A Deputación aproba dúas liñas de axudas para o fomento do turismo que ascenden a 180.000 €
Trátanse das axudas dirixidas ao fomento do turismo deportivo, dotadas con 100.000 €, e ao impulso de actividades turísticas, cun orzamento de 80.000 €
27/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de dar luz verde a dúas liñas de axudas para o fomento do turismo que ascenden a 180.000 €. O presidente do organismo provincial, Luis López, remarcou que “ás portas da Semana Santa avanzamos, con axudas como esta e da man do sector, para que a provincia de Pontevedra continúe a ser o grande referente turístico do noroeste peninsular”.
As axudas para o fomento do turismo deportivo, por concorrencia competitiva, están dotadas, tal e como informou o presidente, con 100.000 €. Trátase dunha liña que permitirá seguir impulsando eventos deportivos que contribúan á proxección turística do territorio, que este ano tense convertido no eixo central da campaña de Rías Baixas. Deste xeito, a través destas axudas, das que o pasado ano se beneficiaron 24 entidades de 15 concellos para poñer en marcha iniciativas como marchas cicloturísticas, carreiras nocturnas, travesías a nado, probas BTT e trails, regatas ou eventos como a Gladiator Race, o organismo provincial concederá ata 5.500 € por entidade para facer fronte a gastos de organización ou do alugueiro de espazos, vehículos, mobiliario ou equipos técnicos.
Ademais, o goberno provincial tamén deu luz verde á liña de axudas, por concorrencia competitiva, para actividades turísticas, dotada con 80.000 €. Neste caso, con estes recursos financiaranse experiencias singulares, a organización de eventos ou actividades relacionadas co fomento da calidade e, ao igual que a anterior, tamén concederá ata un máximo de 5.500 € por entidade para facer fronte a gastos como o do alugueiro de espazos, vehículos, mobiliario e equipos informáticos. O pasado ano beneficiáronse destas axudas 18 entidades de 15 concellos para poñer en marcha xornadas e simposios sobre turismo, plans de desestacionalización, iniciativas de turismo astronómico e enoturismo ou actividades de promoción.
