A Deputación aproba unha achega por valor de 121.000 € para que Ponteareas afronte a redacción do proxecto de urbanización do solo industrial na Lomba
Trátanse de recursos do Plan +Provincia, “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación que, este ano, pon a disposición dos concellos 85 millóns de euros”, asegurou o presidente Luis López
06/03/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde a unha achega por valor de 121.000 € para que Ponteareas afronte a redacción do proxecto de urbanización do solo industrial na Lomba. Trátanse, tal e como informou o presidente Luis López, de recursos do Plan +Provincia, “o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da historia da Deputación que, este ano, pon a disposición dos concellos 85 millóns de euros”.
Con estes recursos, que ascenden a 121.000 €, Ponteareas poderá facer fronte ao financiamento da redacción do proxecto de urbanización do sector de solo industrial na Lomba. Trátase dunha actuación necesaria para dar cumprimento á obrigas legais derivadas da Lei do Solo de Galicia, en particular ás relativas á equidistribución de cargas e beneficios, á cesión do sistemas locais e á execución das obras de urbanización.
Ademais, a través deste proxecto tamén se vai viabilizar a transformación urbanística do sector da Lomba, permitindo que o solo adquira a condición de solar, así como ordenar as industrias e edificacións xa existentes no ámbito, integrándoas na nova ordenación; e impulsar as políticas municipais de promoción de solo industrial e desenvolvemento económico, mediante a creación dun espazo urbanizado e apto para a implantación de novas actividades empresariais.
