A Deputación de Pontevedra exemplo de boas prácticas en Albacete na reunión da Rede Nacional da Axenda 2030

Carmela Silva participou na primeira Mesa de Diálogo para explicar a acción transversal dos ODS en todas as políticas da Deputación que a converten en referencia no Estado

17/05/2022

Voilà la femme

A Deputación de Pontevedra foi de novo exemplo de boas prácticas na xornada da Rede Nacional de Entidades Locais da Axenda 2030, celebrada hoxe en Albacete, para analizar o proceso de implementación dos ODS na acción política dos gobernos locais en España. A xornada contou con delegacións de Deputacións e Concellos de todo o Estado, entre elas a da presidenta Carmela Silva, que participou na Mesa de Diálogo sobre a implicación multinivel na implementación da Axenda 2030 no territorio, xunto a representacións de Castilla La Mancha, Castellón, Almería e Albacete. Carmela Silva participou despois no Consello de Goberno da Rede, do que a Deputación forma parte, e anunciou que a provincia de Pontevedra será sede no próximo setembro da reunión do máximo órgano de dirección da Rede Nacional e da celebración dunha xornada sobre Deporte e ODS.

A presidenta da Deputación, que comezou a súa intervención en galego en referencia ao Día das Letras sinalando que “a lingua é patrimonio inmaterial que forma parte da propia Axenda 2030”, debullou en Albacete a estratexia realizada para conseguir os obxectivos da Axenda 2030 na provincia, tanto na acción da administración como na colaboración con todos os concellos, particularmente cos do rural, unha estratexia que supón a transversalidade dos ODS a toda a acción política da Deputación que a converten en referente agora mesmo no Estado. Carmela Silva  sinalou que “sempre tivemos clarísimo que as persoas son o primeiro e que o noso obxectivo é recuperar o 50% do espazo público no territorio”, e que “traballamos de forma moi especial coa Universidade porque entendemos que o coñecemento é clave para facer realidade os ODS”.

A presidenta recordou que o traballo de aliñamento da Deputación ven de fai anos cando xa a primeira diagnose mostrou un impacto do 91% de cumprimento en todas as áreas. Desde entón, a folla de ruta foi clara: orzamentos aliñados coa Axenda 2030 ao igual que o Plan Estratéxico de Fondos Europeos con liñas para priorizar os recursos renovables, resetear o modelo coa tecnoloxía dixital e a transición verde, colaborar cos concellos, os axentes sociais e a cidadanía, ou corrixir o desequilibrio territorial con oportunidades e servizos no rural.
Na Mesa de Diálogo, Carmela Silva se detivo nos programas que desenvolve a Deputación, aliñados cos correspondentes ODS, como a cohesión territorial coa construción de novos equipamentos ou rehabilitación de edificios con parámetros de innovación, sostibilidade, dixitalización e enerxías alternativas, “como é o caso do ReacPon, a dixitalización de espazos dos Concellos para mellorar a prestación de servizos que garante a Deputación coa administración electrónica”, ou o desenvolvemento de dereitos e servizos nas áreas de coidados, cultura, deporte e a dinamización social, xunto a iniciativas como Plástico Cero, Reacción polo Clima ou DepoRuarte. No ámbito da Axenda Urbana e a Mobilidade Sostible, Carmela Silva se estendeu nas políticas para a recuperación do espazo público, a mobilidade peonil, amable, alternativa e inclusiva, e as políticas medioambientais como elemento transversal en todas as infraestruturas, e citou exemplos recoñecidos como a Rede Ágora ou o Plan de Infraestruturas 2030, aliñado na súa totalidade coa Axenda 2030, “que vai ser moi importante para adaptarnos á nova Axenda Urbana Unida da ONU”.

Sobre dixitalización, eficiencia enerxética e posta en valor dos recursos patrimoniais, a presidenta provincial falou do impulso das actuacións de TICS e xestión intelixente nos Castelos de Soutomaior o Sobroso, o Museo ou o Centro Príncipe Felipe. Non se esqueceu do Turismo coa implementación dun desenvolvemento ordenado para ser un destino sostible e intelixente mediante o Plan Estratéxico ou os dous Plans de Sostibilidade en Destino. En canto á Economía circular y biorresíduos falou do programa Revitaliza, recoñecido internacionalmente, ou a xeración de emprego con actividades sostibles no medio rural para fixar poboación, ou a prevención de lumes mediante o aproveitamento da biomasa. Tamén explicou os programas de Coidados e Inclusión Social, aliñados coas grandes transformacións con programas como a Teleasistencia Avanzada; Reacción Cultural cunha programación en todo o territorio coa cultura como instrumento de transformación, ou a implementación dunha administración eficiente e innovadora centrada na transformación tecnolóxica co obxectivo de reducir a fenda dixital na prestación dos servizos  públicos. A presidenta tamén explicou iniciativas pioneiras ao emprendemento e asesoramento ao sector empresarial como SmartPeme ou a acción cos Concellos cara á Axenda 2030 como foi a creación da Alianza Local Pontevedra Provincia ou programas tractores nos municipios como  Deporemse, o Plan de Reequilibrio ou  Reacpon.

A presidenta se detivo particularmente na Igualdade, eido na que a Deputación de Pontevedra é referente en toda España  e que é un éxito transversal a todas as áreas do goberno provincial. “As mulleres deben liderar procesos na implementación da Axenda 2030 porque o seu éxito dependerá de contar co 52% da poboación”, sinalou Carmela Silva. Este eixo prioritario se manifesta con iniciativas pioneiras en Galicia e no Estado como a Escola de Igualdade María Vinyals, programas como  “Mulleres en acción. Violencia zero”  “Eu decido, ti respectas”, proxectos como “As Mulleres que opinan son perigosas”, os Premios Sofía Novoa, a Cátedra Feminista ou a  colaboración coa Universidade de Vigo con "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" e "O mar das mulleres" . O programa Descúbreas, os Premios Mulleres no Foco e programas que  impactan especialmente no medio rural como Conectadas tamén se uniron a outras accións como Tecnolóxicas, programa no que se está a traballar para combater a fenda de xénero no mercado laboral das profesionais das TIC.

Finalmente, na súa intervención, Carmela Silva deixou tamén unha mensaxe de impulso ao ámbito empresarial e social e académico para traballar de forma colaborativa no avance do cumprimento da Axenda 2030. “A gobernanza é o eixo sobre o que xira a implementaciòn da Axenda polo que estamos a avanzar non só na consulta e os procesos participativos, senón tamén en crear estruturas de diálogo tanto público-público como público-privado, con decisións e xestión compartida. Necesitamos avanzar nas sinerxias e no traballo conxunto”, rematou.

Galerias de imaxes