A Deputación e ButacaZero rompen clixés coa ópera en galego “Papagena”, que se estreará o día 10 en Pontevedra e percorrerá outros 5 concellos

Carmela Silva: “É un luxo de obra e supón un compromiso desta compañía coa cultura, con Galicia, coa democratización da ópera, e coa súa visión de xénero”

02/09/2022

Cartel Papagena  

"Papagena" está baseada en dous personaxes da obra "A frauta máxica" de Mozart, é ópera galega en galego, busca reflexionar sobre os clixés de xénero, está dirixida a todos os públicos, especialmente ao adolescente, e quere achegar esta modalidade musical a espazos onde non é habitual a súa representación. Trátase da ópera electrónica que a Deputación e a produtora Butaca Zero estrearán o vindeiro día 10 no emblemático escenario das Ruínas de San Domingos de Pontevedra para levala despois a outros cinco concellos da provincia: O Grove, Caldas, Tui, Gondomar e Bueu. A presidenta provincial, Carmela Silva, presentou hoxe este novo e orixinal espectáculo da programación ConFiando Cultura, "que trae á provincia ópera ao século XXI" xunto a Iago Hermo, compositor da ópera e o libreto e director musical;Esther F. Carrodeguas, produtora e codirectora e Xavier Castiñeira, director artístico da peza.

Carmela Silva agradeceu a ButacaZero "o compromiso con Galicia, coa cultura e a democratización da ópera" que supón apostar por esta peza, así como "a visión de xénero" que amosa, unha nova mostra da "grande tradición cultural e o talentazo deste territorio, onde hoxe vivimos unha revolución cultural". Incidiu especialmente no feito de levar o espectáculo operístico a vilas pequenas, "porque non pode ser que a cultura só estea presente nas grandes cidades, a temos que levar a todo o territorio". Destacou igualmente o potente elenco que vai protagonizar a obra, coa soprano Esperanza Mara, da que se amosou "fan total pola súa voz e compromiso", o barítono Jacobo Rubianes e o propio autor da peza, Iago Hermo, que estará dirixíndoos en escena.

O espectáculo está inspirado na parella de persoas-paxaro que aparecen na obra "A frauta máxica" de Mozart: Papageno e a súa compañeira Papagena. Pero, como explicou Esther Carrodeguas, supón unha revisión da peza en clave de guión e personaxes "cun proxecto bastante grande e bastante pequeno á vez". Agradeceu á Deputación que apostase por esta montaxe "cando só era un soño" e contou que a idea xurdiu hai un ano como aposta "por levar a ópera a sitios onde nunca estivo" e tamén por "revisar os conceptos machistas que existen neste mundo, neses libretos que se escribiron hai tanto e dos que non se cambia nin unha soa coma, que seguen contando o mesmo e a nosa sociedade segue vivindo o mesmo".

Partindo desta idea, Hermo decidiu cambiar a historia da parella de Papageno e Papagena. "El é un paxaro que todo o día quere cazar unha paxariña para que lle dea moitos fillos -sinalou Carrodeguas-. Que pasaría se agora este personaxe vivise esta relación? Pois que sería unha relación completamente tóxica e Papagena despréndese dela durante a peza. Con isto quérese simbolizar que a ópera ten que desprenderse destes conceptos e textos que se seguen representando sen ningún cambio. Papagena di 'ata aquí', e nós tamén".

Para facilitar a representación en todo tipo de escenarios, apostouse por unha instrumentación electrónica, cunha escenografía e luz "que pode ir a calquera sitio porque todo está integrado". A produtora tamén subliñou que a estrea nas Ruínas de San Domingos supón un reto "e unha marabilla" e, neste senso, explicou que a escenografía parte da idea das gaiola de Papageno "dentro das gaiolas ás que estamos sometidos e que non nos permiten airearnos, e poder estrear nesta gaiola tan simbólica é un luxo, teremos a nosa gaiola de ouro que é o recinto e estamos encantados".

Trala estrea o 10 de setembro, ás 21.30 horas, nas Ruínas, a obra percorrerá posteriormente outros cinco concellos da provincia: O sábado 24 de setembro representarase no Grove; o domingo, 9 de outubro, en Caldas de Reis; o venres, 21 de outubro, chegará a Tui; o sábado, 5 de novembro, aGondomar ea última función será o 19 de novembro en Bueu. A entrada require de inscrición previa no correo participa.cultura@depo.es.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.