Luis López anuncia a aprobación de 850.000 euros do Plan +Provincia para Baiona, Covelo, Nigrán, Oia e Vilagarcía de Arousa

“Seguimos avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan para mellorar os servizos públicos e modernizar os espazos municipais, facendo que Pontevedra sexa unha provincia extraordinaria”, subliñou o presidente

19/06/2026

Luis López anuncia a aprobación de 850.000 euros do Plan +Provincia para Baiona, Covelo, Nigrán, Oia e Vilagarcía de Arousa

Luis López acaba de anunciar a aprobación de 850.000 euros para Baiona, Covelo, Nigrán, Oia e Vilagarcía de Arousa ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia. “Seguimos avanzando no reparto dos 85 millóns de € cos que conta o Plan +Provincia para mellorar os servizos públicos e modernizar os espazos municipais, facendo que Pontevedra sexa unha provincia extraordinaria”, subliñou o presidente.

En concreto, Nigrán contará con algo máis de 90.000 € para facer fronte á achega que lle corresponde neste 2026 dentro do convenio para a execución do PAI Val Miñor, a Cidade do 15 minutos, o proxecto impulsado pola Deputación que conta con 4,4 millóns de euros de fondos europeos e que busca mellorar a mobilidade, o medio ambiente e os equipamentos en Baiona, Nigrán e Gondomar. Precisamente, Baiona recibe 125.000 euros para facer fronte a achega que lle corresponde este ano para este proxecto. “Somos a única deputación de Galicia que vai achegar o 20% dos fondos que teñen que poñer os concellos”, asegurou Luis López. Baiona contará, ademais, con 90.0000 euros para completar o financiamento da substitución do céspede do campo de fútbol do Aral, que conta con outros 150.000 € do III PEID, de tal forma que o financiamos ao 100% desde a Deputación.

Pola súa banda, Covelo recibe 100.000 € para completar o orzamento de 600.000 € da ampliación e mellora da contorna do cemiterio de Barcia de Mera, que xa conta con 500.000 € do Plan Extra. As obras inclúen actuacións previas de limpeza e demolición, a instalación de iluminación eficiente tipo LED e novo mobiliario urbano, así como a creación de dous aseos accesibles. Ademais, prevese a construción de novos módulos de nichos e columbarios, a plantación de arborado e a mellora da integración do espazo mediante pavimentacións diferenciadas e zonas verdes. Tamén se executarán obras de conexión coa zona existente, un muro de contención e sistemas completos de drenaxe e evacuación de augas, contribuíndo a un equipamento máis funcional, accesible e sostible.

Por outra banda, Vilagarcía de Arousa conta con 135.000 € para a mellora da accesibilidade na rúa Aquilino Iglesia Alvariño. En concreto, aumentarase o ancho da vía para mellorar a interacción entre peóns e vehículos, reordenaranse os espazos para dotalos de maior accesibilidade e funcionalidade, daráselle continuidade ás beirarrúas xa existentes e actuarase na totalidade das redes de servizos. En canto á de abastecemento de auga, substituirase por unha rede xeral de PVC de 90 mm de diámetro, mentres que na de saneamento e pluviais revisarase na túa totalidade para cambiar as zonas que se atopen deterioradas. Soterrarase a liña eléctrica, a canalización da iluminación pública e as telecomunicacións, e substituiranse as luminarias por LED eficientes que garantan boas condicións de iluminación. Por último, no apartado de mobiliario urbano, dotarase de bancos.

Por último, Oia recibe máis de 300.000 € para a construción dun centro sociocultural en Acevedo. A edificación terá unha única planta cunha superficie útil 126,13m² e distribúese en aseos para ambos sexos, un deles accesibles, distribuidor, almacén, office e espazo polivalente.

audios