A Deputación reparte 120.000 € para a protección do medio natural da provincia entre 67 colectivos de caza

Entidades de 48 concellos da provincia poderán dedicar os recursos a labores de roza, sementeira ou podas ou á compra de material como sementes e pesticidas autorizados

07/08/2026

A Deputación reparte 120.000 € para a protección do medio natural da provincia entre 67 colectivos de caza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a institución provincial repartirá 120.000 € entre 67 sociedades de caza e asociacións de cazadores da provincia dentro da nova liña de axudas para a conservación e mantemento do medio natural. O presidente provincial asegurou que “a protección do noso medio e o tesouro forestal que é a provincia de Pontevedra é algo que nos preocupa”.

A Deputación esgotou o crédito dispoñible para esta nova liña de colaboración co tecido asociativo da provincia, na que recibirán recursos entidades de 48 concellos da provincia. Coas axudas poderán facer fronte a actuacións “para a mellora do hábitat, como rozas, sementeiras ou podas, para mellorar a adaptación ao hábitat das especies, ou para a compra de material como sementes e pesticidas legalmente autorizados”, sinalou o presidente.

No Morrazo, entidades de Bueu, Cangas de Morrazo, Marín, Moaña e Vilaboa recibirán preto de 7.000 €. No Salnés e a área de influencia de Arousa, recibirán máis de 19.000 € colectivos de Catoira, O Grove, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Na área de Pontevedra, destínanse máis de 21.000 € para entidades de Barro, Caldas de Reis, O Campo Lameiro, A Lama, Moraña, Poio, Ponte Caldelas e Pontevedra. Nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes a Deputación inxectará máis de 27.000 € entre colectivos de Agolada, Cerdedo Cotobade, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Nas comarcas do sur da provincia, un total de 45.000 € repartiranse entre colectivos dos concellos da Caniza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Mondariz, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo.

“A protección do noso medio é unha prioridade para o noso goberno”, subliñou o presidente, que remarcou que estas axudas van “na liña de tender pontes con todos, e máis nun asunto tan crucial como este, ás portas dunha época crítica para os nosos montes como é o verán”. O aproveitamento cinexético comprende máis do 80% do territorio galego e desenvólvese conforme a criterios de sostibilidade. Esta ferramenta de apoio á xestión do medio natural contribúe tanto a equilibrar as poboacións de fauna como a conservar os hábitats. A Deputación considera imprescindible involucrar os colectivos de cazadores xa que desenvolven un papel activo na xestión do territorio con actuacións de mellora de hábitats, seguimento e control de poboacións de fauna silvestre ou vixilancia ambiental.

audios