A Deputación redobra a súa aposta polo audiovisual feminino coa segunda edición dos premios “Mulleres no Foco”

Os considerados “Mestre Mateo” do audiovisual feminino entregaranse este ano en Pontevedra nunha gran Gala “para constatar que as mulleres merecemos estar no 50% de todo porque somos o 50% e porque iso enriquece á sociedade”

05/04/2022

Mulleres no Foco

A posta en valor do audiovisual galego e, particularmente, do talento feminino que este atesoura e que segue sen estar suficientemente visibilizado, son os eixos cos que a Deputación de Pontevedra lanza as novas edicións dos premios “Mulleres no Foco” e os patrocinios “Plató de Cinema”, así como a primeira xornada de debate deste 2022 da Escola de Igualdade María Vinyals, que terá lugar o vindeiro 27 de abril no Pazo Provincial. Tres accións coas que, como destacou hoxe a presidenta Carmela Silva, “queremos falar alto e claro da necesidade de que no audiovisual as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde, a metade de todo, e coas que seguimos avanzando a través da reivindicación e a denuncia, pero con optimismo”. A presidenta provincial deu a coñecer estas actividades xunto á produtora Chelo Loureiro, representante de CIMA (Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais) e Uxía Caride, xerenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI).

A segunda edición dos Premios Mulleres no Foco, idea de CIMA “que apoiamos con paixón e convicción” e actualmente os únicos que recoñecen á mulleres do audiovisual en todo o país, contará en setembro cunha gran gala que este ano se celebrará en Pontevedra. “Vai ser de novo –apuntou a presidenta- un grande evento que imos coidar e mimar moito porque queremos que sexa unha gran referencia a nivel galego e nacional. É necesario este tipo de actividades que visibilizan tanto como aportan as mulleres no audiovisual”. Na estrea destes galardóns no 2021, celebrada en Vigo, foron premiadas a cineasta Margarita Ledo, a directora Sonia Méndez e a realizadora Noemí Chantada.

Este ano as candidaturas poderán presentarse a partir deste xoves 7 de abril e durante un mes por vía electrónica. Concederanse de novo tres premios, aínda que se aumentou a súa contía ata os 5.000 euros. Neste senso, Carmela Silva apuntou que en vindeiras edicións seguirase incrementando esta cifra, “porque queremos que estes sexan os grandes premios do cinema de mulleres e acabouse asumir premios sen contía cando os deles sempre a teñen. As mulleres premiadas teñen que ter premios axeitados”. A convocatoria seguirá a distinguir perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector, impulsoras do emprego feminino no audiovisual, así como mulleres cun talento ou unha importante traxectoria persoal no ámbito. O xurado valorará a traxectoria e o talento das candidatas, a perspectiva de xénero nos traballos e o activismo na defensa das mulleres e no recoñecemento do talento feminino no audiovisual.

A produtora e representante de CIMA Chelo Loureiro destacou o feito de que estes sexan os únicos premios que recoñecen o labor das mulleres en todo o país e desexoulles “mil primaveras máis”, amais de congratularse do aumento da súa contía. Puxo o foco no feito de que na gala do pasado ano había mulleres “que desbordaron intelixencia por todas partes”. E lamentou que no gran escaparate do cinema que son os Oscar siga a sobresaír “un machismo cutre e casposo”, incidindo en que a “anécdota que nos avergoña a toda a sociedade” empanara por exemplo o gran logro de Jane Campion en ser a terceira muller premiada en dirección. “Xa está ben de que nos escurezan ás mulleres e a toda a sociedade feitos como eses”, apuntou, tras destacar que os galardóns Mulleres no Foco “constatan a veracidade do traballo e o feminismo de Carmela Silva, que cre que as mulleres merecemos estar no 50% de todo porque somos o 50% da poboación e amais isto enriquece á sociedade”.

Xornada Escola María Vinyals

Por outra banda, hoxe ábrese a inscrición na web da Deputación para a primeira xornada do ano da Escola de Igualdade María Vinyals, que se celebrará o día 27 no Pazo Provincial (18h) co título “Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?” e que a institución organiza con AGAPI. A xornada, como explicou Carmela Silva, parte da premisa de que o sector audiovisual “vive un momento de esplendor creativo pero as mulleres seguen sendo pouco visibles, aínda que as hai potentísimas, sobre todo en labores tan importantes como a produción executiva ou a dirección”. Deste xeito, o debate centrarase na dicotomía á que se enfrontan as mulleres, “tendo ás veces que elixir entre producir ou dirixir, ou facer ambas funcións por necesidade”. Haberá testemuñas directas que farán fincapé na “multitarefa”, “algo co que nacemos, e é unha mochila cun peso cada vez máis difícil de levar” e que no audiovisual prexudica de xeito especial ás mulleres, “que teñen menos recursos, salarios máis baixos todo dentro da precariedade á que estamos sometidas as mulleres”.

A xornada arrancará coa estrea do audiovisual  “Elas, produtoras executivas”, que vén de rematar AGAPI e onde se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado por elas mesmas. E trala proxección do documental terá lugar a mesa de debate na que intervirán catro produtoras e directoras para achegar as súas experiencias e coñecemento: Chelo Loureiro, Paula Cons, Jaione Camborda e Ruth Cao, moderadas por Uxía Caride. Esta última destacou esta nova liña de colaboración de AGAPI coa Deputación “nestas accións tan necesarias para reivindicar o papel da muller” e o feito da estrea do audiovisual “baixo o paraugas da xornada”. “Veremos nel a todas as produtoras do momento que están traballando en Galicia que son moitas e as veces moi descoñecidas, e as que estimamos que hai que darlles voz”, subliñou Caride. “Esperamos que a xornada abra tamén camiños de reflexión que sirvan para sentar cimentos do traballo da muller que tan ben está facendo esta Deputación e que ogallá outras institucións e organismos copien”.

“Pontevedra, Plató de Cinema”

Carmela Silva anunciou tamén que esta semana o Goberno dará luz verde ás bases para o programa de patrocinios do sector audiovisual, “Plató de Cinema, que ten por obxectivo apoiar a entidades privadas que realicen proxectos ou obras de animación en galego que melloren a visibilidade e a notoriedade da provincia. Os patrocinios teñen un máximo de 15.000 € para longametraxes e de 3.500 € para curtametraxes, aínda que a presidenta tamén anunciou que se espera incrementar estas contías. “Se a Administración do Estado e as Comunidades Autónomas, neste caso a Xunta, puxeran máis recursos ao mundo local pasarían cousas marabillosas, porque estamos cheos e cheas de boas ideas , pero  igual que as mulleres están invisibilizadas, ao mundo local pásalle algo similar”´, sinalou a presidenta.

As solicitudes, por vía electrónica, deberán presentarse a partir do día seguinte ao da publicación no BOPPO e o prazo rematará o 31 de agosto. Xunto coas peticións, as entidades deberán entregar unha memoria explicativa do proxecto e un plan de promoción da igualdade, así como detallar a traxectoria e historial de premios da directora ou director, produtora ou produtor e elenco actoral; e o orzamento da produción. O pasado ano a Deputación apoiou con esta liña os filmes: “Valentina” , gañador do Goya á longametraxe de animación; “Cando toco un animal”; “Matria; “Carraxe” e “Sandwich Cat”.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.