A Deputación aproba destinar 1,25 millóns de euros do Plan +Provincia para os concellos de Gondomar, Meis e Silleda

Gondomar contará con 95.000 € para a achega municipal do convenio do PAI Val Miñor 15 minutos, Meis con 480.000 € para aumentar a cobertura do servizo de saneamento en varios lugares e Silleda con 675.000 € para a humanización de nove núcleos rurais

18/09/2026

A Deputación aproba destinar 1,25 millóns de euros do Plan +Provincia para os concellos de Gondomar, Meis e Silleda

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno tres achegas por valor de 1,25 millóns de euros para os concellos de Gondomar, Meis e Silleda no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Gondomar contará con 95.000 € para a achega municipal do convenio do PAI Val Miñor 15 minutos, Meis con 480.000 € para aumentar a cobertura do servizo de saneamento en varios lugares e Silleda con 675.000 € para a humanización de nove núcleos rurais.

Máis polo miúdo, Gondomar recibirá máis de 95.000 euros que teñen por obxecto financiar a achega municipal correspondente a 2026 do convenio de colaboración do PAI Val Miñor, no que se inclúen a rehabilitación do mercado municipal e a recuperación da Casa Peralba e a súa contorna. No caso de Meis, coas actuacións proxectadas aumentarase a cobertura do servizo de saneamento en Valboa, na parroquia da Armenteira; na Moroza, parroquia de Paradela; na Bouza, parroquia de San Martiño; en Pazo, parroquia de San Tomé de Nogueira, e en Redondelo, parroquia de San Salvador de Meis. O obxectivo principal das obras previstas, é o de dotar do servizo de saneamento municipal a vivendas destas zonas. Ademais, aproveitando a actuación, renovarase o pavimento e mellorarase a seguridade viaria.

Por último, en Silleda o obxectivo do proxecto é transformar os núcleos rurais de Cumbraos, Coveira – Soldecasa, Santa Cristina, A Peroxa, Vilavella, Pedrouzo, Sestelo, Recimil e Toxa, co obxectivo de convertelos en espazos máis amables, accesibles e pensados para as persoas. Proxéctanse actuacións en materia de firmes e pavimentos cuxa finalidade é reconfigurar o espazo viario desde unha perspectiva de uso máis seguro, accesible e adaptado á vida cotiá dos núcleos rurais. En concreto, renovarase a capa de rodaxe con formigón bituminoso en quente, e, en determinados ámbitos, optarase por solucións de formigón, máis axeitadas para espazos de menor velocidade e maior emprego peonil. Ademais, procederase á limpeza e perfilado das cunetas existentes, mellorando a evacuación de augas pluviais e reducindo o deterioro dos pavimentos e executaranse obras de drenaxe lonxitudinal e transversal onde sexa necesario. Por último, instalarase sinalización vertical e horizontal e incorporaranse elementos de mobiliario urbano.

“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.

audios