibirán entre 60 euros de contía mínima e 2.500 euros de máxima.
