#XUVENTUDE
Programa “Explora Manzaneda”
A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, pon en marcha o programa “Explora Manzaneda”, co obxectivo de ofrecer unha experiencia única de convivencia e aprendizaxe no medio natural. Esta iniciativa contribúe á formación integral da nosa mocidade a través do deporte, da natureza e do respecto pola contorna.
Entidades destinatarias e participantes
O programa está dirixido aos centros públicos de educación secundaria obrigatoria situados nalgún concello de reto demográfico da provincia de Pontevedra. Por cada centro beneficiario deberán participar 20 alumnas e alumnos de primeiro a cuarto da ESO, acompañados dunha ou dun docente do centro.
O alcance do programa é dun máximo de oito centros educativos. O número total de prazas é de 160 para o alumnado, distribuídas en tres quendas que se desenvolverán na estación de montaña de Manzaneda:
- Quenda 1: 60 alumnas e alumnos (3 centros)
- Quenda 2: 60 alumnas e alumnos (3 centros)
- Quenda 3: 40 alumnas e alumnos (2 centros)
Aviso: o programa non se poñerá en marcha se a demanda non acada un mínimo dun 50 % das prazas ofertadas, é dicir, de 80 prazas (20 prazas obrigatorias para catro centros educativos).
Período e servizos ofertados
A estadía, de tres días e dúas noites de duración (de mércores a venres), levarase a cabo entre os meses de xaneiro e marzo de 2026. Os servizos e actividades incluídos son:
- Desprazamento de ida e volta en autobús desde os puntos de saída que determine a Deputación de Pontevedra.
- Estancia e manutención en réxime de pensión completa.
- Curso de iniciación ao esquí, con todo o equipo (casco, esquís, fixacións, botas e bastóns) e forfait incluídos, e acceso á piscina climatizada.
- Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
Importante: en caso de que as condicións climatolóxicas non fosen favorables, substituirase a formación de esquí por unha oferta de actividades de montaña durante toda a xornada.
Custo e financiamento
A Deputación de Pontevedra subvencionará a cantidade de 159,86 € por alumna ou alumno e asumirá o custo total da praza de cada persoa docente (110,62 €). Os centros educativos deberán aboar 105,00 € por escolar.
En caso de que a empresa adxudicataria oferte un prezo por praza menor, o custo por estudante reducirase.
Procedemento de solicitude
O prazo de presentación das solicitudes será do 1 ao 15 de outubro de 2025. Estas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da Sede electrónica da Deputación de Pontevedra (https://sede.depo.gal/).
O procedemento de concesión das prazas realizarase do seguinte xeito:
a) Por adxudicación directa, se os centros que solicitan a participación no programa non supera o número de oito e un total de 160 prazas.
b) En caso de que o número de solicitudes superase o número de prazas dispoñibles, a concesión será en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de entrada das solicitudes no Rexistro electrónico da Deputación de Pontevedra, ata esgotar as prazas dispoñibles.