A Deputación aproba novas actividades formativas do proxecto “Labora 2020” que beneficiarán a 165 persoas desempregadas de colectivos vulnerables

O Goberno dá luz verde a un investimento de máis de 260.000 euros para 11 accións formativas a partir de abril en Vigo, O Porriño, Pontevedra, Baiona, Tui, Tomiño e Nigrán

22/03/2022

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde ás novas actividades formativas do proxecto “Labora 2020”, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas en situación de vulnerabilidade na provincia. Deste xeito, destinaranse máis de 260.000  euros a financiar un total de 11 cursos correspondentes a 8 itinerarios formativos que se desenvolverán a partir do mes de abril e beneficiarán a 165 persoas, e que se impartirán nos concellos de Vigo, Pontevedra, O Porriño, Baiona, Tui, Tomiño e Nigrán.

“Labora 2020” está dirixido a colectivos vulnerables, entre eles persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX), maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas e outros colectivos desfavorecidos (persoas sen fogar, vítimas de violencia de xénero ou solicitantes de asilo entre outros), así como persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais.

No que atinxe as accións formativas aprobadas nesta convocatoria, desenvolverase un curso de Actividades auxiliares de almacén no Porriño para un total de 15 participantes, mentres que do itinerario de Limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais haberá tres cursos que se desenvolverán en Vigo, Pontevedra e Tui, para un total de 45 persoas beneficiarias. Por outra banda, celebraranse dous cursos sobre Dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil en Vigo e Pontevedra, cun total de 30 prazas e o resto das accións versarán sobre Socorrismo en instalacións acuáticas, en Pontevedra, con 15 prazas; Socorrismo en espazos acuáticos naturais, en Baiona, para 15 persoas; Servizos auxiliares de salón de peiteado, en Pontevedra para un máximo de 15 participantes; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, que terá lugar en Tomiño con 15 prazas e Seguridade Informática, que se desenvolverá en Nigrán e tamén con 15 prazas.

A Deputación de Pontevedra desenvolve o Proxecto Labora desde o ano 2019, cun orzamento total de 4,7 millóns, dos que 3,7 están financiados polo Fondo Social Europeo e o resto, preto de 950.000, pola institución provincial. Este investimento permitirá desenvolver o total de 58 accións formativas e xornadas de activación que ao termo do programa, en decembro deste 2022, terán beneficiado a un total de 870 persoas participantes, ofrecéndolles formación específica e transversal, práctica profesional e titorías.